Galego na Policía e na Garda Civil

Fecha de publicación: 10-abr-2011 23:09:42

As forzas de seguridade apostan pola lingua fronte á renuncia dalgún cargos públicos

Son os paradoxos do galego. Manuel Ferreiro, xeneral xefe de Zona da Garda Civil de Galicia, expresouse onte na lingua propia durante os actos de celebración da Benemérita. Fíxoo con normalidade ante unha morea de cargos públicos, nunha actitude habitual tamén en Luís García Mañá, xefe superior de Policía Nacional, na comunidade e defensor dunha maior introdución da lingua galega nas forzas de seguridade.

O xeneral xefe de Zona da Garda Civil fixo o seu discurso en galego na Coruña, precisamente unha cidade onde o emprego da lingua propia é case nulo por parte do seu alcalde, Javier Losada, ou polo líder da oposición, o popular Carlos Negreira, quen ademais agora teima por modificar a Lei de Normalización para oficializar o topónimo deturpado La Coruña.

Non é caso único o da Coruña –a cidade do país con maior número de galegofalantes en termos globais–, nin moito menos. Ocorre tamén co alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, ou co de Vigo, Abel Caballero, pouco afeitos ambos os dous a empregar a lingua propia.

Todos eles contrastan coa actitude amosada en canto á lingua polo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, socialista como os alcaldes citados, e que ten o galego como idioma principal malia representar o Estado na comunidade autónoma. Algo semellante ocorre co ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, defensor da lingua e galegofalante cada vez que celebra un acto na súa terra.

Agora, son tamén as forzas de seguridade do Estado, dependentes dun Goberno central coa mesma cor política, as que apostan claramente polo idioma galego nas súas intervencións públicas, un cambio que racha con anos de ostracismo da outra lingua cooficial na comunidade autónoma nas súas comunicacións.

Tampouco son moitos os conselleiros da Xunta adoitan empregar a lingua propia, malia o acordo parlamentario ao que chegaron os partidos políticos para facer uso dela. O propio Xesús Palmou, ex conselleiro e ex secretario xeral do PPdeG, louvaba neste diario a actitude de García Mañá e da Policía Nacional ante o galego, destacando “a identificación desta forza de seguridade coa cultura e as tradicións galegas no desempeño do seu fundamental labor de defender a legalidade”. Non pode dicir o mesmo de moitos cargos públicos que, exercendo tan só en Galicia, esquecen o seu labor.