Jorge Carballido Salgado é licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago e traballa como psicólogo e coordinador de accións preventivas na Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) do Concello de Santiago de Compostela. Aquí axúdase a persoas con problemas de adiccións tanto a substancias como a actividades adictivas como os xogos de azar.
O psicólogo fixo moito énfase en que no campo das adiccións ao azar “o primeiro paso sería impedir o xogo económico nos bares” porque a finalidade das máquinas “é que gastemos cartos” e, polo tanto, crean adicción. Sobre todo tendo en conta que as porcentaxes de premio son mímimas: “A porcentaxe de éxito no xogo da lotería é dunha cifra con moitos ceros, que equivalería a un entre 100.000”.
—A UMAD é unha unidade municipal que trata as adiccións. Cal é a razón pola que se decidiu dedicarse a este campo?
—A UMAD é unha unidade de atención ás adiccións, principalmente con substancias, e con substancias ilegais. O motivo polo que eu decidín hai vinte anos dedicarme a este campo de traballo no mundo das adiccións foi casual. Vin a oportunidade de traballar neste ámbito das adiccións, que era un campo que encaixaba noutra faceta da miña vida, e dixen: “Xa teño uns coñecementos básicos previos, e creo que estou capacitado para traballar niso”.
—Existen moitos tipos de adiccións diferentes, pero nós estamos interesados por aquelas que non utilizan substancias. En que se diferencian daquelas nas que se consume alcohol ou drogas?
—A principal diferenza entre adiccións con substancia ou sen substancia é que nas adiccións con substancia hai un elemento, principalmente unha molécula no exterior, e temos que introducila no noso organismo. Entón podemos fumar, comer, inxectar ou beber. Hai múltiples formas, e esa substancia ten un efecto na nosa conducta. Pero existe outra clase, que xera adicción, que é aquelo que non temos que introducir nada no noso organismo, que son as adiccións sen substancia como o xogo. Está catalogado como unha enfermidade diagnosticada e protocolizada e a xente que ten adicción ao xogo, o seu cerebro é capaz de ter unhas reaccións químicas como se tivera unha substancia pero sin tela.
—Baseándose nos seus usuarios, cales son os casos máis frecuentes e máis difíciles de tratar e por que?
—Depende moito da substancia. No caso dos usuarios con substancia hai moitos que cando chegan á nosa unidade teñen unha traxectoria de consumo de 10-15 anos. Entón, durante eses anos estiveron consumindo substancias ata que decidiron deixalas. Polo tanto, teñen unha forma de funcionar no día a día: levantarse, comer, traballar, consumir e durmir. Teñen isto moi interiorizado e eses casos que xa veñen de longo soen ser máis complicados porque xa teñen moi asumida esa forma de funcionamento.
—Cal é a substancia máis frecuente que tratan na súa organización e por qué?
—A substancia que máis tratamos, debido a que somos especialistas en drogas ilegais, é a heroína, porque é unha substancia que se cronifica ao longo do tempo. Entón, ese tipo de pacientes leva moitos anos con nós.
—Que porcentaxe de persoas que acuden a vostedes son nenos ou adultos e que tratamentos requiren polas suas idades no tema?
—Principalmente é xente maior de edad que máis que unha adicción teñen un funcionamento incorrecto, xa que empezan a deixar a súa vida normal e dan prioridade a estar enganchados, e poden deixar de facer a súas actividades, deixar de estar coa familia e, incluso, deixar de traballar porque empezan a facer un uso moi continuo da súa adicción e iso dificulta o seu funcionamento na vida normal.
—Cales destes hábitos son máis adictivos e por que?
—Eu creo que a maior adicción depende da persoa, pero temos máis persoas adictas a substancias que sen substancias. Isto ocorre porque a substancia en si pode xerar máis adicción ou máis necesidade no cerebro de ter que consumir. As adiccións sen substancias poden ser en casos puntuais tamén moi potentes, pero non soen ser tan potentes como as que inclúen substancias; é dicir, a adicción ao tabaco pode ser máis potente ca adicción ao xogo, pero pode haber casos igual de tremendos.
—Ás veces aos adolescentes énos difícil sacar os ollos das pantallas. Como é o proceso de recuperación das adiccións sen substancia?
—No proceso de recuperación sempre se trata primeiro de ter unha liña base para saber cal é o problema ou a situación concreta desa persoa, saber cales son os seus hábitos e como lle repercute e cal e o seu funcionamento dentro da adicción ás pantallas ou de mal uso das pantallas. Unha vez que se consiga saber como funciona, hai que intentar avanzar pasos cara á súa recuperación. Pode ser, por exemplo, unha persoa que durante todas as tardes, de catro a nove da noite, despois de facer os deberes, se pon no ordenador a xogar ou chatear cos amigos, vendo distintas redes sociais. Neste caso, talvez, hai que empezar a planificar con ela unhas horas de uso e de descanso e buscarlle outras alternativas como actividades complementarias ou deportes.
—Vostedes, ao traballar, seguro que saben percibir ben os pasos nos que o paciente desenvolve a súa adicción ás pantallas. Cómo van sucedendo eses cambios?
—A xente que está utilizando as pantallas trata de dar a súa información. Teñen unha serie de premisas que cumplen para intentar captar máis atención. Un exemplo que vos ides encontrar continuamente vai ser o das recompensas. Normalmente xógase para practicar e para competir. Pero agora parece que, se ti tes un aporte de diñeiro, permíteche seguir avanzando no xogo e seguir competindo. Ese é o primeiro paso. Despois, estas estratexias únense a outras, como por exemplo os cofres de recompensas, que os poñen pola noite. Isto ten como consecuencia estar sempre pendentes e atentos a esa recompensa. Iso é o que xera esa sensación de ter que estar aí ou saber que vai pasar, que, así mesmo, é a sensación de adicción.
—De que xeito considera que o nivel de ludopatía aumentou ou disminuiu nestes últimos 20 anos e cales cre que son as causas?
—Sei que a ludopatía nos últimos 3-4 anos está baixando, porque houbo antes un “boom” moi grande onde estaba a cousa moi pouco controlada e a xente empezou a xogar e a apostar bastante. Agora mesmo, debido ás reglamentacións, o xogo está baixando. Antes nas máquinas “tragaperras” podíase poñer a cantidade debaixo, pero agora non. O mesmo pasa nas máquinas de apostas.
—Como se inician as persoas no xogo e como é este proceso de facerse adicto?
—A maior parte da xente non empeza a xogar directamente diñeiro. Normalmente empézase a xogar a cousas sen diñeiro e despois a cousas con cartos. Pero se compro unha vez e me toca unha mínima recompensa xa se xenera no cerebro esa sensación de nerviosisimo, esa necesidade de ter unha resposta rápida. E a partir de alí pódese xerar unha adicción.
—Entrando de cheo na oniomanía (compras compulsivas), que cree que poderiamos facer todos individualmente para contribuír a utilizar con cabeza o shopping online?
—Ser consciente de que moitas das estratexias que están a utilizar só persiguen a finalidade de que gastemos cartos nas compras ou no xogo. Por exemplo, neses xogos nos que a finalidade sexa pagar para avanzar, hai que desconfiar. Nun xogo no que necesite moitas horas diarias, hai que desconfiar. Se un xogo abarca moito tempo da túa vida e non te permite realizar outras actividades, hai que sospeitar del. Esas son normas que hai que ter en conta para non deixar de facer outras cousas por xogar. Por suposto, xogar é malo, pero, se se xoga con prudencia, pódese facer. Coas compras sen control pasa igual.
—No que se refire á ludopatía, qué farían para disminuir a adicción aos xogos do azar se estivera nas súas mans esa posibilidade?
—Principalmente, se lle preguntamos aos mozos onde xogan diñeiro, hai tres sitios principiais: a lotería, os rascas e as apostas deportivas. Quizá teñamos que regular as apostas deportivas. Sinxelamente, son máquinas que están nos bares. En Galicia hai tres mil trescentas máquinas e todas están á disponibilidade de moita xente. En teoría, o dono do bar é o que ten que impedir as apostas deportivas dos menores, pero chégase ata onde se chega. As persoas atenden o bar e teñen outro tipo de tarefas que facer. Para min o primeiro paso sería impedir o xogo económico nos bares. E despois, referente aos mozos e ao xogo en si, deberían regularse moito todos aqueles xogos nos que o motivo final sexa pagar economicamente para avanzar. Antes de que se puxera unha normativa, a publicidade que había deste tipo de xogos, era: “Xoga, xoga, xoga! E gaña, gaña, gaña!” E este tipo de publicidade patrocinábana persoas referentes para vós como os deportistas. Posteriormente, houbo unha lei que prohibiu que esas persoas patrocinaran eses anuncios e o índice de poboación que xogaba ese tipo de xogos baixou un 10%. Ese tipo de normativas son moi interesantes como, por exemplo, prohibir as recompensas de casinos online ás 3 da mañá. Pero isto ten truco, porque ás 3 a xente levántase para recoller a recompensa moi ilusionado, e despois, ao final, co cansanzo, méteste nun sitio onde non deberías estar.
—Entón, se sacáramos ese tipo de recompensas de paga naqueles xogos onde a finalidade sexa pagar de que xeito cre que se reduciría a poboación da xente que xoga ao azar?
—Intuímos que é así, pero aínda non temos confirmación. Moitas das grandes empresas do azar son as que están promocionando todo ese tipo de xogos online. Antes os xogos comprábanse por 60 ou 80 euros, e tiñamos un entretemento. Agora, con estas empresas de diversión online de azar, parece que os xogos están promocionados por estas, dando a mensaxe de que, se queres avanzar, tes que pagar. Por exemplo, se facedes un deporte de equipo, que pensariades vós se ides ao árbitro, pagádeslle vinte euros e pedídeslle que vos deixe gañar? Pois isto é o que realmente sucede neste tipo de xogos.
—De que modo cre posible que a xente poda gañar máis diñeiro a longo prazo nas apostas deportivas ou nos xogos de azar?
—Os xogos de azar e as apostas deportivas están deseñadas para non gañar. Pode ser que puntualmente gañes. Este pode ser o caso dunha persoa que dicía que quería averiguar que posibilidade tiña de gañar á lotería e a porcentaxe era dunha cifra con moitos ceros, que equivalía a un entre 100.000. Un entre 100.000 é como se imos ao supermercado e collemos catro paquetes dun kilo de arroz, abrímolos, botámolos nun caldeiro, collemos un gran e o pintamos de vermello. Entón, nese instante, tes que meter a man e sacar o gran vermello para que nos toque o premio. Esa é a probabilidade aproximada de que te poda tocar a lotería. Despois, dentro da lotería hai diferentes premios. Pode tocar, pero a posibilidade é moi baixa.
—Que lle pasa ao cerebro cando tes unha adicción a Internet e que diferenza hai cunha adición a unha substancia?
—As adiccións ás sustancias e a Internet, funcionan dun xeito moi similar. Cando introducimos unha substancia no noso corpo e chega ao cerebro créanse unha serie de receptores de pracer, de estar ben e de querer repetilo. Iso pasa coa sustancia, que toca algo no noso cerebro e xera iso. Pois o xogo pode chegar a facer o mesmo sen sustancia: crear esa expectación, esa incertidume, esas ganas de que ocorran as cousas e que poden activar os mesmos mecanismos que xeran igual as substancias. É moi curioso, xa que pode ser a mesma adicción sen conter unha sustancia.
—Por que a xente que é adicta non se dá de conta de que é adicta?
—O teu cerebro mándache facer iso e ti pensas: “Se fago iso, vaime facer dano”. Pero o teu cerebro nese momento necesita facer iso e falo de todos modos. Iso é o que é a adicción.
—Dentro de todas as adiccións nas que vostede traballa, cal cre que é a mais perigosa ou adictiva e por que?
—A adicción máis perigosa que temos agora mesmo é a nicotina. Cuantitativamente causa case sesenta mil mortos ao ano en España. Ningunha outra substancia ou adicción sen substancia pode chegar a ese número de mortos. Tamén aproveito para dicir que agora non, pero dentro de 2 ou 3 anos ides ter moita presión exterior para consumir nicotina mediante “vapers” de diferentes formas.
—Mirando cara o futuro, cales son os principais retos aos que se enfronta a súa unidade á hora de solucionar os problemas das adiccións sen substancias?
—O principal reto, quizais, estamos vendo que é o que denominamos prevención, pero tamén pode ser crear unha regulación que dificulte que se presenten esas adiccións sen substancias como o xogo e que sería o máis efectivo. Porque se temos aquí unha sala de xogos a 200 metros e entran os menores para ver que pasa, quizais se evitáramos que existira a sala de xogos, sería xa un gran paso. Tamén se evitáramos que existirán esas recompensas para pequenos e para maiores nos xogos online, tamén podería ser un gran paso.