José Antonio Taboada Rodríguez (Chantada, Lugo, 1952) é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia e xefe de servizo de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade. Mirando cara adiante o doutor Taboada está seguro de que “o que máis vai contribuír a unha volta á normalidade son as vacinas”, pero tamén avisa de que “seguir mantendo as medidas de prevención, como a utilización de máscaras, é fundamental”.
—Ao longo deste ano houbo moitas especulacións sobre a orixe do virus. Vostede pódenos contar de primeira man como se orixinou a COVID-19 e por que se expandiu tan rapidamente?
—É un virus que hoxe en día non se sabe de onde procede, pero a hipótese máis probable é que veña dalgunha parte de China, pero aínda non está confirmado. Este virus expandiuse moi rápido porque é unha enfermidade extremadamente contaxiosa que se transmite por vía aérea, o cal é moi difícil de controlar. Entón, estendeuse por todo o mundo converténdose nunha pandemia.
—Respecto a outras comunidades autónomas e á organización e xestión da pandemia, que fixo diferente e destacable Galicia do resto das comunidades de España?
—Todas as comunidades autónomas de España xestionaron a pandemia dunha forma parecida, aínda que Galicia fixo un esforzo especial no seu control, na súa prevención e na administración das vacinas. Isto, xunto a que a nosa poboación está bastante dispersa, axudou á prevención do virus. Tendo en conta estas características, Galicia fixo unhas boas políticas e estratexias fronte ao coronavirus.
—Moitas veces danse datos e gráficas expresando os contagios, as mortes ou a incidencia. Vemos que Galicia, comparada con outras comunidades, tivo datos máis baixos respecto a a expansión do virus en cuestión de mortes ou contagios por número de habitantes. A que se debe isto e por que as estatísticas galegas son mellores que as doutras comunidades?
—Galicia estivo en gran parte da pandemia por baixo da media de contagios do Estado español e agora mesmo seguimos estando nunha incidencia bastante máis baixa. Probablemente, isto débese ás estratexias e políticas que seguimos en Galicia e ás características socio-demográficas desta comunidade autónoma que, en certa medida, contribuíu a que o virus non se estendese como noutras comunidades do Estado español. Se a isto xuntámoslle que a maioría dos galegos cumprimos as normas de prevención fronte á COVID, melloramos as nosas estatísticas e non nos afecta tanto a pandemia.
—Todos coincidimos en que estes tempos están a xerar moita tensión. En que momento da pandemia houbo máis tensión nas UCI e de que forma se afrontou?
—Nas primeiras ondas, porque esta é unha enfermidade que afecta dunha forma máis grave ás persoas de idade máis avanzada. Tiñamos un número de ingresos hospitalarios en UCI moi elevado de persoas maiores de oitenta anos. Agora xa temos vacinados a un gran grupo desas persoas maiores e, por tanto, os ingresos están a equilibrarse nestas persoas, aínda que aínda temos moitas persoas nas UCI e necesitamos eses espazos para atender a persoas con outras patoloxías
—Ao longo da pandemia houbo moitos comentarios negacionistas e manifestacións en contra das medidas COVID. Como afectou isto á sanidade e ás estatísticas galegas?
—En Galicia temos unha sociedade moi sensata e as posicións negacionistas non teñen a mesma importancia que noutras comunidades autónomas e noutros países. Eu diría que a inmensa maioría da poboación acepta a realidade, porque isto non son impresións, é ciencia e son datos, e, por desgraza, está aí aínda que non nos guste. As posturas negacionistas o único que fan é empeorar a situación, axudar á propagación do virus, evitar que solucionemos isto antes e que moitas persoas padezan a enfermidade e poidan chegar a falecer. Temos que combater estas posturas con argumentos, con realidades, con datos… pero sabendo que vai seguir existindo unha porcentaxe pequena de negacionistas.
—En marzo do 2020 confináronnos a todos a mediados de curso e, ata o curso seguinte, non puidemos volver ás aulas presencialmente. De que modo xestionaron a volta aos colexios e que medidas levaron a cabo para que o virus non se expandise bruscamente?
—Nos colexios xúntanse moitos alumnos e profesores e, evidentemente, é unha zona de risco para que o virus transmítase de forma aérea. E iso foi o que xustificou o peche destes lugares. Eu entendo que isto era o necesario naquel momento pero co paso do tempo fóronse abrindo progresivamente e esperemos que non haxa motivos para volver pechalos. A partir de agora estamos nunha situación que vai ir aos poucos mellorando.
—Que diferenza hai entre a cepa normal e as outras variantes do SARS- CoV-2, de que modo afecta á situación sanitaria galega nestes momentos e como se prevé que o faga no futuro?
—Todos os virus teñen a capacidade de ir cambiando. É un mecanismo que eles teñen para protexerse e poder sobrevivir. Hai algúns, como o da sida, o VIH, que son moi variables, pero os coronavirus non son virus que se modifiquen moito. Con todo, hai veces que si que cambian, como está a pasar, e agora mesmo hai diversas cepas. Aínda non se sabe moito especificamente sobre isto, pero si é certo que algunhas cepas como a británica son máis transmisibles que a cepa orixinal ou as súas modificacións dificultan a eficacia das vacinas. En España ou en Galicia, aínda que temos unha porcentaxe moi baixa destas cepas, si que temos uns poucos casos da cepa británica, da brasileira ou da surafricana, pero porcentualmente teñen pouca relevancia.
—De todas as cepas que tivemos en Galicia, cal foi a que máis nos afectou e por que?
—A primeira, porque se foi transmitindo das formas que antes comentamos; mentres non chegaron as outras cepas non tiña competencia e por agora a maior parte dos casos diagnosticados que temos son da cepa orixinal.
—Co motivo de salvar o Nadal os contagios e as mortes subiron. Por que se tomou esta decisión e non houbo outro confinamento como cando aumentaran os contagios ao principio da pandemia?
—As autoridades sanitarias toman as súas decisións en base aos datos que temos; pero non son insensibles ás demandas e necesidades sociais. Á nosa sociedade gústalle interrelacionarse, gústalle reunirse coas súas familias e cos seus amigos. Entón, considerouse que nestas datas tan relevantes na nosa sociedade poderíanse relaxar algo as medidas. Todos sabemos as consecuencias e que, efectivamente, deu pé a que aumentasen os casos despois destas medidas algo máis permisivas. Por iso, máis adiante tivemos que volver a esas restricións máis duras que empregamos no pasado. Tamén se falaba de Semana Santa e aquí en Galicia parece ser que aumentaron os casos dunha forma controlable e pouco esaxerada comparado con outros lugares do Estado español.
—Con todas as vacinas que estamos a usar en Galicia, cando cre que teremos a máis do 70% da poboación galega vacinada e alcanzaremos a desexada inmunidade de rabaño?
—Isto vai depender das vacinas que recibamos. A nivel da Unión Europea houbo un acordo da compra de vacinas para todos os países desta asociación que despois se reparten entre si proporcionalmente, e dentro do Estado español as vacinas que nos tocaron redistribúense cos mesmos criterios. Na medida que teñamos doses suficientes, nós temos a capacidade en Galicia de vacinar rapidamente. Eu diría que chegaremos antes do verán cunha situación bastante boa de vacinación, porque teremos vacinadas á maior parte das persoas de idade máis avanzada, a xente maior de 60 anos, e a algún grupo de risco. Xa temos vacinados unha porcentaxe de corpos esenciais como aos profesores, pero non a todos. A finais de verán probablemente chegaremos a ter vacinados ao 70% ou 75% da poboación, pero isto só vaise a poder cumprir se nos facilitan doses.
—Vistos os casos de tromboses que parece ocasionar a vacina de AstraZeneca, por que seguimos vacinando á xente con ela e cales son as alternativas?
—A vacina AstraZeneca é unha vacina que nos ensaios clínicos demostrouse segura e é unha vacina que, como todos os medicamentos, sempre ten algúns riscos. Vacináronse aproximadamente a unhas 30.000.000 de persoas e déronse uns 200 ou 300 episodios de trombos, non todos atribuídos á vacina, porque estes casos danse na vida normal case con igual frecuencia. Pero si que é certo que, unha vez rexistrados estes casos, as autoridades sanitarias que garanten a seguridade das vacinas, en Europa a Axencia do Medicamento, no Estado español, a Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, chegaron á conclusión de que o beneficio que achegaba vacinar á nosa sociedade era moi superior ao risco que conlevaba. Expresado gráficamente, nunha comunidade tan pequena como a nosa levamos 2.400 mortos polo coronavirus e falei antes de que a vacina en 30.000.000 de persoas orixinou sobre 200 ou 300 casos, e non todos atribuídos á vacina, e moitos deles non faleceron, soamente un 15%; porque se se diagnostican rápido estas patoloxías son solucionables coa medicación que temos. Entón, temos dúas opcións: non vacinar ou vacinar, pero todos pensamos que o que hai que facer é vacinar polo que dixen antes: o risco é moito menor que o beneficio.
—Que valoración global fai do seu traballo como xefe de servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade durante todo este período, e cales foron os seus maiores acertos e os seus erros máis grandes?
—O labor que se fixo por parte das autoridades sanitarias en xeral foi acertada e, ademais, reflíctese nos resultados. Seguramente poderiamos facer algunhas cousas mellor, pero estamos a falar dunha pandemia que é a primeira vez que se orixina e á que tiñamos que dar unha resposta rápida e sen coñecementos adquiridos anteriormente fronte a ela. Seguramente habería cousas que se poderían mellorar, pero, en xeral, eu diría que son moi aceptables as solucións que se deron.
—Cal cre que será a clave para volver a unha certa normalidade e cando cre que ocorrerá isto?
—Seguir mantendo as medidas de prevención, como a utilización de máscaras, é fundamental. E eu diría que o que máis vai contribuír a unha volta á normalidade son as vacinas. A medida que vaiamos administrando as vacinas a un maior número da poboación, a nosa sociedade verase menos implicada nestes problemas e poderemos ir regresando progresivamente a unha certa normalidade. Pero que ninguén pense en sacarse xa a máscara; hai que ir aos poucos segundo se indique. As vacinas non van ser a solución total, porque sabemos que unha persoa vacinada aínda pode infectarse, aínda que normalmente as patoloxías serán máis leves e, polo tanto, poden contaxiar a outras persoas. Entón, todas estas medidas de prevención e as vacinas son as grandes esperanzas para volver a unha normalidade.