O cardiólogo no Hospital Clínico Universitario de Santiago. CEDIDA
CLARA LEONARDI GÓMEZ, ALEJANDRO CAMBEIRO VILLAR, JORGE COBAS VÁZQUEZ E IRIS OUTEIRIÑO ORTEGA | Santiago de Compostela
José Ramón González Juanatey (Noia, 1956) é xefe do Servizo de Cardioloxía e da Unidade de Coidados Críticos Cardiolóxicos do Hospital Clínico Universitario e catedrático de Cardioloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Como investigador centrou o seu traballo no estudo da síndrome coronaria aguda, abordou a estratificación de risco e as novas alternativas terapéuticas, e investigou os mecanismos moleculares das enfermidades e novas dianas terapéuticas. Foi presidente da Sociedade Española de Cardioloxía (2013–2015) e posteriormente Presidente de Honor desta sociedade.
—Sabemos que vostede é un dos cardiólogos máis coñecidos en España. De onde naceu o seu interese pola cardioloxía e de que maneira algo ou alguén lle serviu de inspiración?
—Eu creo que nunca tiven moita dúbida sobre que quería ser cardiólogo. Probablemente foron tamén as clases e os profesores, que son determinantes. A cardioloxía é unha especialidade moi atractiva xa que se trata dunha especialidade na que os cardiólogos adoitamos resolver todos os procedementos diagnósticos e terapéuticos. Podemos poñer válvulas de corazón a través dunha arteria da perna ou queimar áreas do corazón para evitar mortes súbitas. Esta contorna de desenvolvemento fai da cardioloxía unha das especialidades que máis desenvolvemento tivo nas últimas dúas ou tres décadas.
Con todo, creo que o elemento determinante que tiven foron os profesores na Facultade da Medicina; sobre todo o meu profesor de Fisioloxía, que se chamaba Ramón Domínguez, que fixo moi atractiva a materia de Cardioloxía Fisiolóxica Cardiovascular. Tamén influíu despois outro profesor, Miguel Gil, xa na parte práctica. Na formación é determinante a orientación profesional. Nunca tiven ningunha dúbida, pero a sorte tamén foi que puiden facer cardioloxía, porque no exame MIR saquei un número que me permitía facela.
—O noso interese céntrase na aplicación e uso da Intelixencia Artificial, que é a IA no ámbito da cardioloxía. De que modo están preparadas na actualidade as máquinas dirixidas por IA para facer tratamentos ou operacións?
—A IA no ámbito da cardioloxía está moi implementada. A Intelixencia Artificial, no fondo, significa que os algoritmos, as máquinas, te axuden a tomar as mellores decisións cos pacientes e que, ademais, lles aforren tempo ás persoas. E, se ben sempre vai depender dos humanos, coa información que nos achega, poderemos facer mellores cousas. En cardioloxía, por exemplo, utilizamos moito a Intelixencia Artificial para identificar os pacientes que están en risco de morrer de forma súbita e, con esa información, adaptámonos poñéndolle ao paciente un marcapasos, de maneira que pegue unha descarga dentro do corazón se o paciente pode falecer de morte súbita. A Intelixencia Artificial oriéntanos para identificar que pacientes están en especial risco e se os temos que atender máis pronto que outros pacientes. A Intelixencia Artificial fainos tamén informes de probas; por exemplo, fai informes de rexistros de vinte e catro horas do electro. Iso, a unha persoa levaríalle máis tempo, pero unha máquina faino dunha forma moi rápida. A Intelixencia Artificial está aí para que te oriente, para que sexas quen de facer o que tes que cumprir e, sobre todo, para que non deixes de facer o que beneficie o paciente.
Iso é unha realidade, e vós ídelo vivir de forma inmediata na vida en xeral. Na medicina, axudaranos a ser máis eficientes para diagnosticar os pacientes máis rápido e de forma máis precisa. Incluso nos dirá cales son os fallos e nos suxira que pense dúas veces o que se está facendo, se iso non é o axeitado para ese paciente. Ou tamén che dirá que non estás facendo o que deberías facer. Eu creo que é un mundo que xa está aí, e que non é tan novo porque xa o estamos aplicando. Seguirá incrementando a súa presenza no sistema e fará diagnósticos e tratamentos máis personalizados porque, no fondo, esta é unha boa idea para personalizar o tratamento.
—De todo o que se creou nos últimos anos, que avances foron os máis relevantes na aplicación tecnolóxica na cardioloxía?
—A cardioloxía é unha especialidade moi tecnolóxica. Hai outras especialidades que para facer as probas precisan de radiólogos e doutros especialistas. Sen embargo, a cardioloxía ten esa singularidade: todas as probas facémolas nós. Na contorna do noso servizo facemos todo: críticos que teñen un infarto, ingresámolos nós e tratámolos nós. Temos tamén todas as máquinas: os ecos, os escáners, as resonancias. Facemos todas as probas. Con todo, a cirurxía cardíaca tense que recolocar, porque moitos pacientes non se teñen que operar. Somos quen de operalos sen a necesidade de abrir o peito, entrando por unha arteria da perna. Somos quen de queimar áreas do corazón que poden desencadear arritmias cun catéter porque temos un sistema que nos mapea todo o corazón e nos di que non ten que ir aí e que ese é precisamente o punto onde hai que queimar. É unha área extraordinariamente tecnolóxica e todas as probas están dentro da nosa contorna e feitas polos cardiólogos.
—Que está facendo agora?
—A nivel asistencial, eu organizo todo o servizo do Hospital Clínico de Santiago. Somos trinta e dous cardiólogos. Hai residentes, que son médicos que se están formando na área de cardioloxía con cinco anos de residencia e recibimos tres por ano. Tamén recibimos cardiólogos de España, de Latinoamérica e doutros lugares de Europa, que se queren formar.
Eu coordino toda a parte de ver pacientes, quizais os máis complexos, e temos tamén un programa de formación continuada todos os días. A nosa actividade comeza ás oito menos cuarto da mañá, cunha sesión na que se revisan todos os pacientes que están nunha situación máis crítica, para logo coordinar toda a investigación. Un hospital coma este, universitario, ten a responsabilidade de xerar coñecemento para que outros o poidan aproveitar. Nós somos o grupo un de investigación cardiovascular en España, onde hai cuarenta e un. Hai moita xente que se dedica á investigación e eu coordino esa parte. Tamén dou clase na Facultade de Medicina na materia de cardioloxía.
Pero tamén hai algo que esperta moito o meu interese: a Sociedade Mundial do Corazón. Desde hai un tempo estou na directiva desa sociedade mundial. O seu obxectivo é intentar axudar a países con baixos recursos; por exemplo, aquí había unha enfermidade que afectaba ao corazón hai anos e que hoxe está erradicada: a febre reumática. Tiñas unha infección das anxinas, producida por unha bacteria, por un estreptococo, que afectaba ao corazón. Isto aínda ocorre en moitos países como, por exemplo, en Filipinas. Estímase que aproximadamente cen mil mulleres, sobre todo, mozas menores de vinte anos, poden ter problemas graves porque ninguén é capaz de previr esta enfermidade e, sobre todo, porque non poden tratala. Nós tratamos coa Sociedade Mundial do Corazón en países de baixos recursos. Achéganse recursos e fórmase a xente deses sitios. É un proxecto fantástico e, de feito, ás veces dáste de conta de que vives no catro ou cinco por cento de privilexiados a nivel sanitario deste mundo, onde un pode ter acceso á medicina e a certa excelencia. Pero hai moitos lugares do mundo nos que a xente non ten a onde ir. En África, en Latinoamérica ou nalgúns países de Asia non teñen a onde ir e é fundamental, entre todos, axudar esa xente.
Nestes aspectos a Intelixencia Artificial vai xogar un papel clave. Estamos traballando nun proxecto neses países con dispositivos móbiles, onde os sistemas de telemedicina con dispositivos móbiles van axudar a educar a xente, dar información de como previr as enfermidades e, incluso, saber que teñen que facer para axudar os gobernos. En Filipinas, por exemplo, a maioría da xente ten un teléfono móbil; non teñen acceso á sanidade, pero teñen un teléfono móbil, e intentamos ver se a través de sistemas de mensaxes que lle cheguen ao teléfono móbil podemos axudar a mellorar a saúde desa xente.
—Vostede dixo nunha entrevista en La Voz de Galicia, que temos unha sanidade pública que hai que defendela como sexa. De que modo está o sistema público preparado para adoptar novas tecnoloxías como a Intelixencia Artificial nun campo coma o seu?
—Está claro que a medicina pública e a educación pública son os dous maiores logros sociais. Eu recoméndovos que se vos pasa algo grave, vaiades a un hospital público, non se vos ocorra ir a un hospital privado. E iso hai que defendelo porque a medicina pública no noso servizo serve para diagnosticar e tratar o máis rico de Galicia e o máis pobre. Os dous reciben a mesma medicina. E iso é algo que precisamos defender, igual que a educación pública. Este é un centro público, e é un centro de absoluta excelencia; a xente quere vir a este centro. Iso é clave, porque se iso muda, o sistema social que temos ten que mudar.
En Estados Unidos, os ricos teñen unha esperanza de vida de 85 anos e os pobres teñen unha esperanza de vida de menos de 60. É un país enorme e para acceder a unha educación de calidade hai que ter moitísimo diñeiro porque, se non, tes unha educación de peor calidade. Polo tanto, o que hai é que buscar sistemas que fagan a sanidade pública máis eficiente. Por exemplo, incorporar aspectos da Intelixencia Artificial e incorporar modalidades como a da telemedicina.
Galicia ten unha fortaleza enorme e temos unha historia clínica electrónica única. En Galicia non hai papel no sistema sanitario. Todo está informatizado. E con ese sistema, nós somos quen, por exemplo, de desenvolver sistemas de atención. Recibimos aproximadamente 8.000 solicitudes de consulta dos médicos de atención primaria, 8.000 ao ano. Antes, todos eses pacientes tiñan que vir a Santiago para que un cardiólogo os vira. Desde hai un tempo todas esas solicitudes de consulta veñen a través da historia clínica electrónica.
O clínico xeral escribe na historia clínica electrónica cal é a súa dúbida respecto dese paciente. Un cardiólogo revisa iso en menos de tres días e pode resolver xa a dúbida, porque toda a información está aí. E así resolvemos un corenta por cento das peticións de consultas sen que o paciente teña que vir a Santiago, porque ás veces vive moi lonxe. E iso é moi eficaz, xa que os que teñen que vir, veñen e o cardiólogo que os ver non ten que pedir probas, senón que as fai el nesa mesma mañá. Isto é posible grazas a un sistema informático que xestiona unha historia clínica electrónica única.
Isto fixo que aumentase a solicitude de consulta daqueles concellos que estaban máis lonxe de Santiago. De feito, antes recibíanse pacientes de centros de saúde que estaban a menos de 15 quilómetros de Santiago porque os que estaban a máis de 35 quilómetros, por exemplo, concellos como Dozón, que está a 60 quilómetros, non enviaban a ninguén. Porque un entende que un paciente de máis de 80 anos que vive nunha aldea moi lonxe, se vén a Santiago vaise perder no hospital. Cando puxemos iso en marcha aumentou moito a solicitude de consulta de isos concellos máis lonxe. Melloramos a accesibilidade e acercamos un pouco a cardioloxía aos máis desfavorecidos, aos que viven máis lonxe, aos de maior idade. Eiso foi posible grazas a todo ese desenvolvemento de tecnoloxía dixital que temos en Galicia.
—Hoxe en día moitos sistemas de Intelixencia Artificial poden analizar imaxes médicas con gran precisión. Como mellorou esta capacidade, a precisión do diagnóstico de enfermidades do corazón?
—Mellorou moito pero debe mellorar máis. Por exemplo, hai profesionais da medicina que se dedican a mirar fotos e vídeos. O paradigma é un radiólogo xeral que mira fotos, placas e vídeos. Iso acabouse. O que pasa é que os humanos nos resistimos ás veces ao cambio. Pero iso acabouse porque sabemos que hai algoritmos que son máis precisos ca min mirando imaxes e vídeos. Iso tamén se vai acabar en cardioloxía, porque por agora para as eco e outras probas diagnósticas hai un cardiólogo que fai un reporte. Iso tamén se acabou. Temos que ser capaces, e estamos xa facéndoo, de incorporar máquinas que che axuden a facer un diagnóstico, porque son máis precisas có humano e teñen menos marxe de erro.
—A Intelixencia Artificial pode axudar a detectar problemas cardíacos nas primeiras etapas. Que impacto tería isto na redución da mortalidade por enfermidades do corazón?
—Enorme. Nós sabemos que nas enfermidades do corazón con cousas relativamente doadas ti podes evitar ter un infarto de miocardio que é a primeira causa de morte en varóns en Galicia e a terceira da muller. A primeira da muller en Galicia é outra enfermidade cardiovascular que é o ictus. Nós sabemos que, con determinadas medidas, pódense evitar máis do 80 por cento dos infartos prematuros.
Pero hai unha cousa clave, que é que as enfermidades do corazón agora se están concentrando nos niveis sociais e económicos educativos máis baixos. Ti podes mirar como a xente de nivel educativo e económico máis baixo ten máis peso ca vós, hai máis obesos, fuman máis, teñen unha dieta peor, consomen moitos produtos ultraprocesados e compran produtos procesados e máis baratos. Por exemplo, un quilo de croissants conxelados nun supermercado vale pouco menos dun euro, pero iso ten graxa saturada e, incluso, ás veces graxa trans. Estas persoas teñen unha dieta peor e, polo tanto, hai que orientar de forma educativa e hai tamén sistemas de Intelixencia Artificial que poden axudar, sobre todo, no sistema educativo. Por iso é clave educarvos a vós.
Tedes que saber que non podedes fumar, que tendes que facer exercicio, manter o peso e consumir unha dieta real. Porque a pregunta é: Ti serías quen de dicirme que almorzaches esta mañá? Que compoñente tiña o que almorzaches esta maña? Se ti es quen de dicirme que elementos tiña, iso é o que chamamos dieta real. Seguro que suplementarás o teu almorzo con algo de froita; igual fas unhas torradas e bótaslles un pouco de aceite virxe extra. É dicir, que tomas cousas que non teñen moito azucre refinado. Nisto a educación e, sobre todo, a educación na xente máis nova coma vós é clave, porque o 80 por cento das enfermidades cardiovasculares pódense evitar de forma prematura.
E en todo ese sistema, tanto os algoritmos comunicados como a educación xeral serán claves para educar a xente. Aquí en Galicia, os traballadores manuais, sen formación educativa e que non remataran a ESO, teñen un risco de ter un infarto oito veces maior que a xente cun nivel educativo máis alto, como os universitarios, que teñen un nivel económico e educativo maior. Neste sentido os sistemas educativos a través de dispositivos móbiles van axudar moito.
Vai mellorar tamén no cancro pero é un reto. Sabedes que o cancro, xunto coas enfermidades cardiovasculares, é a primeira causa de morte en Galicia e en España. Pero, por agora, se ben sabemos previr moi ben as enfermidades cardiovasculares, en cambio non sabemos previr moi ben o cancro. Só nun 30 por cento. E aí eu espero que os algoritmos e o sistema de Intelixencia Artificial tamén nos orienten para saber como previr mellor o cancro na poboación.
—De que xeito cre vostede que nun futuro os cardiólogos serán substituídos pola Intelixencia Artificial?
—Nunca os humanos van ser substituídos pola Intelixencia Artificial. Os que van desaparecer son os que se resistan, porque serán un obstáculo e teñen que desaparecer. Con todo, as máquinas non van tomar decisións por si mesmas. Van precisar persoas profesionais que, coa información que acheguen, tomen as mellores decisións. Ese é o futuro. E o futuro non é opoñerse ao cambio, ao progreso. O futuro é adaptarse e buscar incluso novas profesións. Os que se resistan son un obstáculo e van desaparecer.
—Nunha entrevista na web da Sociedade Española de Cardioloxía, vostede afirmou que «Igual que se fixo co tabaco ou coa velocidade, as dietas deberían regularse por lei». Como pode afectar unha dieta ao corazón e que papel podería ter a Intelixencia Artificial no seu uso eficaz?
—O que máis afecta á saúde cardiovascular e probablemente tamén ao cancro é o tabaco. Despois, ter graxa. Pero non é tanto o peso como ter graxa en lugares onde non a debes ter. Ter graxa no abdome, ter graxa dentro dos músculos ou ter graxa enriba do corazón.
E despois afecta moito esta idea de comida real. Porque se un toma, por exemplo, unha peza de bolería industrial, un pode non saber de que está feita, porque ás veces veñen alí uns simboliños e non sabemos que son, nin de que están feitos. Hai que evitar, sobre todo o consumo de azucre refinado, que dende o punto de vista cardiovascular é o máis prexudicial e tamen saber en que produtos está o azucre refinado. Por exemplo, cando eu era presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, unha multinacional, como é Coca Cola, case quita unha axuda que facía á nosa sociedade por enfocarnos neste tema. Porque sabedes que unha lata de Coca Cola normal ten 35 gramos, unha cousa horrible. Tamén hai zumes que teñen 30 gramos de azucre e iso é unha barbaridade. Cando se consome algo, cando imos ao supermercado hai que consultar a etiqueta. Mirar os hidratos de carbono e, dentro deles, reparar en “dos cales azucres”. Non é bo consumir nada que teña máis de 5 gramos por 100, porque senón estás a consumir unha gran cantidade de azucre, que logo se vai transformar en graxa e aumentar o peso, pero, sobre todo, aumentar esa graxa. E despois están os produtos ultraprocesados. O que fan é intentar que as graxas manteñan a estabilidade e evitar que as proteínas se degraden. E para facer iso, realízase un proceso de ultra procesado polo que as graxas se transforman en graxa trans e ás proteínas se lle engaden unha serie de cousas. Iso é moi perxudicial.
Cada vez que consumes un elemento ultra procesado non sabes de que está feito. Podes consumir unha pizza, pero moitas veces non sabes de que está feita. Se a fas na túa casa, sabes de que está feita, ou se mercas unha pizza que estea perfectamente regulada. Por iso se ten que regular por lei, non pode ser que aquí nas máquinas expendedoras haxa Coca Cola normal, que ten 35 gramos de azucre ou haxa zumes normais nos que todo é azucre. Tamén hai algúns iogures que teñen moito azucre engadido. Iso hai que regulalo por lei do mesmo xeito que ninguén asume que pode ir a 200 quilómetros por hora. Sen embargo, non hai ningún debate.
Pero non hai moito tempo o profesor tamén chegaba aquí ao instituto e estaba fumando diante de todos os seus alumnos e iso agora é impensable. Do mesmo xeito, nos lugares públicos, eu non teño porque pasar por un sitio onde alguén está consumindo un tóxico. A dieta tense que regular por lei. O consumo de azucre nos alimentos tense que regular tamén por lei. En canto aos ultraprocesados, xa nalgúns sitios de Europa estás prohibidas as graxas trans e, a pesar de que a Unión Europea fixo unha moratoria fai uns anos, hai que prohibir as graxas trans porque son moi dañinas.
Aí a Intelixencia Artificial pode axudar de forma moi precisa a identificar cales son de toda unha batería de alimentos os que deberían ser axeitados e os que non. Incluso podería recomendarche a ti que tipos de alimentos deberías consumir. É moi interesante esta área e seguro que vós estades moi formados nisto e non consumides alimentos que danen a vosa saúde. Por outra banda, tamén tendes que intentar modificar o voso entorno familiar. Se o voso pai fuma, dicirlle que non o faga, porque vós sodes os que mellor podedes transformar os malos hábitos que poda haber no voso entorno.
—Se non fumas, comes comida de proximidade, e fas deporte constante, non vas ter problema?
—Non. Pode ser que si aos noventa anos, pero sempre vas ter que morrer dalgún xeito, e eu casi prefiro morrer de infarto ou de morte súbita que de enfermidades máis crónicas.
Pero isto é unha realidade que vós podedes cambiar no voso entorno de proximidade. Se vedes na vosa familia unha persoa que fuma, que consume produtos ultraprocesados ou que ten moita graxa visceral, e se lle fan unha comprobación da presión arterial, é probable que os datos non sexan bos. A cardioloxía é a área de medicina que ten a capacidade de previr a enfermidade maior.
—Hoxe en día a IA é moi potente. Qué habería que facer para utilizar específicamente a Intelixencia Artificial para curar enfermedades do corazón no sistema sanitario público?
—Intentando incorporar unha historia clínica nun entorno dixital. Así non preciso papel para ter toda a vosa información accesible. Neste caso, Galicia está nunha posición fantástica, nun dos mellores lugares da Unión Europea, porque ten unha historia clínica dixital dende hai 20 anos. Estes son sistemas que axudan a tomar as mellores decisións.
Deste xeito, cando vas ou médico por un catarro, o sistema xa lle indica se tes unha alerxia ou algunha outra cousa que lle impida receitarche un antibiótico de xeito automático. É dicir, o reto será incorporar nas historias clínicas algoritmos que nos axuden a facer mellores medicinas, máis seguras e máis eficaces. Tamén incluír eses sistemas de Intelixencia Artificial que analizan de forma instantánea todos os teus datos e me din a mellor forma de diagnosticarte e tratarte. Ese é o futuro inmediato, e vós, os que sexades médicos, ides utilizar isto nas vosas máquinas. Vanvos axudar moito e podedes dedicar unha parte do voso tempo a ser máis eficientes e a tratar os pacientes dun xeito máis eficiente.
—A IA traballa practicamente soa. De que modo cre vostede que podería substituír nalgunhas tarefas o traballo dos médicos ou, incluso, facer que en moitas delas a súa participación non fora necesaria?
—Hai moitos algoritmos de Intelixencia Artificial sen que ti vexas as características dese paciente e pode dicir que ese paciente haino que ver xa. Se non, pode ser que mañá ou pasado teña un infarto. Tamén che pode indicar que con este paciente estaste equivocando no tratamento que lle estás dando ou que con este paciente estás facendo isto e deberías facer isto outro. É dicir, a Intelixencia Artificial está aquí xa e ás veces resistímonos un pouco á súa incorporación, porque a xente ten medo. Pero, que va, non che vai substituír. Ti vas ser insubstituíble, porque, ao fin, ti es o que regulas que facer coa información que a Intelixencia Artificial che achega. Pero oxalá, se eu teño algún problema de saúde haxa un sistema onde a Intelixencia Artificial axude o médico que me vai ver a tomar as mellores decisións diagnósticas e terapéuticas comigo.
—De que xeito pode a Intelixencia Artificial receitar un medicamento como un antibiótico?
—Pode suxerirte. No caso que falamos antes, ti chegas cun catarro ou unha infección non vírica, senón bacteriana, e imaxínate que teñas unha alerxia ás quinoleínas e eu nese momento non sexa consciente e ti tampouco mo comunicas e eu recéitoche unha quinoleína. Pois vas ter un efecto que pode ser incluso mortal. Pero se eu busco nun sistema de algoritmos, cando eu receitara iso tería que saírche unha alerta que diría: non, non lle receites iso ao paciente. Este é un potencial enorme que vai axudar para mellor a unha transformación do mundo tal como o coñecemos. Ata o de agora, na medicina todo foi para mellor e este vai ser un cambio disruptivo. Vai cambiar a forma de facer medicina para mellor. Axudará a previr as enfermidades mellor, a diagnosticalas mellor e a tratalas mellor.
—Vostede é catedrático de cardioloxía na Universidade de Santiago. Como pode mellorar a IA o seu traballo como profesor e como lle pode axudar tanto nos seus estudos coma na súa investigación?
—Xa o está facendo. Aí si que a Intelixencia Artificial incorporouse moi rápido. O sistema de IA axúdate a facer de xeito máis eficiente os teus traballos e a buscar información dunha forma máis rápida e máis precisa. Pero, un alumno non pode buscar en ChatGPT para facer os seus traballos e, despois, non decatarse de nada. Ti tes que madurar. Hai que regular iso.
No mundo educativo ten un potencial enorme e vai facer que sexas máis eficiente no teu traballo e fará que aprendas moito más rápido e mellor. A IA é fantástica no mundo educativo.
—Despois da carreira, os estudantes de medicina teñen que facer a residencia MIR en hospitais como o seu. De que maneira poden aproveitarse das novas oportunidades que lles ofrece a IA nestas prácticas que deben realizar para ter a especialidade de cardioloxía?
—Moito. Hoxe mesmo, un residente, que xa leva catro anos con nós, fixo unha presentación de algoritmos. Parte da información viña deses propios algoritmos que lle axudaron a coñecer esas enfermidades cardiolóxicas.
É un elemento clave na formación. Imaxínate que un algoritmo che diga que hai 40.000 posibles moléculas que podan tratar un infarto pero ti non tes que mirar as corenta mil moléculas, senón que a IA diche nas que te tes que estar a concentrar. E faino dun xeito moi eficiente.
Por iso, as persoas que antes incorporen os algoritmos na súa información, na asistencia aos enfermos e en facer investigación serán mellores. Farán unha atención ao paciente mellor, unha docencia mellor, e, sobre todo, unha investigación moito mellor. É fundamental, que a persoa sexa capaz de detectar algún cambio que revolucione por completo o diagnóstico e que, despois, as persoas se aproveiten de iso que descubriches. Aí, a Intelixencia Artificial vaite axudar moito e é algo co que temos que comprometernos todos. Non pode ser que outros inventen. Temos que inventar nós.
—Nestos tempos, a IA, é un dos piares máis importantes da tecnoloxía moderna, pero, aínda lle queda tempo por percorrer. Como pensa que pode afectar positivamente a IA no futuro, no campo da cardioloxía, para previr enfermidades, como as cardiopulmonares?
—As cardiopatías son a área da medicina, xunto coas enfermidades infecciosas, que teñen o maior nivel de prevención. Se ti non fumas, fas exercicio regular, non tes moita graxa acumulada, comes comida de proximidade e real, con froita, vexetais, legumes e peixes, entón, isto vai facer que non teñas ningún tipo de infarto nunca.
Hai que facer que os algoritmos axuden á xente e orientala sobre cal é o exercicio máis axeitado para eles. Ou que boten unha man á xente a seleccionar os alimentos que teñen que consumir para previr estas enfermedades. Despois, dentro do diagnóstico de tratamento, aí o que fan os algoritmos é mellorar a atención do pacente e, sobre todo, axudar a personalizar ese tratamento. Non se pode permitir que se lle dea o mesmo tratamento a un pacente que a outro, xa que hai algúns que se benefician máis ou menos. Nese caso, os algoritmos vannos axudar moítisimo para facer unha medicina mellor.