Aquis Querquennis

Vista aérea do campamento, imaxe da web Fundación Aquae Querquennae

Vista aérea do campamento Aquis Querquennis, imaxe da web Fundación Aquae Querquennae

Aquis Querquennis, é un campamento de orixe romana de época imperial. Só existen en Galicia dous campamentos de orixe romana: un en Ciadella (Sobrado, A Coruña) e este na Baixa Limia (Ourense). Estivo ocupado por un destacamento militar subordinado da Legio VII Gemina, que tiña o seu cuartel xeral en León. O campamento foi construído baixo o reinado de Vespasiano (69-79 d.C.), e abandonado aproximadamente no ano 120 d.C. O emprazamento de Aquis Querquennis neste lugar e non noutro, débese á existencia dunhas características esenciais que aconsellaban tanto Vexecio como Hixinio: un lugar de fácil acceso, onde existían pastos, gran cantidade de leña, e augas termais. O campamento xorde en forma de rectángulo coas esquinas arredondadas, con catro entradas. A súa superficie é duns 25.842 metros cadrados, cunha área circular duns 11 metros de ancho que separa a muralla das demais construcións, e que recibía o nome de intervallun. As escavacións arqueolóxicas comezaron no ano 1975, e na actualidade escaváronse: principia, dous strigia ou barracóns de tropa, dúas horrea ou cabaceiros, o valetudinarium (hospital), parte da muralla e dúas das súas entradas. Porta Decumana, por onde tiña acceso a Vía Nova e Porta Principalis Sinistra, a cal tiña dous carrís, un de entrada e o outro de saída.

Aquis Querquennis from Dives Gallaecia on Vimeo.

PARTES

PORTA DECUMANA

Contrariamente á principalis sinistra, posúe unha soa vía entre torres, coas correspondentes dúas portas arcadas sucesivas. Non obstante, o grao de arrasamento era moi similar ao da principalis sinistra e idéntica á natureza do aparello empregado na súa construción, polo que tamén neste caso as ruínas que se ofrecen son froito de recrecemento, que, non cabe dúbida, lograría imitar á perfección a facies orixinaria da devandita entrada. As torres, ao igual que na porta anterior, posúen o van de entrada nas paredes de peche posteriores e cerca das respectivas esquinas laterais a través das devanditas entradas accederíase á súa planta baixa e dende cada unha destas ascenderíase ata o adarve da muralla por unha escaleira de madeira, de dous tramos, unidos en ángulo recto por un descanso.

Porta Decumana, imaxe de IESMGB en flickr

HORREA

No campamento de Aquis Querquennis existían dous horrea (hórreos), destinados a almacenar os cereais e demais vituallas para o consumo humano.

Ambos son de proporcións análogas e idéntica técnica construtiva, na que non faltan as preceptivas pilastras de apoio interiores, chemineas de ventilación para a aireación do ambiente e contrafortes laterais para conter a presión do gran.

Os dous hórreos, independentes entre si no que respecta á estrutura principal, posúen, non obstante, un corpo anterior común, a xeito de grande ámbito rectangular disposto perpendicularmente con respecto aos eixos daqueles.

Pero hai máis; a esquina suroeste do devandito ámbito achábase protexida dos vendavais deste lado por un soportal ou deambulatorio en forma de escuadra consistente nun telladiño apoiado sobre pés dereitos de madeira sustentados sobre un pequeno muro de apoio duns cincuenta centímetros de altura.

Horrea, imaxe de Dives Gallaecia en flickr

STRIGIA

Os strigia son os barracóns da tropa, é dicir, son construcións dun só piso, de planta rectangular, cun só espazo interior e xeralmente feito con materiais lixeiros. Esta construción úsase para albergar a un gran grupo de persoas, neste caso soldados.

A cuberta das edificacións sería de palla ou tella e probablemente a dúas vertentes, recolléndose as augas de chuvia nun compluvium interior, ao que drenaría unha canle, embutida no zócolo do eixe maior do patio, ata unha cisterna circular forrada de pedra e dotada do correspondente peitoril de seguridade. Existiría, ademais, un estreito deambulatorio cuberto e apoiado en postes de madeira sobre bases de pedra, ao que darían todas as entradas dos cubículos.

Distinguimos tres barracóns atopados nas excavacións:

Barracóns da tropa, imaxe de Dives Gallaecia en flickr

1º barracón da tropa

Á entrada, na banda esquerda, a residencia do centurión e os seus axudantes, e, a seguir, catro unidades de dous compartimentos comunicados entre si, sendo capaz cada par de estancias de albergar a oito soldados.

Na banda oposta son seis as unidades dobres constatadas, as cales, sumadas ás anteriores, serían suficientes para dar acubillo a oitenta soldados, unha centuria das acostumadas nas datas ás que nos estamos referindo. Cada unha destas unidades posuía, polo menos, un fogar nalgún dos cubículos e, ás veces, nos dous. Pecharía a ala esquerda un corpo de garda de forma retangular, que posteriormente sufriría alteracións.

A cuberta das edificacións sería de palla ou tella e probablemente a dúas vertentes, recolléndose as augas de chuvia nun compluvium interior, ao que drenaría unha canle, embutida no zócolo do eixe maior do patio, ata unha cisterna circular forrada de pedra e dotada do correspondente peitoril de seguridade. Existiría, ademais, un estreito deambulatorio cuberto e apoiado en postes de madeira sobre bases de pedra, ao que darían todas as entradas dos cubículos.

1º Barracón, imaxe de Dives Gallaecia en flickr

2º barracón da tropa

A súa ampla entrada ábrese ao intervallum, mostrando a estrutura do edificio unha orientación totalmente perpendicular con respecto ao edificio do 1º barracón, co que comparte parede medianeira totalmente cega, como para remarcar a súa independencia. A distribución e natureza dos ámbitos de ocupación é similar ás do primeiro, a excepción dalgunhas novidades, tales como a existencia de dúas estancias rectangulares afrontadas, a xeito de corpos de garda, á entrada, a presenza de podios ou tendais de cachotes graníticos pegados ás paredes interiores, de carácter fabril, complementados cunha cheminea de ventilación exterior para o fogar dunha das estancias, na residencia do centurión; a detección de asentos de granito, así mesmo pegados ás paredes exteriores, ao lado das portas dalgúns dos cubículos e dúas parediñas divisorias incipientes no muro do fondo, tras a cisterna circular, cuxas funcións non atinamos a descubrir aínda. Por outra parte, algunhas das estancias destinadas á tropa ofrecen, a nivel de chan, compartimentacións de non doada explicación, advertíndose, ademais, nalgunhas das unidades de dobre estancia a presenza, en ambas as dúas, do fogar.

2º Barracón (esquerda), imaxe de Dives Gallaecia en flickr

3º barracón da tropa.

A medio excavar, encóntrase fóra do recinto e non ten relevante interese.

3º Barracón, imaxe de Dives Gallaecia en flickr

PORTA PRINCIPALIS SINISTRA

Trátase dunha grande entrada, entre torres, de vía dobre e dobre porta arcada. Sobre cada unha das portas discorrería o adarve perimetral da cerca. As estruturas conservábanse arrasadas ata a primeira fiada de perpiaños dos fundamentos, resultando as ruínas agora visibles efecto dun moi meditado e verosímil recrecemento.

Porta principalis sinistra, imaxe de Dives Gallaecia en flickr

VALETUDINARIUM

O valetudinarium é unha construción de planta rectangular de 24,20 por 24,40 metros, que se utilizaba como hospital. A diferenza dos barracóns de tropa, que tiñan tellados de palla, o valetudinarium igual que os horrea ou os principia tiñan tellado de tégulas. O exército romano foi o primeiro na historia en instalar un servizo médico nos seus campamentos. Relacionados con esta construción atopáronse varios instrumentos médicos, como son pinzas, entre elas unha para a extracción de moas, navallas de afeitar e unha folla de tesoira de flexión simple.

Valetudinarium, imaxe de IESMGB en Flickr

PRINCIPIA

Os Principia dun campamento militar veñen ser como o seu espazo medular, o seu cuartel xeral, xa que alí se acomodaban os órganos esenciais de administración, os ámbitos sagrados destinados ao culto e á custodia de estandartes, e a forza moral da disciplina militar.

Esta importante edificación ordénase arredor dun cadrado de 29 por 29 metros, máis algúns engadidos frontais e laterais, chegando, desta sorte, a súa superficie total a case 1.200 metros cadrados. De leste a oeste, e polo tanto de fóra a dentro, o espazo organízase nos seguintes ámbitos: pórtico, foro, basílica e área sacro/administrativa.

O pórtico, da clase pórticos-groma por proxectarse cara ao exterior ata invadir parcialmente a liña do cardo (rúa principal norte-sur) no centro do campamento, lugar de localización da groma, e de aí a súa denominación, resulta sumamente orixinal e é atribuíble aos chamados pórticos lexionarios. Posúe senllos corredores columnados, ao exterior, enmarcándose a porta de entrada entre dous cuartos, posibles armamentaria ou recintos destinados a almacén de armas, en ambos os dous extremos da parede medianeira co foro, ao que dan os vans de aceso ás devanditas estancias.

Tras o pórtico, vén o foro rodeado de corredores co teito apoiado sobre pés dereitos de madeira en tres dos seus lados, sempre abertos pola parte anterior. No centro xeométrico do patio apareceron as alicerces dun plinto de estatua, non sabemos se de emperador ou dalgunha divindade.

A continuación do foro, e separado do foro por un muro cego, posiblemente, salvo nos extremos, contémplase a basílica, un ámbito rectangular duns 250 metros de superficie, cuxa finalidade era albergar as concentracións de todo tipo: administración de xustiza, arengas, algún espectáculo, etc.

E, pegados á parede do fondo, un cuarto central rectangular co chan levantado uns 60 cm sobre o das demais seis estancias contiguas. Trataríase da aedes ou recinto sacro, onde se mostraría a estatua do emperador, o altar de Xúpiter e os estandartes da tropa, mentres que as súas contiguas, co mesmo fondo, pero non a mesma anchura, acharíanse destinadas a tarefas de administración. Finalmente, polos flancos norte e sur do edificio, existían corredores abertos porticados para poder circular ao abeiro das inclemencias do tempo.

ç

Principia, o cuartel xeral, imaxe de Dives Gallaecia en flickr

Reconstrucción da Principia, imaxe de Dives Gallaecia en flickr

Bibliografía

    • Fonte: Guía do Xacemento arqueolóxico.

    • Texto: Antonio Rodríguez Colmenero

    • Edita: Xunta de Galicia, Fundación Aquae Querquennae, Unión Fenosa.