O médico no seu laboratorio do IDIS en Santiago de Compostela. | CEDIDA
Anxo María Carracedo Álvarez (Santa Comba, 1955) estudou medicina na Universidade de Santiago (USC), graduouse no ano 1978 e é catedrático de medicina legal. Inicialmente desenvolveu o seu labor na área da xenética forense e da xenética de poboacións humanas. Destaca na innovación e na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense. Máis de 300 científicos de todo o mundo formáronse no seu laboratorio, introduciu o ADN mitocondrial (mtADN) na práctica forense e, nos últimos anos, estase concentrando no desenvolvemento de SNP (polimorfismos nucleotídicos simples) e novas tecnoloxías para a identificación forense. Fundou a Sociedade Española e Portuguesa de Xenética Forense.
O doctor Carracedo afirma que a IA pode axudar nalgúns ámbitos á hora de curar o cancro: “É un campo que está emerxendo actualmente e véxoa moito no futuro”. Unha tarefa para a que di o xenetista que “fai falta moita computación, moita capacidade de almacenamento nuns grandes súper computadores”. Por outra parte, dubida que a medicina poida ser realizada pola Intelixencia Artificial, aínda que poida axudar a facer algún tipo de tratamento: “Non vai substituír un médico nun futuro previsible”.
—Vostede é un recoñecido xenetista con coñecementos sobre o uso da Intelixencia Artificial no campo da sanidade. Como se interesou neste ámbito e como lle axudou a súa formación a prepararse nestes campos?
—Eu experto en Intelixencia Artificial non son, e tampouco en cancro; son experto en xenética, pero a IA si que me parece que é unha ferramenta de presente e, tamén, de futuro para entender mellor a enfermidade, e para poder facer mellores diagnósticos e tratamentos. Estamos empezando a utilizala, porque é un campo que está emerxendo actualmente, eu véxoa moito no futuro.
—Actualmente vostede dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Que avances están facendo dende esta institución nas terapias para curar o cancro co apoio da Intelixencia Artificial?
—A Fundación de Medicina Xenómica é unha fundación pública do Servizo Galego de Saúde onde facemos diagnósticos para todas as enfermidades xenéticas de Galicia. Todo o que é xenómica: o que se precisa para facer diagnósticos, prognósticos e tratamentos desa enfermidade, facémola alí. isto Isto afecta a moitas partes, pero as máis importantes son: o diagnóstico de enfermidades raras, que ás veces son cancros raros, cancro hereditario, que é o cancro de colon e o cancro de mama, entre outros, e a farmacoxenética, que son biomarcadores de resposta do cancro a fármacos. Antes de ter un resultado, hai que facer unha análise para saber se ten unha boa resposta ou non. Por último, as mutacións, que son algo que se chama medicina personalizada en cancro. En moitos cancros tamén se usa para facer o diagnóstico. Moitas veces hai enfermidades xenéticas, ou cancros hereditarios, nos que non sabemos cal é a causa, ou que non lle atopamos o xene. Por iso temos que investigar moito. Por exemplo, a investigación en terapias, en buscar a causa dos problemas e entendelos. Para iso, fai falta facer análises xenómicas e consultalas con información química. A Intelixencia Artificial pode axudar moito aquí porque é información moi complexa.
Ademais, estamos facendo un proxecto enorme que vai precisar o uso da Intelixencia Artificial, que é o proxecto de Xenoma de Galicia, no que queremos analizar o xenoma enteiro de 400.000 galegos. Imos darlles tamén aos participantes resultados de se teñen ou non cancro de mama e ovario hereditario ou cancro de colon colorrectal hereditario. Isto significa que se traballa con volumes tremendos de información, moitísimos terabytes. Podemos xerar máis que toda a historia clínica de todas as radiografías e análises xenómicas de toda a xente de Galicia. E para iso fai falta moita computación, moita capacidade de almacenamento nuns grandes súper computadores e, tamén, para escolmar toda esa información é sen dúbida unha ferramenta fundamental.
—De que maneira investigan na Fundación se a xente ten cancro hereditario?
—Un 10% dos cancros de mama e de colon son hereditarios, son mutacións en xenes que fan que haxa moita probabilidade de ter cancro. Os xenes sabemos cales son, entón nós analizamos eses xenes para ver se teñen unha mutación. E, se é así, non significa que esa persoa teña o cancro, pero ten un risco alto de telo tanto el como a súa familia, porque isto hérdase de pais a fillos. A xente que está en risco pódese beneficiar. Fáiselle un seguimento, porque o máis importante do diagnóstico de cancro é un diagnóstico temperá, que se poida facer rapidamente unha cirurxía e así solucionar o problema. Tamén porque moitas veces tamén hai unha influencia ambiental, que con prácticas saudables de alimentación ou facendo exercicio se pode tamén diminuír o risco.
—De todas as medidas que se están poñendo en marcha agora, cales cre que son as máis e as menos efectivas para previr estes problemas e por que?
—Eu penso que é a predición unha das partes máis importantes no tratamento do cancro. Fanse moitos cribados para o cancro de mama coas mamografías. Tamén, no Proxecto Xenoma de Galicia, que é un cribado xenético poboacional. No cancro de colon, a xente pódese beneficiar de ver sangue oculto en feces, pero tamén hai cribados para cancro de pelve ou para o cancro de pulmón. Os cribados son moi importantes e no futuro van mellorar moito porque se vai engadir a información xenética que vai permitir facer unha mellor selección de a quen se lle fai o cribado. A intención de risco xenético é unha ferramenta de moito futuro que vai ser unida, en breve, aos cribados tradicionais, que son mamografías ou sangue oculto en feces.
O xenetista no seu laboratorio de Santiago de Compostela. CEDIDA
—Ademais de dirixir a Fundación, lidera en Galicia o Proxecto Xenoma polo que o noso país é líder da investigación xenética global. Cales son as principais vías de investigación de esta iniciativa e que suporá para a curación do cancro?
—É un proxecto moi grande no que hai poucos exemplos no mundo parecidos. A idea é que o Xenoma de 400.000 galegos dea información clínica para que todos os grupos de investigación poidan investigar as causas da enfermidade e buscar novas alternativas para fármacos. Facer novos tratamentos é moi importante para predicir o risco de enfermidade común, pero sobre todo vai ser unha cantidade de información enorme que lles vai permitir a moitos grupos de investigación investigar causas de enfermidades, atopar tratamentos novos e anticiparse á enfermidade. Isto é o que vai ser máis importante con diferenza. É un proxecto enorme cunha magnitude moi grande que vai durar moitos anos e que vai ter moitos proxectos e liñas de información. Moitas delas xa van para o cancro. Disto non hai dúbida ningunha.
—Vimos que vostede e o seu equipo fai informes xenéticos para previr as enfermidades hereditarias como o cancro. Como podería axudar a Intelixencia Artificial a realizalos con maior precisión?
—A Intelixencia Artificial é moi boa para o procesado con linguaxe natural e para o que é a imaxe, pero para outras cousas non é tanto. Vennos moi ben porque, cando temos que diagnosticar unha enfermidade hereditaria, moitas veces témonos que meter na historia clínica do paciente, ir lendo todo pouco a pouco para ver se, ademais de cancro, ten outras cousas e para poder ver ben os xenes que están implicados. A IA, polo tanto, pódenos axudar a facer un procesado de linguaxe natural de historia clínica e tamén nos axudará a mellorar o tempo de diagnóstico.
—Como podemos ler na páxina web do CNIO, o investigador Alfonso Valencia di que: “en dez años é probable que a Intelixencia Artificial estea integrada en sistemas de soporte de decisións clínicas que avalíen en tempo real os datos do paciente e permitan axustar os tratamentos de forma dinámica”. De que maneira pensa que isto é certo nos tratamentos clínicos?
—Alfonso é moi amigo meu e, de feito, os dous diriximos as infraestruturas españolas de medicina personalizada que se chama “Impact Datos” . O que di seguramente ten razón, porque el é o que sabe de Intelixencia Artificial. A min o que me gustaría moito é que a IA axude a reducir tempos de traballo. Os médicos temos que estar moitas veces metendo cousas no ordenador, na historia clínica, e entón perdemos moito tempo en atender cousas que non son de atención directa ao paciente. Se a Intelixencia Artificial nos aforrara tempo para poder dedicarlle ao paciente, sería un dos logros máis importantes da IA; non tanto nas súas decisións, que tamén, pero sobre todo se conseguimos aforrar tempo para poder dedicarllo a collerlle a man e falarlle ao paciente. E, polo tanto, non estar facendo miles de cousas que non teñen repercusión sobre o paciente. E isto sería un logro moi grande. Polo tanto, na toma de decisións a IA vai axudar bastante.,
—Como xa dixo vostede, hai moitos tipos de cancro. Cal cre vostede que é o máis complicado de curar con terapias?
—Cando entendo o que lle pasa e cales son as consecuencias do cancro, se se puideron facer terapias imunolóxicas e monoterapias para cronificalo, este é o gran avance. Isto beneficiou basicamente o tratamento de todos os cancros menos no caso duns poucos. Estes son cancros que aínda non entendemos ben, como son, por exemplo, o cancro de cabeza e pescozo ou o oral, que está moi ligado ao papilomavirus e ao tabaco nos adultos, pero tamén o cancro de larinxe e farinxe e o de páncreas. Estes son cancros onde as terapias dirixidas habitualmente fallan e non sabemos por que. Aínda falta moita información e son cancros que realmente, se non se collen a tempo, é moi complicado tratalos e temos que investigar máis para poder logralo.
—A Intelixencia Artificial e a robótica están moitas veces asociadas. Que terapias para curar enfermidades hereditarias poderían aproveitarse desta relación?
—Vivimos nun mundo tamén moi ligado á nanotecnoloxía, pero non sei canto pode axudar a Intelixencia Artificial para todo isto, pero, seguramente, si o poida facer desde o campo da robótica. Cada vez hai máis cursos de nanorobots, moléculas pequeneiras que poden chegar moito mellor ao tecido cunha ferramenta para curar o cancro. Isto xa se está facendo de forma experimental, e van estar moi combinados. Moitas das terapias do cancro son terapias xenéticas e tamén mediante anticorpos monoclonais. Sen embargo, para chegar ao lugar onde está o cancro, a parte máis complicada, seguramente se acade con nanorobots. Nós traballamos moito con nanopartículas, pero seguramente no futuro vaia ser con nanorobots e Intelixencia Artificial que, supoño, terá un papel importante tamén nisto.
—En Galicia son importantes os efectos do gas radón sobre o cancro de pulmón. Como cre que se podería aplicar a IA ás súas terapias xenéticas para evitar os efectos deste gas?
—Tampouco penso que haxa que magnificar dicindo que o radón contribúe de xeito importante ao risco de cancro de pulmón. Canto o fai? Pois nunha porcentaxe moi pequena. Hai outras cousas moito máis importantes que o radón, pero, a verdade é que pode axudar a IA, por exemplo, cando teñamos a historia clínica facendo a xeolocalización. Temos mapas de radón de toda Galicia, e entón a Intelixencia Artificial seguramente pode axudar a facer xeolocalización e a historia de vida dos pacientes para intentar ver e comprobar a influencia do gas radón.
—Como xa dixo vostede antes, os nanorobots son importantes para poder localizar as células canceríxenas. Entón, como son capaces de detectalas e erradicalas?
—Son terapias bastante experimentais e non son de uso habitual. É unha cousa que se está actualmente investigando e localizar unha célula tumoral pódese facer de distintas maneiras, simplemente, porque teñen propiedades moleculares diferentes das outras células que un nanorobot pode detectar. Con todo, son aínda terapias moi experimentais e non de uso habitual.
—Cando o cancro está xa avanzado e estendido, de que xeito poderían as novas terapias xenéticas asociadas coa Intelixencia Artificial axudar ou ben a curar ou ben diminuír os seus efectos?
—Hai técnicas puras excelentes para cancro que son as chamadas CAR-T. Son para tratar o cancro, porque para outras enfermidades xenéticas hai outras estratexias tamén. Ligado a isto está a metroloxía que se chama CRISPR-Cas. Son ferramentas moleculares. O CAR-T tamén está ligado a iso, pero non sei moi ben canto pode axudar a IA enalgo disto porque son cousas independentes. Aínda que son terapias que están permitindo saturar as terapias xénicas directas para células canceríxenas, algúns tipos de tumores son comatolóxicos. Algúns tipos de leucemias por exemplo. Son nativos e o que se fai é modificar os propios glóbulos brancos da persoa e os propios linfocitos para que poidan recoñecer e matar as células tumorais. Isto xa se está facendo. A implantación do sistema seguramente axude para a investigación, pero non lle vexo eu a conexión co que é a odisea das terapias sen o deseño de fármacos. Sen embargo, no deseño de fármacos de moléculas as Intelixencias Artificiais xogan un papel importante.
—Como dixo vostede nun coloquio da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago: “A medicina do futuro debe ser 5P: Personalizada, preditiva, preventiva, poboacional e participativa”. Que función terá a IA nesa medicina do futuro para curar enfermidades como o cancro?
—Eu penso que en todos os aspectos. Será preditiva e preventiva axudando a proxectos como o Proxecto Xenoma Galicia para buscar quen está en risco de ter unha enfermidade para poder previla. Se ti sabes que estás en risco de ter unha enfermidade cardiovascular, e que só podes solucionalo cunha boa alimentación e facendo deporte, seguro que empezas a dicir: teño que ter un bo estilo de vida porque estou en risco de padecer esta enfermidade. Nas terapias vai contribuír e axudar seguro, xa que na medicina personalizada é unha parte importantísima. Pero hai outras dúas “p” e teñen que ver con que todo o mundo teña acceso. É só unha cuestión de que haxa unha consciencia ética social que leve a que se teña acceso por igual ao diagnóstico, ás terapias e a un tratamento. A equidade, é unha parte importante, e aí non sei onde pode a Intelixencia Artificial axudar. Talvez, facendo un mundo máis xusto, pero é un tema completamente distinto. Pero é importante a “p” de lograr a que o doente se poida posicionar coma o eixe do sistema. Finalmente, en canto á “p” de participativa a verdade é que tampouco creo que poida axudar a intelixencia artificial, máis que dando máis tempo aos profesionais para que poidan atender os doentes de forma correcta, isto é, sen tensión. Pero nas tres primeiras “p”, predición, prevención e personalización dos tratamentos a IA si que pode axudar moito.
—Hai xente que di que nun futuro a IA pode acabar substituíndo os especialistas. De que maneira pensa que isto podería ser posible e cales serán os principais riscos da súa aplicación de agora en diante?
—Non, iso é completamente imposible. Tampouco a vexo substituír aos xuices. O que si pode facer son moitas cousas positivas: poden axudar ao diagnóstico, poden axudar na toma de decisións e seguramente nalgunhas especialidades que estean ligadas á imaxe, como a anatomía patolóxica ou os electrocardiogramas, onde o fan tan ben coma un humano. Nesas cousas si, e poden ser ferramentas que axuden ao diagnóstico. Pero non van substituír un médico nun futuro previsible. Simplemente, por empatía e pola integración de coñecementos estamos moi lonxe de que a Intelixencia Artificial poida substituír un médico. Na miña vida eu non o vexo nin o verei. E na vosa tampouco.