Montserrat Prado

Deputada do BNG, Vicepresidenta 2ª e Vogal da Comisión de Sanidade do Parlamento de Galiza

A vicepresidenta 2ª do Parlamento galego durante unha intervención no pleno. | CEDIDA

“Estamos en cabeza no número de suicidios, xunto con Asturias, a nivel estatal”

A deputada do BNG Monserrat Prado analiza a fondo a situación da saúde mental en Galiza, explicando a súa importancia, as consecuencias das discriminacións ás persoas con problemas mentais e a súa importancia no traballo

DIEGO FERNÁNDEZ, SARA FERNÁNDEZ E ALICIA RAMAS | Santiago de Compostela

Montserrat Prado Cores (Pontevedra, 1965) é deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), vicepresidenta 2ª do Parlamento de Galiza e vogal da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego nesta lexislatura. Diplomada en EXB e licenciada en Geografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela é traballadora do Servizo Galego de Saúde e iníciase no activismo colaborando con varias asociacións culturais e veciñais. Foi concelleira en Cambados entre 1991 e 1995 e delegada na provincia de Pontevedra da Consellaría de Innovación e Industria entre 2005 e 2009. Tamén foi membro do Consello de Administración da CRTVG entre 2009 e 2012.


—Estase falando moito da importancia de coidar da saúde mental no mundo da política. De que modo pensa que é necesario ou non crear unha comisión de expertos nos diferentes parlamentos e, se se fixera, cales pensa que deberían ser as súas prioridades?

—O primeiro que quería dicirvos é que a atención á saúde mental está sendo unha das máis esquecidas dentro do sistema sanitario. Este está tendo moitos problemas de recursos, está tendo moitas dificultades para que a poboación teña a atención precisa e, dentro desas dificultades, a atención á saúde mental está sendo das que máis problemas ten. Xa os tiña de antes e coa pandemia estes problemas aumentaron moitísimo. Empeoraron, primeiro, porque se destinaron moitos recursos a atender as persoas que tiñan COVID, pero quedaron esquecidas outras patoloxías, entre elas a saúde mental. Coa pandemia, os problemas de saúde mental que tiña unha gran parte da poboación aumentaron moito na fase de confinamento, e seguen aumentado polo contexto económico, laboral, de medo, de incerteza, de dificultades… Iso fixo que moitas persoas estean tendo moitas dificultades.

Dende o BNG estamos no Parlamento galego na oposición. Hai maioría absoluta do Partido Popular e son os que que deciden as cousas que se aproban ou non se aproban. Son os que gobernan e levamos demandando dende hai moito tempo que hai que destinar moitos recursos á saúde mental, tanto en aumento do persoal como en orzamento, porque estamos nunha situación onde temos os ratios de persoal de poboación máis baixos a nivel do estado e da Unión Europea, e, pola contra, somos, dentro do Estado español e na UE, onde hai máis problemas de saúde mental. Estamos en cabeza no número de suicidios, xunto con Asturias, ao nivel do estado, e o problema é que iso lonxe de mellorar, mantense ano tras ano. Ademais, estamos á cabeza no consumo de medicación para tratar problemas de saúde mental, na cabeza do estado. Como non hai profesionais nin boa saúde mental, o que se fai é medicar a xente, e darlle pílulas para tomalas. Isto que significa? Que non é só que teñamos que crear comisións, senón que o problema está sen diagnosticar, polo que hai que poñer recursos, aumentar o orzamento e o persoal. Fai falla, en consecuencia, unha comisión e todo o necesario para poñer este tema en axenda, para que a atención á saúde mental sexa unha prioridade.

—Sabemos que é diplomada en Maxisterio e licenciada en Xeografía e Historia. Como acabou sendo a responsable de saúde mental no Parlamento de Galiza e por que o seu interese neste tema?

—Eu son muller, son dunha parroquia, dunha aldea, dunha familia moi humilde e sempre tiven inquedanzas. Sempre fun consciente de que estabamos sen unha serie de dereitos e preguntábame por que outros tiñan que decidir por min. No caso de ser muller, sabía que outras mulleres pelexaran por conquistar eses dereitos e, nese contexto, había dúas formas de facelo: o formal, o mundo no que estou eu ou, no cartel, intentar melloralo ou transformalo. Eu comecei desde moi nova a involucrarme en todo tipo de proxectos, en asociacións para poñer en marcha cousas como ter espazos de lecer na miña parroquia. Logo, xa cando fun ao instituto na transición, comezaba a época democratica e aí había un grupo de persoas adolescentes que debatiamos moito respecto do que estaba pasando, da política. Iso tirou de min para querer mudar a sociedade a mellor e, nese sentido, fun sendo consciente de que facía falla organizarse. Entón, como son galega, a solución para min pasa por organizarnos desde Galiza, desde o noso, para dar respostas aos problemas de aquí. Fun daquela organizándome no BNG, na creación de Galiza Nova.

Logo, ademais das miñas inquedanzas políticas, presenteime a unha oposición para celadora do Sergas. Aprobei a oposición e durante case 15 anos estiven nun hospital e nun centro de saúde. Aí coñecín bastante como funciona a psiquiatría, experiencia á que logo tirei partido nos grupos parlamentarios. Son moitos os temas que hai que abordar no Parlamento: a sociedade, o ensino, traballo, medio ambiente, infraestruturas, sanidade, politicas sociais… Son moitos os temas nos que precisamos traballar, e en función das persoas que esteamos nese grupo, imos distribuíndonos. No grupo parlamentario do BNG consideraron que a persoa que podía responder mellor a esa área que era eu e decidiron que fose a voceira de sanidade, pero a abordaxe política deste tipo de problemas da sanidade non ten que ver tanto con cal é a patoloxía. Un médico pode ser moi bo e unha enfermeira pode ser moi boa, pero non é ese o enfoque global que precisamos ver para saber por onde debe ir o sistema sanitario. Por exemplo, hai presidentes de goberno que son avogados, outros son peritos industriais e, non obstante, teñen unha visión de por onde deben ir as cousas. En resumo, pode que a miña preocupación por implicarme e cambiar a sociedade a mellor, amais do meu coñemento após traballar na sanidade case 20 anos, facilitase que me asignasen a responsabilidade que teño no parlamento.

—Á veces dise que a falta de traballo non debe supoñer problemas de saúde mental como a depresión, pero moitas veces acontece. Que propoñen desde o BNG para solucionar este problema do impacto do desempregona saúde mental?

—A saúde non é soamente a falta dunha enfermidade física, senón que as definicións tanto da organización Mundial da Saúde, que está considerada aceptada, é que a saúde é un equilibrio total entre o benestar físico, psíquico, social e emocional. Deste xeito, se unha persoa ten dificultades laborais, non ten traballo, o seu equilibrio mental non vai estar ben, porque necesita ter o seu proxecto de vida encauzado, ter as súas necesidades básicas cubertas e ser aceptado na súa contorna. Esas cuestións van resentir a súa saúde. Que é o que hai que facer? Ir a outro marco de relacións laborais.

Coa crise do 2008, agora coa pandemia, coa crise económica e laboral derivada da pandemia, co tema da situación bélica na Ucraína o que esta pasando é unha precarización e unhas condicións laborais cada vez peores: menos traballos, salarios máis baixos, contratos moi precarios e de pouca duración. E iso evidentemente hai que corrixilo con outras políticas laborais. Durante a pandemia, menos persoas acumularon a riqueza, e máis persoas, a maioría social como os traballadores e traballadoras, teñen peores condicións laborais, O problema aquí non é atender as situacións sanitarias que se derivan de que no teñen traballo, senón que hai que ir a outro marco laboral con condicións sociais que permitan que a maioría das persoas teñan capacidade económica para desenvolver os seus proxectos de vida. Entre tanto que iso non é así, hai que atender o tema sanitario, pero vai moi englobado. Polo tanto, a situación socio laboral ten que ir nun paquete global.

—Cales son as situacións máis frecuentes no lugar de traballo que adoitan causar problemas de saúde mental e que solucións propoñerían desde o BNG para rematar coa mala saúde mental no traballo?

—Hai contratos moi precarios, que fan que as persoas teñan unha presión continua dese medo a perder o traballo. Polo tanto, iso en si xa é unha situación que crea problemas de saúde mental: o tema dos baixos salarios que fan traballar moitas horas para conseguir uns ingresos suficientes, na maioría dos casos insuficientes, é unha situación dunha esixencia laboral moi elevada. As persoas vense obrigadas a dar moito de si porque teñen a presión de que, se eles non traballan nestas condicións, vai haber moitas persoas esperando fóra para ocupar os seus postos de traballo. Outra situación que se puxo en moita evidencia coa pandemia é o tema do teletraballo, que pode parecer unha cousa moi boa, pero isto significa que a xente está moi illada. Isto vese sobre todo nas mulleres, que están na casa traballando, e ao mesmo tempo ocúpanse dos coidados das crianzas, da xente maior e das tarefas domésticas. E todo isto produce unha situación de illamento e unha sobrecarga que fai que os problemas de saúde mental estean totalmente presentes, tanto no centro de traballo ao uso, como poden ser fábricas, como en oficinas ou no teletraballo na casa, que está sendo un problema tamén polo illamento e por ese sobreesforzo que supón estar traballando con esa sobrecarga.

A nivel de propostas, hai que esixir que ter un traballo teña que ser un oficio decente, cuns salarios decentes e unhas condicións laborais adecuadas, non a sobreexplotación e precariedade que cada vez vai en aumento en vez de ir diminuíndo.

—Non hai moito a Íñigo Errejón gritoulle un deputado no Congreso dos Deputados en Madrid que fose “ao médico” cando intentaba que se falase de saúde mental alí. Por que cre que a xente segue discriminando a persoas con este tipo de enfermidades e de que xeito cre que se avanzou na sociedade galega neste sentido?

—É unha evidencia que a saúde mental segue estando moi estigmatizada. Segue sendo un problema e está mal visto. Se unha persoa ten un problema de corazón e o conta, pois todo o mundo lle diría: "Ai, a ver se te melloras. Cal é o tratamento?" Pero se unha persoa ten un problema de saúde mental, primeiro, normalmente, tende a ocultalo, e a súa contorna tamén. Ninguén anda contando á veciña e aos seus amigos que ten unha depresión, que ten un problema psicótico, porque hai un rexeitamento social aos problemas de saúde mental, o que deriva en que, tradicionalmente, as persoas con mala saúde mental ocultábanse, ocultábanas nas casas, metíanos en centros para que a sociedade non os vira. Porén, nos últimos anos e dende os oitenta, modificouse o que era a atención á saúde mental e acordouse e aprobouse a nivel legal que as doenzas mentais se incluíran como un problema de saúde máis, porque ata esa data eran como un á parte. Estaban os manicomios, os psiquiátricos onde metían a xente con problemas de saúde mental graves, porque tamén hai que diferenciar problemas de saúde graves, con moita patoloxía, cos que non son tan graves pero si afectan a calidade de vida das persoas, como a depresión ou as ansiedades.

Durante moito tempo, esa visión da saúde mental non estivo superada, aínda que se aproben as leis, porque pasar das leis á realidade conleva que a sociedade acepte e cambie a súa percepción das cousas. Non é tan sixelo; sobre todo cando nos limitan os recursos, ese persoal suficiente para ter unha atención psicosocial, psicosanitaria, sociosanitaria, dende os servizos sociais, decente. Cómpre que a saúde mental funcione en combinación coa atención sanitaria, e teña unha abordaxe global. No BNG levamos moito tempo denunciando no Parlamento esta situación. Isto ten que cambiar a idea de que as persoas que padecen problemas de saúde mental, se queren, poden superalo soas. Por exemplo, dicirche, se ti tes uha depresión: “Se fas un esforzo, podes superalo”. A ninguén que ten un problema cardíaco lle din: supérao ti soa porque é teu. Entón, por que na saúde mental se actúa dese xeito pensando que é un problema que ti inventas? Non é que ti poidas superar soa o que é unha enfermidade. Entón, isto é froito desa falta de recursos e desa percepción a nivel social, global, de que a saúde mental debe ser unha prioridade e que hai que poñela en igualdade de condicións que outro tipo de patoloxías e, sobre todo, de desestigmatizar as persoas que teñen eses problemas.

—Cales solucións propoñen dende o BNG para terminar coas discriminacións?

—Primeiro, cómpre ter un número suficiente de profesionais que poidan actuar na prevención, que poidan actuar e detectar os problemas nas contornas sociais, para estaren atentos a que non se produzan conflitos, para que a xente non chegue a ter problemas de saúde mental. Isto comeza polas situacións sociolaborais, socioeconómicas, para que, cando as persoas comecen a ter esos problemas, haxa un número de profesionais e un sistema sanitario que atenda esas necesidades.

Na atención primaria, nos médicos de familia, hai moitos estudos que din que os 30% dos problemas cos que chega a xente ás consultas teñen que ver coa saúde mental. Non obstante, non hai psicólogos ou psicólogas en atención primaria, e as listas de espera para a atención especializada son altísimas. O último dato publicado polo Sergas hai case un ano, aínda que tiña que ser publicado en decembro, é que hai máis de 7.000 mil persoas esperando por unha primeira consulta de atención en psiquiatría. Se non hai profesionais en atención primaria e hai listas de espera para a atención especializada, a solución, polo tanto, son os recursos e unha sociedade que entenda que a saúde mental sexa unha prioridade. Non podemos estar nunha situación actual onde isto vaia en aumento, e, sobre todo, na mocidade e nos nenos e nenas, onde está sendo un grave problema. Están aparecendo xa voces de alarma no sistema sanitario, onde están chegando moitísimas persoas novas con problemas de saúde mental: con intentos de suicidio, problemas de alimentación, e non hai persoal para atendelas, non hai unidades específicas de atención infantil e xuvenil. A solución: recursos na prevención e recursos na atención. Sen recursos e sen persoal non é posible.

—De que modo cre que se poden crear leis ou normas para penalizar ou rexeitar as discriminacións cara ás persoas con problemas mentais?

—A nivel xeral, ten que haber unha cobertura legal que impida que se poida discriminar ou non atender a calquera persoa que teña calquera tipo de problema, e tamén no caso do sanitario e no da saúde mental.

A lei existe, pero é mellorable. Pódense facer máis cousas, pódese regular mellor, pero o problema é facer que as leis queden no papel. Para que as leis se cumpran, e que calquera sexa consciente que está vulnerando o dereito da persoa con problemas de saúde mental (e que iso vai ter consecuencias), ten que haber inspeccións, o cal significa máis persoal. Ten que haber a conciencia clara de que hai que actuar diante desas situacións, non minimizalas, e para que isto sexa así ten que haber socialmente a percepción, o convencimento, de que non o podemos permitir colectivamente.

As leis fanse cando hai unha presión para que se fagan. Logo aplícanse e fai falla ser contundente con elas. Cómpre que haxa unha presión social que non permita que se vulneren eses dereitos. Senón, ás veces, faise para cumprir o expediente, para quedar tranquilos de que temos unha lei, pero logo hai que aplicala, igual que noutros campos; e para iso é necesario socialmente que non se sexa permisivo coas discriminacións. No caso das mulleres, os nosos dereitos primeiro estiveron demandados na rúa, pero despois de telos no papel non pasaron automáticamente á normalidade nin están totalmente. Ao contrario, temos que seguir demandando que se cumpran, que se vixíe, que se inspeccione, que se dediquen recursos, que se faga traballo de formación e de prevención contra a violencia de xénero. E na saúde mental é exactamente igual: lexislación. Pero logo hai que estar atentos para ver que esa lei se vixíe, que se cumpra, e iso quere dicir que toda a lexislación é precisa, mais haberá que mellorala e aplicar a que existe .

—Moitas baixas laborais débense a algún problema de saúde mental. A que cre vostede que se debe isto e que debe facerse para reducir estes números?

—Hai moitas baixas laborais relacionadas coa saúde mental pero estou convencida, aínda que aquí agora non teño os datos, de que moitisimas menos das que debería, polas condicións en que moitisímas persoas seguen traballando, nunha situación na que realmente non están ben. Entón, as alternativas, insisto, actuar na prevención, actuar nas inspeccións de traballo para que se vixíe que as condicións laborais sexan as axeitadas e logo, tamén, desde o que o sistema en xeral, garantir que non se presionen as persoas que teñen problemas de saúde mental, como vos dicía antes. É dicir, unha persoa con depresión, cunha situación de estrés , cunha situación de esgotamento mental por enfrontar xornadas laborais moi altas, polo que vos dicía, por ter que combinar, sobre todo no caso das mulleres, coidados con triplas xornadas, de atender a casa, os coidados e ademais se lles suma presionalas para que sigan traballando ou no seu emprego negan que isto sexa un problema. Isto non está ben. Se tes febre ou se tes un corte, todo o mundo ve e todo o mundo é consciente de que ten un problema e que non pode ir traballar. Non obstante, coa saúde mental non sempre é así. Entón, hai problemas de baixas por saúde mental? Si. E como hai que actuar? Pois como con calquera outra enfermidade: actuando na prevención e na atención. En todo caso, hai moito caso encuberto que non aflora, e aínda hai moitísimas persoas que tendo problemas importantes, seguen asistindo ao seu posto de traballo.

— Como cre que se debe dar a coñecer este problema e as condicións en sitios como o Parlamento ou as escolas?

—Eu como responsable de sanidade, levo insistindo, presentando iniciativas, colaborando con colectivos que traballan no campo da saúde mental como o Movemento Galego de Saúde Mental, para que se saiba que existe o problema. O MGSM, por exemplo, leva uns anos facendo un traballo de visualización, de que existe o problema, tanto a nivel público como dando datos. Neste momento, ademais, no Parlamento de Galiza estamos tres forzas políticas, e con maioría absoluta, e moitas veces o traballo que facemos alí, non sae fóra. Eu levo presentado moitas iniciativas, levado a debates alternativas, para a atención á saúde mental dende o plano lexislativo: cuestións como pedir recursos, o aumento no orzamento ou denunciar situacións inxustas cando se producen problemas. Falei do de Conxo, falei de persoas que se teñen suicidado nos centros sanitarios por limitación de unidades coma o caso de Pontevedra. A atención á saúde mental, en xeral, é un problema, e no caso das mulleres tamén é importante. Alí, no Parlamento, levámolo a debate todas as veces que podemos. Por exemplo, para a semana que vén hai pleno e vaise levar unha iniciativa sobre saúde mental no ensino, na dirección de cousas que estades aquí formulando: de que está sendo un problema, de que está habendo un aumento dos problemas de saúde mental nos centros de ensino e que hai que abordalo coas alternativas que vos dicía antes. Nós estamos insistindo nesas cuestións e eu son consciente de que a maioría da poboación hai veces que non vos enterades, porque o espazo mediático é pequerrechiño, e sempre hai temas moi gordos nos que se presta máis atención. Non obstante, nós o que intentamos é visibilizar que este é un problema de primeira magnitude. No Parlamento é unha parte máis de traballo, pero hai unha parte importante que hai que traballar tamén na sociedade. Nós intentámolo, porque todo forma parte dese conxunto, desa consciencia global a nivel social, de que a saúde mental require unha atención de primeira.

—Entre os problemas máis graves que ten que pasar un enfermo están as longas listas de espera nos servizos públicos de saúde mental. A que cre vostede que se debe isto e como están planificando solucionalo?

—Efectivamente, as listas de espera son tremendas no primeiro chanzo da atención, que é a atención primaria. Aos nosos médicos de familia, porque hai moi poucos profesionais, non lles cobren baixas e non lles cobren as xubilacións. Iso significa que hai profesionais que están facendo o traballo de dous ou tres con moi pouco tempo. Co cal, os problemas de saúde mental que necesitan tempo, atención e falar con calma coas persoas que teñen ese problema pasan desapercibidas ao non ter ese tempo, ou son medicadas. Tamén, xa que sodes polo vexo as miñas entrevistadoras mulleres, detéctase un aumento moi preocupante da medicalización de mulleres que teñen problemas de saúde mental. É dicir, se unha muller entra pola porta da consulta cun casanzo, con dor de cabeza ou cun malestar será que pode ser síntoma dun problema de saúde de calquera tipo, mais sae da consulta con medicamentos e tranquilizantes. Porén, no caso de que sexa un home, hai unha elevadísma porcentaxe deles que saen con volantes para ver probas diagnósticas, para ver cal é o problema. Entón, isto ten que ver coa lista de espera? En parte si, porque o fácil é darlle unha pílula á xente. O fácil, cando non tes tempo, é ir ao que podes facer, que é medicar, o cal non soluciona o problema, simplemente o tapa.

Entón , a lista de espera na atención primaria, como vos dicía antes, é tan grande por falta de profesionais na atención especializada. Temos, 7000 persoas agardando unha primeira consulta e isto é brutal. No caso xuvenil, como vos tocaría a vós, hai pouquísimas unidades e as listas de espera son aínda máis elevadas que na atención a adultos, co cal é evidente que iso é un problemón. O Partido Popular na Xunta de Galiza, no ano 2020, coa COVID, puxo en marcha o que chamou un plan de saúde mental Post-Covid para tres anos: 2020-2021-2024. Teoricamente conta con 83.000.000 de euros para este período, mais a realidade é que, logo, nos desprazamentos non se vai contemplando nin aumentando un persoal suficiente, tanto en psiquiatras, psicólogos, como en enfermaría e en todo tipo de profesionais. A alternativa, pois, é habilitar máis recursos. Non é posible custear isto sen máis orzamentos, sen máis profesionais. Non é posible prestar atención á poboación así. Entón, as listas de espera soluciónanse con recursos e con profesionais para a xente que ten un problema e non pode agardar meses a que a atendan, porque se non, cando chegue á consulta o problema terá aumentado moitísimo. Entón, nesa situación, manterá esa baixa laboral que precisa e seguirá traballando, co cal ese problema agravarase e pasará de ser individual a ser tamén un problema para a sociedade e para a súa contorna familiar.

Montserrat Prado no seu retrato oficial do Parlamento de Galiza. | CEDIDA

—Que consellos lles daría vostede ás persoas que teñen problemas de saúde mental para poder afrontar o seu día a día no traballo?

—Que busquen axuda, que non o dean como algo normal, que non intenten superalo soas, que non pensen que son as responsables de estar mal porque non fan o suficiente para superalo. Recomendaríalles que o falen, porque o peor que pode facer unha é calar e non transmitilo tanto ao seu entorno de amigos e amigas como no familiar e acudir ao sistema sanitario; mais que non dea por bo un “non pasa nada, cunha pílula valo superar”, senón que sexa consciente de que un problema de saúde mental é como ter un problema doutra magnitude, un problema cardíaco, un problema de ósos, outro tipo de problema e que necesita de profesonais para axudarlle a superalo.

—Dos consellos que dou antes, cales cre que son os máis importantes e por que?

—O primeiro, ser consciente de que tes un problema, porque o primeiro paso para solucionar un problema é saber que existe. Se non es conciente de que existe, ou o minimizas, vai ser máis difícil que o superes. Entón, o típico discurso de autoaxuda, de levantar o ánimo ou de saír está moi ben, pero, sobre todo, o que ten que haber é un diagnóstico. Ten que haber unha abordaxe desde o ámbito profesional para determinar realmente cal é a magnitude do problema e cales son os cauces para abordalo. A partir de ahí os especialistas poden dicir cal é o camiño. Agora ben, o primeiro é ser consciente de que hai un problema e buscar axuda para que ese problema sexa tratado e para intentar superalo. Non é suficiente nin é o camiño o tema da auto-superación, igual que en ningunha outra patoloxía.

—Como pensan desde o BNG que se está xestionando desde a Xunta a situación dos enfermos con problemas de saúde mental?

—Realmente non se lle está dando unha importancia á altura da dimensión do problema. Din que un de cada 5 galegos e galegas ao longo da súa vida vai ter un problema de saúde mental, e que o 30% das consultas que chegan a atención primaria teñen que ver coa saúde mental. Somos o país que ten máis suicidios, no que hai máis persoas con medicación para problemas de ansiedade ou depresión e, evidentemente, as políticas que poñas en marcha para solucionalo teñen que ir en paralelo a isto. Non podes agochar debaixo da alfombra o problema. Entón, diante diso, o que hai que poñer é, insisto, recursos suficientes. Non basta con anunciar un plan que logo non se traduce na realidade ou un plan de atención ao suicidio que logo non teña esa adaptación de máis recursos. Podo poñervos exemplos de áreas sanitarias que non teñen nin unha soa unidade de atención ao suicido ou, no caso de Cambados, de onde son eu, como a principios do verán do ano pasado, no 2021, foi aberta unha destas unidades que se pechou en outubro. É dicir, apenas funcionou tres ou catro meses. Iso significa que a xente está desatendida, e estamos falando de cuestións graves, de persoas que se quitan a vida, de que pensan en facelo.

Deste modo, a única alternativa que eu vexo é destinar recursos, e, sobre todo, sermos conscientes da magnitude do problema. Pódovos falar, tamén, doutros problemas graves. Por exemplo, vós que sodes de Santiago, no hospital de Conxo rexistráronse denuncias reiteradas na Valedora do Pobo a nivel do Estado español sobre a situación de vulneración de dereitos fundamentais nese centro: persoas que están atadas por falta de persoal para poder atendelas, demasiado medicalizadas, que non se respectan os seus dereitos, que se toman decisións por elas cando non pode ser así. É dicir, hai toda unha serie de cuestións que poñen en evidencia que isto é só a punta do iceberg. É obvia a magnitude do problema, e por iso as alternativas para abordar isto teñen que ser unha prioridade; porque unha doenza, un problema que afecta tantas persoas de todas as idades, desde nenas e nenos, adolescentes coma vós, ata persoas maiores e persoas de todo tipo, require unha xestión acorde á súa dimensión. Insisto, ademais, que esta abordaxe ten que vir a través da dotación de recursos, aumentando o número de profesionais para que haxa unha atención conforme ao que necesitan os galegos e galegas.

—Hai moita xente que non quere traballar con persoas que padecen algún trastorno ou problema de saúde mental. Como debe loitarse contra esta discriminación?

—É una evidencia que a saúde mental está moi estigmatizada. Desde a produción filmográfica a todos os aspectos da vida dáse un tratamento ás persoas con problemas de saúde mental desde o medo. Retrátanas como persoas agresivas, persoas que atacan outras. É dicir, exacérbase unha dimensión moi determinada dos problemas de saúde mental, e xa cunha patoloxía moi evidente. Iso está moi instalado na sociedade, a idea de que ás persoas que padecen algo disto hai que terlles medo. Deste tema vén, ademais, a actitude de non querer ter o problema na nosa contorna. Podemos falar, do mesmo xeito, das discapacidades, outra cuestión que se agachou desde hai moito tempo. O obxectivo ao que agora queremos chegar é o das cidades inclusivas, nun sentido amplo e real. Seguramente “inclusión” sexa unha palabra que escoitastes moitas veces, o tema da necesidade de inclusión con persoas de todo tipo. Isto é un tema sobre a mesa porque as sociedades somos diversas, tanto en como somos fisicamente, como en como pensamos, no tipo de familias que temos, no tipo de realidades que vivimos. Iso debería de ser a norma na sociedade e no sistema educativo: a inclusión e o respecto á diversidade, porque non podemos só ensinarlle ao guapo, ao feliz. Que, tamén agora coas redes sociais, semella que só queremos ver cousas agradables, pasalo ben todo o tempo e ter unha vida fantástica e marabillosa. Porén, sabemos que a realidade non é esa. Vémolo nos entornos laborais, onde moitas persoas sofren etigmatización polos seus problemas de saúde. A solución, polo tanto, é normalizar. Temos que ser conscientes de que hai problemas e persoas que teñen todo tipo de problemas e discapacidades, e temos cabida, con toda a nosa diversidade, no ámbito laboral e educativo. Para lograr isto fan falla campañas de normalización, de explicación e de formación. Fai falla un esforzo común para que saibamos que é, como se sinte ou cales son os problemas que teñen as persoas con trastornos de saúde mental ou con outro tipo de problema. Cómpre que saibamos que somos diversos porque isto non se soluciona non falando do problema. Non solucionamos nada agochando que existe un problema, porque así o único que facemos é aumentar esa bóla de neve.

Do mesmo xeito, no ámbito laboral hai que executar políticas de integración e, sobre todo, políticas de formación a nivel empresarial e a nivel das persoas que traballan alí. Ese traballo aínda está por facer, debe comezar tamén no ensino, onde estades vós, para que sexamos todas e todos conscientes de que a diversidade que supón ter un problema de saúde mental non significa nin agresividade nin que te vaia atacar polas costas mentres está traballando contigo. E ese é un traballo de longo percorrido.

—De que modo cre vostede que as persoas con trastornos mentais teñen os mesmos dereitos que alguén que non ten eses trastornos?

—A nivel da lexislación, igual que en outras moitas facetas, hai un abandono lexislativo importante onde non se recoñecen os dereitos destas persoas. O que vos dicía antes do caso de Conxo. A nivel legal, iso é ilegal, ese tipo de practicas. Iso cóbreo a lexislación, que protexe e ampara os dereitos das persoas, tamén das que teñen problemas de saúde mental. Con todo, déronse pasos importantes, como dicía, no ámbito sanitario. Demos pasos para que a saúde mental estea integrada no conxunto de atención sanitaria, non como antes, que estaba separado. O tema, porén, é que despois non dá pasado do papel á realidade. Eses dereitos recoñecidos, coma o dereito dos nenos e das nenas, o dereito á igualdade e á non discriminación por xénero, por exemplo, son dereitos de protección. Estes dereitos de protección están no papel, na lexislación. A lei ampara o dereito das persoas con problemas de saúde mental a ter unha atención sanitaria acorde ás súas necesidades. O problema, claro, é que o que está no papel non dá pasado á realidade, e non pasa por causa desa falta de recursos, por non dar prioridade a esa necesidade. Por isto, é importante establecer marcos normativos ou lexislativos que dean eses dereitos e garantir que logo se verifiquen na realidade. É moi importante o que estades facendo vós, falar de que hai problemas de saúde mental, poñelo na axenda pública, ser conscientes dese problema e de que hai situacións de ansiedade, no ámbito familiar, circunstancias como a pandemia que afectan a como vos relacionades cos vosos amigos, que determinan falta de relación con iguais e o aumento de horas en redes sociais. Entón, todo iso hai que abordalo, e hai que ser conscientes de que existe o problema. Insisto, se socialmente e colectivamente non somos conscientes de que hai un problema, dificilmente o imos borrar. Moitas veces, do que non se fala é como se non existise, e se non vemos o problema nin hai unha alarma social con el, irémolo deixando de lado e atendendo outros onde si haxa presión para que se solucionen. Por todo isto, eu anímovos a que sigades falando do tema da saúde mental, desde o ámbito educativo, aínda que sexa dende o ámbito dun proxecto audiovisual. Desde logo, a min congratúlame moito de que o abordedes, porque iso significa que sodes conscientes de que existe un problema.

—Como se pode facilitar o acceso ao mercado laboral destas persoas?

—Pois dende a normalidade, como en todo. Hai persoas que temos unhas capacidades e outros que teñen outras. Haberá persoas que non poidan estar no ámbito laboral, porque a súa situación de saúde non llo permita, pero igual que outra que ten outra patoloxía. Entón, cómpre axudarlle a superar esa situación e, logo, contribuír á súa integración dende as potencialidades que teña cada quen. Se, pola contra, falamos de problemas que non permiten unha integración total, hai mecanismos, como as reservas dun determinado número de prazas para a integración desas persoas. Se ese problema de saúde mental significa unha determinación dun grao de discapacidade, que non permite esa integración total, existen eses cauces e, se non, estamos simplemente fronte un caso dunha persoa cun trastorno de saúde mental perfectamente encauzado no que actuamos segundo as direccións legais.

—De que maneira específica pensa que a sanidade galega debe mellorar respecto da saúde mental?

—Eu podía falarvos de casos concretos. Por exemplo, unha muller cuxo home levou a cabo un intento de suicido. Busca axuda que non dá atopado, ata que ao final consegue chegar a unha unidade de saúde mental, a unha a unidade de atención ao suicidio, e logra que se encauce. O problema da saúde de seu marido vai empeorando e, de súpeto, eliminan a unidade e volven ás consultas cada tres meses, porque hai unha saturación. Outro caso concreto que expón esa falta de recursos e a desatención dunha persoa. Podo falarvos de como un fillo leva a nai ao hospital porque non se encontra ben. Ingrésana e dinlle que lle teñen que cortar unha perna porque ten un problema grave. Empeza a detectar que a súa nai está pensando no suicidio. Comunícallo ao sistema sanitario, insisten en que a atendan, en que estean pendentes dela e que vaia a unha especialista, porque ven que está máis depresiva, dicindo que a maioría das veces non vale a pena vivir. Ben, hai unha falta de persoal, non a atenderon, e a señora tirouse polas escaleiras onde estaba ingresada. Son dous casos de suicido, e podo falarvos de máis. Por exemplo, dunha adolescente cun problema moi importante de bulimia (Trastorno de Conducta Alimentaria), a quen os seus pais non dan conseguido que a atendan porque non hai recursos, non hai unidades e, cando a atenden, o profesional non enfoca que o vai superar. A rapariga empeora ata que ao final a familia consegue praza nun centro privado, na saúde privada, porque co paso dos meses esa adolescente estivera empeorando.

Como estes, temos moitos máis casos, casos de persoas, principalmente mulleres, que se atopan mal e que logo non atopan resposta porque o que lle dan é unha pílula para que estean mellor ou para que teñan menos ansiedade. Non van á raíz do problema. Isto pódese xustificar coa testemuña de miles de mulleres ás que lle pasa iso. Se falamos de casos concretos, podería haber miles de casos destas persoas, que non son casos illados nin números en estatísticas. De feito, se falamos de estatística, cómpre dicir que en Galiza temos o maior número de suicidios. No ano 2020, que foi o último dato que teño, detectaron na unidade de atención ao suicidio 307 persoas en Galiza. Iso significa que son só datos das persoas que comunican ese intento de suicidio. Mide agora a dimensión do asunto. Imaxinade que cada vez hai nenas como vós que fan eses intentos; moitos conségueno. Esa é a realidade, eses son os casos concretos. E por iso aquí a alternativa pasa sempre por máis recursos, máis profesionais, máis prevención e unha sociedade consciente de que este é un problema que non é individual que debe levar ás costas a paciente de saúde mental ou a súa familia. Hai que contalo, visibilizalo, e seguidamente dotar de recursos para atendela.

— Que pensa que se pode facer nas escolas e nos institutos como o noso para mellorar a situación da saúde mental?

— Primeiro, cómpre que estea presente. Segundo, nun sistema educativo fai falla un número de profesionais suficientes para que poidan estar atentos a todo o que pasa e poidan detectar se hai problemas. Cun número de profesores ou profesionais axeitado por aula sería posible prestar atención personalizada e estar pendentes Non é posible abordar estas cuestións de atención á saúde mental ou outro tipo de dificultades se non hai un equipo de orientación en número suficiente. Se na aula sodes moitos, sen profesorado abondo, o centro non é capaz de estar atento a detectar un problema así, con aulas masificadas e cun ensino sen recursos. Entón, a solución é elaborar programas para detectar que está acontecendo. Por exemplo, agora vides de dous anos de pandemia, nun contexto determinado, con moita presión, con falta de relación, con uso de tapabocas como aínda seguides tendo. Ao ir abandonado esa situación, require tamén ir falando de como vos sentides, con tapabocas, sen tapabocas, non podendo ter ese contacto físico cos vosos compañeiros e compañeiras. Para facer iso é necesario que eses equipos multidisciplinarios vos axuden, que o aborden e que vos apoien para abordalo. Ademais, a isto súmaselle que tamén hai un problema de estrés nos vosos profesores e profesoras, por conta desta situación. Todo iso hai que abordalo dun xeito multidisciplinar, con profesionais de distintos ámbitos que o traten e tamén con tempo e espazos para poder abordalo con vós.

De novo, insisto. O primeiro paso é sermos conscientes de que hai que tratalo e de que non podemos deixar que isto se converta nunha bóla de neve nin deixar que desemboquen en problemas de agresividade, como se pode dar en certos casos. Cómpre non abordalo dende o punto de vista da represión, de poñer vixiantes. Só en casos extremos hai que facelo, pero o que hai que facer ante todo é prever e comunicarse, falar moito de cal é o problema.

—Hoxe en día, o 25% da poboación sofre trastornos mentais e non toda esa porcentaxe é aceptada en traballos. Como se podería mellorar esta situación no futuro?

—Temos que ir cara á socialización a nivel global. A enfermidade mental é unha patoloxía, e as persoas non escollen poñerse enfermas. Non escollen unha gripe, non escollen unha cardiopatía, igual que tampouco escollen poñerse enfermas por un problema de saúde mental. En primeiro lugar, un trastorno mental é unha enfermidade, polo que, para abordalo cómpre que sexamos socialmente conscientes de que temos que traballar de cara a vivir nunha comunidade non tan agresiva e individualizada onde só me importe ver o que consigo eu, sen atención a quen pisemos, con tal de acadar os obxectivos particulares. Precisamos sociedades máis inclusivas, onde se estea pendente do que está pasando, sobre todo coas persoas máis vulnerables. Isto debe ser así en todos os ámbitos, dende o punto de vista económico, porque non teñen recursos ou emprego, como dende servizos sociais, no tema laboral ou no sanitario. Insisto, ademais, en que hai que ir cara a outro modelo social, un que empeza por onde estades vós. Comeza polo ensino, onde podemos ser conscientes de que non é boa unha sociedade aquela na que se deixan outros atrás, na que estea ben visto só pensar nun mesmo, continuamente, e na que só se enfoque desde a competitividade o de sermos mellores. Debemos traballar de cara a unha sociedade mellor que podemos acadar se imos conseguindo que todos os membros desa sociedade vaian avanzando. Desafortunadamente, neste momento o camiño non é ese. Para subsanar isto habería que actuar en moitos campos e abordalo dende a prevención e dende un modelo de sociedade máis inclusivo. Nese modelo de sociedade o individualismo dende a perspectiva do “sálvome eu” non é realmente o modelo de sociedade que queremos. Precisamos unha sociedade na que todos os membros se sintan integrados, e na que haxa recursos para que esa integración sexa real e as persoas teñan o suficiente para levar adiante os seus proxectos de vida. Eu creo que sería a mellor receita para que as persoas non enfermemos, tamén dende ese punto de vista da saúde mental: unha sociedade que non nos esixa demasiado e nos dea ferramentas e instrumentos para poder abordar as presións diarias. E isto empeza xa dende o punto de vista educativo, loitando contra esa esixencia de ser os mellores, de ter os expedientes máis brillantes, de aprobar. Moitas veces, esa presión xa desde a escola produce situacións que enferman.