Lectura e familias 21-22

Durante este curso entramos no programa proposto pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia “Lectura e familias”. O obxectivo principal, que veñades as familias á escola, e en especial, á biblio. Gustarianos que desfrutarades cos vosos fillos de momentos de lectura compartidas e de todos os recursos creativos da nosa biblioteca. Estamos moi satisfeitos da proposta e vos animamos a seguir desfrutando dela para o curso que vén! Tivemos instauradas as tardes de calceta, onde agradecemos o seu tempo e adicación ás avoas, nais, pais, nenas e nenos. Os abrigos e adornos de calceta para as árbores do patio quedaron preciosos! Pensamos que resultaron marabillosos os dous obradoiros que realizamos pola tarde, un de xogos de mesa en familia levado a cabo por Brazolinda, e outro de como contar contos que foi a cargo da nosa querida Paula Carballeira. Grazas, familias, pola vos implicación e apoio.

Obradoiro de Paula Carballeira

Marabillosa, coma sempre, a súa intervención a tarde do 7 de xuño. Unha asistencia notable e unha participación xenial por parte do noso alumnado. Paula ensinounos  estratexias para contar os contos e o alumnado aplicounas con moita facilidade... Grazas, Paula Carballeira, e grazas familias, nenas e nenos por vir! 

Obradoiro de xogos de mesa a cargo de Brazolinda.

O martes 24 de maio pola tarde realizamos na biblioteca unha xornada de xogos de mesa aberta a profesorado, familias e alumnado. Brazolinda presentounos xogos matemáticos, artísticos, de expresión oral, lingüísticos... todos eles moi divertidos e atractivos. Pasamos unha tarde estupenda e a escola aproveitou para mercar unha boa colección para a nosa biblioteca.

Elaboración dun iglú con vimbias

Durante dúas tardes, varios pais ofrecéronse voluntarios para realizar xunto co profesorado e o alumnado, un "iglú" para o patio da escola. Aprendemos a colocar e anudar as vimbias e rematamos ese precioso iglú no que agora podemos xogar no patio sempre que queiramos. Moitísimas grazas a todos os voluntarios e colaboradores. Quedou impresionante!

Elaboración de disfraces con máquinas de coser

O grupo de 6º fixo os seus disfraces de turistas utilizando a máquina de coser. Para elo tiveron a sorte de contar coa colaboración de varias nais, que tanto pola mañá como pola tarde, achegáronse á escola a ensinar a coser ao alumnado deste grupo. Moitas grazas pola axuda prestada e paciencia!

Tardes de calceta

Os luns e os xoves pola tarde está aberta a entrada a todas as persoas da comunidade educativa que queira ensinar ou aprender a calcetar, ademais de pasar un tempo moi agradable de compartir e conversar na biblioteca escolar.

O profesorado está moi agradecido coas familias pola súa colaboración e paciencia. Os abriguiños das árbores da escola quedaron preciosos grazas ao esforzo de todo este clube de calceta que traballou moito e sobre todo, con cariño.