A nosa Biblio Creativa segue a ser un espazo vivo, flexible e inspirador dentro da biblioteca escolar. Un lugar pensado para investigar, crear, xogar, construír e aprender a través das mans e da experimentación.
Este curso, incorporamos novo mobiliario e estanterías, o que nos permitiu reorganizar os materiais e facilitar aínda máis o acceso aos recursos dispoñibles. Pequenas transformacións que fan máis cómodo e atractivo este recuncho tan especial da escola.
O Obradoiro Quinteiro, posto en marcha o curso pasado, continúa a funcionar como un espazo versátil no que diferentes grupos traballan por estacións, exploran propostas maker, desenvolven retos de aprendizaxe ou simplemente deixan voar a súa imaxinación.
Seguimos convencidas de que aprender facendo e manipulando é unha das mellores formas de descubrir, comprender e crear. E a nosa Biblio Creativa é unha mostra máis dese compromiso coa educación activa e significativa.
Obradoiro de títeres de cartón a cargo de Ton Arenas.
Este curso tivemos a sorte de contar coa visita de Ton Arenas, artista multidisciplinar que desenvolve propostas creativas baseadas no cartón e outros materiais sinxelos. A súa intervención enmarcouse dentro do programa BiblioCreativa, impulsado por Bibliotecas Escolares de Galicia, e tivo lugar no Obradoiro Quinteiro.
O alumnado de 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro de creación de títeres de cartón, onde descubriron como, a partir de materiais accesibles e sinxelos, poden construír auténticas marabillas. A actividade comezou cunha pequena mostra teatralizada que serviu de inspiración. A partir de aí, e coa guía de Ton, foron creando paso a paso os seus propios personaxes, aprendendo sobre proporción, forma, cor, coordinación óculo-manual e autonomía creativa.
Ademais da parte técnica, houbo tempo para a personalización, a observación mutua, o intercambio de ideas e a reflexión conxunta sobre o que fixera cada grupo. O resultado foi tan potente como divertido: títeres únicos, cheos de expresión e posibilidades de xogo.
Un obradoiro que deixou pegada, tanto polo proceso como polo ambiente de traballo que se xerou. Unha proposta que pon en valor o poder de crear coas propias mans, con materiais do cotián, e que encaixa perfectamente co espírito do noso Obradoiro Quinteiro.