Campamento romano de Aquis Querquennis

Data de publicación: Apr 08, 2012 9:33:28 AM

Do noso paso polo xacemento arqueolóxico do campamento de Aquis Querquennis trouxemos un amplo testemuño gráfico. Unha vez nos nosos "principia", engadimos a este material as infografías realizadas por Agrobyte (USC) que se poden atopar na excelente guía arqueolóxica do sitio, editada pola Xunta de Galicia, Unión Fenosa e a Fundación Aquae Querquennae, con texto do profesor Antonio Rodríguez Colmenero.

Neste manual, de lectura obrigada antes dunha visita, descríbense polo miúdo as diferentes partes das que se compón o campamento: as portae (decumana, sinistra), os strigia (barracóns da tropa), o valetudinarium (hospital), os Principia (cuartel xeral), os horrea (cabeceiros).

Normalmente durante gran parte do ano os restos arqueolóxicos están cubertos polas augas, pero este ano, debido á tremenda seca que padecemos en Galicia, pódese visitar sen problema todo o recinto, termas (libres) incluídas.

Ademais, os responsables do centro anuncian a apertura en breve de 2 novos barracóns da tropa.