GalegoLab é unha organización sen fin de lucro, fundada en 2010, que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de abaixo-arriba, con especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá. A súa ferramenta principal é a web GalegoLab, unha rede social de crowdsourcing, para concitar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos. Esta web está en marcha dende o 20 de maio do 2010.
O crowdsourcing é a combinación de traballo e recursos dunha gran cantidade de persoas a través dunha web e cun fin determinado.
O obxectivo da web de GalegoLab é promover novas ideas de actuación a prol da lingua galega, coordinar recursos para esas actuacións, e executar e diseminar os resultados das mesmas.( <web)
vía Código Cero - Diario Tecnolóxico de Galicia de Fernando Sarasqueta o 29/03/11
A plataforma GalegoLab está a mobilizar estes días aos seus membros coa arela de impulsar os seus proxectos en fase de desenvolvemento. Cómpre lembrar que tanto estas iniciativas pendentes de pulo como as que xa están rematadas colleron corpo, precisamente, grazas ao labor conxunto da comunidade de integrantes de GalegoLab, plataforma que como xa temos informado en Código Cero dedícase a promover o galego dos xeitos máis innovadores e nos espazos onde máis se precisa. A comunidade conta arestora con 840 usuarios aos que cómpre engadir os 2.400 seareiros de Facebook e os 610 de Twitter. Os proxectos en marcha que GalegoLab vai impulsar son catro a día de hoxe. Un deles, a tradución de Twitter á nosa lingua, acadou xa todos os recursos precisos e está só á espera de que a dita rede social dea o visto bo para a incorporación de novas linguas a engadir ás que xa ten.
Para os outros tres proxectos, engade a comunidade, precísanse unha serie de detalles:
· En Galegogym (edición de música en galego para acabar dunha vez por todas coa teima de sintonizar con 40 Latino en todo ximnasio do país canto hai e apostar deste xeito pola música nosa) precísase a alguén que deseñara un cartaz publicitario e outra persoa que faga unha proposta de carátula para este CD co que facer fitness en galego.
· A Guía Branca (recurso web e en formato físico onde poder informarmos dos locais onde se fale na nosa lingua) precisa doutras vinte e tres persoas dispostas a enviar información sobre locais públicos e/ou comerciais onde atendan aos clientes en galego.
· Fútbol en galego, fútbol en galego (iniciativa para afianzar a lingua nun dos ámbitos onde máis brilla pola ausencia, debido sobre todo ao desleixo dos clubs) busca tres persoas dispostas a contactar con peñas deportivistas, oito persoas máis que repartan folletos por Riazor (ou pola Coruña en xeral) e intenta conseguir, ademais, 60 euros para imprimir folletos cos que iniciar unha campaña para lograr que o R. C. Deportivo da Coruña comece a empregar o idioma galego.
xoves 17 de marzo do 2011, por Fernando Sarasqueta | |
Tal e como anunciamos onte en Código Cero, entre os finalistas deste ano aos Premios Mestre Mateo na categoría de obras interactivas (as que máis nos collen de preto pola temática desta web) atópase un proxecto do que levamos falando durante meses, sobre todo polas iniciativas tecnolóxico-culturais ás que dá acubillo, orientadas a promover a nosa lingua de xeito orixinal en espazos, feituras e formatos até hoxe pouco transitados pola nosa lingua. Falamos de GalegoLab, plataforma de cuxo nacemento fomos testemuñas, e que dende o comezo amosou un interese por tirarlles o máximo partido ás vantaxes de colaboración que achegan eses puntos de encontro que son as comunidades-web.
Neste caso concreto o punto de encontro é o portal galegolab.org, rede social de crowdsourcing (traballo colectivo para un obxectivo concreto que, sen contar coa Internet 2.0, tardaría máis en darse) dende a que se presentan diferentes proxectos de promoción para que sexan votados ou reciban os apoios que precisan.
Cómpre lembrar que esta web, posta en marcha o 20 de maio de 2010, xa recibiu recoñecementos ao longo da súa relativamente breve andaina, por exemplo o da Secretaría Xeral de Modernización, que premiou a GalegoLab polo desenvolvemento de contidos na categoría de promoción do Patrimonio e Lingua Galegas.
Até o de agora, o espazo en liña de GalegoLab xa conseguiu 831 usuarios rexistrados, aos que cómpre engadir o medio milleiro de seareiros en Twitter e os 2.382 de Facebook. No que atinxe ás ideas propostas para o pulo da nosa lingua onde máis se precisa, dicir que arestora contabilizamos 33. Entre as máis recentes e que atoparon meirande repercusión cómpre salientar a proposta para reactivar Flocos.tv, unha iniciativa da que dimos conta en Código Cero e que, tal e como se indica, encamíñase a conseguir co devandito servizo audiovisual galego o que recentemente tamén se acadou coa comunidade de información Chuza!, pechada polos problemas de mantemento que achegaba e agora plenamente en activo. Máis en detalle, a proposta de GalegoLab a prol de Flocos.tv consiste en pedirlles ás autoridades que teñan competencia nestas cuestións o rescate de todo o presentado ao abeiro de Flocos.tv, amais dos permisos para reproducir este legado. Unha vez que se volva por en marcha o espazo, iniciarase unha nova xeira de traballo na que autoras e autores audiovisuais poderán pendurar as súas pezas propias novas.
Polo que atinxe a proxectos xa rematados, a comunidade GaleboLab fixo posible o remate de catro. Son os seguintes:
· Pinchadas de música. Levouse a cabo o 4 de setembro en Vigo.
· A galega para 145 millóns de usuarios. Consistiu en colocar a etiqueta #galega como o tema do momento no Twitter a nivel estatal do 6 de outubro. Tivo unha segunda parte, na que se conseguiu este mesmo obxectivo.
· Asemade, conseguíronse tódolos recursos necesarios para 24 horas galego fullscreen, un certame de vídeos no que os participantes debían expresar como é a súa vida en galego ao longo dunha xornada.
A plataforma GalegoLab, dirixida a empregar a Rede para a normalización da nosa lingua, na propia Rede pero sobre todo nos eidos da nosa vida onde aínda está pendente de normalizar, rematou o ano facendo reconto dos froitos recollidos ao longo dos doce meses previos. En total, foron catorce proxectos os desenvolvidos a raíz de GalegoLab, proxectos que teñen todos en común o valor de levar o galego a onde xa non seu usa, ou onde non se usou nunca, e que se converteron en realidade grazas ao traballo, man con man, dos membros da comunidade en liña: en total, 1.015 internautas a día de hoxe. No que respecta ás pre-iniciativas, esas propostas que comezan a camiñar e están a piques de botar a correr, a plataforma ten arestora un total de 34 ideas a prol do galego.
Os proxectos máis que se desenvolveron na páxina ou que agora están en marcha son:
· Pinchada de música, toda en galego, que se fixo en Vigo en setembro do ano pasado.
· 24 horas galego fullscreen, un concurso de vídeos nos que os participantes relataban como era para eles un día en galego e no que o gañador foi Co galego… ata o inferno.
· Fútbol galego, fútbol en galego busca que o equipo de fútbol da Coruña, o Dépor, comece a usar o galego nas súas comunicacións.
· Memoria Pixelada é un blog sobre videoxogos na nosa lingua, para o que o seu coordinador atopou en GalegoLab tres colaboradores.
· A galega para 145 millóns de usuarios e A lingua galega máis alta no Twitter, dúas
iniciativas que colocaron a etiqueta #galega entre os temas do momento na rede social
Twitter o 6 de outubro e o 17 de decembro de 2010, para conmemorar o aniversario do primeiro mitin político en galego e o cabodano da execución de Pardo de Cela, respectivamente.
· Guías de viaxes en galego e por galegos, os voluntarios apuntados están escribindo guías de viaxes sobre diversas cidades.
· Agasallo sincronizado para o mundo. A partir dunha partitura básica, invitouse a quen quixera a realizar unha versión propia para que, no Día das Letras Galegas, calquera puidese enviar a súa preferida ós seus contactos para celebrar esta festa. Recibíronse estas.
· Literatura infantil en galego. Neste momento, estanse a escribir e ilustrar dez contos infantís en galego.
· Falemos de cinema na nosa lingua. Neste proxecto, os directores da Cuarta Parede, unha revista dixital de crítica cinematográfica, atoparon catro persoas que lles axuden a traducir os artigos que os colaboradores lles envían noutros idiomas.
· Galego +. Busca felicitar a aquelas empresas que empregan a nosa lingua enviándolles correos electrónicos.
· Twitter en galego atopou xente voluntaria para facer a tradución ó galego da rede social. Actualmente estase á espera de que o propio Twitter a autorice.
· Guía Branca pretende crear unha web, a modo de base de datos, sobre todo tipo de establecementos que empreguen o galego.
· Skype en galego busca que Skype acepte como oficial e ofreza a todos os usuarios a tradución que o xestor da idea xa ten feita.
· Documental audiovisual sobre a diáspora galega ten como obxectivo a
realización dun documental sobre a nova diáspora galega, a 2.0, máis ligada á terra
grazas ás novas tecnoloxías do que o estiveran os emigrantes de xeracións anteriores.
GalegoLab é unha organización sen fin de lucro, fundada en 2010, que, segundo nos contan os seus impulsores dun xeito máis específico, ten “como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de abaixo-arriba, con especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá”.
A súa ferramenta principal é a web GalegoLab, unha rede social de crowdsourcing, para concitar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos. A web está en marcha dende o 20 de maio do 2010. O pasado 14 de setembro recibiu o primeiro premio da Secretaría Xeral de Modernización ao desenvolvemento de contidos en Internet na categoría de promoción do Patrimonio, Cultura e Lingua Galegas.
O equipo impulsor de GalegoLab, fotografado na inauguración do portal por A Nosa Terra