Xavier Mouriño

Director do IES Rosalía de Castro

O profesor Mouriño no claustro do IES Rosalía de Castro. / D. V.

“O reto máis importante da pandemia foi poñer en marcha o curso 2020-2021”

O profesor conta a súa experiencia como parte do equipo directivo en tempos de pandemia pola COVID-19 e compara a situación con outras vividas nos seus case trinta anos como directivo do centro

DANIELA VEIGA PATO E IRIA VILAR REGOS | Santiago de Compostela

Xavier Mouriño Cagide leva no IES Rosalía case dende que saíu da Facultade de Filoloxía da USC e aprobou as oposicións de profesor de Lingua Galega e Literatura. Leva sendo parte do equipo diretivo como secretario do centro dende o ano 1992, e foi responsable de retos coma a implantación da ESO, dos Ciclos Formativos de Formación Profesional e da construción do pavillón polideportivo. O seu cargo como director exérceo dende hai dous anos e recorda que, tras case tras case trinta anos no equipo directivo, esta “era a primeira vez que se organizaba así unha educación a distancia”. Confesa que "nunca houbo unha situación así, entre outras razóns, porque nunca viviramos isto".

—En todos os anos que leva no equipo directivo, cales foron as situacións con dificultades semellantes ás da pandemia e, comparándoas, que tivo e ten de especial esta do impacto da COVID-19?

—Eu levo no equipo directivo dende o ano 1992, e o certo é que non houbo ningunha outra situación que presentase as mesmas dificultades, nin semellantes; non hay nada parecido. É certo que houbo situacións de poñer en práctica proxectos: cando se incorporou aquí a Formación Profesional, no ano 1997; cando se incorporou a Educación Secundaria, no curso 97-98; e tamén despóis o Bacharelato. Houbo proxectos que se puxeron en marcha, pero non houbo nunca unha situación semellante á situación de pandemia e o curso pasado con ese confinamento de final de curso de tres meses. Este ano a organización deste curso foi moi complicado. Quero dicir que nunca houbo unha situación así, entre outras razóns porque nunca viviramos isto. O confinamento levounos a unha educación a distancia que antes nunca se fixera e, ademais, nun centro con alumnado moi numeroso e cun cadro de persoal e de profesores tamén moi numeroso. Polo tanto, iso significa moitísimo esforzo e moitísimo traballo. E a organización deste curso que, dende setembro, foi moi complicado, pero, afortunadamente, está saíndo todo ben.

—O edificio é moi antigo, ten máis de 400 anos. De que xeito cre vostede que as istalacións están en condicións para aplicar as medidas de seguridade correctamente e que medidas tiveron que adoptar para cumplilas?

—Si, o edificio ten efectivamente 400 anos, e unha comunidade de abellas que está alí pode dar fe deses 400 anos; non é que esas abellas teñan 400 anos, pero esa comunidade leva ahí dende os inicios, dende que se fundou este edificio. Eu creo que o edificio aporta vantaxes, como a ventilación. As aulas teñen ventás que están enfrontadas ás portas e, polo tanto, hai unha ventilación cruzada que eu creo que favorece que o aire estea sempre limpo e, polo tanto, o contaxio non se produciu. É certo que tamén ten outras desvantaxes como o número reducido de espazo das aulas, e iso levounos a que, para situar os postos escolares a unha distancia de 1,5 m., haxa aulas de só 10 ou 15 alumnos. As nosas aulas son moi reducidas e, que teñan máis de 20 alumnos, só hai 4 aulas exclusivamente. Iso levounos a que tiveramos que pasar o Bacharelato para a tarde. De 30 grupos de ESO e Bacharelato que tiñamos nun curso normal antes da pandemia, tivemos que pasar a ter moitos máis grupos, 7 máis no bacharelato e na ESO; é dicir, pasamos de 30 a 42 grupos.

—Dende o comezo da COVID-19, que decisións tomaron que cambiaran de forma notable o funcionamento do centro?

—Cambiamos para poder organizarlo. O que cambiou foi facer dúas quendas, é dicir, unha quendá de mañá, con toda a Educación Secundaria de primeiro a cuarto e o ciclo de Actividades Físicas e Deportivas, e pola tarde, os 21 grupos de Bacharelato máis a Educación para Adultos. Tanto o Bacharelato para Adultos coma a ESO de Adultos e no caso dos ciclos formativos, o ciclo de Turismo e os ciclos de Animación Sociocultural e Turística, que tamén van pola tarde pero no caso dos ciclos de Formación Profesional si é a distancia, porque non tiñamos aulas para acoller aos 30, 28 ou 31 alumnos que hay neses ciclos e, polo tanto, os únicos que manteñen neste momento a educación semi presencial son os ciclos formativos.

—Como recorda eses primeiros momentos de marzo de 2020 nos que se soubo que había que pechar o instituto e como reaccionou todo o mundo?

—Eu recordo o xoves 12, ao mediodía, escoitando ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, falando precisamente de que se ían pechar os centros; é o que recordo. Pechábanse os centros a partir do luns, pero o venres era xa voluntario para as familias que acudisen ao centro, ou non, os alumnos. O que decidimos foi xa organizar como fariamos ese venres, e decidimos que ese venres se suspenderan xa todos os exames e fomos por todas as clases informando de que, a partir do luns se suspendían as clases e entrabamos nun confinamento. E o certo foi que nese momento organizamos como contactar cos estudantes, que é o que iamos facer a partir do luns e tíñamos que prepararnos para contactar con eles para seguir dando esa educación que facemos aquí pero que agora temos que pasar a distancia. E o que fixemos foi iso: organizar o día seguinte unha Comisión de Coordinación Pedagóxica para tomar as medidas oportunas e recoller todo tipo de correos que tiñamos do alumnado, un correo “@iesrosaliadecastro.org”, e pasarllo a todo o profesorado para que, a partir dese momento, tivesen esa maneira de contatar con eles.

—En que medida foron estes cambios e decisións tomados polo equipo directivo só ou por ordes recibidas da Consellería e como foron eses meses de confinamento estricto?

—Houbo unhas instruccións evidentemente dende a Consellería e nós organizamos en función desas instrucións a actividade académica a distancia. O que ocorreu foi que era a primeira vez que se organizaba así unha educación a distancia e esa organización levounos un tempo. Temos arredor de 1.100 alumnos, tiñamos 112 profesorese entón tiñamos que poñer en marcha todo un aparato de educación a distancia que non estaba montado, e iso levounos 15 días, aproximadamente os 15 días previos á Semana Santa. Ns a principios de abril xa tiñamos montado un edificio de educación a distancia, unha plataforma en internet para axilizar esa educación a distancia, pero tamén hai que saber que cando pechamos pensabamos que íamos estar pechados por 15 días, pero tiñamos programada unha avaliación para finais de marzo e pensamos facer incluso esa avaliación. Pensabamos que ía ser por 15 días e, ao final, foi por un trimestre, ata final de curso. Excepto os de Bacharelato, que tiveron clases voluntarias a partir do 25 de maio porque abrimos o centro para que eles remataran aquí o curso. Entón, a partir do 25 de maio organizamos clases pola mañá para todos os de segundo de Bacharelato.

—O tempo no que estivemos en cuarentena e confinados o centro tivo que estar pechado. Cales foron as actividades que lle resultaron máis difíciles de coordinar tanto co alumnado como co profesorado e por que?

— Primeiro foi montar ese edificio, despois, dificultades. Todo foi colaboración: por parte do profesorado, das familias, do alumnado, e do persoal non docente. É dicir, que houbo colaboración por parte de todos. Todos sumamos para que ísto, o confinamento e a educación a distancia, resultasen o máis positivas posible. Houbo moita axuda, incluso por parte da Administración, que nos aportou tamén material e kits de ordenador e conexión a Internet para ofertar a aqueles estudantes que non tiñan ordenador ou conexión. O certo é que o alumnado do noso centro, en xeral, ten boa conexión e todos teñen recursos tecnolóxicos para poderse conectar á educación a distancia. Afortunadamente, nese sentido houbo que aportar moi poucos recursos.

— Cando abriu o centro en maio para os alumnos de Bacharelato, por que non tamén para os alumnos da ESO?

—Porque as instrucións que enviou a Consellería eran de reapertura de forma voluntaria para o alumnado exclusivamente de segundo de Bacharelato con aquela intención de que preparasen a selectividade. E supoño que tamén para saber como funcionaba o centro con pouco alumnado. Supoño que tamén a administración tiña ese interese en saber se con pouco alumnado se podía traballar, xa que neses momentos estaban os postos escolares separados a dous metros. E sería para ver que sucedía, para a ver se podía haber contaxio ou non. O certo é que aquí foi de maravilla. Organizamos un horario de mañá exclusivamente e tiñan o luns e os mércores as materias comúns, os martes e xoves as materias troncais, es os venres as optativas. E a verdade é que foi todo un éxito e estiveron aquí moi contentos. Tiñamos 7 grupos de Bacharelato e tamén despois foi un éxito na selectividade, porque aprobaron todos.


Xavier Mouriño nun aula do IES Rosalía de Castro / D. V.

—De que modo influíu o confinamento no rendemento académico dos estudantes?

—Si que afectou ao rendemento porque, segundo as instrucións da Consellería, o curso rematara no segundo trimestre, é dicir, que en marzo rematou o curso. Entón, o traballo e todo o que se realizou a posteriori, durante os últimos tres meses de confinamento, era repaso e recuperación de todo o traballo realizado anteriormente. Entón, aínda que no noso centro e, sobre todo en Bacharelato, se avanzou en contidos por aquelo de que os alumnos ían á Selectividade, o certo é que as instrucións dicían claramente que había que rematar o curso aí no segundo trimestre, polo tanto quedaban todavía os contidos do terceiro trimestre que, dalgún xeito quedaron sen dar. E é certo que houbo dificultades para algún tipo de conexión, xa que a educación a distancia tamén ten as súas dificultdes, polo que este ano notouse. a principio de curso incidiuse, sobre todo, en repasar e recuperar aqueles contidos que non se deran no terceiro trimestre do curso pasado.

—Na súa opinión persoal, cre que como o curso remataba na segunda avaliación, afecta ao principio de curso deste ano?

—Si, si, claro que afectou. E había tamén instrucións por parte da Consellería en ter en conta eses contidos que non se deran e de intentar recuperalos para poder avanzar este curso. O que si que é certo é que se tiveron en conta e eu creo que ao longo do primeiro trimestre se foron traballando todos eses contidos e eu creo que agora podemos dicir que están recuperados.

—A pandemia produciu un gran impacto sobre a nosa economía. Polo tanto, o diñeiro que se distribuía aos centros supoñemos que baixou. De que maneira impactou a crise da economía que se produciu durante a pandemia neste instituto?

—É certo que en canto aos cartos que nos enviaron e que nos envían cada ano natural, aportaron os mesmos cartos que tivemos no ano 2020. Por outro lado, pola pandemia, si que nos aportaron cartos complementarios porque, efectivamente, houbo gastos que, pola pandemia, nos vimos obligados a facer, coma os da hixienización e seguridade, que con iso hai unha morea de gastos a maiores. Noutros aspectos, aquí non afectou ao que é a economía. O que si nos afectou a todos foi en canto ao estado emocional. É de supoñer que haxa familias que o estean pasando mal, xa que me consta que si, pero en canto ao presuposto do centro si que non afectou.

—Unha vez que se volveu ás aulas en setembro de 2020, como se tiveron que organizar e que medidas se tomaron fronte aos casos de coronavirus no centro?

—As medidas que se tomaron foron as que marcou a propia administración: a separación de 1.5 m. entre os postos escolares; a ventilación, que como sabedes ao longo de todo o curso están as ventás e portas abertas e, polo tanto, hai unha ventilación extraordinaria no centro; as medidas de hixiene das mans, polo que hai xel hodroalcohólico en todas as aulas e tamén nas entradas de acceso ao centro e, incluso, nós procuramos que cando entredes aquí, tanto a primeira hora da mañá coma a primeira hora da tarde os de Bacharelato, que todos entren no instituto con limpeza xeral de mans; depois están o papel e os desinfectantes para limpar os postos de traballo cando cambiades de aula, xa que vos incorporádes a uns postos que foron usados por outras persoas, ben sexa nas aulas, nos laboratorios ou nas salas de ordenadores, polo que hai que limpar eses postos de traballo e, evidentemente, o servizo de limpeza está entre as quendas facendo un esforzo extraordinario para ter sempre limpos os postos de traballo, as mesas de profesores, encerados, pomos das portas, ventás... Hai un sobre esforzo do servizo de limpeza para que todo estea sumamente limpo.

—De que xeito se tomaron decisións en conxunto con outros centros para organizarse e como influíu isto para planificar o actual curso escolar?

—Cos outros centros o que se acordou sobre todo foi a principio de curso, que pedimos os centros de Santiago, aínda que despois incorporáronse moitos outros centros, pedimos á Consellería de Educación que se atrasara unha semana o comezo de curso, porque, cando soubemos que tiñamos que tomar certas medidas como o 1,5 m. entre os postos escolares, tiñamos que organizar os centros educativos con moita presa, entón non daba tempo para comezar o curso o 17 de setembro. Entón si que houbo cordinación entre os diferentes centros de Santiago para solicitar ao Conselleiro que nos dese un prazo dunha semana para iniciar o curso máis tarde.

—Cales foron os maiores retos para organizarse durante este curso 2020-2021 e como valora o que se leva conseguido durante este ano de pandemia?

—O reto máis importante foi poñer en marcha o curso. Istoo significa ter todas as aulas ben organizadas para que poidan entrar os estudantes, para que podades entrar vós, os alumnos e alumnas e ter os horarios feitos do profesorado e de todo o alumnado. Iso era poñelo en marcha e foi un reto de enormes dificultades porque, por primeira vez, contabamos con 136 profesores no noso claustro. Polo tanto, era a primeira vez que se facía un horario para un número tan grande de profesores. Ademais, tivémolo que facer en apenas 5 días, polo que facer ese horario costou moitísismo e, ademais, implicaba un reto importante porque nunca fora tan numeroso. Por outro lado, tivemos que facer dúas quendas, a quenda da mañá e a quenda da tarde, e iso tamén era unha novidade xa que nunca antes se fixera. Eses foron os retos máis importantes. Pero o certo é que o venres 25 de setembro foi o inicio de curso aquí coa presentación, eo luns 28 empezamos xa de novo. Empezamos ese día as clases normais e, a verdade, é que dende ese momento aquí non houbo nunca ningún contaxio. Houbo moi poucos casos, con 23 positivos de estudantes e ningún deles foi contaxiado aquí. A organización tivo un efecto positivo, todo funcionou ben e os resultados académicos están sendo moi satisfactorios.

—Xa para rematar, supoñendo que a pandemia remate e volvamos á normalidade, que cambios ten en mente para mellorar no futuro o instituto para afrontar unha situación de emerxencia, aínda que non sexa posible realizalos agora?

—Esperemos que volvamos a esa normalidade canto antes e para o curso que ven toda a ESO e todo o Bacharelato estean na mañá, que haxa un horario de mañá, aínda que por lei sabedes que todos teñen que ter unha tarde; é dicir, tanto a ESO coma o Bacharelato por lei teñen que ter unha tarde. Nós xa o ano pasado solicitamos telo exclusivamente de mañá para que o alumnado non teña contacto cos adultos, cos de ciclos e os de ESO e Bacharelato para adultos, porque nesas clases da tarde sempre hai contacto, porque se comparten aulas, pupitres e salas de ordenadores. Esperemos que non teñamos que volver a un confinamento e a unha organización como a actual, porque sería moi complicado e teríamos que volver nestas condicións: a 1,5 m. teríamos que ter outra vez un horario partido, de dúas quendas, unha para a ESO e outra para Bacharelato pola tarde. É certo que o Bacharelato de tarde poderíase axustar un poco mais en canto a horario; se a ESO entra ás 8:15, gañaríamos media hora e, polo tanto, a quenda de Bacharelato podería entrar ás 15:30 e saír ás 21:30. Iso podería ser durante tres días e sete sesións, porque sabedes que as sesións semanais tanto na ESO coma no Bacharelato son 32 horas, de xeito que poderían ser luns, martes e mércores sete sesións e poderían entrar sobre as 15:15 e saír sobre as 21:30; e despois, o xoves poderían saír 50 minutos antes e serían seis sesións e os venres serían 5 sesións. Iso podería ser, axustando un pouco o horario de tarde. Pero sería sempre coa condición de que os da ESO entrasen ás 8:15.

—Como viviu persoalmente ese primeiro curso? Como influiu ás polémicas?

—O curso vivino con moita tensión. A verdade é que eu podería dicir que levo un ano sen descanso, xa que non recordo vacacións desde o nadal do curso pasado. Dende que houbo confinamento estiven traballando. No mes de agosto estiven tamén aquí traballando, porque houbo que organizar o curso. Nós tiñamos o curso organizado pola mañá pero as cousas cambiaron a partir do día 30 de agosto. En setembro, entre o 12 e o 20, a verdade é que foron sete días de moitísima tensión, unha tensión que eu non recordo antes así. Si que tiven momentos, coma cando naceron os meus fillos, por exemplo, pero esta tensión no traballo nunca. E iso que levo moitos anos aquí no instituto. É un centro moi numeroso, pero sempre houbo unha convivencia excepcional e unha colaboración excepcional do profesorado, do alumnado e das familias. Polo tanto, non houbera ningunha tensión así antes, pero esta ocorreu porque había unha incetidume sobre como organizar debido ás pecurialidades do centro, porque, como sabedes, as nosas aulas son moi reducidas e non podíamos meter máis que dez alumnos en moitas delas e organizar iso creou moitísima tensión, xa que era a primeira vez que se facía. Polémica, nós intentamos non polemizar nunca. Nun primeiro momento pensabamos, como a grande maioría, incluso dentro da administración educativa, que a forma de organizar o curso sucedería de forma semi presencial, pero, afortunadamente, despois a Consellería apostou por aportar profesorado aos centros e iso fixo que poidéramos apostar polo ensino presencial en todos os niveis excepto os ciclos formativos porque non temos aulas tan numerosas para meter a tantos alumnos.

—Que cre que vai pasa o ano que ven e que medidas cre que van ter que ser tomadas?

—É difícil facer previsións para o ano que ven porque non está nas nosas mans.Que é o que penso que pode pasar? Penso que se en xuño ou en agosto está o 70% da poboación vacinada, podemos pensar que no mes de setembro recuperaremos unha certa normalidade. E cando digo “certa normalidade”, iso implicaría que teñamos que vir ao instituto con máscara, que teñamos que ventilar as aulas como ventilamos agora, pero creo que con iso sería suficiente para que todos os alumnos e alumnas poidan estar pola mañá porque non faga falla estar á distancia de 1,5 m., se podemos estar a 1 m. Queremos tamén volver á normalidade das actividades, as que vimos desenvolvendo dende hai moitos anos como o premio San Clemente, que íamos entregar o ano pasado o 31 de marzo e tivo que aprazarse. Entón, tamén nos gustaría entregar ese premio do que xa é a vixésimo quinta edición. E, despois, xa sabedes que eu enviei ás familias información sobre o programa de inmersión lingüística en Irlanda, porque nós queremos seguir facendo as cousas. Ese programa levamos organizándoo dende hai anos e no último curso que se fixo participaron trinta alumnos de 1º a 4º da ESO. Agora mesmo hai arredor de noventa familias interesadas neste programa e gustaríanos poder realizalo en setembro e que poidésedes ir vós a Irlanda dende o 1 ata o 19 de setembro e que poidades estar neste programa cunha familia irlandesa Esa é a nosa intención, pero non saberemos nada ata xuño porque non só depende de nos, tamén de Irlanda e de que nos diga a administración se se pode saír ou non.