A Conselleira de Vivenda na aula de 1º C do IES Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. ALEJANDRA REGUEIRA
María Martínez Allegue (Pontevedra, 1978) é Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago é funcionaria de carreira da administración local con habilitación de carácter nacional na subescala de secretaría-intervención e subescala secretaría de entrada. Entre 2010 e 2015 foi Directora Xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), entre 2015 e 2023 xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra e, entre 2023 e 2024, xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra.
A Conselleira lamenta que aínda “por desgraza” hai persoas que “non teñen vivenda, pero non é que non haxa vivenda, senón que non poden acceder a ela porque non teñen traballo ou porque non teñen un sustento económico”. Neste sentido, as medidas que se están tomando para intentar solucionar este problema, por desgraza, tan grande é “un programa de axudas moi importante tanto para compra como para o alugueiro e tamén para axudar aos concellos, para que eles rehabiliten as súas vivendas e as destinen ao alugamento asequible para a súa poboación”.
—Como xa sabemos, vostede é a Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, pero, por que decidiu traballar neste ámbito e como foi a súa formación?
—A política é moi bonita e consiste en querer axudar á xente, en querer axudar a mellorar a vida dos galegos e das galegas. Teño a sorte, a honra e a responsabilidade de estar na Consellería de Vivenda e de Infraestruturas, é dicir, é aquela Consellería que ten coma obxectivo facilitar que todas as persoas, tamén os mozos e a xente nova, poidan acceder a unha vivenda e que sexa asequible tanto para compra como para alugueiro. Ademais, arranxamos estradas, facemos que haxa comunicacións entre unhas vilas e outras, que sexan seguras, que haxa seguridade viaria, que non haxa accidentes, que haxa sendas polas que camiñar, sendas peonís e que poidades ir en bicicleta. É unha gran responsabilidade e, por suposto, o obxectivo principal é axudar aos galegos e ás galegas.
A política é moi bonita e non hai que pensar que os políticos estamos continuamente discutindo uns con outros. Iso non é a realidade. É o que ao mellor se ve na televisión pero non é a realidade. Nós temos que falar, que dialogar, que falar coa xente, que falar cos alcaldes, que vir aos colexios, que preguntarlle aos rapaces que queredes que fagamos ou que estamos facendo ben e que estamos facendo mal.
—O noso tema de investigación é o acceso global á vivenda, parte dos ODS2030. Cales son as principais preocupacións dunha Conselleira de Vivenda para conseguir que todo o mundo poida acceder a un fogar asequible e de boa calidade?
—No goberno galego, na Xunta de Galicia, temos un gran reto. É certo que a día de hoxe unha das principais preocupacións que teñen non só os galegos, senón tamén a nivel nacional e a nivel Europa, é que os prezos da vivenda, para vivir ou para comprar, están moi elevados. Iso querémolo solucionar e ímolo solucionar construíndo máis vivenda e axudando a que promotores e a que construtores constrúan máis vivenda, porque trátase da oferta e da demanda: cando un pide máis do que hai, os prezos soben. Entón o que temos que facer é poñer máis vivenda no mercado, e tamén dar seguridade xurídica e dar tranquilidade a aqueles propietarios que teñen unha vivenda para que a poden poñer en réxime de aluguer. Entón estamos construíndo vivenda e tamén estamos axudando á xente se quere entrar nun aluguer ou axudándolle se quere comprar unha vivenda. E isto témolo que facer entre todos, contactando, por suposto, cos concellos como o de Santiago. Contactamos coa alcaldesa de Santiago para dicirlle que necesitamos solo onde poder construír vivenda. Así nós temos solo no que estamos xa a construír. Pois iso é o que estamos a facer, entre todos, e trátase de facilitar que haxa máis vivenda para que máis xente poida acceder a ela e haxa un prezo máis barato.
—Como vostede dixo, en Galicia e en todo o mundo hai un reto: que toda a xente poida ter un fogar. De que forma cre que en Galicia poidamos acadalo antes do dous mil trinta?
—Construíndo vivenda como estamos a facer; pero tamén teñen que construír vivenda os concellos. Por iso hai concellos que están colaborando moito con nós e estannos a ceder solo para poder construír vivenda. E non se trata só de que constrúa vivenda unha administración pública, un goberno local ou un goberno autonómico, senón que temos que axudar aos promotores e aos construtores a construír vivenda para poñela a disposición da cidadanía. Entón, temos que ofrecerlles axudas, ofrecerlles préstamos e solucións para que lles sexa posible construír vivenda para que haxa vivenda para todos os galegos.
—De que xeito cre que construír máis vivenda pode afectar á súa calidade?
—Non lle afecta porque estamos facendo vivendas de primeirísima calidade. Hai uns estándares e hai unhas normas. Trátase duns estándares de habitabilidade que estamos a cumprir e que estamos a mellorar. As vivendas que estamos a facer son vivendas sostibles e vivendas eficientes enerxeticamente para que sexa máis barato e contamine menos o medio ambiente. Son vivendas que invitan á convivencia. Acabo de vir dun concello que se chama Mos, e que está na Provincia de Pontevedra, onde hoxe comenzaban unhas vivendas que teñen uns espazos comúns, uns bambáns e uns xardíns; sempre espazos nos que habitar. Onte estivemos en Vigo, tamén iniciando a construcción doutras vivendas. E sempre pensando en mellorar a calidade dos que van a habitar esas vivendas.
—Como sabe, prodúcense moitas desigualdades no mundo; unha delas é o acceso á vivenda. Por que cre que existe esa desigualdade e que se está a facer desde a Xunta para axudar con este problema tanto aquí como en países que precisan axuda?
—Existe non só en Galicia, non só en España e en Europa. Incluso noutros países desenvolvidos a día de hoxe a vivenda está subindo moito o prezo. Entón, o que temos que facer é non só construír vivendas dende a Xunta de Galicia, senón que tamén os concellos poden construír vivendas e temos que axudar para que se constrúa máis vivenda. Sen embargo, hai obstáculos. Por exemplo, como consecuencia da guerra de Ucraína, os materiais de construción soben o seu prezo, entón, a un constructor resúltalle máis caro construír vivenda. Polo tanto, o que temos que facer é darlle axudas tamén para que se constrúa vivenda e que teña un prezo tasado, porque as vivendas que nós calificamos teñen que ter un prezo máximo de venta e un precio máximo de renda.
Por outra banda, tamén temos axudas para intentar asentar poboación e que a xente vaia vivir aos concellos máis pequenos, porque Galicia é unha Comunidade Autónoma onde a maior parte dos concellos teñen menos de 10000 habitantes. Entón, estamos dando axudas para que a xente compre en concellos de menos de 10000 habitantes. Son axudas moi importantes, de 10800 euros. Tamén estamos dando axudas para que a xente moza compre vivenda protexida de 20000 euros para comprar unha vivenda protexida. Ese é o camiño, pero sempre, repito, con colaboración e cooperación de todas as administracións, do sector privado, de cooperativistas, de promotores, de construtores e de arquitectos.
—Sabendo que hai varios obstáculos para vivir baixo un teito, cales son as principais dificultades, e que están facendo as administracións para buscarlle un remedio?
—Non sei se sabedes o que é un planeamento dunha cidade. Isto quere dicir que unha persoa non pode construír onde queira, xa que está todo regulado normativamente. Estamos nunha sociedade onde hai que cumprir as normas. O planeamento do concello di onde podes construír e onde non podes construír. Para construír ti tes que ter saneamento, tes que ter abastecemento, tes que poder abrir a billa e que chege a auga, ten que chegarche o lixo. Iso chámase solo urbano consolidado. Nestas cidades hai moitos ámbitos que aínda non están desenvolvidos e, polo tanto, nós estamos seguindo unha estratexia dende a Xunta de Galicia pola cal estamos desenvolvendo eses ámbitos para que poidan construírse alí máis vivenda. Estamos alí e estamos habilitando o solo para construír máis vivenda de calidade, sostible e eficiente.
—Outro colectivo con problemas con problemas é a xente que vive na rua. Cales e como son os programas que teñen para buscarlles fogar a estas persoas?
—Desgraciadamente é certo. Hai xente que vive na rúa e nese caso non é un problema de que non haxa vivenda, senón que nese caso non teñen cartos ou non teñen capacidades, ou non están en condicións de levar unha vida como a que leva a maioría da poboación. Dende os concellos e a Xunta de Galicia, por suposto, que temos que axudar a esta xente. Existen moitos programas dende un punto de vista social para axudar a esta xente, pero iso é competencia dunha compañeira que é a Conselleira de Política Sociale Igualdade, Fabiola García, que é a que ten moitos programas para axudar a esta xente na súa inserción. Porque é importante traballar, pero para iso hai que formarse. Tamén é importante non involucrarse en substancias nocivas como o alcol e as drogas, e ter un entorno saudable e unha familia que te apoie. Isto é unha lacra que entre todos debemos pórlle solución.
Aí non é tanto que non haxa vivenda, senón que ao mellor esas persoas non teñen formación ou caeron na dependencia de substancias aditivas que non son recomendables. Polo tanto, temos que axudar entre todos en colaboración coa administración que está máis preto, que sempre é o concello.
—Falando do tempo actual e da nosa Comunidade, cales son os maiores retos aos que se está afrontando o seu departamento no tema do acceso global á vivenda e como o está facendo?
—É un reto complicado, pero un reto que, por suposto, imos cumprir como xa estamos facendo. Primeiro, hai que investir, e nós, desde a Xunta de Galicia, triplicamos os orzamentos destinados á construción de vivienda pública e á súa rehabilitación. Estamos a construír máis vivenda que ten un prezo taxado, un precio máximo, pero tamén estamos a rehabilitar vivenda porque tamén é certo que hai vivenda en estado de abandono que se pode usar. Porque en Galicia temos cascos históricos que son famosos e, por exemplo, en Santiago de Compostela estamos participando na restauración de diversos edificios. Por outra banda, estamos tamén traballando para que chegue o abastecemento e a luz e para nun futuro ter vintecinco mil novas vivendas, porque non só temos que pensar no presente, senón tamén no futuro. Temos que habilitar ese espazo para que haxa vivenda e de calidade porque, canta máis vivenda haxa, máis baixarán os prezos, e iso é no que estamos a traballar.
—Pregúntome que pensará unha profesional do tema como vostede sobre a diferenza de dificultade para obter unha vivenda en Galicia e que propón para mellorar esa situación nesta comunidade?
—Propoño diálogo e colaboración entre todas as administracións. Temos que ser conscientes de que temos un problema e que hoxe en día é moi difícil acceder á vivenda, non porque haxa pouca vivenda, senón porque teñen os prezos moi elevados. Entón temos que dar esa seguridade para que o dono da vivenda poida alugala e que non entre alguén que logo non lle pague e non poida desaloxala. Pero temos tamén que axudar aos concellos a construír a vivenda, temos que construír vivenda. Nós temos un obxetivo de lexislatura no que temos que construír catro mil vivendas para o 2028 en toda Galicia. Imos por bo camiño. Levamos un ano dende que existe esta Consellería de Vivenda e Infraestrutura e xa temos máis de dúas mil vivendas en marcha. Coñecedes a zona de Castiñeiriño? Vedes que alí hai moitas rúas novas e que se está construíndo, pois todas esas vivendas son vivendas protexidas da Xunta de Galicia e moitas delas xa serán unha realidade este 2025. Iso é o que temos que facer: traballar, dialogar e colaborar entre todos.
—Se xa sabemos que hai unha gran cantidade de vivendas e o problema son os prezos, para que construír máis vivendas se o problema son os prezos?
—Porque cando soben os prezos é porque as vivendas non chegan para toda xente e, por outra parte, se hai vivendas baleiras será porque o propietario ten medo de poñelo en alugueiro e ten medo de que alguén non pague a renda e non poida botala. E niso temos que colaborar. Entón estamos falando coas administracións para mudar esa normativa e que sexa sinxelo darlle tranquilidade a ese propietario que ten esa vivenda e que poida poñela en aluguer.
A Conselleira co equipo de alumnado de 1ºESO C do IES Rosalía de Castro na súa aula. N.D.
—A dificultade para conseguir vivenda é un problema moi grande entre a xuventude, que medidas está tomando a súa Consellería para axudar a esta xente?
—Moitas, porque sabemos que aos que teñen menos de 36 anos élles máis difícil atopar unha vivenda. Entón, temos varias medidas: a primeira delas é que, polo menos, o corenta por cento das vivendas que construímos desas 4000 vivendas será para vender a menores de 36 anos, e, ao menos o 25 por cento, para vender a menores de 23 anos.
Por outro lado, temos axudas de dous mil oitocentos euros para comprar neses concellos menores de 20000 habitantes, axudas de 20000 euros para comprar vivendas protexidas e axudas para comprar en cascos históricos. Tamén temos liñas de axuda para o alugueiro, unha que se denomina “Axuda alugueiro” e outra “Bono aluguer mocidade”. Temos moitas liñas de axuda para a mocidade porque sabemos que vós sodes o futuro, e a importancia de estar estudando neste instituto no que estades é facer os estudos que queredes facer porque o importante nesta vida é formarse, traballar e sempre querer esforzarse e querer superarse. Esta é a política do esforzo, a política de dedicación para facer unha Galicia do futuro, xa que vós sodes o futuro. E a Galicia que haxa no futuro é a vosa.
—Antes dixo que á xente menor de 36 anos cústalle máis conseguir vivenda. Que cousas fan que non poidan conseguir vivenda facilmente?
—Os prezos de alugeiro e os prezos de venda están moi elevados e, cando tes o primeiro traballo, tes unha nómina, pero normalmente, cando es máis novo e empezas a formarte, tes menos posibilidades ou menos aforros para chegar a ese fogar ou a ese alugueiro. Polo tanto, o que queremos facer nós é axudar a esa xente moza a emanciparse, a ter o seu primeiro fogar. Por iso tamén estamos a construír os primeiros aloxamentos para a mocidade. Son uns apartamentos que imos realizar onde vai estar destinado a alugueiro para menores de 36 anos, para cando están empezando no seu primeiro traballo, están estudando ou son bolseiros, e van ter zonas independentes como cociña e cuarto de baño, pero logo terán zonas comúns como ximnasio, lavandería e zona de coworking.
—Hai países máis desenvolvidos que outros, que conseguiron solucionar bastante ben o acceso á vivenda de todos os seus cidadáns. Que métodos e medidas podemos aprender deses países e como se poderían aplicar aquí en Galicia?
—Desgraciadamente en case toda Europa temos o problema da vivenda e, de feito, na Unión Europea existe por primeira vez un comisario da vivenda. É certo que as características que teñen os países non son iguais, porque non é o mesmo vivir en España que vivir en Alemaña. Pero coa colaboración do conxunto de todos podémolo conseguir.
—Vostede dixo que había diferentes dificultades para o acceso a vivenda. Cales son?
—O principal problema para o acceso á vivenda de España e Galicia son os prezos, que están moi altos. Esa é a principal preocupación que hai agora.
—Nós vimos en Pontepedriña xente que está vivindo baixo unha ponte. Como están vostedes axudando a esta xente a integrarse na sociedade e que tipo de solucións lles ofrecen?
—O problema destas persoas que, por desgraza, non teñen vivenda non é que non haxa vivenda, senón que non poden acceder a unha vivenda porque non teñen traballo, porque non teñen un sustento económico, porque non teñen un apoio familiar ou un apoio de amigos. Entón é fundamental insertar na sociedade estas persoas e concienciar da importancia de formarse, de estudar, de buscar un traballo, de querer superarse a un mesmo e de non vivir dos demais, senón de que cada un temos que ser independentes e querer superarnos a nós mesmos. Por iso estades aquí no instituto. Iso é o que temos que facer pouco a pouco: superarnos entre todos e, por suposto, colaborar, ter solidariedade, ser boa xente e respectarnos entre nós.
—Como cre que pode aceptar positivamente a construcción de vivendas públicas por parte dos cidadáns, e quen se poderá aproveitar máis con esta experiencia?
—Dende a Xunta de Galicia, pero tamén desde os concellos, realizamos estas vivendas ás que poden acceder as persoas que están incluídas nun rexistro que se denomina Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia. Se facemos vivenda en Santiago de Compostela, esas vivendas son ou para aluguer ou para venda cun prezo barato para a xente que estea inscrita nese rexistro. Nel poden inscribirse aquelas persoas que, por exemplo, esteas empadroadas aquí ou que traballen en Santiago, xa que, ao mellor, hai algunha persoa de Ames, de Noia ou de Brión que veñan traballar aquí e que queiran vivir aquí. Pois esa xente é a que pode acceder a estas vivendas.
—Nos centros das cidades é moi difícil construír e as aforas ás veces están demasiado lonxe de servizos como o supermercado ou o hospital. De que xeito existen comercios e servizos que invirtan nesas zonas?
—Temos moito solo en Galicia que non está urbanizado e que non ten eses servizos, e ao que non chega a auga, o abastecemento, a luz ou o servizo de lixo. Para iso estamos desenvolvendo eses ámbitos, esas zonas en colaboración cos concellos, aprobando as figuras de abastecemento, para que poidamos desenvolvelas e urbanizalas, de xeito que alí poidan chegar os servizos e así poidamos axudar tamén a economía. Deste xeito haberá locais como restaurantes e ximnasios, onde socialicemos entre todos, pero onde tamén haxa lugares amigables, verdes e comúns.
—Cerca de 30.000 persoas carecen dun fogar en España. De que xeito cre que nun futuro se poderá reducir este dato ou chegar a eliminalo e como será o procedemento para acadar ese obxectivo?
—Primeiro, educación; segundo traballo; terceiro, colaboración entre as administracións e co sector privado para facer vivenda de calidade e cun prezo asequible; e, por último, diálogo, consenso e participación de todos os sectores implicados, posto que non serve que a Xunta de Galicia actúe illadamente ou o concello de Santiago actúe illadamente. Temos que actuar de modo coordinado e dun modo conxunto, como non tamén contando con toda a poboación e tamén contando cos máis novos, que son o futuro.
—E cal sería o procedemento para acadar ese obxectivo?
—Colaboración, diálogo, consenso, xuntarse, traballar, esforzarse e non renderse.
—E xa para rematar, cales son os principais retos que teñen na Consellería de aquí en diante para conseguir o que din os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 con respecto ao acceso de todo o mundo a unha vivenda digna e impedir que haxa xente vivindo na rúa?
—Temos retos moi claros. De feito é a primerira vez que existe unha Consellería de Vivenda e de Planificación de Infraestruturas, porque queremos planificar as nosas infraestruturas e facilitar ese acceso á vivenda. A curto prazo, ata o 2028 temos ese compromiso de facer 4000 vivendas públicas, e xa levamos 2000 vivendas en marcha. Tamén temos o compromiso de desenvolver solo para que se poida construír máis vivenda protexida, máis de 25000 vivendas ao longo da nosa xeografía. Por outra parte, temos un programa de axudas moi importante tanto para compra como para o alugueiro e tamén para axudar aos concellos, para que eles rehabiliten as súas vivendas e as destinen ao aluguer asequible para a súa poboación. Pero o máis importante é a política do esforzo: superación, educación e colaboración, pero tamén pensar que sempre cando un está en política ten que facelo pensando en mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas, pero, sobre todo, pensar no futuro de Galicia que sodes vós. Vós sodes futuros electricistas, profesores, políticos, médicos ou deportistas.