Ponte Navea, dúas pontes fundidas

Data de publicación: Jun 07, 2012 4:47:14 PM

Hai xa un ano que visitamos este fermoso lugar, moi preto da Pobra de Trives, pero é agora cando ven a luz as imaxes que tomamos ese día.

A actual ponte sobre o río Navea é o resultado dunha construción medieval reaproveitando unha obra anterior, aínda que a fábrica romana é recoñecible en moitos aspectos (estrivos, aparello construtivo, etc). A primitiva ponte sería moito máis ancha que a medieval (7,60 metros fronte aos 3,60 actuais) e tamén variaría a sua estrutura na que poderían existir dous arcos.

A vía romana (Via Nova ou Via XVIII segundo o itinerario antonino) descendía dende o Alto da Cerdeira ata este lugar, onde atravesaba o río Navea e onde se atoparon multitude de restos romanos. Entre eles cóntase o Miliario de Tito e Domiciano, coa inscrición VIA NOVA AB ASTURICA, que nos indica que a partir deste punto as distancias eran contadas dende Astorga. Tamén contamos con dúas lápidas votivas adicadas a Aelio Sporo e a Popilius Hirsutus.