A CGENDL despide ao Secretario desaprobando a súa xestión e lamentando a herdanza que deixa, nomeadamente no ámbito do ensino, no que a lingua galega sufriu unha involución lexislativa sen precedentes
Por CGENDL (http://www.coordinadoraendl.org) | GC ABERTO | 05/01/2012
Co anuncio feito onte por parte da Xunta de Galicia da marcha do actual Secretario Xeral de Política Lingüística ponse fin a unha das etapas máis nefastas deste organismo, durante a que se adoptaron medidas lesivas para a nosa lingua en todos os ámbitos, se lanzou un discurso negativo ao redor do idioma e se crearon novos prexuízos, mesmo amparados e potenciados pola propia administración galega.
Esta situación foi se cabe máis grave no que respecta ao ensino, ambito no que se desenvolve a CGENDL, xa que durante os anos de xestión de Anxo Lorenzo se tomaron unha serie de medidas que nos reiteran nunha valoración negativa do seu traballo á fronte da SXPL:
1/ A derrogación do decreto 124/2007, que desenvolvía a LNL e recollía as medidas do Plan Xeral de Normalización, refrendado por unanimidade no Parlamento Galego coa finalidade de asegurar que o alumnado rematase os seus estudos obrigatorios con plena competencia en ambas linguas oficiais.
2/ A aprobación do decreto 79/2010, que reduce a presenza do galego como lingua vehicular no ensino e imposibilita que a maioría das materias do ámbito científico-tecnolóxico se impartan en galego, contribuíndo a desandar o lento camiño que se trazara na dignificación da lingua.
Ademais de acentuar o desequilibrio entre as linguas oficiais, ao abeiro deste regulamento equiparouse o ensino das linguas estranxeiras ás linguas oficiais e creáronse os centros plurilingües, nos que calquera materia se pode impartir en inglés ensaiando a inmersión neste idioma, mais non se establecen os mecanismos para asegurar que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
3/ A supresión, en contra da opinión do profesorado e das familias, das exitosas liñas de galego en Educación Infantil que posibilitaban un ensino na nosa lingua nos primeiros anos de escolarización. Así mesmo, a enquisa programada para escoller a lingua nesta etapa, ademais de enfrontar á sociedade e ser excluínte, elimina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semirubanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias.
4/ A falta de interese por aumentar os recursos didácticos, actualizados e de calidade para impartir aulas en galego e por elaborar recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidades educativas especiais.
5/ A despreocupación por dotar o Programa Abalar de materiais en galego (sendo este escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua), feito que está a provocar que o idioma fique abeirado nas novas tecnoloxías.
6/ A inacción ante cuestións importantes para o idioma como a desaparición de diversos medios en lingua galega, que son recursos de grande valor didáctico e normalizador, a desaparición de ferramentas normalizadoras de uso didáctico (flocos.tv, oferta cultural aos centros...) ou algunhas simbólicas e de plena actualidade como o silencio outorgador ante a falta de rigorosidade do Valedor do Pobo na censura dun libro de texto.
7/ O abandono dos Equipos por:
A CGENDL agarda que este departamento comece unha nova etapa na que asuma as funcións que lle son propias e pase a planificar e executar políticas de fomento e promoción do galego na sociedade.
Unha serie de vídeos amosan os obxectivos e o traballo desenvolvido polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
A Coordinadora dos ENDL, despois de recompilar todas as actividades realizadas neste período (1991- 2011), organiza un acto conmemorativo no que se fará un recoñecemento público a Agustín Fernández Paz polo seu papel, precursor e activo, no ámbito da normalización lingüística no ensino. O acto terá lugar o sábado 4 de xuño de 2011 ás 11:30 da mañá no Museo do Pobo Galego.