Datos da enquisa feita polo alumnado do IES Rosalía de Castro e da OMS e ConSalud.es. | I.G. e S.F.

Os retos da saúde mental

Montserrat Prado, Daniel Salgado, Santiago Salgado, María Felicidad Gómez, Iria Vidal e Montserrat García analizan a fondo a situación e o futuro das enfermidades da mente

PEDRO CRUZ, VICTORIA CUETO, SARA FERNÁNDEZ, DIEGO FERNÁNDEZ, IRIA GIL, JAVIER GÓMEZ, DIANA MARTÍN, ALICIA RAMAS E DANIEL SEOANE | Murcia - Pontevedra - Santiago de Compostela


A saúde mental é un dos maiores problemas na sociedade hoxe en día e cada vez segue empeorando por razóns como o estrés social e o uso de drogas e outras substancias. “Os trastornos mentais adoitan aparecer na xuventude ou ao principio da idade adulta”, afirma Montserrat García González, psicóloga clínica na Asociación Alba. Non obstante, aínda que esteamos en pleno século XXI, non se lle deu a importancia “necesaria” que se lle ten que dar a esta temática, facendo que “fagan falla máis psiquiatras básicos”, como afirma esta terapeuta. Porén, o peor non é iso, xa que as persoas con enfermidades mentais adoitan sufrir discriminación, non só polas persoas da súa contorna, senón que por si mesmos: “Cando me dixeron ‘tes un tipo de esquizofrenia’ fun o primeiro que tivo un prexuízo sobre iso”, afirma Daniel Salgado, diagnosticado desta doenza desde hai catro anos. García González engade que “na túa vida diaria, no momento de encontrar un traballo, se vas dicindo que tes un trastorno bipolar o empresario ou empresaria, se pode elixir outra persoa, pois facilmente vai contratar outra”. Estes estereotipos tamén están nos medios de comunicación: “Unha persoa cunha enfermidade mental incendiou a súa vivenda, pero ese mesmo día en España probablemente houbera máis persoas que incendiaron o seu fogar e non din ‘unha persoa que non tiña unha enfermidade mental incendiou a súa vivenda’. Esa mala prensa non axuda, só contribúe a crear barreiras”, explica a psicóloga pontevedresa.

Orixes e primeiros síntomas

Os trastornos mentais como a bipolaridade adoitan aparecer en idades temperás. De feito, como afirma Montserrat García, "todo o mundo nace cunha certa predisposición, o problema é que non sabemos que predisposición temos”. Ademais, a psicóloga reflexiona sobre cales acostuman ser os trazos máis característicos para saber se unha persoa padece de trastorno bipolar: “Caracterízase porque a persoa se move, en termos médicos, en ciclos; pasa épocas nas que está deprimida e épocas nas que está maníaca”.

Pero o máis importante é conseguir que os doentes se dean conta da súa situación: “O primeiro é ser consciente de que tes un problema, porque o paso inicial para solucionar un problema é saber que existe, e se non es consciente de que existe ou o minimizas, vai ser máis difícil superalo”, afirma Montserrat Prado Cores, Vicepresidenta 2ª do Parlamento de Galicia e vogal da súa Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego. Pola súa parte, García tamén sinala que calquera enfermidade mental grave é moi difícil de aceptar, xa que non vai ser un problema temporal: “Ao diagnosticar un problema de saúde mental, a calquera familia lle custa aceptalo. Por iso, o que hai que facerlle ver á familia e tamén á persoa que enfermou é que non se vai curar, pero si se pode tratar e, se se trata ben, a súa vida pode ser normal”.

Outra das enfermidades frecuentes é a esquizofrenia, unha doenza que adoita comezar na adolescencia e que acostuma producirse polo consumo de substancias tóxicas, alcol e bebidas enerxéticas, como explica a psicóloga Iria Vidal Vázquez, terapeuta de Daniel Salgado, diagnosticado de esquizofrenia: “Substancias como o cannabis ou outras que se están descubrindo hoxe en día e que poden producir ou precipitar un brote psicótico, como son o alcol ou as bebidas enerxéticas coma as que se comercializan hoxe en día”.

Ante estas enfermidades hai moitos tipos de reaccións: moita xente non o chega a asumir en anos e outra está disposta a participar na súa mellora. Das cousas que máis lle importan ás persoas cando lles din que teñen un trastorno de saúde mental é a reacción dos seus amigos e familiares. Este é o caso de Daniel Salgado, que tivo a sorte de non ter que pasar por isto: “Afortunadamente, son un dos poucos que ten un círculo social moi aberto mentalmente e fun aceptado como son, incluíndo meus amigos de toda a vida. Sempre hai algúns cos que non falo moito do tema, pero seguimos mantendo a relación”.

A experiencia coa esquizofrenia de Daniel Salgado (der.), os seus pais (centro) e a súa psicóloga, Iria Vidal, (esq.) dá unha idea da vida dun doente e os seus retos. | CEDIDAS

A loita contra estas enfermidades: os tratamentos

A bipolaridade é un trastorno que non se pode tratar soamente con terapias psicolóxicas, pero os fármacos si axudan a aliviar os síntomas da enfermidade, tal e como apunta García González: “O tratamento nas enfermidades mentais graves debería apoiarse sempre na base de todo o que é a medicación. Sen medicación unha persoa non vai poder estar ben”. Ademais, esta psicóloga tamén afirma que “a base do tratamento é o que se chaman os estabilizadores do ánimo, é dicir, medicamentos que intentan regular o ánimo dos enfermos”.

Ademais disto, hai tamén factores sociais fundamentais, como o apoio dos familiares. A estes xeralmente non lles gusta que un familiar seu precise tratamentos, pero hai reaccións de todo tipo, como afirma a psicóloga pontevedresa: “A reacción das familias é tan variada como familias hai, pero, por norma xeral, ao diagnosticar un problema de saúde mental, a calquera familia lle custa aceptalo”.

Por outra parte, a esquizofrenia é unha enfermidade mental para a que hai tratamentos médicos e farmacolóxicos, pero os pacientes adoitan levalos a un psiquiátrico, cuestión que moitas veces é decisión da familia. Como afirma Santiago Salgado, pai de Daniel: “Nós faciamos o único que podiamos facer, que era ingresalo, porque para Dani os brotes psicóticos eran a súa maneira de pedir axuda”. Alí contrólanos con diversas terapias e ata os poden chegar a inmobilizar, como recorda Daniel: “Dixéronme ‘Tómbate na cama’ e tombeime, dixéronme ‘Dáme o brazo’ e dinllo. A señora estábame intentando atar e, como non podía, collín a correa e ateime eu mesmo”.

Cando o doente sae do psiquiátrico xa coa esquizofrenia máis controlada, comeza a tomar fármacos para evitar unha crise, aínda que é normal que o paciente ingrese no centro sanitario máis dunha vez ata que comeza a recoñecer que ten unha doenza. Como afirma Santiago Salgado, “cando empezas a recoñecer que tes un problema é cando podes axudarlle; el pódese axudar a si mesmo tamén”. Sen embargo, como denuncia Montserrat Prado, é complicado acceder a esa axuda no sistema público: “As listas de espera son tremendas, especialmente no caso dos médicos de familia, porque hai moi poucos profesionais, non se cobren baixas e non se cobren xubilacións. Por iso os problemas de saúde mental, que necesitan tempo e atención, pasan desapercibidos ou se medicalizan”. Particularmente, incide a deputada do BNG, no caso das mulleres: “Hai un aumento moi preocupante da medicalización das mulleres que teñen problemas de saúde mental. Se unha muller entra pola porta dunha consulta con cansazo, con dor de cabeza, cun malestar xeral, que poden ser síntomas dun problema de saúde mental, sae da consulta con medicamentos como tranquilizantes e demais. Sen embargo, se se trata dun home, sae da consulta con volantes para facer probas diagnósticas para ver cal é o problema”.

A psicóloga Montserrat García traballando no seu despacho da Asociación Alba en Pontevedra. | CEDIDA

Convivir coa enfermidade

Convivir con enfermidades mentais é unha das partes máis complicadas: “Para min é un xogo un pouco escabroso e maquiavélico, pero en realidade é como un Escape Room”, afirma Daniel Salgado. Non obstante, non só as persoas que sofren a enfermidade son as afectadas, senón que tamén os familiares teñen que afrontar as consecuencias. Un exemplo disto é o caso da nai de Daniel, Mª Felicidad Gómez: “Eu como nai non facía máis que preguntar que era o que tiña o meu fillo. Enfróntaste a unha persoa que non coñeces”. Pero incluso pode converterse nun problema social, como apunta Montserrat Prado: “Ese problema agrávase co significado individual pero é tamén un problema para a sociedade e para o seu entorno familiar”.

Por iso, para convivir coa enfermidade, a deputada do BNG aconsella a estas persoas “que busquen axuda, que non o dean como normal, que non intenten superalo soas, que non pensen que son as responsables de estaren mal ou que non fan suficiente para superalo”. Neste senso, outra das partes máis difíciles de convivir con enfermidades mentais é recuperarse pouco a pouco, tal e como describe Daniel: “Ese é o meu maior obxectivo. Poder ser autónomo emocionalmente e poder xestionar as miñas emocións sen necesidade de medicacións nin nada parecido”.

Por outra parte, tamén é moi complicado ser internado nun psiquiátrico, como o doente murciano conta: “Acabei pedindo axuda á miña familia, leváronme a un centro psiquiátrico e alí empezáronme a tratar”. Tamén lle foi duro saber que a xente pensa que “ter esquizofrenia soa a tolo, á típica imaxe que nos vén a todos á cabeza de alguén cun coitelo”. Por iso, como explica a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, “a diversidade de ter un problema de saúde mental non significa nin agresividade nin que te vaian atacar polas costas mentres están traballando contigo”. Pero, aínda que o psiquiátrico é un sitio duro, Daniel ten outra perspectiva desde a súa experiencia: “Para min é un momento de repouso por así dicilo. Aínda que máis que repouso, é un sitio onde divertirse”, afirma. Para el é un sitio seguro: “Cando estou dentro dun psiquiátrico, dou renda solta aos meus delirios”.

Ao mesmo tempo, a psicóloga García González afirma que as persoas con trastorno bipolar “poden facer a súa vida normal”, sempre e cando sigan tomando a súa medicación. Á hora de admitir que tes un trastorno bipolar “normalmente custa aceptar que non sexa algo pasaxeiro, que vai ser algo de por vida”. Por iso, segundo a terapeuta, nestes casos o apoio da “familia é fundamental, xa que as persoas que teñen un bo apoio familiar, xeralmente evolucionan mellor”.

Ata non hai moito as enfermidades mentais eran mal vistas, “pero como calquera cousa que saia do habitual”, sinala García González. Ademais, a terapeuta recorda que “cando era pequena, se un neno ou unha nena tiña unha síndrome de Down era visto como raro, era mal visto, e entendo que iso hoxe en día xa non se dá. Nos trastornos mentais aínda perdura iso, aínda son persoas mal vistas”. Por outra banda, engade que, “de todas formas, sobre o trastorno bipolar, cada vez eu creo que se fala máis nos medios de comunicación”.

Pero a discriminación que adoitan recibir estas persoas poden ser tamén laborais, xa que, no momento de atopar un traballo, se o xefe sabe que tes un trastorno mental, seguramente elixa outra, como xa indicaba antes a psicóloga pontevedresa. Ademais, hoxe en día, as noticias tamén reflicten esa mala prensa que xa citaba Montserrat García, como o sinalamento dos diagnósticos de persoas que cometen crimes e dificultan aínda máis o día a día destes pacientes á hora de atopar un traballo ou unha vivenda.

A deputada do BNG, vicepresidenta 2ª e vogal da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia facendo unha intervención parlamentaria. | CEDIDA

A volta á normalidade

“Temos pisos tutelados para persoas con enfermidade mental que non teñen vivenda ou que non poden vivir por algún motivo coas súas familias”, explica a psicóloga Montserrat García González sobre os métodos de axuda da súa organización, a Asociación Alba, no proceso de rehabilitación. Esta terapeuta comenta que “tamén tentamos traballar as áreas deficitarias para que os pacientes poidan aprender en que consiste e como se trata a bipolaridade”. A volta á normalidade é un proceso longo e demorado, no que, se ademais padeces problemas de relación, será aínda máis difícil poder levar a cabo ese retorno á vida diaria.

Pero, aínda que a sociedade avanzou moito no ámbito da saúde mental, quedan aspectos que resolver, como un dos máis complexos, a súa integración no mercado de traballo: “Coa crise do 2008, coa crise económica e laboral derivada da pandemia e co tema da situación bélica na Ucraína o que se está vendo é unha precarización e unhas condicións laborais cada vez peores, menos traballos con salarios máis baixos e con contratos moi precarios e de pouca duración; e iso, evidentemente, hai que correxilo con outras políticas laborais”, denuncia Montserrat Prado.

Con isto en mente, son precisas unha serie de medidas inmediatas en canto á saúde mental. En primeiro lugar, tense que informar sobre este tema, xa que é un dos problemas máis graves da nosa sociedade, tal e como apunta a deputada do BNG: “Somos, dentro do estado español e na UE, onde hai máis problemas de saúde mental, e estamos en cabeza no número de suicidios”. Por outra parte, a poboación ten que darse conta de que os trastornos mentais teñen a mesma importancia que as enfermidades físicas, para así evitarmos as dificultades que os doentes encontran para reintegrarse na sociedade e no mercado laboral: “Moitísimas persoas seguen traballando nunha situación na que realmente non están ben”, denuncia Montserrat Prado. Pola súa parte, a psicóloga Iria Vidal insiste nisto: “En canto a retos, o maior témolo fronte á sociedade. Primeiro, para que non deixe de lado ás persoas con problemas de saúde mental porque ao fin e ao cabo todos podemos sufrir unha enfermidade mental. Non é un problema que só forme parte dos hospitais psiquiátricos”.

Por iso, adoita ser moi complicado para os doentes de esquizofrenia lograr un contrato ou seguir cos seus estudos, xa que a xente ten moitos prexuízos e incomodidade sobre este tema. Pero tamén, aínda con excepcións, é común atopar dificultades coa familia e amizades. A maioría de pacientes de esquizofrenia encóntranse con amigos que xa non o queren ser ou familiares que se distancian, como explica Daniel Salgado: “Afortunadamente son un dos poucos que teñen un círculo social tan aberto mentalmente e que me teñen aceptado como son, incluídos os meus amigos de toda a vida. Sempre hai algúns cos que non falo moito do tema, pero seguimos mantendo a relación”.

En definitiva, a saúde mental pode limitar a relación cos demais e afectar a vida laboral das persoas que sofren algún trastorno. Por iso, este é un dos maiores problemas que temos na sociedade a día de hoxe e, xa que se non se lle dá a importancia adecuada, cada vez vai empeorando. En consecuencia, chega ata o punto no que a xente ten prexuízos sobre isto: medo ás persoas diagnosticadas, falta de comprensión ou illamento. Non obstante, co paso do tempo tamén hai máis persoas que falan sobre estes problemas. Profesionais da psicoloxía e da medicina, representantes públicas ou activistas e voluntarias conciencian a sociedade sobre saúde mental. No desafío de garantir unha vida normal ás persoas con trastornos mentais non sobra ninguén. Desde os tratamentos médicos e a atención sanitaria ata a axuda de especialistas e xente querida, toda a sociedade pode arrimar o ombreiro. Algo para o futuro que, segundo Montserrat Pardo, debe converternos “nunha sociedade non tan agresiva, non tan competitiva nin tan individualizada, onde só importa o que consigo eu e dáme igual a quen pise, senón que debemos ir cara sociedades moito máis inclusivas, onde se estea máis pendente do que lle pasa, sobre todo, ás persoas máis vulnerables en todos os ámbitos. E iso hai que abordalo desde múltiples campos: desde os servizos sociais, desde o ámbito laboral e desde o sanitario”.