candeloria

substantivo femeninoFesta que se celebra o dous de febreiro, na que se conmemora a purificación da Virxe María. (2 febreiro)

As Candeas, que ría que cante, hai inverno pra atrás e pra diante.

Cando a Candeloria chora, inverno fóra.

Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; cando ela ri, está por vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.

Cando a Candeloria chora, a metade do inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar.

Chovendo pola Candeloria, a fortuna non será contraria.

Días das Candelas, que chores que deixes de chorar, metade do inverno está por pasar.

Na Candeloria, se chove, inverno fóra; se ri, está por vir.

Pola Candeloria cásanse os paxariños e vaise a galiñola.

Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e si chove ou fai vento, metade fóra e metade dentro.

Pola Candeloria, metade dentro e metade fóra.

Pola Candeloria, metade do inverno vai fóra; se chove ou venta, inda entra.

Pola Candeloria, que chores que deixes de chorar, a metade do inverno está sen pasar.

Pola Candeloria cásanse os paxariños e mais a galiñola.

Por Candeas castra as abellas.

Pro día de Candeloria, que chores nin que deixes de chorar, metade do inverno está sen pasar.

Se a Candeloria chora metade do inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar.

Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quere vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.

Se a Candeloria chora, metade do inverno vai fóra.

Se a Candeloria vén mal, o inverno está caroal.

casamento/casar

substantivo masculinoCerimonia mediante a que dúas persoas contraen matrimonio.

A que de vinte anos non casa e de vinte e cinco non casou ese paxaro voou.

A que se queira casar, aínda ten ben que traballar.

Amancebamento non é casamento.

Ano de casamento, ano famento.

Antes de casados, moi agarrados; despois de casados, escornados.

Antes de casarte mira con quen o fas.

Antes de casarte, mira o que fas, que despois de casado, mal te descasarás.

Antes de que te cases, mira ben o que fas.

Antes que ao altar chegares, pensa o que fas.

Antes que te cases, Maruxa, mira o que fas.

Antón e Amparo, eu sen ti non paro; nin aquí nin alí, eu non paro sen ti.

Ao casar non doe a barriga, pero doe ao outro día.

Aos quince o que veña, que teña e que conveña; aos vinte o que veña e que teña; aos trinta, que veña, anque non teña, nin conveña.

Bico con bico o primeiro ano de voda; o segundo, cu con cu; e o terceiro, que trouxeches tu?

Boa vida é casado, pero mellor é solteiro, que o boi solto na leira come mellor que amarrado.

Callos e casamento, en quente.

Cando contes con unión, todo será bendición.

Cando eu quero, non queren as nenas, e cando elas queren, eu ríome delas.

Cando eu quero, non queren elas, e cando elas queren, teño outras ideas.

Cando se un casa, moitas caricias; de alí a dous anos, paus nas costelas.

Cando tu te casaches, casei eu; pau tu e pau eu.

Cara de pretender xa non ma volves a ver.

Casa o teu fillo cando queiras e a túa filla cando poidas.

Casa teu fillo con teu igual e non dirán de ti mal.

Casa Xan con Pedro, casamento negro; e se houbera algún impedimento distes dous animais, un leva a albarda i-outro os atafales.

Casácheste por ver se mellorabas, trazas che vexo de andar como andabas.

Casácheste, botáche-la soga para o lombo.

Casácheste, enterrácheste.

Casácheste? Cagácheste.

Casada na porta, cabra na horta.

Casadiño de novo, pan e ovo; casadiño de vello, nin pan seco.

Casadiño, casa quer.

Casamento de interese, queixo de moitos leites.

Casamento e comprar mula, acertalo gran fortuna.

Casamento e mortalla do ceo baixa.

Casamento e tripas, en quente.

Casamento, sacramento de miseria.

Casamentos por amores acaban en dolores.

Casamentos por interese, o contento dura un mes.

Casar a gusto, vestir a uso.

Casar e morrer, unha ves.

Casar, calquera se casa; calquera burro é casado; pero manter fillos e muller, retórcelle á porca o rabo.

Casar, cásanse os atrevidos, quen me dera a capa dos arrepentidos!

Casarás e acougarás.

Casarás i-amansarás.

Casaron a Pedro con Manuela; se ruín é el, ruín é ela.

Casarse é ampararse.

Cásate con muller delgada e limpa, que gorda e porca xa se volverá ela.

Cásate muíño e abrandarás; cásate, non che desexo máis.

Cásate, Carmiña, por non traballar: traballos na vida non che han de faltar!

Cásate, probe, e vende a camisa.

Cásate, Xan, que Dios dará pan e, despois de casado, nin un bocado.

Cásate, Xan, que Dios dará pan, e despois de casado, dó demo bocado; despois, todo esfarrapado e mal remendado; e despois, máis adiante, nin adobo nin caldo.

Caseime para andar regalada, trazas lle vexo de andar como andaba.

Caseime por andar regalada, e traza che leva de andar como andaba.

Cases ben ou cases mal, casa con un do teu igual.

Cáseste ou non te cases, de vello has de arrepentirte.

Casou Pedro e non foi mal: casou en terras de pan.

De cen homes casados, trinta están aburridos, vinte amolados e os demais arrepentidos.

De moza casada, pretendentes na porta.

Des que me caso, todos me queren.

Despois de casar, o home a traballar e a muller a folgar.

Din as ras: "Casar, casar, casar...", e o sapo responde: "e ao pan, e ao pan".

Dios me libre dun homiño que bote o sal ao pucheiro: para casar cun cazoliñas é mellor quedar solteira.

Entre casados fanse as paces deitados.

Esta vida outra require: ou casar ou buscar muller.

Eu caseime alá arriba pa comer touciño gordo, agora vexo que á miña sogra nácenlle as silvas no forno.

Eu caseime en Santiago e vin a Pontevedra: a muller veu sola por ser costume da terra.

Fala, zorrón, contigo cásanse, e comigo, non.

Filla casada á beira da porta é unha cabra na horta.

Filla casada na porta é cabra metida na horta.

Fillos casados, pais acabados.

Fillos casados, traballos dobrados.

Gábate, can, que te vas a casar mañá.

Gábate, meu can, que te has de casar mañá.

Gábate, Xan, que has de casar mañá.

Hai matrimonios de tres clases: de varón, manda el e ela non; de varela, manda el e manda ela: de varicunda, manda ela e el nunca.

Ir á guerra e casar non se debe aconsellar.

Malo é ter que casarse, pero peor é ter que descasarse.

Maruxiña, espérame aquí: se outra non teño, agárrome a ti.

Matrimonio separado, inferno preparado.

Mira o que fas antes que te cases.

Moito gasta o que vai e vén pero, máis, o que casar ten.

Moza a noiva e vello o noivo, casamento do corno; vello el e vella ela, casamento de merda.

Moza bonita con moito diñeiro, a min danma e son forasteiro: ou é unha trampa ou eu non entendo.

Moza con vello, casamento do demo; vella con mozo, casamento perigoso.

Na Coresma e no Advento non é solemne o casamento.

Nin polo ouro nin pola prata nunca te cases con María Buzaca; acábase o ouro, acábase a prata e sempre queda María Buzaca.

Non che gusta o pisto? Pois cásate cun carniceiro e comerás caldo de tripas.

Non compres burro de recueiro nin te cases con filla de mesoneiro.

Non hai casamento probe nin enterro rico.

Non se casa Pedro nin Xan; as que queren non as quero i-as que quero non mas dan.

Non te cases cun ferreiro que te pican as muxicas.

Non te cases cun vello pola moeda: a moeda acábase i-o vello queda.

Non te cases, cabra coxa, pensando que vas sandar que aínda os sans coxean, para pola contra tu sandar.

Nunca te cases e, se é que te casas, nunca te descases.

Nunca vin lebre xunguida, nin coello na arada. Déixate andar polo mundo, que has vir ao rego sen vara.

Nunca vin lebres ao xugo nin coellos ao arado, i-a muller que queira ter un home, que o traia ben coidado.

O casado casa quer i-o solteiro quer muller.

O casado casa quer, e o solteiro se lla dan, e o que ha de vivir no mundo, ten que traballar o pan.

O casado casa quer; se non é del, é da muller.

O casado, casa quere; o solteiro, se lla dan.

O casado, casado sempre.

O casamento é o primeiro enterro.

O día que te casaches, afogaches.

O día que te casas, ou te curas ou te matas.

O melón e o casamento han de ser acertamento.

O primeiro ano de casados, cara con cara; o segundo, cu con cu; i-o terceiro, que trouxeches tu?

O que a fóra se vai casar, ou vai enganado ou vai enganar.

O que a lonxe vai casar, ou está cego ou quere cegar.

O que aos trinta non se casa e aos corenta non é rico, pode pasar a lingua polo bico.

O que aos trinta non se casa e aos corenta non herda, pode ir á merda.

O que aos trinta non se casa e aos corenta non ten casa e aos cincuenta non é rico, é un solemne burrico.

O que aos vinte non casa e aos corenta non ten, xa nunca ha de ter.

O que aos vinte non é home e aos trinta non casou e aos corenta non é rico, ese paxaro voou.

O que ben acerta a casar, xa non lle queda máis que acertar.

O que casa a filla, aumenta a familia.

O que casa ca irmá do cura, fai boa fortuna.

O que fala da ovella, casa con ela.

O que fóra vai casar, chata leva ou vai buscar.

O que ha de ser bo casado, ha de saber gana-lo pan.

O que lonxe quer casar, maula leva ou vai buscar.

O que lonxe vai casar, mosca leva ou vai buscar.

O que lonxe vai casar, trampa leva ou vai buscar.

O que mal casa, tarde enviuva.

O que non sirve para casado, que non engane a muller.

O que se casa de vello, logo lle fan o enterro.

O que se casa, por todas pasa.

O que se casa, se abrasa.

Os que dormen no mesmo colchón son da mesma condición.

Os que se han de casar hanse de asemellar.

Os traballos dos casados son traballos honrados.

Ou casar con quen non queira ou quedar solteira.

Palabra de casamento? Cada día un cento.

Palabras de casamento danse no campo e lévaas o vento.

Palabras de casamento, máis de catro leva o vento.

Papas e casamento, en quente.

Parola de inverno, casoiro de verán.

Por casar as fillas, promete casa e viñas.

Por que me queres, Andrés? Polo interese.

Por san Eleuterio cásaste se eu quero.

Por unha sardiña casou a burriña.

Quen casa e caza, co seu mal que teña cachaza.

Quen co demo se casa, demo se fai.

Quen mal casa, tarde enviuva.

Quen non está velado non está casado.

Quen quixo casar casou; se non foi con quen quixo, foi con quen cadrou.

Quen ten fillas pra casar, merque rocas pra fiar.

Quen se casa con muller fea e sen dote, é tonto de capirote.

Quen se casa con parentes, corta vida e largos tormentos.

Se a descasarse tocaran, cántos se descasaran!

Se casaches, non te gabes, e se non casaches, non te enfades.

Se non queres ter a muller de neura, cásate cunha vella.

Se non te casas antes de trinta, quedas solteira para toda a vida.

Se pretendes ser casada, antes has de ser honrada.

Se queres acertar, casa co teu igual.

Se queres casar con dote, sala sempre ben o pote.

Se queres casar, teste que quedar, que as nenas da aquí non van para alá.

Se te queres casar, na casa non has de quedar.

Se vas casarte, a muller busca delgada e limpa, que sucia e gorda xa se fará ela.

Sexa ben, sexa mal, caseime co meo igual.

Unha filla casada na porta é unha cabra na horta.

Unha vez te casarás e mil te arrepentirás.

Vale máis casada cun tambor que amigada cun señor.

Xa se viron máis feas e casáronse.

enterro

substantivo masculinoAcción e efecto de meter un defunto na sepultura e cerimonia con que se realiza. - O cadáver que se leva a enterrar e a xente que o acompaña.

En este enterro non tes vela; para outro podes tela.

Nin enterro sen pranto nin romaría sen santo.

Non hai enterro como o de corpo presente.

O pranto nun enterro é como a gaita nun torreiro.

O que vai rompendo, vai desexando enterro.

Se ao vello lle quitan a pinguiña e a cociña, que o enterren axiña.

entroido

substantivo masculinoPeríodo que precede á Coresma, durante o que se celebran festas populares con máscaras, comparsas, bailes etc.

Algún día será Domingo e Martes de Entroido.

Cada Entroido seu choqueiro.

Día de Entroido e día de Pascua, cada larpeiro na súa casa.

Día de Entroido e Domingo de Pascua, cada larpeiro na súa casa.

Entroido, á raxeira; Pascua, á lareira.

Entroido á lareira, Pascua á raxeira.

Entroido lacazán come a carne e deixa o pan.

Entroido mollado, Pascuas enxoitas.

Entroidos na casa, Pascuas na praza; Entroidos na praza, Pascuas na casa.

Martes de Entroido, cando has de vir, casquiñas de ovos case haber de ruxir.

Non é tódolos días Martes de Entroido.

Non sempre é Martes de Entroido.

Non tódolos días é Martes de Entroido.

Non todos os martes son días de Entroido.

O Entroido cas súas artes non poido saír do martes.

O Entroido coas súas artes botou a san Matías fóra do martes.

O Entroido e o santo Matías andan ás porfías.

Polo Entroido hasta o can e o gato estrincan o coiro.

Todos os días non son Martes de Entroido.

Unha comida no Entroido e unha cama no mes de agosto non fan mela.

festa

Agora os carretos son festas.

As festas do ano por onde quixeres, os Nadais, coas túas mulleres.

Cando é festa, van tódolos potes ao lume.

Folión, véspera de festa.

Maio festeiro pon a roca tras do fumeiro.

Moita festa e poucos fogos.

Non hai festa sen gaita nin foguetes, nin capa vella que non teña setes.

Non hai festa sen vésperas.

O que vai á festa, rompe a testa e gasta o que ten, boa festa lle vén.

Poucas veces na festa anda a moca, que non sexa por febra cheirona.

Para a festa non hai perna coxa.

Quen che fai festas que non acostuma facer, algo de ti quer.

Quen tiver remuíño na testa, non irá comigo á festa.

Quitémo-las sospeitas e deixarannos face-las festas.

Rapaciñas ao san Brais, que festas non hai máis.

Sempre as festas maiores causan á barriga dolores.

Vale máis unha festa que sete domingos.

romaría

substantivo femininoViaxe a un santuario por devoción. - Festa popular en que a xente acode a un santuario por motivos relixiosos e, ao mesmo tempo, divírtese.

As pedras costa abaixo e as mulleres para a romaría, nin Xudas as tornaría

Para a romaría non hai perna coxa.

Para ir a unha romaxe, non vaias en recovaxe.

Quen vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romaría ou non.

Romarías, bruxerías.

Romaxe de cerca, moito viño e pouca cera.

viaxe

substantivo femininoDesprazamento nun medio de transporte dende un lugar a outro situado a unha distancia considerable. - Desprazamento a un lugar ou país para visitalo. - Percorrido que se fai dunha vez a un lugar para transportar algo ou a alguén.

Bo viaxe fai o que vai e volve.

Cando vaias a un viaxe, coida ben do teu paraxe.

En vésperas de viaxe non te poñas a xogar.

Mentres vai e vén, viaxe ten.

Os viaxes do mar non son de contar.

Quen vai e volve bo viaxe fai.

Untura de botas, sinal de viaxe.

Viaxando, nin misa nin miseria.

Viaxar podes moi ben sen que che empate ninguén.

Viaxe derradeiro, ou ben cargado ou ben baleiro.

voda

substantivo femininoCerimonia mediante a que dúas persoas contraen matrimonio. - Festa coa que se celebra esta cerimonia.

A voda nin bautizado non vaias sen ser chamado.

Ás romaxes e ás vodas van as tolas todas.

As vodas fanas os tolos e cómenas os cordos.

Mozo cagaña perde a voda.

Na voda a que menos come é a noiva.

Na voda non botes foguetes porque despois ándase a moquetes.

Na voda quen menos come é a noiva.

Non hai voda pobre nin mortuorio rico.

Nin voda sen canto nin morte sen pranto.

Non hai voda pobre nin enterro rico.

Non hai voda sen dona Toda.

Non se fai a voda de cogomelos senón de bos bolos.

O inimigo da noiva nunca fala ben da voda.

O que non vén á voda, non vén a toda hora.

O que vai á voda, leve que coma.

Quen ben baila, de voda en voda anda.

Quen se mostra na voda, pérdea toda.

Voda celebrada, guerra comezada.

Vodas e festas na cas do veciño.

Vodas largas, barallas novas.