Fecha de publicación: 31-may-2011 0:52:44
O profesorado teme que se utilice para xustificar a necesidade de reforzar o español nas aulas
A CIG-Ensino faise eco das denuncias recibidas do profesorado de desequilibrios nas probas de competencia lingüística na avaliación de diagnóstico dirixidas ao alumnado da ESO. Ao igual que o profesorado, témese que se utilicen os resultados para xustificar a necesidade de reforzar a materia de español nas aulas.
Na proba de competencia, en comunicación lingüística, o alumnado debe ler un texto en galego e outro en castelán respondendo a varias preguntas sobre cada un dos textos.
O texto en galego é un fragmento da novela de Agustín Fernández Paz, Cartas de Inverno, sobre o que o alumando debe responder cuestións como: significado da expresión “picando a curiosidade” no texto, campo semántico das palabras “estrañeza” e “desconcerto”..., é dicir, trátase dun texto acaído, dunha tipoloxía coa que o alumnado de 2º da ESO está afeito a traballar e con preguntas axeitadas ao texto e á idade do alumnado.
No caso do texto en castelán, trátase dun texto titulado ‘Internet, la carcoma de las fronteras’, unha publicación da web da Casa das Ciencias, un texto científico sobre o que se presentan cuestións tales como que realice un esquema sobre o nacemento e a evolución de internet a partir da información do texto ou que enumere aspectos negativos ou positivos da internet.
Neste caso, trátase dun tipo de texto co que aínda non se traballa en 2º da ESO e cunhas preguntas con enunciados máis complexos en canto á formulación e ao vocabulario empregado (arpanet, TCP/IP), enunciados destinados fundamentalmente a pedir unha valoración sobre Internet e non a responder a cuestións concretas relacionadas coa lingua.
Da comparación entre os textos conclúese que:
Un exemplo do carácter da proba en español podemos telo neste enunciado: “¿Estás de acuerdo con la afirmación de que “Internet es una de las fuerzas propulsoras de la globalización?” Este é o tipo de preguntas que respecto dun texto en lingua española se lle fai a un alumno ou alumna de segundo da ESO, que ten 12 ou 13 anos.
O profesorado trasladou á CIG-Ensino a súa preocupación, compartido pola central sindical, polo feito de que obxectivamente se pode dar o caso, á vista dos textos e das preguntas realizadas, de que os resultados das probas se queiran utilizar para dicir que o alumnado galego precisa reforzar o ensino en español, cun novo e retorto argumento destinado, unha vez máis, a lle restar horas ao noso idioma, para alén da valoración implícita de que para tratar cuestións de carácter científico e de actualidade a lingua a empregar é o español.
Por todo isto, a CIG-Ensino esixe que cando a Administración realice a avaliación deste caderniño teña en conta as diferenzas manifestas entre os dous textos e as súas preguntas e que para o futuro se eviten estes desequilibrios nas probas para que non se utilicen os resultados de maneira perversa.