Sonia Mendes e Esther Lora

Compoñentes de SOS Racismo Galicia

Mendes (esq.) e Esther Lora (centro) nunha actividade da asociación. | CEDIDA

“A polarización e a impunidade da xente que mantén discursos racistas e xenófobos é cada vez maior”

As activistas analizan a situación da discriminación racista en Galicia e confirman que se teñen incrementado os ataques e as denuncias por esta causa nos últimos anos

CLAUDIA MATA MARTÍNEZ, MARTA REY SUÁREZ E NICOLÁS VÁZQUEZ RODRÍGUEZ | A Coruña-Vigo- Santiago de Compostela


SOS Racismo é unha organización sen ánimo de lucro con diferentes sedes por España, destinada a axudar as persoas que sofren ou sufriron actos racistas. Esta asociación foi constituida no ano 1992. Na súa web podese observar un apartado exclusivo para denuncias. Esther Lora, avogada cunha traxectoria de máis de 20 anos de profesión, traballa na Oficina de Información e Denuncias e dende o ano 2019 en SOS RACISMO GALICIA, na oficina física en Vigo. Sonia Mendes é socióloga e técnica da Oficina de Información e Denuncias dende o ano 2019 na mesma entidade. Esther e Sonia explican a súa experiencia en primeira persoa do proceso de dar a coñecer a súa asociación: “É certo que normalmente o que se fai é unha detección das necesidades de cada territorio”. Teñen varias sedes ao longo de España, todas co mesmo obxectivo. Cada unha delas realiza unhas funcións tendo en conta as necesidades do territorio no que se encontra. Tamén se dedican a dar a coñecer este problema e explican o seu concepto de raza e racismo: “A raza como tal é unha construción social, pero realmente baséase nunha construción de normas e costumes que no seu intre e a día de hoxe seguen marcando unhas liñas moi claras: de que certas cualidades físicas como a cor de pel, uns trazos, a textura do cabelo é superior ou inferior. Vemos como, realmente, aínda que non teñan esa base biolóxica, teñen moitísimo poder porque, aínda que non o recoñezamos, a día de hoxe na sociedade todos somos conscientes de que as razas tamén clasifican as persoas. Hai persoas que parece como se foran de segunda ou terceira clase. E normalmente a persoa branca, a nivel universal, sempre está na primeira clase”, argumenta Sonia Mendes.


—Como se lles ocurreu a idea de crear unha asociación que loita contra o racismo e dá a coñecer este tema?

[Sonia]—Cando eu cheguei xa estaba andando a asociación, pero xustamente cheguei a SOS Racismo Galicia para loitar contra todas as vulneracións que acontecen todos os días. Depois do primeiro asasinato racista que houbo en España foi cando se empezaron a crear o resto de SOS Racismo no resto do Estado, e coido que foi unha maneira de ver o que pasaba en Galicia e como son tratadas as persoas racializadas. A partir de aí empezou a asociación.

—Poderían describirnos un pouco o proceso de como foi dar a coñecer a súa asociación?

[Sonia]—Como comentabamos, ningunha das dúas estivemos no proceso de como se creou a asociación, pero eu si que estiven na xunta directiva durante uns anos, pero ningunha das dúas estivo naquel intre. Hai que dicir que SOS Racismo Galicia leva varios anos xa. É certo que normalmente o que se fai é unha detección das necesidades de cada territorio, necesidades no sentido de cales son os maiores problemas que atopan as persoas migrantes e racializadas, o seu acceso ao ámbito sanitario, educativo, no ámbito tamén das prestacións ou das vivendas. Así foi xurdindo un pouco esa fortaleza de crear unha asociación que puidese apoiar este tipo de cuestións e denunciar publicamente todos os casos de racismo e discriminación que existen en Galicia.

—Cal cren que é a orixe e por que hai discriminación racista e xenófoba?

[Esther]—Non é só unha actitude persoal que podemos atopar, senón que o racismo é unha construción ou un sistema que atravesa toda a sociedade, todos os países e todo o planeta.

Existe porque está construído así desde sempre, porque é a forma de garantir que unhas persoas teñan o poder absoluto sobre outras e porque é a forma de supervivencia dalgunhas outras. O que hoxe somos nós depende do que no pasado fixera xente como nós. É moi profundo, moi transversal e custa moitísimo derrumbalo por esas actitudes racistas e xenófobas.

O tema da xenofobia é outra cousa, pero ao mesmo tempo está ligado ao tema do racismo. O medo ao diferente está na nosa cabeza europea de pensar que o noso é o bo e o outro non, de ver o outro como diferente, ao que hai que terlle medo e do que hai que desconfiar. É complicado.

—Hai moitas persoas ás que lles preocupa este tema pero non saben como axudar. Como cren que podería un individuo dende o seu ambito persoal contribuír a reducir o racismo?

[Esther]—Todos temos unha responsabilidade persoal, e despois podemos ir á parte máis activa para asociarnos. En SOS Racismo temos unha opción se a xente quere colaborar: pódese facer socia para axudar a financiar tasacións, as formacións que se fan e incluso poden postularse como persoa activista o voluntaria para participar nas actividades. Porén, sobre todo, a nivel persoal que é o que preguntabades é moi importante a formación. Ten moito peso que as persoas se formen para saber recoñecer ou detectar eses comportamentos racistas, xenófobos ou discriminatorios. Polo que é importante ler moito, formarse, ter interese, escoitar ou participar nos ámbitos ou naqueles espazos nos que se falan estas cousas e se forma ás persoas para poder ir deconstruíndo pouco a pouco a nosa actitude racista.

—Poderían describirnos algúns dos logros que máis os marcaron como asociación ata o momento?

[Esther]—Temos unha oficina de denuncias e levamos a acusación por actos racistas e xenófobos. Eu persoalmente penso que un dos logros é conseguir que as persoas sexan conscientes do que está pasando e consigan denunciar e ter a fortaleza de seguir durante todo o proceso; porque non sempre é facil. Logo os logros son cando tamén coseguimos os nosos obxectivos: cando poñemos unha denuncia nun centro educativo para que retiren un contido racista e efectivamente faise; cando notamos unha actitude racista nunha inmobiliaria e gañamos o pleito; ou cando facemos unhas xornadas de formación e actividade pública e a xente responde ben; pero tamén cando vemos que o noso traballo día a día e as nosas campañas van dando froitos.

—Estivemos observando a súa páxina web, e vimos que hai un apartado para denunciar os actos racistas que sofren certas persoas. Como é o proceso de axuda ás persoas que denuncian?

[Sonia]—Ese formulario púxose na páxina web para as persoas que queiran denunciar por sufrir racismo ou tamén para as testemuñas da xente que presenciou actos racistas. Cando unha persoa se achega pola oficina, intentamos asesorala ou acompañala, agardar que nos conte un pouco ese relato e ver o que quere facer esa vítima. O primeiro que hai que facer é acompañar a persoa sen presións para ver o que quere facer. Se quere escribir unha reclamación, axudámola a escribir ese relato, asesorámola e, sobre todo, intentamos reparar un pouco ese dano. Unha das cousas máis importates que facemos na oficina está no eido da formación. Impartimos formación antirracista para o público xeral. Cando recibimos moitas denuncias, o que facemos é valorar que supón esa experiencia traumática racista para a persoa.

—Entón, o consello que lle darian a unha persoas que sofre ou ve algún acto racista sería denunciar?

[Sonia]—Sempre, ainda que sexan colegas ou familiares. O primeiro paso sería chamar a atención para parar ese tipo de comportamentos ou actitudes racistas. E, en segundo lugar, habería que denuncialo para poñelo en coñecemento desas institucións que están especializadas na temática.

—Alguén de vostedes podería contarnos a súa experiencia entrando na asociación e o por que decidiron facelo?

[Esther]—Eu entrei en SOS Racismo Galicia no 2018 porque estaban buscando un avogado ou avogada que se encargase da oficina de información e denuncias. O traballo pareceume moi útil e o contido do proxecto súper interesante, porque ao final a avogacía é unha profesión bastante técnica, bastante fría e, por experiencia persoal, sempre me gustou utilizar a miña profesión como ferramenta para mudar as cousas dentro do pouco que podemos facer cada unha. Polo que a oferta de SOS Racismo Galicia en Vigo, que é onde estou eu a traballar, pareceume unha experiencia estupenda.

Empecei a traballar na oficina de información e denuncias, pero sobre todo comecei a aprender moitísimo, xa que no proceso do que é o emprego non só damos información, senón que tamen aprendemos cousas que eu non sabía e cousas que pretendía saber e que logo non sabía. A miña valoración é moi positiva non só porque o traballo me encanta, senón porque como persoa estou aprendendo moito.


Sonia Mendes (esq.), desde A Coruña, e Esther Lora, desde Vigo, durante a videoconferencia co alumnado de 1º de ESO do IES Rosalía. | MEET

—Adícanlle todo o tempo á asociación ou teñen un traballo á parte?

[Sonia]—No meu caso estou a media xornada na asociación e tamen fago outras cousas por fóra. Hai compañeiras que se adican exclusivamente á asociación e a todas as cousas que hai que facer nela. Logo hai xente tamén voluntaria.

—No noso estudo falamos sobre as razas e sobre se son unha cuestión só social ou teñen base biolóxica. Que opinan vostedes ao respecto?

[Sonia]—Si, é certo que a raza como tal é unha construción social, pero realmente baséase nunha construción de normas e costumes que no seu intre e a día de hoxe seguen marcando unhas liñas moi claras: de que certas cualidades físicas como a cor de pel, uns trazos, a textura do cabelo é superior ou inferior. Vemos como, realmente, aínda que non teñan esa base biolóxica, teñen moitísimo poder porque, aínda que non o recoñezamos, a día de hoxe na sociedade todos somos conscientes de que as razas tamén clasifican as persoas. Hai persoas que parece como se foran de segunda ou terceira clase. E normalmente a persoa branca, a nivel universal, sempre está na primeira clase. Credes que non é algo tan influínte na vida das persoas? Eu creo que si, aínda que sexa unha construción social.

—Poderían contarnos unha denuncia que as fixera reflexionar particularmente sobre o racismo e a xenofobia?

[Sonia]—Eu creo que todas. Como comentaba antes a miña compañeira Esther, un dos puntos fortes de SOS Racismo é que exista unha oficina de información e denuncias, que é a única que existe a nivel galego. Con moito traballo seguimos intentando recoller todas as denuncias que chegan, e somos conscientes de que gran parte da sociedade non é consciente ou non quere recoñecer que existen asasinatos racistas, que existen malleiras con corte racista e que existen vulneracións moi grandes que ocorren todos os días.

—De que maneiras dan a coñecer a asociación e que función cren que fan na sociedade?

[Esther]—Hai unha parte mais pública, como as redes sociais ou a páxina web, parécenos moi importante estar visibles e presentes. Logo, a parte máis real, que é o traballo en rede. En Vigo e na Coruña, que é onde temos as oficinas físicas, e onde se fai o esforzo de traballar en rede con entidades, con grupos, con movementos, con coordinadoras que están no ámbito do social e que nos axudan primeiro a darnos a coñecer e, sobre todo, a garantir que as persoas poidan acadar unha atención integral e, así, traballar todas xuntas.

—Xa sabemos que a organización á que pertencen foi fundada no 1995. Queriamos saber se desde a súa fundación o nivel de rexeitamento das persoas doutra cor de pel diminuíu ou aumentou e cales foron as razóns deste cambio.

[Esther]—Eu e a miña compañeira no ano 1995 non estabamos aquí, pero si que podemos falar da evolución nestes últimos anos. Nós facemos un reconto das denuncias que recibimos todos os anos e facemos un informe anual para saber cales foron as denuncias, en que ámbitos e, sobre todo, cantas, e a verdade, é que ano tras ano o número de denuncias aumenta.

Nos últimos tempos o avance de certos partidos políticos e tamén o relaxamento dos discursos racistas e xenófobos, sobre todo nas redes sociais, estamos vendo que a polarización e a impunidade da xente que mantén estes discursos cada vez é maior. Entón, se eu tivera que facer un resumo disto, diría que o rexeitamento, os discursos fanáticos, a xenofobia e o racismo aumentaron e siguen aumentando a día de hoxe na Galiza.

—Cales son os principais obxectivos que ten a súa asociación neste ano 2022 no que se refire á loita contra o racismo e a xenofobia?

[Sonia]—Seguir traballando e poder converternos na referencia a nivel galego para que as persoas de acheguen para formarse, para asesorarse e para denunciar casos de racismo e xenofobia que existen e a seguir traballando e poder atender máis casos na comunidade galega.

—Se por algún motivo non consiguen os obxectivos marcados para este ano, cales serían os máis urxentes nestes ámbitos para vostedes de aquí en diante e por que?

[Sonia]—Seguir sendo unha referencia a nivel galego en entidades con perspectiva antiracista e seguir ofrecendo e impartindo moita información antirracista, pois vemos que é necesario en todos os ámbitos educativos, a nivel civil e no ámbito institucional. Porque creo que é sumamente necesario ser conscientes de que todas as persoas aprendemos actitudes e comportamentos racistas, entón o primeiro paso é formarse e recoñecer que iso leva moitos anos dentro de nós. Pensamos que é un proceso longo e que hai que formarse para poder ter unha sociedade antirracista.

—Como lles gustaría que avanzara a súa asociación no futuro no referente a esta loita contra a xenofobia e o racismo?

[Esther]—O ideal ou o utópico sería que xa non fixeramos falla, pero o que nos gustaría é ter a oportunidade tanto persoal como de recursos para poder seguir traballando e, dicía antes Sonia, seguir sendo un referente para que se alguén ten un problema cunha actitude racista ou xenófoba que saiba que pode acudir aquí e ter redes por todo o territorio galego para poder traballar arreo e facer miles de formacións nos centros educativos e na rúa tamén. En principio, gustaríanos poder seguir traballando e que o noso traballo teña boa acollida.

—De que xeito cren que no futuro continuará o problema da discriminación racista ou xenófoba? Verase reducida ou completamente acabada?

[Sonia]—Eu creo que é unha problemática que levamos arrastrando moitísimos anos e está na base da construción de moitas sociedades e moitos países. Se vos fixades un pouco no ámbito desta entrevista, no ámbito educativo, e se vos fixades na historia da Galiza e na historia de España, hai moitísimos feitos ou experiencias racistas que non son incluídas na historia. Entón, estudamos a parte que interesa. No momento no que se empecen a recoñecer todas as masacres, todas as explotacións e todos os asasinatos, poderemos ir camiñando cara un futuro no que exista menos discriminación racial, pero non creo que se elimine de todo.