O monte Medulio

O Monte Medulio é coñecido fundamentalmente por ser o lugar onde se celebrou a batalla dos galaicos, cántabros e astures no ano 22 a.C. contra as lexións de Caio Furnio e Publio Carisio, e onde os últimos guerreiros da Gallaecia que resistiron tales batallas acabaron coas súas vidas.

A súa situación espacial segundo diferentes autores

Os historiadores antigos, coma Orosio, confirman a situación deste lugar na beira do río Miño.

A maioría dos escritores e pensadores galegos consideran dunha gran dificultade a sinalización exacta deste coñecido monte. Manuel Amor Meilán ve coma un lugar posible, San Martiño de Mondoñedo, en Castro de Rei, na provincia de Lugo. Pero un gran conxunto de pensadores e escritores ven o actual monte Medela, preto de Ribas do Sil, na provincia de Ourense, un lugar aproximado no que situar ao Monte Medulio. Sen embargo, nunha recompilación literaria de Fermín Bouza- Brey exponse que este monte pode ser calquera da Galicia actual, cunha única e exclusiva condición: que estea preto da zona do río Miño.

Como proba das testemuñas de historiadores antigos, podemos engadir as dos coñecidos Floro e Orosio.

O primeiro deles, é o de Floro:

Primum adversus Cantabros sub moenibus Bergidae proeliatum . Hinc statim fuga in eminentissimum Vindium montem, quo maria prius Oceani quam arma Romana ascensura esse crediderant. Tertio Aracelium oppidum magna vi repugnat. Captum tamen postremo fuit Medulli montis obsidio, quem perpetua XV milium fossa comprehensum undique simul adeunte Romano, postquam extrema barbari vident, certatim igne ferro inter epulas venenoque, quod ibi volgo exarboribus taxeis exprimitur, praecepere mortem seque pars maior a captivitate, quae morte gravior ad id tempus indomitis videbatur, vindicaverunt. Haec per Antistium Furniumque legatos et Agrippam hibernans in Tarraconis maritimis Caesar accepit. Mox ipse praesens hos deduxit montibus, hos obsidibus adstrinxit, hos sub corona iure belli venumdedit. Digna res lauro, digna curru senatui visa est, sed iam tantus erat Caesar, ut triumpho augeri contemneret.

Primeiro loitouse contra os cántabros ó pé dos muros de Bergidum [Cacabelos: LE]. Inmediatamente produciuse unha fuxida cara ó monte Vindio [montes dende Peña Ubiña ós Picos de Europa], a onde coidaban que chegaría antes o mar cás tropas romanas. En terceiro lugar resiste con gran forza o castro de Aracelio [preto de Reinosa: SA]. Pero ó final foi conquistado co asedio do monte Medulio (1): rodeado por un foxo circular de 15 millas e atacándoo o romano por todas partes ó mesmo tempo, os bárbaros, en vendo que chega o final, buscaron a morte á porfia co lume, coa espada e poñendo na comida un veleno que alí facilmente se extrae do teixo; e asi os máis deles libráronse da cautividade, que daquela lles parecia peor cá morte a aqueles indómitos. César soubo disto polos legados Antistio e Furnio e por Agripa cando invernaba na costa de Tarraco. Axiña el en persoa fixo baixar a uns dos montes, a outros prendeunos como fianza e a outros vendeunos como escravos conforme ó dereito de guerra. O Senado considerou esta empresa merecedora dunha entrada triunfal: pero xa César era tan forte que non quería que o enaltecesen máis cunha celebración triunfal.

L. ANNAEVS FLORVS Rerum Romanarum Epitome 2. 33. 4953

E por último, o de Orosio:

Tunc demum Cantabri sub moenibus Atticae maximo congressi bello et victi in Vinnium montem natura tutissimum confugerunt, ubi obsidionis fame ad extremum paene consumpti sunt. Racilium deinde oppidum magna vi ac diu repugnans postremo captum ac dirutum est. Praeterea ulteriores Gallaeciae partes, quae montibus silvisque consitae Oceano terminantur, Antistius et Firmius legati magnis gravibusque bellis perdomuerunt. Nam et Medullium montem Minio flumini imminentem, in quo se magna multitudo hominum tuebatur, per quindecim milia passuum fossa circumsaeptum bsidione cinxerunt. Itaque, ubi se gens hominum trux natura et ferox neque tolerandae obsidioni sufficientem neque suscipiendo bello parem intellegit, ad voluntariam mortem servitutis timore concurrit. Nam se paene omnes certatim igne ferro venenoque necaverunt.

Precisamente daquela despois de atacaren os cántabros con tódalas forzas baixo as murallas de Ática [¿Bergidum?] e de seren vencidos, fuxiron ó monte Vinnio naturalmente inexpugnable, onde os aniquilou case completamente a fame do asedio. Despois capturouse e arrasouse Racilium [¿Aracellum?], castro que resistira heroicamente e moito tempo. Ademais os legados Antistio e Furnio con grandes e penosas guerras acadaron de domea-las ulteriores partes de Gallaecia que, cheas de montes e fragas, chegan deica o Océano. Porque encerraron o monte Medulio, que está á beira do rio Miño e no que se protexia unha chea de xente, rodeándoo cun foxo de asedio de quince millas. E así, cando aquela raza de homes, de carácter terrible e bravo, se decatou de que non tiña forzas para resistilo asedio nin para emprender unha guerra, decidiu o suicidio por medo á escravitude. Si, que case todos se mataron: ardendo no lume ou coa espada ou co veleno.

PAVLVS OROSIVS Historiarum adversus paganos liber 6, 21, 58

A mitoloxía arredor deste coñecido monte

Conta a lenda, que as lexións romanas se atopaban nunha inmensa carballeira sombría, húmida e poboada de grandes árbores. Os membros das lexións, dirixidos por un emperador romano estaban a combatir por unhas importantes terras, o norte da antiga Hispania. Durante este combate, apareceu para estes contrincantes un grave conflito, a proximidade da estación fría, o inverno, que lle causaría graves problemas estratéxicos, especialmente para os romanos. Polo que as lexións aumentaron a intensidade dos seus ataques e dispuxéronse a loitar fronte a fronte no Monte Medulio contra os seus adversarios, os indíxenas galaicos. Estes indíxenas vían unha derrota inminente, polo que preferiron, logo dunha grande cea, acabar coas súas vidas bebendo un forte veleno. Deste xeito, os romanos acadaron a victoria no coñecido como Monte Medulio.

*Imaxe obtida da obra "O Medulio e a Gallaecia romana".

Debate sobre a veracidade da loita do Monte Medulio

Para a Historia, o Monte Medulio simboliza a fin do mundo castrexo e o comezo do mundo galaico-romano. Non hai xeito de demostrar a veracidade de todo o narrado anteriormente, pero, de ser un mito tivo a suficiente forza para lograr manterse durante todos estes séculos e ser motivo de preocupación ou investigación de importantes pensadores galegos do pasado século. Hoxe en día, o Monte Medulio e todo o supostamente sucedido nel segue sendo discurso de nacionalistas galegos, que expoñen que os nosos antepasados reinvindicaban, ao igual que moitos galegos na actualidade a súa liberdade. De aí, a razón da súa morte.

*Información extraída da obra "O Medulio e a Gallaecia romana".