Impacto coronavírico

Da man dos epidemiólogos Fernando Simón e J. Antonio Taboada, das sanitarias Esther Fontenla e Alba Outeda, dos historiadores Ofelia Rey e Fernando J. Ponte, do director do Museo do Prado, Miguel Falomir, e do director do IES Rosalía, Xavier Mouriño, analízase en profundidade o impacto da pandemia de coronavirus

IRIA VILAR REGOS, DANIELA VEIGA PATO, PEDRO REY BLANCO Y ROI GARCÍA CONDE | Santiago de Compostela


Malia estar en pleno século XXI, de enviar naves a Marte e á lúa e de vivir en plena revolución tecnolóxica, cando ataca un virus como o SARS-Cov-2 a humanidade está atrapada como en 1348 coa peste negra: "Parece mentira que esteamos como na Idade Media, pero en efecto, o encerramento na casa ou non relacionarse con outras persoas ou manter o movemento da xente o máis minimizado posible era o mesmo que se facía antes. É que non quedaba outra", afirma de xeito contundente Ofelia Rei Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago (USC).

Un patóxeno virulento e letal

Ao principio, como relata Fernando Simón, Director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, foi todo moi repentino: "Dun día para outro pasamos de ter en dous sitios de España transmisión controlada, notificándose ao redor de 15 a 20 casos diarios con incidencias moi baixas en todo o territorio español, a ter 700 e pico casos nun só día. Un cambio tremendo".

Ese impacto provén, segundo Simón, dunha mutación xenética dun virus de orixe animal que "lle permitiu transmitirse entre humanos, aínda que aínda non está confirmado". Empezou en China, aínda que non está moi claro como puido chegar o virus do animal ao ser humano. O que si é evidente para o epidemiólogo é que "a relación entre os animais vivos e os humanos é en China moito máis próxima que a que temos aquí e iso, obviamente, pode favorecer o que, se un virus entra neses animais, poida chegar ao ser humano".

O principal problema que se tivo foi o descoñecemento do virus nos inicios da pandemia, como se pode apreciar nas palabras de Xavier Mouriño, director do IES Rosalía de Castro: "Houbo unhas instrucións evidentemente desde a Consellería e nós organizamos en función desas instrucións a actividade académica a distancia [...] Cando pechamos pensabamos que ían ser só 15 días". Este descoñecemento tamén se produciu en pandemias do pasado como comenta Ofelia Rei: "Cando se produciu a peste negra, en torno a 1348, o que se coñecía do mundo era o mundo europeo; ignoramos que era o que pasaba noutros sitios". Con todo, hoxe en día a información corre tan rápido como a velocidade de propagación do virus, chegando a todas partes e supoñendo un reto para os científicos e para a poboación.

Datos dunha enquisa realizada entre alumnado da ESO do IES Rosalía durante o mes de marzo de 2021. / I.V. & P.R.

Primeiro asalto devastador

Ao comezo da primeira onda o inimigo invisible non entrou fácilmente no radar dos médicos: "As persoas que tiñan tos e febre o primeiro que pensaban era que tiñan gripe", recorda Fernando Simón. Por iso foron aparecendo cada vez máis casos de algo que estaba arrasando con todo e que provocou moitos cambios en todo o sistema sanitario.

Parecía non haber forma de protexerse ante esta xigantesca e repentina catástrofe, ninguén estaba verdadeiramente preparado e os comezos da pandemia foron moi duros: "Foi moi difícil para nós, con moitísimo medo polo descoñecemento da enfermidade", afirma Alba Outeda, enfermeira na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) no Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que describe os inicios como unha urxencia nunca antes vista: "Recordo que en maio chegou o exército ao hospital; era un panorama moi desolador, porque non tiñamos a ninguén, non había pacientes e tiñamos varias brigadas militares camiñando polo vestíbulo do hospital comprobando que todo estaba ben. A nós esa imaxe asustounos moito porque tiñamos alí o exército, algo que nunca viramos". Un medo e unha tensión que comparte con Esther Fontenla, médica no barco Esperanza do Mar e infectada a bordo polo virus: "O non saber como vai evolucionar esta enfermidade xera ansiedade e preocupación por ti e polos demais compañeiros".

Pero este medo non é algo só do presente. Ofelia Rei calcula "que no norte da península morre a cuarta parte da poboación" durante o ataque pestífero de 1598. Por iso, comparándoas co número de mortes desta pandemia, a historiadora afirma que "estamos falando de taxas de mortalidad ridículas comparadas con aquelas".

Pero o coronavirus tamén golpeou moi forte á economía mundial e á española máis en concreto, tal e como indica o doutor Simón, que tamén menciona os problemas xerados na saúde mental da xente: "Foi unha decisión na que tiñamos a seguridade de que para controlar a epidemia había que reducir a mobilidade das persoas moito, pero sabiamos que reducir a mobilidade das persoas tiña implicacións sociais e económicas moi graves. Son decisións moi difíciles, pero non as tomo eu, tómaas o goberno. Nós simplemente propoñemos o que consideramos que se debe facer e ofrecemos alternativas como que habería que facer isto ou isto ou isto, pero son eles os que deciden cal desas opcións van elixir. O certo é que son momentos moi duros. Hai moitas empresas que han ter que pechar e houbo moita xente que ía ter problemas de sociabilidade; houbo un impacto importante na saúde mental da poboación española". Debido a que houbo que tomar medidas e restricciones moi fortes, moitas actividades consideradas non esenciais, como o turismo ou a cultura, tivéronse que suspender: "O impacto máis evidente da pandemia no Museo do Prado é unha moi forte caída do número de visitantes, que son nun 65-70% estranxeiros. Logo de tres meses pechados volvemos reabrir o 6 de xuño e, desde entón, practicamente só os madrileños puideron achegarse ao Museo. Iso resultou nunha caída de cifras espectacular que levou aparellado un descenso moi forte nos ingresos do museo", lamenta Miguel Falomir, director desta institución madrileña.

Pero nesta primeira onda tamén sufriu confinamiento todo o sistema educativo, como explica o director do IES Rosalía Xavier Mouriño: "Era a primeira vez que se organizaba así unha educación a distancia e esa organización levounos un tempo. Temos ao redor de 1.100 alumnos e tiñamos 112 profesores, polo que era necesario poñer en marcha todo un aparello de educación a distancia que non estaba montado. E iso levounos 15 días. Nós a principios de abril xa tiñamos montado un edificio de educación a distancia, unha plataforma en internet, para axilizar esa educación online". Nunca antes se viviu algo así e a chegada do virus a España e a outros moitos países foi moi rápida. E todo se tivo que organizar con présa e sobre a marcha, como confesa o doutor Simón: "Unha vez que se soubo a transmisión real que había en España os sistemas sanitarios empezáronse a saturar moi rápido e, polo tanto, unha medida de choque moi grave e moi forte como o confinamiento total teríamola que tomar de todos os xeitos para que o noso sistema sanitario non se saturase e non chegara ao límite. E aínda así estivo a piques de chegar ao límite".

Dous alumnos do equipo de 1ºESO C do IES Rosalía realizando un experimento sobre a eficacia das máscaras. / D. V. e R. G.

Defensas contra un virus arrasador

Tras a chegada desta primeira onda terrible houbo que tomar medidas para a protección da cidadanía e do país, aínda que algunhas, como recorda Fernando Simón, eran imposibles: "A máscara non se puido propoñer porque non había máscaras en todo o mundo. Desgraciadamente o sistema de produción que temos agora mesmo é que case todo o produce un só país, China, que era o único produtor mundial de máscaras cirúrxicas e máscaras FFP2. Ademais, o día 23 de xaneiro ese país decidiu que prohibía a exportación de calquera tipo de material necesario para a pandemia". Por motivos como este e polo descontrol da situación decidiuse proclamar o estado de alarma, establecer o confinamiento e poñer normas moi estritas para intentar parar as mortes e os contaxios: "Nas primeiras ondas, porque esta é unha enfermidade que afecta dunha forma máis grave ás persoas de idade máis avanzada, tiñamos un número de ingresos hospitalarios na UCI moi elevado de persoas maiores de oitenta anos", comenta José Antonio Taboada, xefe do servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade e un dos principais responsables do control da pandemia en Galicia.

Pero estes métodos de enfrontarse á infección non son novos. Lévanse utilizando desde hai tempo: "Nos debuxos que se ven da peste negra, os médicos vestían cun traxe longo, cunha máscara de pico e cunha especie de lentes. Salvando os 700 ou 600 anos que transcorreron, a aparencia era bastante similar á que temos nós esta tempada. Empregábanse lentes, máscaras en forma de pico onde poñían sustancias aromáticas e túnicas de protección. Curiosamente, non cambiamos tanto", indica Fernando J. Ponte, pediatra e profesor de Historia da Medicina na USC.

Algo que viviu en primeira persoa a enfermeira Alba Outeda, que estivo en primeira liña fronte aos infectados de coronavirus desde o primeiro momento: "Ao principio de todo non sabiamos a necesidade de protección; pensamos que era unha enfermidade que só se contaxiaba por vía respiratoria, polo que usabamos soamente máscaras. Co tempo, fomos comezando a adaptar os EPI: empezamos con batas desbotables moi lixeiras, que non protexen, e despois pasamos ás lavables, que tiñan un tacto máis plástico. Tampouco tiñamos moitos gorros e poñiamos bolsas na cabeza. Como tiñamos tanto medo, poñiamos bolsas de lixo ata os xeonllos para que non se nos manchase o pixama e non contaxiarnos. Poñiamos tamén triplas luvas e triplas máscaras. Agora ímonos adaptando un poquito máis ao que sabemos".

Pola súa banda, a médica Esther Fontenla conta a súa experiencia coa pandemia a bordo dun barco no que se contaxiou de COVID-19: "O que nos pasou a nós é que antes de embarcar fixemos unha proba de PCR, pero tardamos uns cantos días en saír, co cal estivemos en terra facendo a vida que facemos todos. Nese sentido, embarcamos e, aos poucos días, despois do período de incubación da enfermidade, empeza o contaxio. O que ocorreu é que o foco inicial foi asintomático e non nos decatamos. Así foi como se creou o gromo. A garda non hai que baixala nunca, nin agora que estamos empezando coas campañas das vacinas. Hai que ter moito coidado, porque ata que non esteamos inmunizados a maior parte da poboación, o risco está aí".

Unha inmunización que leva facéndose desde hai varios séculos, tal e como confirma a historiadora Ofelia Rei: "Da varíola había tratamento e sábese que desde o século XVII utilizaban inoculación; é dicir, pinchar virus dunha persoa infectada a outra persoa para facela inmune". Hoxe en día avanzouse ata conseguir unha eficacia case total, como a que teñen as vacinas de ARN mensaxeiro, aínda que, de momento, segundo o doutor Taboada, "as vacinas non van ser a solución total, porque sabemos que unha persoa vacinada aínda pode infectarse, aínda que normalmente as patoloxías serán máis leves e, polo tanto, poden contaxiar a outras persoas".

Fatigados cara á nova era postpandémica

A pesar do avance na vacinación, un dos efectos que ten a COVID-19 na poboación é a fatiga pandémica: "Hai xente que está farta e van estar fartos de aquí ata que isto se acabe", comenta preocupado o doutor Simón, engadindo que as medidas tomadas "permitiron que o resto da poboación entendese que, se conseguimos controlar a transmisión, teremos unha situación mellor", o cal "é unha das formas eficaces de controlar fatiga pandémica".

Esta enfermidade tamén tivo un gran impacto nas relacións sociais: "Por suposto, falta o contacto físico, pero coa situación COVID tampouco o podemos establecer moito. Nós estamos tan afeitos a esa falta de contacto coa familia, que o levamos un pouquiño mellor na situación actual", afirma Esther Fontenla, quen pasa moitos meses fóra da súa casa.

E a volta a unha certa normalidad depende do que se coñece como inmunidad de rabaño, pero, como advirte o doutor Taboada, isto non supón levantar a garda: "Seguir mantendo as medidas de prevención, como a utilización de máscaras, é fundamental. E eu diría que o que máis vai contribuír a unha volta á normalidade son as vacinas. A medida que vaiamos administrando as vacinas a un maior número da poboación, a nosa sociedade verase menos implicada nestes problemas e poderemos ir regresando progresivamente a unha certa normalidade. Pero que ninguén pense en sacarse xa a máscara; hai que ir aos poucos segundo se indique".

Pero a vacinación do 70% ou de toda a poboación do país non será suficiente para terminar co SARS-Cov-2 de xeito definitivo, como advirte o inmunólogo Fernando Simón: "Temos que ser solidarios con todo o mundo e o noso obxectivo non ten que ser só vacinarnos a nós. Obviamente, a nós interésanos vacinarnos primeiro, pero logo temos que colaborar cos 7.600 millóns de habitantes do planeta para conseguir que se vacine a case todos".

Finalmente, desta experiencia posiblemente sobrevivan algúns costumes ou comportamentos que dificulten a propagación futura de epidemias similares, tal e como anticipa Fernando Simón: "Unha persoa con tos e febre non ten que irse a traballar e transmitir o virus aos demais, senón que ten que quedarse na casa e, como mínimo, utilizar máscara. Todo iso antes parecíanos unha cousa que só os xaponeses podían facer, pero agora podemos aprender cambios de comportamento e que, se enfermamos, temos que ser conscientes do risco ao que expoñemos aos demais e, polo tanto, debemos tratar de evitar ese risco. E iso cambiará algunhas das nosas costumes e algúns dos nosos hábitos no futuro".


En suma, malia os terribles efectos deste virus diminuto, a humanidade, como xa fixo outras veces ao longo da historia coa peste negra ou a varíola, adaptouse con dificultades a esta urxencia sanitaria: "Na crise do cólera de 1853, o gobernador da Coruña e o alcalde tiveron unha loita: o alcalde quería defender a economía, optando por ter todo aberto, e o gobernador dixo que había que ter todo pechado, porque pensaba na provincia. E decidiu o gobernador, e tiña razón. E todo aquel que intentase saír da cidade sen permiso podía ser, simplemente, fusilado no momento", afirma con contundencia a historiadora Ofelia Rei. Un problema que se pode comparar coa controversia entre diferentes sectores da sociedade española na actualidade. Non importa o tempo que pase e que os costumes se suavizaran en pleno século XXI, porque un virus microscópico pode encerrar á especie máis evolucionada da terra na casa tres meses dun día para outro. Os seres humanos seguen baixo ameazas que están fóra do seu control, aínda que avances como as novas vacinas de ARN mensaxeiro abren un camiño á esperanza dun futuro sen pandemias.