Infografía con datos de enquisas realizadas en febreiro de 2022 por alumnado de 1º ESO A do IES Plurilingüe Rosalía de Castro. | O. R, A. J., C. G. y M. R.

Discriminación, racismo e LGTBIfobia

Diante das desigualdades e das intolerancias sufridas por amplos grupos sociais, Nee Barros e Fito Ferreiro falan en primeira persoa da súa experiencia no colectivo LGTBIQ+, mentres que Sonia Mendes e Esther Lora, integrantes da asociación SOS Racismo, e Johan Friestedt, secretario executivo da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia (ECRI), reflexionan sobre a discriminación racista e xenófoba en Galicia e en Europa

DANIEL HAWKINS, ALDARA BRIÓN, MANUEL ESTÉVEZ, CARMEN GINARTE, ANA JORQUERA, CLAUDIA MATA, NEREA PINTOS, ÁNGEL PÉREZ, MARTA REY, ORIEL RIVAS Y NICOLÁS VÁZQUEZ | Estrasburgo-A Coruña-Vigo- Santiago de Compostela


A pesar de estar tan avanzados tecnolóxicamente, en canto á discriminación racista, xenófoba ou LGTBIfóbica parece que non avanzamos case nada. Nalgúns casos, como a situación do colectivo trans, a evolución neste aspecto é evidente ao longo destes anos. “Hai dúas reaccións da xente ao falar de discriminacións: a reacción da xente que quere aprender e informase sobre isto, e despois a outra reacción da xente que, como é algo novo que non entenden, non intentan entendelo”, afirma Nee Barros, escritore e youtuber. Principalmente, pódense destacar neste sentido o racismo e a LGTBfobia, xa que son problemas actuais que teñen que ser resoltos canto antes. En efecto, moita xente sofre por culpa de certas persoas “que teñen medo ao descoñecido”, como di Fito Ferreiro, activista LGTBIQ+, xente a quen “hai que apoiar en todo o posible”, defenden Sonia Méndes e Esther Lora, membro da asociación SOS Racismo. Isto é algo que tamén apoia Johan Friedstedt, da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia (ECRI), quen considera que, por exemplo, se promovería a integración social se as autoridades locais favorecesen a integración de minorías étnicas en ámbitos como o deporte, non só como deportistas senón incluso "nas estruturas deportivas”.

A que nos estamos enfrontando?

No seu día a día, as persoas destes colectivos sofren agresións, insultos e dificultades para encontrar vivenda ou traballo. Segundo Johan Friedstet, “en redes sociais como Facebook ou Twitter, o discurso racista e do odio parece que incrementou”. Por iso, á parte do dano psicolóxico que isto poida causar, como indican Sonia e Esther, “é un problema que levamos moitos anos arrastrando e que non cremos que se solucione do todo”. Tamén, segundo Fito Ferreiro, “a comunidade LGTBI ten un inimigo principal, o home branco heterosexual, o que se supon que ten o poder”. Isto é algo que, como di Nee Barros, vai un pouco máis aló ao falarda transexualidade: “Quero representar a realidade mais aló do odio dirixido ás persoas trans, que moitas veces vemos directamente en forma de agresións ou insultos. Ademais, hai certo problema, xa que non entendemos cal é a realidade trans porque temos como unha venda nos ollos”.

Por iso, no caso do racismo hai que ter claro o problema principal. Segundo Sonia Mendes, “se te fixas un pouco no ámbito da entrevista, no ámbito educativo, na historia de Galicia e na de España, hai moitos feitos ou vivendas racistas que non entran na historia. Entón, estudamos a parte que nos interesa. No momento no que empecemos a recoñecer toda a serie de masacres, toda a serie de explotacións, toda a serie de asasinatos, podermos camiñar cara a un futuro no que haxa menos discriminación, pero non creo que se elimine”. Ademais, Mendes afirma que “é un problema que vén sendo arrastrado desde fai moitos anos e esta é a base da construción de moitas sociedades e moitos países”.

Outro caso é o das persoas LGTBIQ+, tal e como afirma Nee Barros: “Ao final, cando as persoas trans saen do armario, hai moita xente que, por non ter moito coñecemento, simplemente non nos entende ou lle é un pouco difícil adaptarse”. E youtuber pensa que para solucionar o problema “é necesaria moita loita en canto a activismo e de xente que sexa visible, que faga movementos sociais”, pero non pensa “que haxa unha clave, porque isto ten que ser un traballo desde moitos espazos, como a educación”.

Nee Barros presentando o seu libro Identidade. | CEDIDA

Discriminacións persistentes

Parece incrible que, despois de tantos anos e con tantos colectivos existentes, siga habendo tanta discriminación e siga aumentando- Como afirma Esther Lora: “Nós facemos un reconto das denuncias que recibimos e facemos un informe anual que conta as denuncias que recibimos, e a verdade é que ano tras ano o número de denuncias aumenta”. Outro caso é o do colectivo LGTBIQ+, que sofre discriminacións que están motivadas polo que a sociedade nos inculca. Fito Ferreiro explica que “existe a LGTBIfobia interior, na que un non se acépta e se rexeita, existe a LGTBIfobia exterior, social, que non chega á agresión, pero rin cando pasas, non te tratan como deberían…, e logo hai a directa, que si que te insultan, danche un golpe ou algunha cousa peor”. Todas esas faltas de respecto son por razóns puramente sociais e que discriminan a forma de ser dunha persoa ,como as razas ou a orientación sexual dunha persoa: “A raza como tal é unha construción social, baséase nunha serie de normas e costumes. Vemos como aínda que non teñan esa base biolóxica ten moito poder porque, se revisades na sociedade a día de hoxe, aínda que non o recoñezamos, somos conscientes de que as razas tamén clasifican as persoas”, afirman as entrevistadas de SOS Racismo. Non caso da identidade de xénero, Nee Barros pon un exemplo de discriminación á vista que poucas persoas notan: “Nos baños divídense en homes e mulleres e hai persoas de xénero non binario que non encaixan.” Cal pode ser a explicación a estas discriminacións? SOS Racismo trata de expoñelo: “Existe porque está construído así desde sempre, porque é a forma de garantir que algunhas persoas teñan poder absoluto sobre outras e porque é a forma de supervivencia desas persoas”. Nee tamén tenta xustificar o porqué disto: “Na nosa sociedade, a sociedade galega, temos unha división de homes e mulleres. Ao estar conceptualizando sempre todo e telo tan presente, non somos capaces de considerar outras realidades e todo aquilo que sae do que consideramos o normal negámonos a aceptalo”.

Johan Friestedt, secretario executivo de ECRI falando por videoconferencia desde a súa oficina de Estrasburgo. | MEET

En primeira persoa

Fito Ferreiro conta como foi o seu pasado sendo unha persoa homosexual en una época onde ser do colectivo LGTBIQ+ era algo moi mal visto: “Son dunha época na que era difícil ser gay”. Na súa infancia estivo moito tempo ocultando a súa orientación sexual. Como el mesmo recorda, “eu creo que xa de pequeno, con 6 ou 7 anos xa sabía que era especial, que tiña outra forma diferente á que os meus amigos falaban das raparigas”. En cambio, contouno por primeira vez aos 20 años: “A primeira persoa á que lle contei a miña orientación sexual, que eu era gai, á parte das primeiras parellas que puiden ter, foi a parella que tiven cando tiña 20 años”. Por último, conta o canso que é a saída do armario: “Chega un momento no que estás canso de levar unha dobre vida… As persoas LGTBI, as persoas gais, pódese dicir que estamos saíndo constantemente dol armario”. Aínda que Ferreiro tamén recoñece o ben que se sente un ao contar seu secreto: “O saír do armario é o mellor que fixen na miña vida”.

Paralelamente, Esther di que as razas en verdade non existen cientificamente senón socialmente. Tamén din que elas, as voluntarias, ao inicio non estaban na entidade senón que ingresaron durante os últimos anos para loitar contra o racismo día a día: ”Cando eu cheguei xa estaba andando a entidade, pero xustamente cheguei a SOS Racismo Galicia para lidiar contra todas as vulneracións que acontecen todos os días”. Sonia tamén comenta que o utópico sería non seguir facendo falta, pero seguir traballando:” O ideal ou o utópico sería que xa non fixéramos falla, pero o que nos gustaría é poder seguir tendo a oportunidade, tanto persoal como de recursos, para poder seguir traballando”. Ademais comentan que o problema vén arrastrado dende fai moitos anos: “Eu creo que é unha problemática que levamos arrastrando moitísimos anos e está na base da creación da sociedade”. Por último, explican que é importante que a xente que sofre actos tanto racistas como xenofóbicos denuncie: “É necesario que no ámbito galego a xente que sofra ou presencie actos racistas se anime a denunciar”.

Fito Ferreiro nunha campaña contra as desigualdades. | CEDIDA

Unha loita sen fin

“Hai que facerse visibles, para que a xente homófoba coñeza a realidade, a nosa realidade”, di Fito Ferreiro, que achega solucións moi efectivas para tentar reducir ou frear estas discriminacións. Tamén apunta que agora a responsabilidade recae sobre as seguintes xeracións: “Agora tócavos a vós ir educando as próximas xeracións, e as próximas xeracións as seguintes, así infinitamente”. Fito Ferreiro tamén fala de asociacións ou colectivos para axudar a que a xente o pase mellor á hora de sufrir discriminacións: “No colectivo da Coruña, en Alas, temos un programa de acollida, de punto cero, que é para achegarse ás persoas que non teñen claro aínda a súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero”. Ou,u como din Esther Lora e Sonia Mendes: “O primeiro que hai que facer é acompañar e consolar as persoas, ver que quere facer esa persoa; se quere escribir unha denuncia axudámola a escribir ese relato, asesoramos e sobre todo tentamos reparar un pouco ese dano”. Din que é moi importante a formación e a información: “É moi importante que as persoas se formen, para saber recoñecer ou detectar eses comportamentos, que son auténticos comportamentos racistas, xenófobos ou discriminatorios”. Tamén engaden uns últimos consellos para terminar co racismo: “Sempre, aínda que sexan colegas ou familiares, o ideal sería chamar a atención para frear ese tipo de comportamentos ou actos racistas”. Comentaron, igual que Fito Ferreiro: “Impartindo moita información antiracista que vemos que é necesario en todos os ámbitos educativos”.

Johan Friestedt, conselleiro de ECRI, tamén está de acordo con que “para cambiar a mentalidade do futuro, a educación escolar é clave”. Nas súas palabras, “non se trata só de respecto e tolerancia coas persoas e estudantes de diferente orixe, trátase de comprometerse a loitar contra a desigualdade en todas as frontes”. Engadiu que “a solidariedade mostrada a Ucraína debería ser o novo modelo para todas as persoas que necesitan protección e asistencia. Independentemente da súa orixe étnica ou nacionalidade, relixión, cor de pel, cidadanía, orientación sexual, ou identidade”.

Nee Barros apoia que agora as discriminacións están máis presentes e visibles na sociedade: “Penso que no noso mundo está a visibilizar máis realidades que antes estaban máis ocultas”. Para erradicar todas esas discriminacións, di algo que tamén apoia Fito Ferreiro: “O máis importante paréceme facer unha visibilización da realidade trans que teña en conta as persoas trans, é dicir, que sexamos nós quen falemos e expliquemos como sentimos e como somos e, sobre todo, que haxa un apoio real”. Barros tamén dá a súa opinión de cal sería a clave para terminar coa transfobia, a mesma para erradicar calquera odio: “Eu penso que a clave é a educación, as escolas e o ensino”. Engade a importancia de que haxa libros sobre o colectivo LGTBIQ+: “Entender que significaba todo iso da identidade de xénero foi un proceso moi difícil. Quixen, dalgunha maneira, facer un libro, que precisamente falara diso para que calquera persoa que non soubese sobre ese tema póidase identificar con algúns dos personaxes e que teñan un sitio para ler sobre esas realidades”.

Sonia Mendes (izq.) e Esther Lora (centro), integrantes de SOS Racismo Galicia, durante unha actividade da ONG. | CEDIDA

Un futuro máis igualitario e tolerante

Nas últimas dúas décadas foi respectada moito máis a comunidade LGTBIQ+, como di Fito Ferreiro: “Eu creo que nos últimos quince anos, desde que se aprobou a lei de matrimonio igualitario, neste país avanzamos moito, neste e en moitos outros, pero aquí en particular sobre todo, porque foi dos primeiros en aprobala”. Aínda así, non chega ao punto de que as persoas deste colectivo teñan os mesmos dereitos.

Ao mesmo tempo, e escritore e youtuber Nee Barros opina que non sabe se no futuro vai haber esta igualdade pero espera que si: “Gústame pensar que estamos avanzando cara un futuro no que todo isto sexa mellor visto, e non só que cada vez gañemos máis dereitos, porque tamén hai que ter coidado e non idealizar demasiado, senón que me gustaría que fósemos conscientes ser conscientes do que está pasando agora e loitar por este futuro que queremos, aínda que non sabemos se vai ser posible”.

Simultaneamente, hoxe en día a situación do racismo neste país é mala e difícil de solucionar, como explican algúns traballadores da entidade SOS Racismo Galicia. Ademais, como ben explica un traballador da agrupación, hai que saber que o conflito é da poboación: “O primeiro paso é informarse e darse conta do que está dentro de nós, e entón é un proceso que é longo”.

Johan Friestedt, quen tamén destaca a importancia da ecuación, soa máis pesimista cando fai referencia ao feito de que parece case imposible acabar co racismo e a discriminacións, sobre todo.


En definitiva, Nee, Fito, Sonia, Esther e Johan afirman desde a súa propia experiencia que as discriminacións son un tema social e deben ser solucionadas canto antes; pero, como en todo, sen esforzo non hai recompensa. Con todo, todos coinciden en que aínda queda moito traballo que facer para acabar esta interminable guerra contra a desigualdade e a intolerancia, pero, como afirma Fito, “sería un soño que se resolvesen as discriminacións, pero creo que aínda falta moito para poder chegar a ese punto”. Ao final, todo o mundo pode aprender algo destas situacións de discriminación, como que a tecnoloxía non vai resolver todos os problemas e, desde logo, aínda menos, se é a propia sociedade a que os provoca. Precisamente é no contexto das novas tecnoloxías, concretamente nas redes sociais, onde Johan sinalou que aínda queda moito por facer, aínda que identificar e falar sobre a existencia do racismo e a discriminación na nosa sociedade xa conleva un avance nunha loita que, segundo o secretario executivo de ECRI, non parece ter fin: “Quizais o principal reto é aceptar que o combate contra o racismo e a discriminación é unha loita moi longa e que nunca vai concluír”.