baloncesto

Este deporte ten a súa orixe nun xogo creado polo profesor do Springfield College (Massachusetts), JAMES NAISMITH, en 1891.

James Naismith viuse na necesidade de "inventar" un xogo para que os seus alumnos de E.F. puidesen exercitarse nun local pechado. Nun principio o balón era introducido nunha caixa de melocotóns e había que subirse a unha escaleira para poñelo de novo en xogo. Afortunadamente, o xogo evolucionou ata converterse no que actualmente coñecemos como baloncesto. A súa grande aceptación, posiblemente sexa debida ao espectacular e dinámico que resulta, xunto cun regulamento relativamente sinxelo e doado de comprender.

O baloncesto pertence aos deportes colectivos ou de equipo de colaboración-oposición cuxas accións se desenvolven nun mesmo terreo de xogo.

REGULAMENTO BÁSICO (pero que moi básico)

Hai que diferenciar entre a normativa da FIBA (Federación internacional de Baloncesto) e a normativa da NBA (National Basketball League - EE.UU.) que son algo diferentes. Nas nosas clases sempre falaremos da normativa FIBA que é a que rixe a liga española e o resto das ligas a excepción da americana.

O obxectivo do xogo é introducir unha pelota dentro dun aro situado nun taboleiro a unha altura de 3.05 m. Para iso enfrontaranse na cancha dous equipos de cinco persoas cada un. Gaña o equipo que máis puntos anote ao final dos 40 minutos que dura o encontro (divididos en catro tempos de dez minutos cada un).

O terreo de xogo ten unhas medidas de 28 x 15 m. e dentro del podemos destacar:

a) Liña de triplos: situada a unha distancia de 6.75 m. do aro. Os tiros dende máis alá desta liña teñen un valor de tres puntos.

b) Liña de tiros libres: se se comete unha falta persoal e o árbitro indica lanzamento/s, tiraranse dende esta liña sen ningún tipo de oposición e terán unha validez dun punto.

c) Zona: Este espazo en forma de rectángulo delimita un espazo próximo ao aro, no cal ningún dos xogadores atacantes pode permanecer máis de tres segundos seguidos. Se é así, o árbitro sinalará "tres segundos na zona" e o balón pasará ao equipo que defende.

d) Liña de medio campo: delimita o campo de ataque e o de defensa. O equipo que ataca dispón de 8 segundos para pasar co balón ao outro lado. Unha vez que sexa traspasada (polo balón) non se pode volver atrás (sen que antes tocase o balón un xogador do equipo rival), sería o que denominamos "campo atrás".

e) Liñas laterais e fondo: estas liñas non poden ser pisadas co balón nas mans (sería "fóra"), pola mesma razón, o balón tampouco pode botar fóra delas. As liñas de saque son dúas pequenas marcas fóra do campo de xogo. Dende elas sacarán, nos últimos dous minutos do partido, os equipos que pidan tempo morto e teñan posesión do balón –do lado de ataque-)

Os lanzamentos a canastra poden ter tres valores distintos:

a) un punto: se se lanzan como consecuencia dunha infracción dendea liña de tiros libres.

b) dous puntos: se se lanzan dende unha distancia inferior aos 6.75 metros

c) tres puntos: se se lanzan dende unha distancia superior aos 6.75 metros

O equipo atacante ten un total de 24 segundos para intentar un lanzamento, se non é así, o balón pasará ao equipo rival.

A persoa co balón pode facer o seguinte: lanzar canastra, pasar ou avanzar. Para avanzar, o balón debe ser botado cunha man. Despois de botar, podémolo coller, pero unha vez collido, non o podemos volver botar, serían "dobres". Tampouco podemos avanzar co balón nas mans e sen botalo, serían "pasos" O que si nos permite o regulamento é a realización de "paradas" e "pivotes" que explicaremos un pouco máis adiante (no apartado da técnica).

Non está permitido o contacto físico. Nunca podemos roubar o balón ou obter unha situación vantaxosa golpeando o rival. Estas faltas denomínanse "faltas persoais" e pódense sancionar con tiros libres ou con saque dende a banda para o equipo que a sufriu. A persoa que comete cinco faltas persoais é expulsadoa do terreo de xogo e deberá ser substituída por outra.

ESPECIALIZACIÓN DOS XOGADORES

Base, escolta, aleiro, aleiro-pivote e pivote son os nomes das posicións en que xogan os compoñentes de cada equipo. Tamén se lles denomina por números (1, 2, 3, 4 e 5).

  • Base (1) é a persoa que dirixe ao equipo, leva o balón dun campo a outro, é un/unha xogador/a de menor estatura e cun gran dominio do balón e bo tiro exterior, xoga lonxe do aro.

  • Escolta (2) adoita ser un/unha xogador/a de reforzo da posición do base que tamén pode colaborar como aleiro. Ten un moi bo lanzamento e penetra moi ben a canastra.

  • Aleiro (3) é un/unha xogador/a que xoga afastado/ do aro e de cara a este (en ataque), adoita ser unha persoa cun bo lanzamento.

  • Pívot (5), é a persoa máis alta ou corpuleta, o seu labor principal, en defensa, é a de recoller os rebotes e intentar protexer a canastra de tiros próximos a ela (normalmente, dos pivotes rivais), e en ataque, xogar preto do aro (e normalmente de costas a este) e intentar conseguir canastras (dende a zona), faltas do rival ou rebotes.

  • Aleiro-pivote ou poste (4) é un/unha aleiro alto/a que pode facer funcións de pivote, ou tamén un/unha pivote alto/a que poida facer funcións de aleiro. Segundo os distintos sistemas de xogo que utilice o equipo, poden xogar cun/cunha base, dous/dúas aleiros e dous/dúaz pivotes; un/unha base, unha escolta, un/unha aleiro, un/unha aleiro-pivote e un pivote, etc.

TÉCNICA BÁSICA

En todos os deportes hai certos "xestos" ou accións que debemos dominar se queremos xogar ben. É o que denominamos técnica. Polo tanto, ser queres xogar como un/uha "PRO", vainos practicando...(ha ha ha)

A continuación explicaremos a técnica básica dunha serie accións propias de baloncesto, hai moitas máis, pero para o nivel no que estamos, son suficientes. Fíxate ben nos puntos máis importantes e trata de repetilas nas clases

O LANZAMENTO A CANASTA

Deberás suxeitar o balón coa man dominante, mantendo o balón lixeiramente por enriba da cabeza (temos que ver a canastra), o brazo ten que estar máis ou menos horizontal ó chan e formando un ángulo co antebrazo de aproximadamente 90º, o pulso permanece estendido, mentres a man suxeita o balón (non toca as palmas).

É importante que o cóbado non "saia cara a fóra", permanecendo o antebrazo perpendicular ao chan. A man non dominante o único que fai é axudarnos a suxeitar o balón (pero non o impulsa). No lanzamento non só participan os membros superiores senón todo o corpo (os xeonllos, que permanecían lixeiramente flexionados, no momento no que se produce o lanzamento, esténdense, ó mesmo tempo que o fai o cóbado). En último termo prodúcese a extensión do cóbado e flexión do pulso (imprimindo ao balón un movemento de rotación cara a atrás) saíndo así o balón das nosas mans cara á canastra. Os dedos índice e "medio" apuntan ao aro. O balón debe describir unha parábola e non unha liña recta.

Esta é a mecánica básica do tiro. Logo poderás atopar tiros en suspensión (cun salto), tiros de gancho, no que se lanza cun brazo evitando ao rival, lanzamentos en movemento (entradas), etc...