Moitos dos produtos finais dos proxectos realizados nos contextos educativos de aprendizaxe ou nas titorías atopan a súa forma final a través de Tele Coviña, o noso espazo audiovisual escolar. Logo dun traballo previo de investigación e busca de información, o alumnado participa nun proceso creativo que inclúe a elaboración de guións, ensaios de lectura, interpretación diante do croma, gravacións e montaxe. Un percorrido cheo de aprendizaxes, no que a motivación está sempre presente.
Este curso, aínda que o volume de producións máis complexas foi menor que noutros anos, Tele Coviña mantivo a súa actividade con pequenas creacións como anuncios, fotomontaxes con croma e edicións variadas que seguiron dinamizando o traballo do alumnado. Estamos seguros de que esta proposta seguirá a medrar e a ofrecer novas posibilidades nos vindeiros cursos.