Protocolo COVID-19

Temos colocados carteis plastificados en lugares estratéxicos da biblioteca para recordar as novas normas:

Durante este curso tan especial, a biblioteca da escola centrará as súas dinámicas habituais en tres liñas principais de organización e actuación:

1.- Hoxe toca “Día na biblio”:

O equipo de biblioteca ofrecerá un horario onde cada curso da escola disporá da exclusividade de utilización da mesma durante toda a mañá (un día cada dúas semanas). Cada grupo estable dentro da biblioteca terá normas moi similares as da súa aula.

Durante este tempo poderanse realizar, entre outras, as seguintes dinámicas (xa postas en marcha durante cursos anteriores):

- Clubs de lectura.

- Utilización do espazo e recursos da radio escolar.

- Roteiros literarios.

- Escrita creativa.

- Traballo por proxectos e búsqueda de información.

- Filosofía para nen@s.

- Uso do croma e recursos de televisión.

- Lectura por lecer e uso de libros da biblioteca (de forma individual, deixando nun caixón habilitado aqueles libros que foron utilizados).

- Uso dos esconarbots e impresora 3D (sempre que se manipulen de forma individual)

- Uso das tablets e ordenadores da biblioteca de xeito individual.

- Uso das zonas maker de costura, matemáticas e ciencias, sempre que sexa cunha manipulación individual dos materiais.

- Uso da pantalla multitáctil.

- Préstamo de libros (devolvendo os mesmos nos caixóns da entrada da biblio).

- Etc.

O espazo biblioteca adaptouse a esta situación, facendo cambios na colocación habitual do mobiliario e apartando aqueles elementos de difícil limpeza (coxíns, Legos...).

Zona preparada para o traballo individual que necesite o apoio dunha mesa, escrita creativa, búsqueda de información para proxectos, etc.

Zona habilitada para os momentos de asamblea, clubs de lectura, exposicións orais, lecturas individuais e grupais, etc.

Os libros que volven da casa deixaranse nestes caixóns en cuarentena.

Os libros utilizados na biblioteca terán que ser depositados nestes outros caixóns para gardar a súa cuarentena.

2.- A biblioteca vai ás aulas:

O equipo de biblioteca dinamizará os recursos (fundamentalmente bibliográficos) nas bibliotecas de aula. Estas deberán estar dotadas de libros de diferentes tipoloxías textuais, adaptados aos gustos e intereses do alumnado de cada clase. O profesorado titor e alumnado (no horario reservado) tamén dotará a súa aula con libros relacionados cos proxectos de investigación que se estean a levar a cabo.

Cada luns, cada nen@ do grupo estable poderá escoller dos andeis da biblioteca de aula, de 1 a 3 libros (en función das idades) que deberá gardar na súa caixa individual ata o venres desa semana. Cada venres volveranse a deixar os libros no andel inicial para repetir este proceso cada semana do curso. A bibliografía deberá cambiarse a miúdo (1 vez cada 2 meses como mínimo) por parte do profesorado.

O equipo de biblioteca irá rotando polas aulas a través de quendas, recursos da biblioteca (escornabots, impresora 3D, material de costura, recursos de papiroflexia, roteiros literarios, recursos de ciencias, etc.), xunto con ideas e guías de uso para un mellor aproveitamento.

As celebracións puntuais relacionadas coa biblioteca (Día do Libro, Día da poesía, Letras Galegas, etc...) tamén irán ás aulas, dado que a situación non permite xuntanzas de toda a escola. Estas propostas serán coordinadas dende o equipo de biblioteca, mostrando resultados e facendo postas en común nesta bitácora da biblioteca da escola.

3.- PDI “Botarse ao monte” :

O Proxecto Documental Integrado seguirá tendo unha importante presenza durante todo o curso e neste caso intentará centrar o lugar de aprendizaxe no exterior, no bosque próximo á escola.

A biblioteca coordinará o PDI, adaptando as dinámicas realizadas en cursos anteriores á situación sanitaria.