Museo de Lugo

Co fin de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, en 1932, a Deputación de Lugo acorda crear o Museo Provincial de Lugo, vontade que se materializa dous anos máis tarde coa apertura no Pazo de San Marcos (baixo a dirección de D. Luis López Martí) de varias salas con materiais arqueolóxicos, históricos, artísticos, etc. ata daquela dispersos en coleccións particulares. O continuo incremento de fondos e as limitacións de espazo obrigaron, en 1957, a trasladar o museo ao antigo convento de San Francisco. Conservando tres dependencias deste vello cenobio (cociña, claustro e refectorio), o arquitecto vigués D. Manuel Gómez Román (1875-1964) deseña un novo edificio con aires de pazo galego. O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1997 o museo foi ampliado, segundo un proxecto do arquitecto González Trigo. Fonte do texto: web do museo provincial de Lugo

Museo Provincial de Lugo. Romanización de Galicia. from Dives Gallaecia on Vimeo.

Pezas máis importantes

Aras romanas

Descrición: fragmento correspondente á parte superior dun ara, de dimensións reducidas, decorada con alternancia de toros e escocias, que presenta na cara superior un foculus. O campo epigráfico conservado corresponde á liña superior, na que se le I·O·V·I· (Dativo, en honor de Xúpiter, que tamén recibía o nomen de IOVIS, en dativo IOVI)

Intervención arqueolóxica: escavación arqueolóxica en área no patio do patio do Museo Provincial de Lugo, ano 1992, baixo a dirección de D. Luis F. López González.

N.o Sección: 1992/12/01

Outros n.os: EPI-84; MP 6 A-92-28

Procedencia: Lugo Tipo de colección: depósito da Xunta de Galicia Cultura: romana

Cronoloxía: ss. ii-iii d. C.

Materia: granito Técnica: abrasión. Desbastado. Tallado e gravado en oco

Dimensións: altura 12,4 cm; anchura 17,5 cm; grosor 11,7 cm

Conservación: boa

Uso/función: votivo

Mosaico de Dédalo e Pasífae

Este mosaico romano da primeira metade do s. III d. C. apareceu nas escavacións levadas a cabo en 1986 no solar nº 10 da Rúa Armañá de Lugo. Cubría o chan dunha grande habitación duns trinta e oito metros cadrados, posiblemente un triclinium (comedor). Ingresou no museo, como depósito da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en setembro de 1995.

O nome débello ao motivo mitolóxico da parte central, un emblema cunha representación figurativa do momento no que Dédalo lle entrega a Pasifae a vaca construída por el para que seducise ao touro branco do que estaba namorada.

O termo mosaico aplícase xeralmente á técnica de decoración de superficies arquitectónicas con pequenas pezas talladas de forma máis ou menos semellante a un prisma, as teselas, que poden ser de pedra, vidro ou cerámica e asentadas nunha capa de xeso ou morteiro. O mosaico naceu cunha función utilitaria, para ser lavado con auga.

O emblema está fixado sobre un cadrado de 1,85 m. de lado e está composto por teselas de pedras calcáreas de 0,5 cm. de lado (Opus Verniculatum).

Destaca, en primeiro lugar, unha figura sedente, cuxa cabeza resulta irrecoñecible. Viste túnica cinguida con cinturón negro e calza caligas (sandalias propias do soldado romano) de media cana atadas con cordóns, aparenta sentado sobre unha cadeira de patas cadradas, ao lado da cal aparece unha especie de cesto con asas en cuxo interior se distingue unha gubia de carpinteiro enmangada e a boca e o molde dun xarro picudo.

Sobre o borde do cestiño parece distinguirse un paxariño pousado e con ás semidespregadas. Diante desta figura a cabeza dun touro, coa cornamenta volta e as orellas erectas.

Ao outro lado da gran figura sedente, da que só se conserva un fragmento central, na que se aprecia que viste unha túnica larga, a franxas verticais, de color ocre e amarelo e un manto cinguido ao tronco e o brazo dereito, polo que parece unha figura feminina.

Por outra parte, no extremo dereito do recadro do emblema érguese unha construcción arquitectónica, que parece ser unha torre, en cuxa planta baixa aparece unha gran porta de arco de medio punto, na planta superior aparecen dúas ventas e por encima desta planta consérvanse os restos da representación da terceira.

Mª Ofelia Carnero Vázquez

Web do Museo de Lugo

Estela de Crecente

Amósase á nosa vista un dos mellores exemplares da epigrafía funeraria que se exhibe neste museo, no que ingresa en 1995. A estela, conservada na súa integridade, procede do lugar de Crecente, San Pedro de Mera (Lugo) e foi labrada en granito fino. É de tipo placa con cabeceira semicircular, parte posterior sen traballar e fronte organizada en tres seccións, con unhas medidas de 2,81 de altura por 0,71 de anchura e 0,20 m. de grosor.

Ocupa a parte superior, nun campo reafundido, un retrato familiar composto por catro personaxes, un home de pé, dúas mulleres sentadas e, sobre o colo da situada á esquerda, un neno. Os retratados visten túnicas longas de manga curta cruzada por unha toga ou pano arroiado sobre o ombreiro dereito. Dos bordes da súa vestimenta penden unha especie de flocos de adorno. Os personaxes femininos e o neno adórnanse cun colar de contas dunha volta e pulseira de dous aros. O neno sostén, ademais, unha pelota na súa man esquerda e un aro na súa dereita. O terceiro sector corresponde ao tocón enterrado para asegurar a peza en terra.

Podemos identificar os personaxes a través da inscrición do sector central da peza no que se consigna un epígrafe funerario organizado en seis liñas, en capital romana de correctos trazo e disposición, do seguinte tenor:

APANA • AMBO

LLI • F(ilia) • CELTICA

SVPERTAM(ARICA)

[ ) ] • MIOBRI

AN(Norum) • XXV • H(ic) • S(ita) • E(st)

APANVS • FR(ater) • F(aciendum) • C(uravit)

Apana, filla de Ambolo, de pobo dos Célticos Supertamáricos (por encima do río Tambre, da parentela (ou do castelo) de Miobri. Morta aos 25 anos. Aquí está enterrada. Apano, o seu irmán, mandou erixir este dedicatoria.

Á parte do seu valor epigráfico, esta peza constitúe, a non dubidar, un interesante documento histórico dos primeiros momentos da ocupación poboacional da contorna de Lucus Augusti, pois está datada a mediados do s. I d. C.

E, como non, destaca, sobre todo, por constituír o magnífico primeiro retrato dunha familia galaica ao completo.

Enrique Alcorta Irastorza

Web do museo de Lugo

Torques de Burela

*Imaxe de IESMGB en Flickr

*Imaxe de DivesGallaecia en Flickr

*Imaxe de DivesGallaecia en Flickr

Este torques foi dado a coñecer en 1954 por don Xosé Trapero Pardo e pasou a formar parte posteriormente da colección de don Álvaro Gil Varela e dos fondos do Museo de Lugo o 27 de febreiro de 1974.

Trátase dun colar ríxido adscrito morfoloxicamente ao tipo asturnorgalaico. Está composto por unha barra, de ouro moi puro, de sección circular no tramo central e heptagonal nos tercios laterais, recubertos de arames envoltos, convexos polo exterior e planos na súa cara interna, presentando 24 espirais nun tercio e 22 no outro. O tramo central circular presenta un traballo de filigrana aplicada de sete fíos soldados á barra, que delimitan seis bandas paralelas decoradas con dous fíos entrelazados formando oitos.

Os remates combinan un tronco de cono e unha escocia, e non teñen decoración. No seu plano superior presentan dúas perforacións. Tamén ten unha marca en forma de “X” no tercio central da barrra polo interior, marca que parece ser moderna.

Esta peza, atopada casualmente mentres se realizaban labores agrícolas, e confundida nun principio coa asa dun arcón, destaca polas súas dimensións e peso (1812 gr.), pouco frecuente neste tipo de xoia, o que fai pensar na imposibilidade de poñela no pescozo, o que nos leva a cuestionar a súa utilización como colar. Polo que se cre que o seu uso se limitaría a actos especiais comoi símbolo de poder e estatus social; ou ben, como xoia de carácter votivo a modo de ofrenda de connotacións relixiosas ou máxicas.

Os seus paralelos máis importantes son o torques de Marzán e o do castro da Recadieira II, tamén depositados no Museo de Lugo, pero o seu peso e a calidade do ouro son moi inferiores.

Web do museo de Lugo

Cadeado de Truco

Este cadeado de bronce figurativo ingresou no Museo Provincial de Lugo en calidade de depósito da Xunta de Galicia o 12 de xuño de 1998.

Procede dunha escavación arqueolóxica dirixida por Francisco Hervés Raigoso nunha das estancias da denominada “Casa de Océano”, na rúa Doutor Castro, de Lugo.

Unha vez depositado no Museo foi limpado e sometido a tratamentos de conservación, e intetouse a súa apertura, que resultou imposible.

Os primeiros estudos dos especialistas supoñían que se trataba dun anel-relicario.

Ao ter coñecemento dunha peza semellante achada nunhas escavacións en Salona, Eslovenia, os técnicos do Departamento de Historia e Arqueoloxía do Museo conclúen que se trata, en realidade, dun cadeado coa fechadura agachada.

A comparación con outros cadeados con máscara localizados en museos europeos permíteunos coñecer o sistema de apertura, identificar as súas catro partes e reconstruir o seu funcionamento:

1. Tapa decorada con máscara humana

2. Caixa que alberga o mecanismo interior de peche

3. Aro móbil (algúns teñen cadeiña)

4. Chave

O cadeado de truco de Lugo debeu ser fabricado en dúas partes unidas ao cerrollo cunha bisagra que permitía abrir e cerrar a tapa e acceder á caixa na que se encontra o mecanismo de cerre e a apertura do aro móbil macizo.

A tapa vai decorada cun rostro con toucado de estilo orientalizante.

Estes cadeados servían para fechar pequenos cofres, caixiñas ou bolsiñas para gardar obxectos persoais ou de valor como moedas, xoias, etc.

Só temos coñecemento doutro cadeado figurativo en toda a península, procedente de Astorga e exposto no Museo de León.

O cadeado de Lugo seguramente foi importado e dátase no século IV d. C.

Web do museo de Lugo

*Imaxe de DivesGallaecia en Flickr

Tabula hospitalis do Caurel

Os chamados Bronces Xurídicos comprenden textos de natureza legal ou administrativa, case sempre de dereito público, aínda que de variada temática, inscritos sobre diversa tipoloxía de soportes, tabulae, tesserae, etc., que constitúen unha interesante fonte de información sobre algúns aspectos do dereito e a organización administrativa dos romanos.

É o caso desta peza, coñecida como Tabula hospitalis do Caurel. Adquirida polo Museo, ingresa o 18 de novembro de 1959 procedente de Torre Cabreira, lugar de Carbedo, parroquia de San Pedro de Esperante (Folgoso do Caurel).

A peza consta de dous elementos: unha lámina rectangular de bronce de 18,5 cm. x 13,7 cm. na que se inscribiu o texto e un marco columnado que soporta un frontón triangular en cuxo centro destaca unha cabeza masculina en altorrelevo. Deste xeito as medidas totais son de 28,0 cm. por 16,5 cm. de anchura. Dous apliques de tripla voluta calada flanquean o frontón.

O texto inscrito refire un pacto realizado por Tilego, fillo de Ambato, susarro de orixe (comarca de Sarria), comprometendo a si mesmo e á súa familia e descendentes, ao establecemento de lazos de hospitalidade cos Lougeis, do castellum Toletensis, que, pola súa banda, lle solicitan protección perpetua.

En resumo. Estamos ante un pacto de protección e apoio, baixo a forma de padroado, establecido entre un particular e unha colectividade indíxena, con autorización ou visto e prace das autoridades romanas, subscrito no ano 28 d. C., tras uns cincuenta anos da conquista da rexión. Pacto que, aínda que carece de carácter ou calidade de lei, dispón de validez xurídica pública ao ser trasladado á táboa de bronce.

Moedas romanas

Tal como nos días de hoxe, existían no Imperio Romanodiversas moedas, de varios tamaños e metais, con valorese denominacións diferentes. Os patróns así como osmateriais foron variando conforme as distintas épocas que o Imperio atravesaba, en períodos de abundanciapredominaba a Prata en moedas como o denario, en períodos de escassês a maiorías das moedas serían de bronce ou bronce con un baño de prata.

As denominacións foron variando tamén a medida que osEmperadores instituían reformas na acuñado,especialmente no período tardío do Imperio onde casetodas as moedas recibiron novos nomes e novasdesignacións de valor, por exemplos os denarios eAntoninianos de prata deron lugar a Siliquas e Miliarenses,os sestercios deron lugar aos Folis e os Ases e outrosbronces a moedas de designación descoñecida, coñecidas como AE.

* Moeda de Nerón, 54-68 d.C. Imaxe de IESMGB en Flickr