Fontefría - Poio

(presentación en elaboración. Curso 2016/17)

    1. Fontefria: Hidrotopónimo composto de FONTEM FRIGIDAM "fonte de auga fría". Fontefría designa lugares de Abegondo, Cabana de Bergantiños, Cambre, Cedeira (A Cor.), Amoeiro (Our.)... Un apocopado Fonfría aparece en Antas de Ulla, Begonte, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro (Lu) e un antónimo Fonquente en Cervantes (Lu). Outros topónimos nos que intervén o adx. fría son Vilafría de Ponteareas, O Porriño e Salvaterra de Miño e Bouzafría de Tomiño (Po).

    2. Fontoira: de FONTEM AUREAM, "fonte de ouro", seguramente pola calidade da súa auga, amarela ou ferruxinosa pola cor da limonita (mineral de óxido de ferro hidratado). Hidrotopónimo. Algúns autores manteñen serias dúbidas sobre esta explicación e propoñen un simple derivado de "Fonte".

    3. Foz: do latín vulgar FOCEM, que en latín literario era FAUCEM, "gorxa, paso estreito, fauces". Lugar por onde un río desemboca no mar, tamén é un paso estreito entre montañas.

    4. Frades: de FRATRES, "irmáns, seguramente monxes, frades dunha congregación relixiosa".

    5. Lavacolla: LAVA-COLEA: (lava os testículos), polo nome do río onde os peregrinos se purificaban antes de entrar en Compostela (no códice Calixtino, por eufemismo, chámanlle LAVA MENTULA). É un imperativo e un Ac. Pl.

    6. León: LEGIONEM, lexión, esta cidade ten como orixe un campamento militar onde estaba acantoada en primeiro lugar a Legio VI victrix, e máis tarde, de xeito permanente, a Legio VII Gemina Felix.

    7. Louredo: LAURETUM: lugar onde hai onde hai loureiro. (LAURUS: loureiro, árbore). Fitotopónimo. LAURUM + ETUM (sufixo abundancial). En catalán: Lloret.

    8. Lugo: LUCUS AUGUSTI: de LUCUM, "fraga sagrada", o bosque sagrado de Augusto (fundador en xenit.). Hai quen pensa que o topónimo pode ser prerromano e referido ao deus céltico LUCUS ou á tribo dos Lougei.

    9. Maceda: de MATTIANETA (lat.vul. MATTIANA: "maceira" + ETAM sufixo abundancial) lugar onde abundan as maceiras , (cfr. español Manzaneda). Fitotopónimo.

    10. Mérida: EMERITA (AUGUSTA), cidade fundada para soldados licenciados tras as campañas hispana; recibían o título de EMERITI (licenciados).

    11. Milladoiro: HUMILIATORIUM: lugar onde os peregrinos ó ver Compostela se axeonllaban para dar gracias a deus; ou de AD-MILIATORIUM: lugar onde os peregrinos botaban unha pedra que traían consigo, formando unha morea de pedras (ou milladoiro).

    12. Mondoñedo: de latín medieval MINDUNIETUM (algunhas teorías propoñen que o topónimo actual procede de San Martín de Mondoñedo, onde tiñan a sede os bispos mindunienses ou dumienses, que eran unha especie de extensión dos de Dumio, preto de Braga). Topónimo discutido.

    13. Monforte: Topónimo composto de MONTEM FORTEM ‘monte fortificado’. Un simple encontrámolo no Forte, O Forte Novo e O Forte Vello. Hai, así mesmo, A Fortaleza. Monforte de Lemos dálle nome a un lugar, a unha parroquia e a un concello da provincia de Lugo.

    14. Oleiros: de OLA, "ola", + ARIUM, sufixo abundancial. Lugar onde hai fabricantes de olas de barro, oleiros. O Pai Sarmiento apunta a un posible lugar de enterramentos funerarios "Ollas Cinerarias".

    15. Ortigueira: URTICARIAM: URTICA "ortiga" + ARIAM sufixo abundancial. Lugar onde hai ortigas. Fitotopónimo con sentido abundancial.

    16. Orxal: Tamén Orxais de HORDEUM “orxo” (a forma "cebada", máis habitual, ven do latín CIBUS, "alimento"; en castelán en Castro Urdiales ou mesmo Ordial. O HORDEUM SPONTANEUM está documentado en Tácito na súa obra Germania, 23,1 onde nos di ademais que con el os xermanos facían cervexa: potui umor ex hordeo “para beber, un líquido feito de orxo”.

    17. Oseira: URSUS, "oso" + ARIAM, sufixo abundancial (lat. vulg.: OSSUM): lugar onde hai osos. Zootopónimo con sentido abundancial.

    18. Ourantes: Topónimo discutido. Hai quen ve relación cun hidrónimo de orixe prerromana, da raíz *AWER, "mollar, humedecer, fluír", como en Vara, Varón, Avia, Avión. Outros propoñen a raíz preindoeuropea *OR-R/UR-R "outeiro, algura, monte ou val entre montes". Tamén se fala da raíz *AUR - ant - is, e tería que relacionarse con outros coma Serantes, Barbantes, Barrantes, Corneantes, Curantes, Laiantes... San Xoán de Ourantes está en Punxín (Our).

    19. Ourense: AURIENSE: topónimo que fai relación a unha explotación de ouro. (AURUM + ENSE sufixo abundancial). Hai quen o relaciona co sufixo hidronímico anterior *AWER

    20. Outeiro: ALTARIUM, parte alta do terreo, elevación do terreo. Outeiro é un lugar da parroquia de Boente no concello coruñés de Arzúa na Comarca de Arzúa; Outeiro é un lugar da parroquia de Campo no concello coruñés deArzúa na Comarca de Arzúa.; Outeiro é un lugar da parroquia de Dombodán no concello coruñés de Arzúa, na comarca de Arzúa.; Outeiro é un lugar da parroquia de Marcelle no concello coruñésda Baña na comarca da Barcala.

    21. Padrón: de PETRA, (deriva de PETRONEM < PETRAM) a pedra onde se amarrou a barco do apóstolo Santiago.

    22. Pedrafita: PETRA + FICTA: (pedra cravada) miliario ou monumento megalitico, consistente nunha gran pedra colocada verticalmente. Utilizouse como divisoria de concellos.

    23. Peñalba: Orotopónimo. Composto de PINNAM "pena", + ALBA: " rocha que sobresae" según algúns, da raíz indoeuropea *ALP-/ALB, ou ‘pena de color branca’ se atendemos ao adxectivo latino ALBAM, de cor branca. Existen na xeografía galega: Penalba e Penas Albas. Co cualificativo –alba– temos Arealba, Mámoa Alba, Pedralba ( e súa variante Peralba). Outras Penas (nomes de lugar) ás que acompaña un adxectivo cualificativo cromático son:

    24. A Pena Branca de Guitiriz (Lu) e Mañón (A Cor). A Penamoura de Abadín (Lu) e San Sadurniño (A Cor), A Pena Moura de Begonte (Lu).

    25. Penarrubia de Baralla (Lu), Orbazai (Lu) e Curtis (A Cor), Penas Rubias de Quiroga (Lu). Pena Verde de Cualedro (Our). Pena Parda de Monterroso (Lu).

    26. Penateixa de Oroso (A Cor). A Penaloura de Palas de Rei (Lu).

    27. Pereira: de PIRARIAM < PIRUM “pera” + ARIAM sufixo abundancial. Hai outros exemplos como Pereiras (Fonte Pereiras, en Vimianzo) e Pereiros e incluso Pereiró. Son fitotopónimos moi abundantes en toda Galiza. Algúns poderían vir tamén de PETRARIAM, de PETRA + ARIAM "lugar cheo de pedras".

    28. Poio: PODIUM: altura, montículo, fai referencia a un lugar elevado con boas vistas. En catalán "Puig", e en castelán "Poyo" e "Pueyo".

* Información elaborada sobre traballos previos de Benigno Riveiro Arjones, José María Otero e o Dep. de Latín do IES María Soliño de Cangas.