María Amigo

Educadora ambiental de ADEGA

A bióloga durante o encontro no patio do claustro do IES Rosalía de Santiago de Compostela. / CEDIDA

“Temos que camiñar cara un futuro moitísimo mellor sen plásticos e outros residuos”

A educadora ambiental e colaboradora de ADEGA está en contra da captura das especies mariñas en perigo de extinción e a favor de reformular o uso das zonas protexidas

LORENZO BALUJA BOTANA E CARMEN NUÑEZ TABOADA | Santiago de Compostela

María Amigo Regueiro, graduada e Máster en Bioloxía Mariña pola Universidade de Santiago de Compostela, denuncia a contaminación das rías galegas e a importancia que teñen os plásticos e microplásticos na contaminación do fondo mariño. Tamén é destacable a súa colaboración na asociación ADEGA e a súa participación en moitas iniciativas como, por exemplo, o Proxecto Ríos. A bióloga tamén denuncia as pescas excesivas e a importancia da participación e implicación da xente nova no coidadado das especies mariñas en perigo.

—Vostede é parte da asociación ecoloxista ADEGA. Cáles son os seus proxectos principais e qué obxetivos ten esta asociación?

—Dende hai moitos anos que existe esta asociación. Os nosos proxectos principais baseados nunha educación ambiental para conseguir a sostibilidade do noso medio, especialmente o galego, son Proxecto Ríos, que pretende dar a coñecer e poñer en valor os nosos medios pluviais dende unha perspectiva da educación ambiental, tanto para calquer tipo de cidadán como para os rapaces e rapazas dos distintos centros educativos. Despois, tamén temos o proxecto de compostaxe tanto caseira como comunitaria, baseada en que as persoas galegas xestionemos dun modo sostible o noso lixo. Tamén temos Charcas con Vida para poñer en valor todos aqueles humidais que temos no noso medio galego. Eses son os máis importantes.

—Unha das suas iniciativas é no Proxecto Ríos. Aquí en Santiago o Sar está moi contaminado e chega así ao mar. Como lle afecta esta contaminación á fauna mariña, particularmente á das rías?

—A contaminación dos ríos é algo que temos que ter en conta posto que todos os ríos desembocan no mar, co cal a contaminación dos ríos posteriormente será a contaminación tamén dos mares en forma de verquidos, ben sexan líquidos como sólidos, como microplásticos e plásticos de outros tamaños, que lle afectan á fauna mariña de diversos xeitos. No caso de verquidos non controlados, ou aínda que sexa controlados pero non ben depurados, pódelles afectar de moitos xeitos: ben ó placton mariño a través de diferentes formas e despois a outros organismos que van na cadea alimentaria, do mesmo xeito que os plásticos e outro tipo de lixos.

—Nós para o xornal estamos investigando sobre as ameazas que sofre a fauna mariña. Cales son os maiores perigos que hai hoxe en día para os animais mariños, particularmente na costa galega?

—Se ben está como de moda cada vez máis falar dos plásticos, en concreto dos microplásticos, esa é unha problemática moi importante da que os cidadáns nos sentimos moi culpables moitas veces, e sómolo. Polo tanto temos que camiñar cara un futuro moitísimo mellor sen plásticos e outros residuos, pero a verdade é que tamén están outras como a sobre-explotación. Todas as persoas dependemos do mar, directa ou indirectamente. O mar non é unha fonte inesgotable de recursos. Utilizamos o mar ben sexa porque comemos peixe, porque utilizamos principios activos mariños para fabricar menciñas e despois tamen para o transporte ou o ocio. Por iso, a sobre-explotación é unha das cousas mais importantes, sinon a que máis, da ameaza para a fauna mariña, especialmente nas nosas costas. Pero non nos podemos esquecer tamén da contaminación en forma de verquidos, como falabamos anteriormente, dos plásticos. Tamén temos o cambio climático, que nos últimos vintecinco anos houbo un quencemento das augas e isto produce múltiples efectos para a fauna: a acidificación, a disolución das cunchas dos moluscos e peixes como a sardiña, que precisan dunhas temperaturas óptimas, frías, para desovar, e non o están facendo. E diso tamén temos nós parte de responsabilidade, tanto a cidadanía como as industrias. Entón, as administracións, os políticos e políticas, teñen que poñerse un pouco as pilas porque é algo importante.

Por último, tamén quero resaltar as especies exóticas invasoras porque é algo do que cada vez se fala máis posto que cada ano entran de diversos xeitos nas nosas costas múltiples especies mariñas, ben sexa de algas, plantas, peixes ou crustáceos e son bastante perxudiciais para a nosa fauna mariña autóctona.

—Un dos principais perigos é o quencemento global. De qué maneira afecta e vai a afectar á fauna mariña se seguimos así?

—O quencemento global, é unha consecuencia do cambio climático global. Do xeito que queimamos combustibles fósiles, sobre todo nas últimas décadas, tanto para a industria como nas nosas vidas cotiás. Isto produce un quecemento da atmósfera a nivel global e en Galiza vainos afectar e estanos afectando de diversos xeitos. Existen cambios nas correntes da que dependemos, unha delas que é a Corrente do Golfo, e despois os afloramentos mariños de augas frías que son ricos en nutrientes e que parecen estar alterados, polo cal non habería eses nutrientes dos que dependen os múltiples organismos mariños. Outra consecuencia do quencemento das augas será a acidificación dos océanos, producindo danos nos corais e nas cunchas dos moluscos, que se van degradando porque sufren procesos bioquímicos que impiden que rexeneren as súas cunchas ou que as sigan formando. Ou despois hai múltiples organismos como os peixes que precisan dunhas temperaturas óptimas para o seu desove. Ademais, tamen as aves mariñas, sobre todo as invernantes, estase observando que están mudando as súas zonas de invernada cara o norte, polo que desaparecerían das nosas costas, co impacto que iso produce porque cumpren unha función importante no ecosistema tamén.

—Dentro da contaminación da que falamos antes son especialmente dañinos os plásticos e microplásticos. Cómo afectan aos animais que viven no mar e de qué modo pode chegar esa contaminación a nós de volta?

—De novo está o tema dos plásticos, que parece ser o tema estrela cando falamos da contaminación no medio mariño. Os plásticos son lixo e son algo artificial creado polos seres humanos. Ademais, dentro dos plásticos temos varios tamaños, dende os nanoplásticos ata os macroplásticos, pero todos producen máis ou menos os mesmos efectos, dende enredamentos ou enmalles por culpa dos macroplásticos en animais de maior tamaño como as tartarugas, os lobos mariños ou aves mariñas, ata os microplásticos, que teñen diferentes formas de actuar.

Unha das formas nas que os microplásticos poden ser perxudiciais é por efectos físicos nos organismos mariños, ben sexa por atragantamentos ou asfixia ou por danos no sistema dixestivo, porque se quedan atrancados e poden producir laceracións e lesións irreversibles moitísimas veces e que os conducen á morte. Tamén pode ser que eses organismos inxiran os plásticos porque os confunden con animais que eles inxiren porque son do mesmo tamaño, e os animais non coñecen o plástico no seu adn e, polo tanto, non teñen estratexias para enfrentarse a eles. Entón confúndenos con organismos dos que se alimentan e teñen unha sensación, unha falsa sensación de saciedade e poden chegar a morrer por inanición.

Outra forma de que os microplásticos se acumulen é o que lle chamamos a bioacumulación; isto é, acumulan o plástico sobre todo os máis pequenos no seu organismo porque non son capaces de eliminalos. E entón na cadea trófica, cando o peixe grande come o pequeno, isto vai aumentando. Polo tanto, se todos os organismos teñen plásticos e, se se van alimentando dos máis pequenos ata os máis grandes, pasa un suceso que é a bioacumulación. Iso, sobre todo nos grandes túnidos, peixes nos que, polo seu metabolismo, acaban acumulándose os plásticos e, cando chegan aos nosos pratos, nós tamén os inxerimos.

—Tamén é preocupante a pesca excesiva e con grandes barcos. Que habería que facer para controlala e como melloraría isto a vida dos animais mariños?

—Teño que dicir que é moi boa pregunta, porque por determinados motivos que agora non veñen a conto, pouco se fala disto. Entón, mentres que falamos dos plásticos que é unha problemática real e da que nós somos responsables e deberíamos de cambiar, da explotación fálase pouco. É a primeira causa de desaparición de especies no medio mariño, xunto coa súa alteración do hábitat, cousa que vai ligada á sobre-explotación e historicamente e internacionalmente moitísimos caladoiros dos que vive moita xente e son recursos e fonte de alimento para nós, están sobre-explotados e, incluso, algúns tamen colapsados. Entón, como cidadans que consumimos productos do mar temos parte da culpa, pero os problema da sobrepesca, da sobre-explotación son moitos: en primeiro lugar están as malas praxis, as malas prácticas e as redes de pesca nocivas, que non son sostibles, como a do arrastre que é unha rede moi grande que arrastra todo o fondo mariño e, ademais os descartes, que supoñen unha morea de capturas que non son a especie que nós queremos pero que arrastra esa rede e logo tirámolas ao mar, ben mortas ou ben o suficientemente estresadas como para que non podan sobrevivir no medio. Estímase que de, por exemplo, un quilo de camarón, setenta son descartes; é dicir, que van todos os organismos nesa rede e descartámolos. Despois tamén temos a pesca furtiva: estímase que un trinta por cento da pesca mundial é furtiva e ilegal. Entón, nós como cidadáns que poderíamos facer? Pois as industrias teñen moito que mellorar, as administracións e a política tamén nisto, pero nós como cidadans que poderíamos facer? Sempre promover unha pesca sostible, con artes tradicionais que se veñen demandando desde hai moitos anos polas propias cofradías de pescadores. Polo tanto deberíamos promover eses tipos de pesca, apoiar ás plataformas de cofradías de pescadores que promoven e intentan pular por ese modelo, pero tamén, cando somos consumidores, cando consumimos eses peixes, hai unha etiqueta na que nos informan con que modelo de pesca foi capturada esa especie e, polo tanto, deberíamos intentar evitar consumir productos que veñan da pesca de arrastre ou de pescas que son moi dañinas. Por último, deberíamos facer tamen un consumo sostible, é dicir, apostar polos peixes de tempada, pola pesca de aquí, a galega, a máis local, e polas peixerías de calidade e de confianza nas que sabemos o que comemos.

—Outro problema grave son as especies invasoras que chegan de outros lugares do planeta. Cal é o seu impacto nas augas galegas e, particularmente, nas rías?

—Como falabamos antes, as especies invasores son unha problemática da que cada vez se fala máis e se estudia máis e se investiga máis. Ben é certo que debemos seguir apoiando a investigación neste ámbito porque é importante. Non todas as exóticas son invasoras, pero si que todas as invasoras son exóticas. Por definición son organismos que son exóticos, que non son autóctonos, que veñen de fóra, que son introducidos de diversos xeitos e que teñen un impacto nun medio natural ou semi-natural, que alteran ese ecosistema, neste caso o mariño. Producen, entre outras moitas cousas, unha pérdida da biodiversidade nativa ou autóctona.

Tendo esta definición presente, moitas especias invasoras están chegando ás nosas costas. Unha das entradas principais moi importantes son as augas de lastre dos barcos. Isto igual sona un pouco estrano porque nunca escoitamos falar delas. As augas de lastre dos barcos son litros e litros de auga que se lle meten no casco ao barco, nos barcos mercantes que transportan mercancías, e isto pasa todos os días en cantidades inimaxinables de barcos que veñen polas augas transportando diferentes mercancías. Son as augas que se meten nos barcos para que, cando cargan e descargan, que o barco estea estabilizado. Cando descarga o barco, bótaselle auga, metéselle auga do propio mar, e cando carga, descárgase. Entón, esas augas pode que se carguen nas costas de América e descárganse nun porto galego, e dicir, nesas augas veñen milleiros de organismos moi diferentes, dende crustáceos ata bacterias, que poden invadir e colonizar aquí, desprazando a biodiversidade e aumentando a toxicidade das augas porque moitas veces veñen augas con toxinas para as que os nosos peixes ou organismos non están preparados ou non teñen defensas. Ademais, as especias invasoras caracterízanse por unhas altas tasas de reprodución, por ser moi voraces á hora de consumir recursos e, entre outras cousas, por ser moi adaptables a diferentes medios, tanto contaminados como non.

Entón, como solucións, nós como cidadans que somos e nos preocupa o medio mariño do cal dependemos, temos que apoiar como ben dixen a investigación neste senso e despois tamen intentar controlar o que facemos. Polo tanto, cando nos mercamos un animal como mascota, temos que saber de onde provén, se é unha especie exótica que podería ser invasora ou non. Rexeitar ese comercio de animais e promover sempre o autóctono, o de aquí, para preservalo. Porque nós tamen temos enviado especies invasores a outros sitios, pero tamen nos chegan a nós, e hai milleiros de exemplos; incluso moitas veces para o comercio do consumo que comemos, pode ser Undaria pinnatifida, que é a alga wakame das costas asiáticas que se comezou a cultivar aquí e agora é unha problemática.

Imaxe da campaña de 2021 do Proxecto Ríos de AGEGA. / CEDIDA

—No verán do 2020 chegaron ás costas galegas especies como as forcas que non son habituais aquí. Por que ocorreu isto e que significado ten?

—As candorcas, moi mal chamadas “orcas asasinas” porque non son asasinas, son uns animais que teñen unha forma de alimentarse moi voraz, ben polo seu tamaño, ben polas súas técnicas de caza. Non é un suceso tan estraño nin tan raro que pasen polas nosas costas; o que pasa é que agora os medios sempre nos recordan o que pasou hai pouquiño, pero isto leva pasando moitos anos, xa que ás nosas costas chegan moitísimos animais dese tamaño ou desa especie e isto pode ser por desprazamentos tanto naturais como por busca de alimento ou por determinadas circunstancias que aínda están por estudar, cambios nas correntes, outros hábitos de alimento, ben dados polo cambio climático, ben por alteracións de seu hábitat ou ben por sucesos puntuais nas que buscan alimento e acaban nas nosas costas.

Ben é certo que recibiron moi mala prensa, pero é moi necesario unha investigación sempre previa destas cousas, unha boa campaña de educación ambiental e de sensibilización e un xornalismo de calidade, preparado e sabendo como se redacta un bo titular.

—Que especies mariñas teñen identificadas como as máis amenazadas en Galicia e que medidas se están tomando para protexelas?

—Cando falamos de especies mariñas sempre pode ser que nos veñan á cabeza os peixes, pero as aves mariñas tamén son consideradas especies mariñas porque, aínda que non viven directamente no medio acuático, dependen del estreitamente para a súa supervivencia. Hai moitísimas aves mariñas a día de hoxe ameazadas por moitos motivos. Un dos exemplos aquí en Galiza é a píllara das dunas, para a que agora mesmo hai un plan para protexela que se redactou e que se está levando a cabo. Este paxaro aniña nos solos de area das praias, que están moi alterados ben polo mal uso deles polo turismo ou pola excesiva presión das persoas neles. Entón ese pode ser un exemplo de especie ameazada que temos cuxo medio hai que intentar coidar ou, cando menos, respectar. Depois víronse moitos casos de moluscos ou de peixes ameazados moitas veces por especies invasoras como pode ser a crassostrea gigas, que é unha ostra moi grande que está desprazando ás outras. O mexillón tamén esta vendo a súa producción moi mermada e, dos mamíferos mariños, tamén quero destacar que precisan dunha especial mención vistos os datos dos úlitmos varamentos nas nosas costas. Moitas veces caen en redes de pesca, como falábamos antes, de arrastre e quedan enmallados e atorados. Aproximadamente estímase que trescentos mil mamíferos mariños ao ano morren nas costas por causas que non son naturais.

—Para vostede, cal sería a especie que está máis ameazada?

—En Galiza?

—Si.

—Descoñezo agora mesmo ese dato, pero é probable que sexan os mamíferos mariños e os cetáceos polas súas características e por estar na cadea trófica onde están e polo moito que lles custa, ademais, sacar adiante ás súas crías, xa que, probablemente, só teñan unha por ano reproductivo e por esta razón merecen especial atención.

—No caso de que algunha destas especies se extinguira, que tipo de consecuencias tería isto para o ecosistema?

—Eu estudiei a carreira de Bioloxía e sempre nos dicían que a extinción é a evolución, que é algo natural e que é un proceso polo que vai pasando o noso planeta e as especies que o habitan. Pero, claro, as extincións cando son esaxeradamente rápidas e pola nosa culpa, por causas antropoxénicas, ahí é cando temos que facer unha reflexión moi importante. Ademais hai algunhas especies que a día de hoxe están moi ameazadas. Entón, hai que facer conciencia social e que as administracións pulen por unha investigación para reintroducilas, para recuperalas ou para, simplemente, salvar o dano. Aínda que todas son importantes, dependendo da especie, pode ter un impacto ou outro.

Un caso moi estudado, aínda que non foi nas costas galegas, foi o das lontras mariñas. Debido a unha gran captura destras lontras, ben para consumo humano ou para peles, e xa que elas son as principais depredadoras dos ourizos mariños, houbo un descontrol destes ourizos porque se reproducen moi rápido. Debido a que case se chegou á extinción das lontras, os ourizos mariños comezaron a proliferar nos fondos e a arrasar con todo porque son tamén, como as candorcas, moi voraces na súa alimentación, debido a que comen todo o tempo e aliméntanse de toda a vexetación. Polo tanto, os fondos mariños, que antes estaban cubertos de bosques de algas e outros vexetais, acabaron por ser desertos de miles de quilómetros de area, todo plagado de ourizos. Polo tanto viuse que, gracias á recuperación das londras mariñas, conseguiuse volver a recuperalas para que volveran a cumplir a súa función no ecosistema. Isto pódenos pasar aquí en Galiza con moitísimas especies, e poden ser cadeas de infortunios que leven a colapsos do ecosistema mariño en moitos puntos.

—Unha das propostas que oímos doutros ecoloxistas é a creación de zonas protexidas. ¿Qué importancia tería a súa creación nas costas galegas?

—As áreas protexidas oxalá non tiveran que existir, porque estaría ben que todo fose igual de coidado, pero son enclaves moi importantes pola súa natureza ou pola súa situación xeográfica. Son moitos os factores que as fan lugares especiais en canto á biodiversidade. Albergan moita biodiversidade terrestre e mariña e, incluso ás veces, en sitios anecdóticos só queda alí unha especie única no mundo. Polo tanto, merecen especial atención. Son moi importantes porque grazas a conservar esta biodiversidade podemos facer que o ecosistema siga funcionando, que sigan sendo exemplo de sitios aos que queremos chegar e queremos que esa sexa o futuro das costas galegas. Ben é certo que a xestión ten que ser comprometida por parte tanto das administracións como das persoas que fan uso deses sitios e que non se volvan a dar casos como o que pasou coas navieiras ou co sobreturismo nas Illas Atlánticas. De ser sitios que deberían estar protexidos non deben convertirse en auténticos parques de atraccións nalgúns momentos. Entón, hai que volver a repensar como queremos eses espazos protexidos.

—E xa para rematar, que consellos nos daría para axudar a mellorar o futuro dos animais que viven mo mar? Que podemos facer nós?

—Nós podemos facer algunhas cousas moi importantes. Non somos os donos de todo isto, nin as donas. Non temos a solución para todo, polo que temos que descontextualizar ese pensamento que temos de que o ser humano é o centro. Non somos o centro. Queremos ser o centro, pero sí temos na nosa man a día de hoxe moitas alternativas e moitas solucións ou, mellor, alternativas. Principalmente debemos volvernos a conectar coa natureza, porque ultimamente parece que non sabemos de onde veñen as cousas, de onde ven o que consumimos, o que nos fai respirar, o osíxeno que precisamos para vivir. Polo tanto, debemos volver outra vez a poñernos as lentes de mirar a natureza e sentirnos parte dela, xa que grazas a ela estamos aquí. Polo tanto, iso é o primeiro: saber de onde veñen as cousas e a importancia que teñen. E para iso hai que velas porque en cidades de cemento non sabemos o que nos rodea e pensamos que os tomates veñen do super, cando os tomates veñen da terra. En segundo lugar hay que facer as cousas dende o amor, dende o sentimento de que ti queres preservar a natureza. Son pequenos cambios que cada persoa debería facer, algo que xa nos repetiron milleiros de veces, conseguir un modo sostible dos recursos, facer un consumo sostible e consciente dos recursos. Despois, debemos facer pequenos actos que, aínda que sexan simbólicos, fan moito, como participar nunha actividade de limpeza de praias ou de limpeza de ríos, algo que facemos en ADEGA. É un acto meramente simbólico porque non imos retirar en dous días todo o lixo do mar nin dos ríos, pero si podemos facer un acto simbólico do que é o que non queremos ver no noso medio mariño ou fluvial. Pero para quitar, primeiro estaría mellor evitar que ese lixo exista. Pero, finalmente, debemos facer pequenos cambios na nosa vida cotiá porque, se pouco a pouco todas as persoas conseguimos facelos, teremos unha vida moito mais plena, moito mais feliz e moito mais saudable, e todo estará na mellor das armonías que podemos buscar.