Opinión

Desiguais

ANA JORQUERA DOMÍNGUEZ

A desigualdade é unha realidade hoxe en día, aínda que pareza que avanzásemos moito a nivel social no que respecta á equidade racial ou de xénero. Pero nada máis lonxe da realidade: a discriminación séguese sufrindo día a día. Algo que é completamente inadmisible. Por iso non podemos permitir que as persoas sigan sufrindo por ser quen son, xa sexa pola súa condición de persoa homosexual, transxénero, bisexual, racializado ou birracial, entre outras.

Aínda que a orixe disto é confuso, Nee Barros, escritore e youtuber, explica que “as sociedades, á hora de organizarse como tales, fan divisións entre as persoas”, e que por este motivo as persoas péchanse e néganse a aceptar outras realidades. Esther Lora, activista e integrante da asociación SOS Racismo Galicia, opina que “a discriminación existe porque está construído así desde sempre, e porque é a forma de garantir que unhas persoas teñan o poder absoluto sobre outras e porque é a forma de supervivencia dalgunhas outras”. Por tanto, a conclusión xeral é que a desigualdade é unha construción social que beneficia ás persoas máis poderosas. Aínda así, a discriminación non é algo xustificable e todo o mundo debe seguir loitando para erradicala.

Na miña opinión, non é aceptable que a xente siga sufrindo por ser quen é. Tampouco se pode facer a vista gorda se hai persoas que atacan e mesmo asasinan persoas por razón da súa orientación sexual ou se hai policías que matan persoas racializadas só porque desconfían delas. Creo que debería haber máis educación con respecto a eses temas e máis sancións por estes motivos.