Este curso continuamos, por cuarto ano consecutivo, formando parte do programa “Radio na biblio” de Bibliotecas Escolares de Galicia. A nosa radio escolar seguiu a ser unha ferramenta fundamental para a comunicación diaria e para a expresión creativa de todo o alumnado.
Ao longo do curso utilizámola a diario: para dar avisos ao vivo, felicitar aniversarios, e tamén para gravar programas de animación á lectura, lecturas expresivas, teatro lido, audiolibros, entrevistas, podcast como produto final de proxectos, conversas espontáneas, anuncios e moito máis.
Este ano demos un paso máis coa realización de dous obradoiros específicos para o alumnado, que foron verdadeiramente enriquecedores: o obradoiro con Soledad Felloza para 3º e 4º de Primaria, e o de Charo Pita para 5º. Dúas experiencias únicas arredor da oralidade, da palabra e da expresión que deixaron unha fonda pegada no alumnado participante.
Ademais, sumámonos á celebración do 30 aniversario de Ponte... nas Ondas!, participando cun programa de radio en directo dedicado á emigración. Esta proposta contou coa implicación de familias e alumnado e converteuse nun momento moi especial para a nosa comunidade educativa.
Un curso máis, a radio foi espazo de aprendizaxe, de creación e de conexión. E seguiremos facendo que se escoite a nosa voz!
Participación en directo no 30 aniversario de Ponte Nas Ondas
Obradoiro de Soledad Felloza para 3º e 4º (5 de xuño)
Obradoiro de teatro lido a cargo de Charo Pita para 5º (6 de xuño)