Ao longo do curso, o Club de Lectura Interxeracional “Acios e Vides” do CEIP As Covas-Meaño continuou coa súa andaina, nesta ocasión mudando de localización: as xuntanzas pasaron a celebrarse no Centro de Día do Concello de Meaño, un espazo que nos permitiu ampliar a participación e fortalecer os lazos coa veciñanza máis maior.
Unha das lecturas compartidas foi Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro. A través dos seus versos mergullámonos en paisaxes mariñas e imaxes salgadas, e compartimos lecturas, emocións e reflexións arredor do océano. Este encontro enriqueciuse coa participación de Enrique e Rebustiano, dous mariñeiros do pobo que nos contaron as súas experiencias no mar, traendo á conversa unha sabedoría viva e entrañable.
Non faltaron tampouco os momentos creativos nin os doces: elaboramos pequenas manualidades inspiradas no mundo mariñeiro e compartimos rosca, larpeira e chocolate quentiño. Máis alá da lectura, este club segue a ser un espazo de encontro interxeracional, no que libro a libro, imos tecendo afectos e aprendizaxes compartidas.
Achegámonos ao libro Soños á beiramar. A lectura deste conto de fondo emotivo e lírico abriunos a porta a conversas profundas sobre a morriña, as viaxes inesperadas, a emigración e os soños que cruzan océanos.
Falamos dos xogos do Brasil e dos xogos da infancia aquí, das viaxes en barco a América, das historias que levan pegada a salitre e esperanza. Tivemos o privilexio de contar coa autora do libro, que compartiu con nós a súa propia experiencia: a súa viaxe en barco dende Brasil a Galicia sendo aínda adolescente.
Limos, soñamos e gardamos soños nunha botella. Construímos pequenos papaventos cargados de ilusións e rematamos compartindo doces do Brasil, celebrando así esta lectura con sesións cheas de emocións, aprendizaxe e encontros que deixan pegada.
Mergullámonos na poesía mariñeira da man do libro Rosaura e o mar. Os seus versos, adicados a distintos oficios do mar, serviron de punto de partida para compartir lembranzas, coñecementos e emocións arredor da vida mariñeira.
Limos poemas, falamos de oficios tradicionais vencellados ao mar e reflexionamos sobre como están a mudar co paso do tempo. Tivemos tamén a sorte de montar unha pequena exposición de aparellos de pesca que nos permitiu ver de preto útiles tradicionais, e mesmo aprender a facer nós mariñeiros, da man da sabedoría das persoas maiores.
Observamos peixes e outros animais mariños, escoitamos historias reais e descubrimos a forza do mar como fonte de vida, traballo e inspiración. Ademais, como parte do traballo previo na escola, o alumnado elaborou un audiolibro con estes poemas, poñendo voz, emoción e sensibilidade a cada verso, nun proxecto creativo que puxo en valor a oralidade e a expresión artística. Unha xornada para lembrar, chea de aprendizaxes compartidas e poesía con cheiro a salitre.