Villa do Grove

Na praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente, podemos encontrar o xacemento arqueolóxico de Adro Vello que foi escavado na década de 1980.

En realidade o xacemento revela un lugar de sucesivas culturas superpostas e a súa complexidade radica no feito de estar continuamente ocupado polo home.

Adro Vello. Imaxe da Galipedia

Era utilizada como unha factoría de salgadura, ata o século III, da que aínda se conservan os píos. A salga estaba vencellada a unha vila romana que explotaría esa factoría e da que se poden ver muros, pavimentos e canles de augas, ademais de cuncheiros en que se encontraron escamas e espiñas de peixe. Arredor desa vila romana fíxose un muro de contención para deter as enchentes do mar, salientando a calidade construtiva deste a base de perpiaño almofadado de gran tamaño.