No Arde Lucus 2011

Data de publicación: Jun 20, 2011 3:22:38 PM

Este sábado, parte do equipo de DivesGallecia 2012 estivo en Lugo, na festa do Arde Lucus. Filmamos e fotografamos parte das actividades que tiveron lugar ese día e puidemos comprobar in situ o progreso e a mellora desta festa que leva xa 10 anos en cartel.

En relación a edicións pasadas constátase que crece a participación cidadá, que cada vez hai máis "romanos e romanas" nas rúas, e que as vestimentas usadas xa non son os catro trapos das primeiras veces, que agora son moeda común as xoias, as peles, as teas e os coiros de primeira calidade, xunto con deseños e peiteados espectaculares (fixádevos nas imaxes no incrible coche-carro de bebé, a modo de cuádriga, aínda que dun só cabalo).

No programa deste ano puidemos ver loitas de gladiadores (non como o boxeo doutros anos...), talleres mitolóxicos, obras de teatro greco-latino, conferencias sobre temas da Antigüidade, en fin, todo o que reclamabamos tempo atrás.

A reconstrución dun campamento romano, coa torre de asedio, a Ballista, o Onager, e a exposición de cascos militares e de gladiadores, a colección de Pilum e Gladius, os cabalos e a impedimenta do lexionario, foi todo un acerto, como tamén o foi a moeda oficial.

Na parte negativa, a páxina web oficial do evento. Coma sempre, mal actualizada, cun deseño moi espectacular pero totalmente carente de contido e interese.

Esta é parte do material que conseguimos para o noso proxecto:

* Outras moi boas imaxes da festa na galería de Jasp en Flickr.