Ademais das manualidades realizadas para esta celebración e a decoración das cabazas, realizáronse ósos con masa de sal.
1º día de escola. Aportamos a nosa pedriña.
En Comunidade, celebramos o noso primeiro día realizando unha obra de arte colectiva. As pedras quedaron na entrada da escola presentes durante todo o curso.
Calendarios sobre artesanía
Un curso máis, en colaboración co equipo de Dinamización Lingüística, elaboramos un calendario relacionado co PDI para as familias. Cada mes representou un oficio artesanal e foi acompañado dun refrán popular.
Vela do barco de patchwork. Xuntamos e cosemos retais de tea.
No atelier, e coa axuda do alumnado maior así como de varias familias, fomos cosendo e unindo pezas de tea para facer a nosa vela do barco. Nesa vela, tod@s temos cabida neses anacos de tea diferentes uns dos outros.
Delantais para o entroido
Coa chegada do entroido, deseñamos e cosemos o noso delantal de artesás e artesáns. Para elo contamos coa axuda de familias que acudiron ao atelier a colaborar co alumnado e profesorado na confección dos delantais.
8 M- Mulleres artesás de Meaño
Varias familias organizaron unha intervención na biblioteca da escola para este día tan sinalado. Solicitaron que se enviaran historias escritas sobre a importancia das mans nalgunha muller da súa familia, xuntaron todas as historias e convocaron a estas mulleres tan especiais a unha mesa redonda na biblioteca, acompañada de música (dúas nais tocaron frauta e clarinete). O alumnado levaba preparadas preguntas para elas. Máis adiante, esas historias foron gravadas na radio polo alumnado da escola.
Obradoiro de coiro. Día do libro.
En relación co PDI de artesanía, o martes 23 de abril, invitamos a toda a comunidade educativa na biblioteca para realizar un obradoiro de coiro. Nel, ademais de aprender sobre as diferentes técnicas, realizamos un marcapáxinas en coiro.
Maios
Como cada curso, recibimos a chegada de maio coa construción colectiva do maio da escola. Unha celebración tradicional que non queremos que se perda e que nos encanta realizar no monte. Colares de pampullos, de laranxas, colocación do fiuncho, deseño da nosa Coviña floral... tod@s participamos. No remate, cantiga dos maios en Comunidade.