Domus Oceani

Casa dos Mosaicos

O museo coñecido como Casa dos Mosaicos, situado na rúa Doutor Castro, antes chamada de Batitales. Atópase moi preto da Praza Maior. Esta importante Domus foi construída entre os séculos I e II da nosa era e ocupada no s.V. Cando se atoparon os seus restos, estes foron musealizados in situ ó nivel do soto edificio.

O seu principal atractivo é, como o seu nome indica, o mosaico da antesala e da gran sala de recepción (oecus), que presenta motivos xeométricos e figurativos. O segundo punto de interés é a visualización do sistema de calefacción no triclinium da vivenda, o que coñecemos como hypocaustum. Este museo, axúdanos pois a comprender a vida cotiá das elites locais en tempos do Baixo Imperio.

A visita complétase coa proxección dun audovisual que representa virtualmente o que foi a vivenda. Incluso nos mostra as súas orixes e o desenvolvemento da cidade de “Lucus Augusti".

Imaxe: mosaico da Casa dos

Mosaicos. Fonte: concello de Lugo

Historia

O tres de setembro de 1842, ao realizar as escavacións na que era entón a rúa Batitales (hoxe rúa Doutor Castro), foi atopado un fragmento dun pavimento de mosaico, o cal chega ata os nosos días en forma de bosquexos e debuxos realizados naquel momento polos seus descubridores. Estes amosan a cabeza do Deus do Océano rodeado de animais e outros motivos mariños, de aquí o nome da domus (Domus Oceani).

No ano 1950, e con motivo dunhas reformas realizadas no número 22 desa mesma rúa, atopáronse máis partes do mosaico que serían remitidas ao Museo Provincial de Lugo onde se poden observar parcialmente conservadas.

En 1998 lévaronse a cabo novas escavacións nos números 13 e 18, achándose numerosas estruturas que serían a prolongación das descubertas ata o momento nos números 20 e 22. Ó ano seguinte realizouse o saneamento da Rúa Conde Pallares, exhumándose novos restos que corresponderían á mesma domus e que darían ó decumanus que discorre baixo os soportais da Praza Maior.

Á fin das escavacións puidose delimitar parcialmente a gran extensión desta domus, que estaría dentro dunha insulae de grandes dimensións. Atópase na mesma zona onde estaban ubicadas as domus máis importantes da cidade, como a descuberta na rúa Armanyá onde se atoparon os mosaicos de Dédalo e Pasifae (expostos actualmente no Museo Provincial de Lugo) ou a Domus de Rúa Nova, cunhas importantes termas privadas no seu interior.

As diferentes estancias que se expoñen na actualidade corresponderían coa útlima fase edificatoria arredor século III d.C. e inicios do IV d.C. O proceso de edificación pódese dividir en dúas fases, unha da metade do século I d.C. e outra que aproveitou só parte das estruturas existentes e que se realizará á fin do século I ou principios do II d.C.

A planta da vivienda organízase nun eixo disposto de leste a oeste destacando, sobre todo, a gran sala de recepción (oecus) á que lle segue un patio porticado; o peristilo , que podería ser dobre se se confirma a existencia doutro patio no lado sur do oecus. Os materiais empregados na súa construción son de boa calidade, utilizando cantaría de lousa para os muros unida con argamasa de cal e area. Isto dótaa dunha gran solidez.

A edificación da casa completaríase no s. III d.C., coa inclusión dun Hipocaustum situado ó norte da sala porticada e dous corredores de comunicación da nova sala co oecus. Decoráronse ademais algunhas salas con mosaicos e repintáronse as estancias con novas pinturas murais.

Na actualidade atópanse expostos in situ unha parte dos restos que corresponden ó oecus, a súa antesala cos seus mosaicos, o patio porticado e parte do hypocaustum.