A Coruña - Fonsagrada

    1. A Coruña: Probablemente dunha raíz indoeuropea *K-R: "pedra", "rocha" (no 991 aparece documentado CRUNIA, en alusión as características rochosas do entorno ou mesmo á Torre de Hércules, torre construída sobre unha pena ou rocha). Outra hipótese sostén que é unha forma derivada dun sustantivo celta, *CLUNIA, "pradaría", "lugar humido","fonte", topónimo similar a Cluny. Recentes estudos sosteñen que a orixe última é o latín “colonia”. Orotopónimo

    2. A Estrada: Posiblemente outros topónimos Estrada, máis antigos, procedan do latín VIAM STRATAM, "vía ou camiño empedrado" (refírese aos diferentes estratos de distintos materiais con que os soldados romanos construían as vías). Corresponde ó ingles street e ó aleman strasse. Loxicamente os estratos só os facían en terreos brandos e en lugares de moito tránsito. O topónimo de A Estrada, provincia de Pontevedra, semella demasiado moderno para que se derive do latín. Proponse que pode derivar do participio galego estrada do verbo ESTRAR, "extender estrume, xeralmente capas de toxo nas corredoiras". Orotopónimo

    3. Aciveiro: ACIFU- "acibro" + -ARIO (sufixo abundancial), "lugar con abundancia de acibros". En portugués temos a forma azevinho e en castelán acebo. Sufixo abundancial -ARIO. Fitotopónimo.

    4. Armenteira: de ARMENTARIAM e éste de ARMENTUM, "rabaño de gando maior" + ARIAM (sufixo abundancial). Zootopónimo.

    5. Astorga: é unha evolución natural do topónimo antigo Asturica. A orixe e significado deste último deu lugar a varias teorías, sendo na actualidade un topónimo moi discutido. En época romana recibiu o sobrenome de Augusta, en honor ao emperador Augusto.

    6. Bembibre: De BENE VIVERE "lugar bo para vivir". É un caso de toponimia propiciatoria, sinala un lugar positivamente. Ademais de en Galicia, tamén o podemos ver na provincia de León. Outra hipótese faríao derivar da forma prerromana *PAEMEIOBRIS, "fortaleza entre ríos". Exemplos na Galipedia: Bembibre, parroquia do concello de Taboada, Lugo. Bembibre, parroquia do concello de Val do Dubra, A Coruña. Bembibre, parroquia do concello ourensán de Viana do Bolo.

    7. Bierzo: de BERGIDUM, que procede da raíz xermánica *BERG-, “montaña”. A ditongación do e breve tónico faina unha palabra máis próxima ao astur-leonés que ao galego. Orotopónimo

    8. Bonaval: de BONAM VALLEM, "bo val". Orotopónimo

    9. Braga: de BRACARA, topónimo procedente dos brácaros, xentes que habitaban o convento bracarense, e que fai alusión as bragas ou calzas que vestían (Bracae en latín). Despois foi chamada “Bracara Augusta”, capital do conventus bracarensis da Gallaecia romana. Tamén hai que considera *BRACARA un termo prerromano.

    10. Caldelas: deriva de AQUAS CALIDAS e do seu diminutivo CALIDELLAS, todos relacionados con augas quentes, termais. Hidrotopónimo.

    11. Cartagena: do cartaxinés QUART-HADAST: "cidade nova", denominada en latín CARTAGO NOVA: "nova Cartago", e en árabe QARTAGINA (CARTADJANAH), e do acusativo Carthaginem saíu a forma tardía que derivaría no árabe قرطجانة (Qarṭaǧānatu), forma inmediatamente previa á actual, Cartaxena.

    12. Castrelo: Forma híbrida de CASTELLUM e CASTRUM. Un "castro" é unha cidade alta e fortificada.

    13. Cebreiro: de CEBRARIUM, "lugar onde hai moitos asnos bra­vos", tamén chamados onagros e "cebros" < (E)QUOS FEROS + -ARIUM (sufixo abundancial). Cebreiro é un topónimo da Cañiza (Pontevedra) e Cebreiros de Pereiro de Aguiar (Ourense), aínda que o de máis sona é Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Topónimo discutido. Zootopónimo

    14. Celanova: CELLA + NOVA: "cuarto individual de relixiosos recente, de nova construcción" (aínda que tamén podería facer referencia a un pequeno almacén ou santuario). Esta voz ten un paralelo en Cillanueva no concello leonés de Ardón. Tanto na Cillanueva leonesa como na Celanova ourensá existen importantes asentamentos monacais que testemuñan a presenza de "mosteiros novos" na súa época e mesmo primitivas CELLAE de anacoretas (persoas que viven en soidade facendo penitencia)

    15. Cimadevila: CIMA + DE + VILA, de CYMA, "lugar situado na parte de arriba da vila". Orotopónimo.

    16. Compostela: é o topónimo galego máis discutido. Dende sempre a interpretación máis popular foi: CAMPUS ESTELLAE, "campo da estrela". Máis correctas son: COMPOSITUM TELLUS, "terra composta ou fermosa". COMPOSITUM, "enterrado, lugar onde está enterrado". Orotopónimo

    17. Córdoba: do latino CORDUBA, posiblemente dunha anterior fenicia, Qorteba, que viría a significar muíño de aceite, para algúns autores, ou ben cidade boa, a partir de Qart-tuba para outros.

    18. Couto: procede de CAUTUM, "(lugar) cercado", lugar que se cercaba cun valado ou unha empalizada, ben sexa por motivos defensivos ou por algunha prohibición.

    19. Chantada: PLANTATAM, en alusión a unha pedra chantada no chan. Hai topónimos parecidos como Chanto ou Chanteiro. Orotopónimo

    20. Feáns:. Do plural latino FENALES, de FENU "feo" + -ALES (sufixo abundancial-locativo). Lugar onde abonda o feo (herba segada e seca). Feáns encontrámolo en Negreira e Santiago (ámbolos dous na Coruña). Outra variante dialectal, Feás, haina en Cervo (Lugo); Fontefeal (Fonte+(do)+feal), Casal de Feás...; ás veces vai acompañado de modificadores: Feás de Arriba, Feás de Moreda. Fitotopónimo

    21. Filgueira: de FILICARIAM, plural de FILICEM, "fento ou fieito" + -ARIAM (sufixo abundancial). En castelán temos as formas La Felguera ou Helguera. Fitotopónimo

    22. Fisterra: de FINIS TERRAE o "fin da terra". Orotopónimo

    23. Fondevila: de FON(DO)+DE+VILA. De FUNDUS, "fondo", "a parte baixa dunha vila". Fondo de Vila está moi estendido como topónimo, tanto coma o seu oposto Cima de Vila.Tamén existen moitos exemplos onde o termo Fondo vai complementado con núcleos poboacionais ou nomes de lugares: Fondo da Aldea e Fondo do Lugar, Fondo da Costa, Fondo de Nois, Fondo da Xesta, Fondo da Lama, etc. Outra hipótese faino derivar de FONTEM + VILLAM, "fonte de vila", con apócope do –te de fon-te. Topónimo discutido. Orotopónimo

    24. Fonsagrada: de FONTEM SACRATAM, "fonte sagrada", á que se lle atribuían propiedades curativas. Hidrotopónimo.

Bibliografía

* Información elaborada sobre traballos previos de Benigno Riveiro Arjones, José María Otero e o Dep. de Latín do IES María Soliño de Cangas.

* CABEZA QUILES, FERNANDO, Toponimia de Galicia. Vigo. Galaxia. 2008, 703 páxs ISBN 978-84-9865-892-1.