Fecha de publicación: 09-mar-2011 1:31:01
Dinahosting investiu en 2010 preto de 900 mil euros en I+D
vía Código Cero - Diario Tecnolóxico de Galicia de Fernando Sarasqueta el 4/03/11
Dinahosting, con sede no barrio de Vista Alegre en Santiago, acaba de presentar os datos relativos á súa actividade en 2010, unha actividade que confirma unha vez máis por onde cómpre encamiñarse cando todo o tradicional falla: polo coñecemento, pola innovación e polo valor das persoas. De feito, segundo nos conta Paulo Rodríguez de Dinahosting, non só non se reduciron os índices de medre no seu seo, con crise e todo, senón que mesmo houbo marxe para un forte investimento en innovación (que andou preto dos 900 mil euros) e para a fichaxe de máis traballadores. A empresa galega, centrada nos dominios e o hosting web, salienta tamén polo seu carácter independente, o que entre outras cousas tradúcese nunha aposta polo desenvolvemento propio.
Así define esta estratexia e estes resultados obtidos o director comercial da firma, Alberto de la Morena: “Nun contexto económico como o actual reafirmámonos nas nosas liñas estratéxicas, sendo o noso principal activo o equipo humano, sen dúbida, o feito de que desenvolvamos a nosa propia tecnoloxía nun 100%”. Este, sinala Alberto, é o mellor punto de partida para un servizo de calidade e para apontoar a posición da empresa no mercado.
Volvendo aos datos avanzados nun principio, dicir que tamén houbo marxe para unha mellora laboral dos empregados, xa que segundo apunta Dinahosting durante o último ano a media salarial subiu nun 12%, ao que se engaden novas contratacións e a posta en marcha dun programa integral de saúde laboral con actividades variadas de lecer e deporte.
Como dixemos, o investimento en I+D+i aproxímase ao 900 mil euros, “dedicados integramente ao desenvolvemento de tecnoloxía exclusiva, que atopou en RealCloud (a solución para a nube da Dinahosting) o seu máximo expoñente no 2010”. Por certo que a principal vantaxe de traballar con e para recursos propios radica nunha achega xeral de flexibilidade e nunha capacidade “de reacción óptima ás necesidades dos nosos clientes, con plena autonomía financeira e ceibe de subvencións ou investimentos de terceiras partes”, apunta a empresa galega.
A maiores, a firma presenta unha cifra de negocio de 5,4 millóns de euros, mantendo un medre medio interanual ao redor do 30 % nos últimos 5 anos. Este crecemento baséase en incrementos ostensíbeis en todos os indicadores que identifican a posición de referencia que esta empresa compostelá mantén no mercado: unha carteira de 134 mil nomes de dominio, 39 mil plans de aloxamento web, 1273 servidores dedicados e unhas 55 mil persoas usuarias, informan fontes da compañía compostelá.
Interior das dependencias de Dinahosting no barrio de Vista Alegre en Santiago