Fecha de publicación: 12-feb-2012 16:59:38
xoves 2 de febreiro do 2012, por Raquel Noya | | Compartir | |
Mentres no resto do país nos estamos a esmagar os miolos buscando un bo disfrace co que desafiar o frío deste Entroido, na zona de Ourense, en Laza, Vilariño de Conso, Verín ou Viana do Bolo, entre outras vilas coñecidas polo seu carnaval, xa levan dende comezos de ano de festa en festa e de desfile en desfile, percorrendo toda a provincia na procura de diversión e gastronomía típica destas datas. Sabémolo, en parte grazas aos afortunados que se puideron achegar xa ata a zona e nolo contaron de primeira man, e en parte grazas á web Invierno de Entroido, creada especialmente para dar a coñecer esta festividade en todo o mundo, que nos achega unha peculiar axenda con todo o que pasou e o que está por vir en materia de Zarramanculleiros, Peliqueiros, Folións ou Cigarróns, entre outros. Trátase, máis polo miúdo, dunha ferramenta en liña creada no marco do Plan de Competitividade Turística Portas de Galicia para promover o Entroido ourensá, na que se integran doce concellos da provincia con cadanseus establecementos hoteleiros nos que poder aloxarse e gozar da festividade. A web é moi atractiva, moi funcional, moi intuitiva e moi doada de usar, e ademais dun calendario no que podemos atopar ao detalle todas cantas celebracións se levarán a cabo na zona, inclúe unha completa listaxe de ofertas gastronómicas e de aloxamento para que o visitante poida gozar da festa sen ter que preocuparse pola súa estancia nas vilas. Mais iso si, entre tanta oferta turística, gastronómica e cultural botamos de menos a nosa lingua, que os deseñadores da web esqueceron incluír malia ter un incontable número de verbas que non se poden traducir a outra lingua que non sexa o galego. Críticas á parte, ademais desta web, que leva alén das nosas fronteiras a cara máis amable desta festa de tradicións, ritos e personaxes ancestrais do sureste de Galicia, o Entroido do xeodestino Verín-Viana tamén ten sitio de seu en Facebook, Twitter, YouTube, SlideShare, Flickr e ikiMap, dende onde chega a tódolos recunchos do mundo.
Nestas redes sociais, estanse a sortear, desde finais de ano, unha serie de bonos de escapadas e paquetes turísticos nos establecementos integrados na Asociación de Empresarios do Turismo e Hostalería Portas de Galicia.
Sen ir mais lonxe, este martes púxose en marcha un novo concurso en Twitter que ten como premio unha estadía de 5 noites en réxime de media pensión para dúas persoas, a gozar entre o xoves 16 e o luns 20 de febreiro, na Aldea de Turismo Rural A Cortiña.
Para participar, só hai que tuitear na conta de Portas de Galicia co hashtag #nonvivesoentroido antes do vindeiro martes, 7 de febreiro ás 17:00 horas.