Festival teatro Lugo
Desde o primeiro momento o Concello de Lugo acolleu con satisfacción a iniciativa e contribuíu a subvencionar un festival que co paso do tempo converteuse no acontecemento teatral que move máis público escolar en Galicia.
Este Festival de Teatro Grecolatino é posto en escena anualmente por SEECGalicia (Sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos)
No ano 2001, SEECGalicia decide organizar por primeira vez un Festival de Teatro Grecolatino para mozos. Pretendíase que os estudantes de ensino medio dos nosos centros tivesen a oportunidade de achegarse á experiencia do teatro e gozar das obras dos autores clásicos que fan rir e chorar ó público desde hai 2.500 anos. Galicia queríase sumar así a unha iniciativa que xa estaba funcionando noutras comunidades autónomas había algún tempo.
O lugar máis axeitado para fixar a sede dos festivais foi Lugo, por ser a cidade romana máis importante de Galicia e porque nese momento loitaba por poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, tentando acadar para a súa muralla o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO.
No ano 2003 as asociacións que organizan os festivais de Lugo, Tarragona, Zaragoza, Euskadi, Baleares, Sagunto, Clunia (Burgos), Mérida, Baelo Claudia (Cádiz) e Itálica (Sevilla) uníronse para sumar esforzos que permitan acadar os nosos obxectivos con máis eficacia. A federación, que leva o nombre de Prósopon (máscara en grego), ademais de organizar os festivais, promove e promociona todo tipo de actividades encamiñadas á difusión e investigación do teatro clásico entre os máis novos.
As representacións teatrais son un bo xeito de difundir os valores das sociedades clásicas de forma elocuente, lúdica e expresiva. Para que os alumnos poidan tirar o mellor proveito posible, Prósopon edita unha colección cos textos das representacións, acompañados dunha unidade didáctica para traballar previamente nas aulas sobre o que logo se vai ver nos escenarios. Cada mozo e cada profesor reciben xunto coa entrada cadanseu libriño como instrumento de traballos e reflexión. Esta colección non se vende nin se pode adquirir por ningún outro medio.
* Fotografía de Miguel Bugallo