O Conselleiro durante a súa visita ao Instituto IES Rosalía de Castro co alumnado de 1º de ESO C. A.R.
PABLO UZAL MERA, EDURNE VIQUEIRA BARRIENTOS, SARA TACÓN ROMÁN E DAVID SÁEZ ALCAIDE | Santiago de Compostela
Román Rodríguez González (O Vento, Lalín, 1968) é licenciado e doutor en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional.
O responsable da Consellería de Educación amósase “orgulloso do que se leva feito en Galicia e en España”. Tamén enfatiza o dereito común para todo o mundo a unha educación de calidade porque “é un dereito que teñen afortunadamente todos os nenos”.
—Vostede é o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional. Como garanten dende a Consellería o acceso universal á educación en Galicia?
—É un dereito que teñen afortunadamente todos os nenos e nenas de Galicia, e non hai que garantilo porque está establecido na propia lei e é un ensino obrigatorio; temos a sorte de estar nunha sociedade onde temos o ensino obrigatorio moi sólido e moi asentado. É certo que pode haber casos nalgúns grupos sociais moi concretos de nenos aos que os seus pais non os mandan ás clases e aí intervimos a través da fiscalía de menores, pero son moi anecdóticos e moi preocupantes, porque que un neno ou unha nena non vaia á escola a educarse, a formarse, a ter unha formación básica para o futuro, é un problema para eles a nivel individual e para o conxunto de Galicia.
—A educación é un recurso básico humano e o ODS 2030 número catro di que hai que garantir unha educación impulsiva, equitativa e de calidade, e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas. Como se pode acceder hoxe en día a unha educación deste tipo e para todo o mundo?
—Non todo o mundo ten a sorte que teñen España ou Galicia de ter unha sociedade democrática, avanzada, libre, con dereitos, con obrigacións, unha sociedade de progreso. E, por desgraza, en moitos países en África, algúns en Asia, pero tamén en Latinoamérica ou dentro dalgúns países, en colectivos concretos, iso é unha lacra para o conxunto da humanidade e é sobre o que temos que pelexar. Sen dúbida, a educación e o desenvolvemento en sentido integral dun país ou dunha persoa van íntimamente unidos.
Respecto á equidade, igualdade e calidade, direi unha cousa para que esteamos orgullosos en Galicia polo traballo que fan os vosos profesores, ou que se fai nos centros educativos, nos colexios e nos institutos de Galicia, que segundo un informe que se fai a nivel internacional que se chama PISA é a comunidade autónoma de España que ten un ensino máis equitativo do conxunto do estado. Isto é unha noticia moi boa, pero tamén o di o propio ministerio, que somos a comunidade autónoma cun maior nivel de integración daqueles alumnos que teñen dificultades para poder desenvolverse de xeito normal na aula. Podemos estar moi contentos do que temos e do traballo que se fai, pero, sobre todo, debemos estar tamén orgullosos do que se leva feito en Galicia e en España, pero tamén preocupados e intentando que outros nenos e nenas doutras rexións, países ou partes do mundo teñan as mesmas oportunidades que a educación nos dan a nós.
—Como poderían os nenos que non reciben educación ter unha boa ensinanza?
—É moi difícil dicilo, porque a propia pregunta encerra un problema. O que deberían ter nestes países, ou en zonas concretas de outros son sistemas educativos, modelos ou escolas para aprender o máis básico. Aínda hai moitos analfabetos, é dicir, persoas que non saben ler ou escribir, nenos nenos e maiores, en moitos países do mundo, e iso é unha desgracia para eles porque están vivindo un mundo moi difícil nunha sociedade complicada sen ningún tipo de dereitos ou de expectativas vitais. Están sometidos a réximes políticos e militares absolutamente prexudiciais e é un gran problema para eles.
—Como di, hai moitos nenos no mundo que non reciben educación. Por que cre que pasa iso e que se está a facer dende a administración para solucionar este problema?
—Hai países que teñen situacións de desenvolvemento que se denominan do terceiro mundo. Alí non hai servizos públicos nin auga corrente nas casas, e, ás veces, non hai nin casas. Así mesmo, ás veces, vemos na televisión ou vemos nos periódicos nenos que morren de fame. A partir de aí, eu creo que aquelas persoas como as que estades aquí, que tedes 12 ou 13 anos, debedes de ser conscientes do mundo no que vivides, da sorte que tedes de ter nacido nunha sociedade como a galega, española ou europea, e intentar ver que os valores democráticos, o respecto, os dereitos, a base económica ou o progreso que existe nestes países non se perda nunca, porque se os comparamos con outras rexións do mundo onde os nenos morren de fame a situación é moi complicada.
—Vostede dixo que as axudas que lle damos aos países necesitados non chegan. De que outras maneiras cren que se pode axudar a estes países?
—Se eu soubese iso, sería o director xeral da ONU. Iso é moi difícil porque hai dous tipos de países: países con estruturas políticas que pensan no benestar da súa xente, e onde os axentes políticos queren que o seu país mellore e teña maior desenvolvemento, e hai outros países con axentes políticos que o que queren é simplemente ter o poder e aproveitarse economicamente da súa xente sen importarlle para nada as persoas que viven no seu país. Por iso o básico e o fundamental é estimular que os países que teñen réximes con ditadores ou políticos que non buscan o benestar do seu país poidan ter clases políticas e tamén económicas que persigan o benestar da súa poboación. E ese é un proceso moi lento que en Europa levou moitísimos séculos e que en países que non son europeos se fai moito máis difícil e moito máis lento.
—Hai unha gran diferenza entre os continentes nos nenos que non teñen educación. A que se debe isto e que hai que facer para solucionalo desde un país como o noso?
—Pensemos nos nenos de África e comparémolos con nenos de Europa. Supoño que verás na televisión moitas veces que moitas persoas, nenos pequenos, mulleres embarazadas ou familias enteiras arriscan a súa vida para cruzar nos caiucos e en lanchas improvisadas para chegar a Europa. Chegan aquí a España e tamén ao conxunto de Europa buscando oportunidades de vida, fuxindo da violencia ou fuxindo de situacións de vida moi difíciles. Os países desenvolvidos deberiamos intentar que os países que están nesa situación poidan evolucionar cara unha perspectiva integral, social, política, económica e que todo vaia dun xeito parello. E intentar axudar podemos facelo con pequenas accións moi concretas, que sempre son boas, ou que os grandes países poñan en marcha proxectos e plans coas grandes organizacións mundiais, como pode ser a ONU. Para axudar a eses países e fundamentalmente axudar os nenos, hay unha organización, UNICEF, que traballa nesa liña. Sen embargo, aínda que ás veces ten éxitos moi positivos, hai veces que non chega porque hai outras forzas moi potentes e moi fortes que ás veces o dificultan.
—Antes falaba de pequenas cousas que poderían mellorar co acceso á educación das nenas e dos nenos. Que quere dicir con esas cousas pequenas?
—Cando viña para aquí vin que tiñades un mercado de libros para facer una excursión. Imaxinémonos que toda esa recadación a metedes nun contedor e a mandades a unha escola en Bolivia. É unha pequena cousa. Pero favorecedes a eses nenos de Bolivia que non teñen acceso ou teñen moitos problemas para ter acceso a unha enciclopedia ou a unha novela. Iso pódese facer a nivel individual, pero, ás veces, España promove en países fundamentalmente de Latinoamérica, por un vínculo lingüístico, que se creen escolas a través de liñas de cooperación en zonas desfavorecidas ou pobres. E isto pode favorecer a que haxa unha mellor escola e máis oportunidades para os nenos deses lugares, ou que se progrese economicamente.
É moi dificil que un país que non ten un bo nivel de desenvolvemento teña unha boa escola. É imposible. Pero, como dicía, nalgúns sitios os nenos aínda morren de fame, por desgraza. Aí ten que haber un cambio para que o mundo sexa máis igualitario. No mundo hai grandes diferencias, con países ou continentes mais ricos, con gobernos máis estabilizados e democráticos e con sistemas de igualdade e dereito, onde as persoas teñen obrigas. Pero hai países nos que non e que están gobernados por réximes ditatoriais ou tribais, onde non existe ningún tipo de estrutura de estado. E aí é onde están as grandes dificultades, con nenos que teñen problemas, como por desgraza a UNESCO manifestou.
—Segundo UNICEF un de cada cinco nenos, máis de 300 millóns, non asiste á escola. Que plans temos desde os países máis ricos para conseguir reducir ese número?
—Os países ricos, en comparación cos países pobres, temos que intentar axudar e facer plans de escolarización. Todos os países teñen o que se chama plans de cooperación para cooperar con estes países, pero ten que ser unha cuestión integral, de respecto xurídico, de non abuso sobre os que non teñen poder, de creación de infraestructuras, e esas cousas teñen que facerse todas xuntas. Así debe para que teñas un traballo digno e que poidas ter seguridade para a túa familia. E todo iso debe facerse dunha maneira integral. Pero non debe ser fácil porque estamos no primeiro cuarto do século vinteún e isto vén dende hai xa moitos anos, moitas décadas, e non se dá atopado a clave que posibilite que un país avance ou que unha sociedade teña un respecto polas persoas e posibilite o seu desenvolvemento.
—Hoxe en día, un de cada cinco adolescentes, segundo a UNESCO, non recibe a educación necesaria no mundo. Que factores afectan actualmente a estas persoas para non poder acceder á educación que precisan, e particularmente en Galicia?
—En Galicia en xeral non é así. Afortunadamente, en Galicia o 100% dos alumnos están escolarizados nun sistema educativo de gran calidade, dos mellores de España e dos mellores de Europa. Aquí temos aproximadamente un 5% dos nenos de España, e, en servizos que favorecen o acceso cun proxecto de proximidade básico para o alumno, temos unhas porcentaxes moito máis altas. Por exemplo, no transporte escolar en Galicia invértese o 25% do conxunto de España. Son moitos millóns para facilitar a posibilidade de ir ao colexio, e o 99,7% dos nenos teñen un colexio no seu concello. En España é a metade. É dicir, nós temos un sistema moi equitativo, que educa en calidade e temos a porcentaxe máis alta de nenos que teñen situacións económicas e familiares difíciles que teñen maiores posibilidades de éxito educativo. Isto está moi ben organizado en Galicia dende hai moitos anos, e é unha realidade e unha sorte que temos.
—De que xeito cre que o número de nenos sen educación se reduciu o longo dos anos e por que?
—Ata o momento os estudantes estranxeiros que viñan a Galicia eran moi poucos e sempre van avanzando pouco a pouco e vaise facilitando a súa escolarización. Tamén é certo que hai unha relación case directa, xa que nos países máis desenvolvidos nacen menos nenos, hai menos natalidade, e nos países máis subdesenvoltos hai unha enorme natalidade. Isto é unha contradición porque, onde hai mellores condicións de vida, nacen menos nenos e onde a vida é máis difícil nacen moitos máis. Polo tanto, iso supón unha gran dificultade, pero, por sorte, en Galicia todos os nenos poden ir á escola, poden desenvolverse e ter oportunidades grazas á educación, que é unha das bases máis importantes dun estado de progreso, democrático, que avanza, que dá seguridade ás persoas en dereitos e liberdades como as que temos aquí.
O Conselleiro de Educación na clase de 1º ESO C no IES Rosalía de Castro co equipo que o entrevistou De esq. a der. David Sáez, Edurne Viqueira, Sara Tacón e Pablo Uzal. N.D.
—Centrados nun caso en concreto, de que xeito cre vostede que a educación que se lle dá a un neno na casa pode afectar respecto á que se da nos centros educativos?
—A educación é unha tarefa compartida. Os profesores danvos coñecemento e tamén vos axudan a interaccionar, a comportarvos, a ter unha vida de respecto cara ao compañeiro e de colaboración co compañeiro. Estes son uns valores importantes, pero a educación da familia é fundamental. Se a familia non se implica e non participa na educación no sentido amplo de formarvos como persoas; se a familia, que ten que participar e colaborar, non o fai; se na escola vos din que hai un comportamento que vai máis alá do que pode ser a transmisión de coñecemento pero na vosa casa vedes xusto o contrario, aí hai unha contradición, un problema de saber o que está ben e mal. Un exemplo é a igualdade de xénero. Todos sabemos que non se pode abusar das nenas nin pegar a ninguén, pero, se ti chegas á túa casa e teu pai lle pega á túa nai, quedas un pouco desconcertada. Por iso é moi importante que haxa unha participación da familia como parte fundamental da educación dos nenos.
—De acordo co Informe sobre a Integración dos Estudantes Estranxeiros no Sistema Educativo Español, “españois e estranxeiros non teñen as mesmas oportunidades para acceder ao sistema educativo”. De que maneira afecta ser de outro país, vir doutro lugar ou ter menos recursos á hora de adaptarse a un centro educativo en Galicia e que están facendo vostedes para mellorar esta situación?
—Ata o momento os estudantes estranxeiros que viñan a Galicia eran moi poucos e sempre se integraban con dificultade en ámbitos como o idioma, pero integrábanse con certa normalidade. Nos últimos anos hai cada vez máis estudantes estranxeiros, xa que en Galicia nacen moi poucos nenos e vén moita xente de fóra. E iso é moi importante, xa que é básico que veñan moitas familias do estranxeiro para poder posibilitar que haxa unha substitución xeracional en Galicia. Porque se nós temos poucos nenos, iso vai ser unha pirámide a inversa. Galicia, España e Europa teñen un problema, xa que nacen moi poucos nenos e por iso veñen moitas familias de fóra, tal e como os galegos fomos fóra durante moito tempo. Galicia foi un país de emigración ata os anos oitenta ou noventa. Había moita emigración e moitas familias estiveron en México, en Venezuela ou na Arxentina, xa que ían buscando unha mellor calidade de vida, pero agora España somos un país de inmigración. Estamos facilitando a súa integración co plan do alumno inmigrante que é para aqueles que non teñen dominio da lingua galega ou da lingua española, pero tamén se veñen de Afganistán ou de sitios onde non saben nin ler. Por exemplo, aquí en Santiago hai uns días chegaron tres nenos de Afganistán. O neno falaba un pouco de inglés, pero as nenas só falaban pastún e tivemos que integralos nun instituto. O problema é que as nenas non sabían nin ler nin escribir, e iso xera moitos problemas. Pero temos mecanismos que nos axudan pouco a pouco a que se integren no sistema educativo porque é o mellor traballo que podemos facer, que estes nenos e nenas poidan integrarse, poidan formarse e educarse en igualdade de condicións nas mellores condicións posibles como o resto dos nenos que naceron aquí, para que o día de mañá poidan ser tan galegos como somos nós.
—De que xeito cre vostede que hoxe en día os nenos estranxeiros o teñen máis fácil á hora de vir a España a estudar e integrarse nos colexios e centros educativos?
—Todos os nenos de calquera rexión e comunidade de España que veñen de outras comunidades autónomas como Murcia, Andalucía ou Cataluña teñen unha escolarización de moi bo nivel. Unhas son mellores que outras nalgúns aspectos, pero moito mellor comparativamente que a dos países dos que veñen, sobre todo se veñen de países pouco desenvolvidos ou de situacións económicas difíciles nos seus países. Porque ninguén marcha do seu país se teñen boas condicións de vida alí. Normalmente marchan moitos que teñen dificultades nos seus países, incluso de acceso aos estudos, e chegan a aquí e intégranse no noso sistema educativo, o cal é moi bo, como dixen antes, porque veñen a posibilitar que haxa un mantemento de poboación nova. Porque aquí hai moi poucos nenos, hai unha natalidade moi baixa, e iso o que nos pode levar é a que, ao longo do tempo, a poboación se reduza e non haxa xente para os postos de traballo nin para o que é a vida cotiá. Epor iso é necesario que veñan estas persoas de fóra para axudarnos a poder manter o nivel de vida e económico que temos.
Polo tanto, temos que darlle sempre a máxima axuda posible para que se integren educativamente e para darlles oportunidades de futuro, porque como dixen antes, dentro duns anos moitos galegos, fillos que incluso xa naceron aquí pero que os seus pais son estranxeiros, terán os seus avós e bisavós en países de América Latina ou de Asia, ou de calquera outro sitio. Será como nós os galegos que tamén os tivemos fóra pola emigración, e esa é unha realidade que cada vez vai ser máis forte.
—Cales son beneficios que achega ao sistema educativo galego a chegada de persoas doutros países con menos medios?
—Primeiro, dálle unha oportunidade importante de xustiza social ao axudar a aquelas persoas con máis dificultades. En segundo lugar, ofrécelle unha oportunidade a esas persoas que non teñen eses recursos que nós temos. Por último, pero non menos importante, vai axudar a que moitas aulas e colexios se manteñan abertos ou poidan ter alumnos. Nas zonas rurais de Galicia hai moitos colexios moi pequenos onde a metade dos alumnos son estranxeiros. Se non houbera eses nenos a escola sería moito máis pequena e tería moitas máis dificultades para manterse. Iso non é nin bo nin malo en si mesmo, pero é certo que temos moitos colexios en Galicia onde un trinta por cen dos nenos son estranxeiros.
Imaxinade que, de vintetrés que sodes, sete son nacidos no estranxeiro, sen contar os que son fillos de pais estranxeiros que viven en Galicia. Pois nalgúns centros chegan ao corenta por cento e noutros mesmo ao cincuenta por cento. Obviamente iso é unha enorme riqueza, pero tamén é unha enorme dificultade para poder prestar un servizo con boas condicións.
—Como dixo, hai unha diferenza social que afecta tamén a educación, a pesar de que esta é gratuíta na nosa comunidade. Cales cre que son os factores que provocan esta desigualdade educativa e como se enfrontan a isto desde a Consellería?
—Se se compara a educación de Sudán coa educación de España, hai unha enorme desigualdade. Incluso, dentro das comunidades autónomas de España hai sistemas que teñen mellores resultados que outros, tanto no nivel de competencia como no nivel de equidade. Tamén, dentro duhna comunidade autónoma como Galicia, hai diferenza entre os colexios. E que estamos facendo para mellorar iso? Facemos unha proba, que se llama “avaliación de diagnóstico” que fai unha especie de radiografía dos centros. En Galicia temos máis de 1200 centros educativos, e é obvio que hai algúns que funcionan ben, outros que funcionan regular e outros que funcionan menos ben. É lóxico.
O que facemos naqueles colexios onde, polo que sexa, haxa máis dificultades, son plans de reforzo. Tanto a nivel de formación do profesorado, como a nivel de plans específicos orientados a mellorar o nivel de dificultade nos colexios. Nos institutos pasa igual: hai institutos que funcionan mellor e outros que funcionan peor por diferentes circunstancias: ao mellor a ubicación, ao mellor a implicación do profesorado ou implicación das familias. Hai moitas variables. Pero, con todo, Galicia ten unha gran sorte en comparación coas outras comunidades autónomas de España e con moitos países. Que nós teñamos practicamente unha gran uniformidade nos centros educativos quere dicir que o resultado final, o nivel de competencia que teñen os alumnos, é practicamente idéntico con independencia de se están no rural ou nunha zona urbana, con independencia dos barrios. Iso é moi importante porque crea una igualdade de oportunidade real.
Ante as pequenas diferenzas que pode haber, temos que actuar e reforzar eses centros para que haxa a maior uniformidade posible. Galicia funciona como un distrito educativo único e, se se comparan os resultados nun colexio na montaña de Lugo con este instituto, que é un dos mellores de Galicia, son moi semellantes. E iso é unha gran sorte, porque é unha oportunidade de igualdade para os nenos e nenas, con independencia de onde vivan.
—Á parte dos estranxeiros, tamén haberá alumnado en Galicia con problemas de integración no sistema como as persoas con movilidade reducida ou con condicións de saúde que os limiten. Qué medidas toman desde a Consellería, para conseguir que se integren no sistema educativo?
—Todo o sistema educativo traballa para integrar a todos os alumnos con independencia das súas características. Obviamente ten máis dificultade e non podemos negalo, pero nós temos o sistema máis inclusivo e máis equitativo de España e intentamos dar sempre ao alumno unha resposta personalizada ás súas dificultades. Hai problemas e dificultades, pero nese sentido creo que podemos estar orgullosos do traballo que facemos para axudar a quen máis o precisa con profesores de reforzo e intentando que os alumnos que teñen dificultades estean con menos alumnos nas aulas para que poida funcionar todo moito mellor. Así facilítase a integración en sentido amplo e é obvio que é moi difícil de conseguir. Fanse moitos esforzos, xéranse moitos problemas e xeran tamén moitas dificultades, pero que ao final tenemos que facelo. Se queremos ter unha sociedade sa, non podemos excluír a ninguén porque teñen unha dificultade física ou unha dificultade psíquica e todo o sistema traballa para iso, pero tamén hai unha porcentaxe moi grande de profesores especialistas, que se chaman profesores en audición e linguaxe ou orientadores, cuxo traballo está pensado basicamente para eses alumnos.
—Outro problema é a igualdade entre nenos e nenas. Segundo a UNESCO, ao redor de tres millóns de nenas non teñen acceso á educación e a maioría non chega á secundaria. De que xeito hai aínda desigualdade no noso sistema e que medidas se están tomando para cambiar esto?
—Isto en Galicia e en España non é así. Afortunadamente. Esta situación haina aínda en países menos desenvolvidos ca os nosos, ou ás veces noutros que teñen moitos recursos económicos pero unha cultura diferente, como algúns países musulmáns onde se discrimina moitísimo as mulleres. Hai casos, como en Afganistán, onde os nenos saben ler e as nenas non, porque nunca foran á escola, porque alí hai una especie de desprecio e discriminación altísima cara á muller e cara ás nenas. E iso é algo que afortunadamente nos nosos países non sucede. Estamos ante un problema cultural de índole relixiosa moi importante e temos que ser coñecedores de que na nosa cultura, afortunadamente, iso tense moi superado. Non quero decir que hai moitas décadas non fose iguai en Galicia. Ao mellor nunha familia había un neno e unha nena, e mandaban o neno a escola e a nena quedaba na casa, pero diso afortunadamente hai xa moito tempo, e agora xa non é a nosa realidade
—Como xa sabemos, vostede é o Conselleiro de Educación, así que sabe defectos e vantaxes do sistema educativo actual. Cales son os cambios que faría para melloralo?
—Pois o sistema educativo non o podes cambiar dun xeito radical; tes que ir dando pasos progresivos pouco a pouco para que se poidan integrar mellor os cambios. Temos moitas cousas que facer, como favorecer a acollida de estranxeiros, que é cada vez máis importante, pero tamén favorecer que todo o alumnado de Galicia teña competencias dixitais, porque no mundo de hoxe e máis no futuro a maioría dos traballos van ter unha compoñente dixital tecnolóxica. Por outra parte temos que favorecer, por suposto, que non haxa ningún tipo de discriminación cara o alumnado nin por razóns de xénero, nin por razóns económicas, nin por ningún tipo de razóns. Pero tamén temos que mellorar nalgunhas materias moi importantes como matemáticas ou lingua e temos que potenciar moito as competencias lingüísticas ou matemáticas para poder falar mellor. Creo que hai moitísimos aspectos que temos que traballar e debemos facelo dun xeito planificado, ordenado, estruturado, para ir avanzando progresivamente en todos os aspectos.
—En conclusión, e mirando cara a adiante, ao futuro, cales son as solucións que propón para axudar cos problemas que ten o alumnado que non recibe educación ou que ten limitadas as oportunidades aquí e no resto do mundo?
—Hai que diferenciar moito entre aquí e o resto do mundo. Creo que non podes pensar que a situación dos países que vimos antes é comparable coa nosa nin moito menos. Nós temos un dos sistemas educativos mellores do mundo, comparable cos países máis avanzados. E Galicia, en particular, é dos mellores de España. Dito isto, hai unha relación directa entre educación e benestar, progreso e liberdade e entre educación e igualdade. O que temos que traballar é unha perspectiva integral e ter o mellor sistema educativo posible, porque o futuro vai depender de vós. Eu xa teño máis de 50 anos, e os vosos profesores están ahí, máis o menos, e queremos o mellor futuro posible. Para iso queremos que vós sexades os mellores enxeñeiros, economistas, profesores, médicos ou enfermeiros, porque, se vós facedes ben voso o traballo grazas á educación recibida e posibilitades que todo vaia a máis, todos viviremos mellor.
Un país depende do seu sistema educativo e hai una relación directa entre boa educación, benestar, progreso, desenvolvemento e futuro. Recoméndovos a todos que aproveitedes moi ben o voso paso polo instituto e despois iredes á universidade ou iredes facer un ciclo de Formación Profesional. E ambas ideas son perfectamente dignas e positivas para formarvos como persoas pero, por suposto, con valores como o respecto á diferenza de identidade, á igualdade e cos valores básicos na vida como esforzo. Pero, aparte destes valores fundamentais, tamén é importante que teñades os máximos coñecementos posibles para formarvos como profesionais e como persoas. Deste xeito conseguiredes facer mellor o mundo, pero tamén a vosa cidade e o voso país.