Escolma de escultura romana. San Francisco, Ourense.

Data de publicación: Feb 02, 2013 10:47:45 AM

Como explica na súa páxina, "o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense encóntrase inmerso nunha ampla reforma que afecta ó edificio no que ten a súa sede, o primitivo pazo do bispo de Ourense, sito na Praza Maior da Cidade. As obras obrigan a manter pechado ó público os espazos expositivos e a ter nun emprazamento provisorio o resto dos servizos do Museo, en tanto non se recupera como unha totalidade o edificio (...) Para encher ese baleiro temporal da presenza pública das coleccións do Museo optamos por presentar esta escolma das coleccións, con eixo nas series de escultura, que ofrecían meirande representatividade dos fondos do Museo (...)"

Por outra banda lemos na web da Consellería con data de 31/01/2013 que "representantes da Consellería de Cultura e Educación reuníronse esta mesma semana co subdirector de Museos do Ministerio de Cultura para dentro das posibilidades económicas actuais, poder reabrir o Museo Arqueolóxico de Ourense canto antes. Traballase coa previsión de que o Ministerio de Educación e Cultura convoque, no menor prazo de tempo posible, o concurso de ideas do proxecto arquitectónico. Unha vez rematado poderán iniciarse as obras (...)".

Así as cousas, o equipo de Dives Gallaecia 2012 visitou recentemente a sala de exposicións de San Francisco en Ourense, sede de ese "emprazamento provisorio" que alberga as pezas máis salientables (aínda que non todas) da colección do museo. Quero destacar nestas liñas a atención do seu director, Xulio Rodríguez González, que mesmo nos abriu as dependencias pechadas do Museo na Praza Maior para fotografar as aras alí conservadas. Unha mágoa que a falta de luz estragase as imaxes.

Tamén quero chamar a atención sobre o traballo que a xente do museo realiza na súa web, en especial sobre a sección chamada "A peza do mes", onde se analizan as pezas das coleccións coa fin de "profundizar no seu coñecemento histórico, artístico e material". E levan facéndoo dende 1999! Cada peza acompaña unha imaxe e un documento en *.pdf descargable.

Neste vídeo, outro máis na nosa galería, facemos un percorrido polas escolma de San Francisco. Moitas pezas dignas de interese, descritas todas nesta galería de Flickr: a aguia de Rubiás, o cabaliño de Santomé, a estatua de Dionysos e Ampelos, a estatuiña de Mercurio, as ás de Baños de Molgas, o fragmento de Estatua romana...