Esperanza Rodríguez Martínez é Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago onde tamén colabora como docente externa. Esta psicóloga é supervisora do piso protexido que a Asociación Itínera ten en Santiago de Compostela e leva unha boa parte da súa vida laboral dedicada a axudar á persoas con problemas de saúde mental. A súa compañeira Rocío Martínez Rodríguez é Integradora social na mesma asociación a onde chegou en prácticas desde a súa graduación no ciclo de Integración Social do CIFP Compostela. As dúas aseguran que, no caso deste tipo de enfermedades mentais graves como a esquizofrenia ou a paranoia, “canto máis novo e más cedo aparecen os síntomas é máis posible que se manteña máis ao longo do tempo”. Ademais, aseguran que nos últimos anos o número de casos “é moito máis alto polo consumo de drogas”. Finalmente, afirman que “con respecto á prevalencia desta enfermidade na sociedade en xeral, non hai maneira de previla”, pero si que é importante tratalas e buscar “o seu tratamento a nivel hospitalario e farmacolóxico” cando aparezan os síntomas.
—Vostedes traballan como especialistas de saúde mental na Asociación ItÍnera. Por que elixiron a saúde mental e o tratamento de enfermIdades como a esquizofrenia e a paranoia como ámbito de traballo?
—ESPERANZA (E): No meu caso, eu fixen psicoloxía e xa sempre me orientei un pouco a todo o tema da saúde mental porque me interesaba moito. E, por circunstancias, un dos traballos nos que rematei foi na asociación e sempre foron un perfil de persoas que sempre me interesou traballar con elas en xeral. Rocío veu á nosa entidade como persoa en prácticas.
—ROCÍO (R): Eu fixen integración social. Entón, cando escollín as prácticas, unha das opcións era a Asociación Itínera e tamén foi un ámbito que me chamou a atención. Aínda non tiña formación de todo iso, pero interesoume e aí estamos agora.
—Como tratan e que actividades realizan na asociación para a xente que sofre esquizofrenia ou paranoia?
—(E): A xente que vén á nosa entidade a facer actividades acostuma ser xente que xa está un pouco estable, persoas que xa están tomando a súa medicación e a nivel vital conseguen estar un pouco estables, porque senón tampouco poderiamos facer moito. En xeral, facemos actividades de todo tipo, tanto culturais, como o club de lectura, o de debate ou de cine, pero tamén facemos apoio escolar. Vós estades facendo agora mesmo a ESO, pero no caso de moitas destas persoas non conseguen rematala. Entón, o que fan é retomar, e tamén lles axudamos a continuar estudos ou, tamén, nalgunhas ocasións axudámoslles a preparar oposicións. Temos tamén actividades lúdicas nas que están simplemente para pasar tempo, para divertirse, porque ás veces non lles resulta tan fácil acudir a sitios ou actividades ás que podemos ir calquera dos que non temos ese diagnóstico. Entón, a eles resúltalles máis cómodo vir connosco.
—Itínera leva moitos anos no ámbito da saúde mental. Cales foron os problemas máis graves que tratastes e como vos enfrontastes a eles?
—(E): Xa de por si, ao ser unha asociación de voluntariado sen ánimo de lucro, creo que quizais unha das primeiras cuestións máis importantes é o tema económico; é dicir, conseguir manterse de xeito económico para poder dar cobertura e asistencia ao perfil de persoas que veñen á asociación. Ese quizais é o tema máis complicado. E despois que nos coñezan. Este ano cumprimos 20 anos da creación da entidade e hai moitisima xente de Santiago que incluso traballa na saúde mental e non nos coñece. Se cadra, aí temos aínda un pouco de traballo por facer, para que tanto a nós como a outras entidades de Santiago se nos coñeza e se nos vexa. Pode que sexa o máis complicado de todo.
—En España cálculase que 400000 persoas padecen esquizofrenia. Como afecta ás familias convivir con alguén que padeza esta enfermidade?
—(E): Aféctalle en diferentes niveis. Por un lado, xa a nivel do funcionamento familiar. No momento en que unha persoa, de repente, empeza a ter síntomas que se poidan diagnosticar como esquizofrenia, rómpelles toda a forma de funcionar na casa. Están empezando a ver que o seu fillo, a súa filla ou o seu pai ou a súa nai, xa que tamén poden ser tardías, empezan a dicir cousas incoherentes, empezan a ter pensamentos estraños. Empezan incluso a dicir e a falar, a evocar e escoitar voces ou ter sensacións que non están aí, que non poden existir. Entón, para os demais é moi complicado xa entender os síntomas da persoa que os está sufrindo. E iso rompe todo porque é moi difícil de entender para alguén que non o está pasando. Despois, todo o proceso, a nivel ingreso médico, ingreso hospitalario, tratamento con farmacoloxía, é moi complicado, é lento e durante todo este tempo hai moito sufrimento por parte das familias.
Ademais, hai algunha cousa engadida que xeralmente ás veces pasa, e é que non é estraño que, se hai algunha idea paranoide con respecto a outras persoas, ás veces se refira ás persoas da propia familia: tes un fillo que empeza a ter unha paranoia con respecto a algo que fai a súa nai culpable. Polo tanto, é unha dificultade engadida porque empeora moitísimo a relación cos familiares, fai que a convivencia na casa sexa moi díficil e, incluso seguindo tratamento, incluso acudindo aos servizos profesionais sanitarios, acábase algunhas veces complicando a convivencia. De feito, hai moitas persoas que teñen que deixar o ámbito familiar e vivir noutro tipo de dispositivos ou de medios porque na casa familiar, no fogar, non poden convivir con eles.
Polo tanto, conviven co sufrimento dunha enfermidade que é crónica e, aínda que moitas veces cando hai un episodio, este pasa e despois vólvese a certa normalidade. Aí non teñen problema. O problema vén cando empezas a ver que é unha cousa continua que vai durar probablemente gran parte da vida da persoa que o padece, e iso é formularse que hai unha enfermidade, que é unha enfermidade con complicacións que afecta as relacións coas outras persoas e que afecta a maneira na que eles se relacionan. E aí, claro, tes que pensar que vas a ter unha vida por diante, que tes que andar sempre, ao mellor, con certa cautela.
—Como xa dixeron, a esquizofrenia está presente durante toda a vida. Podería haber algún caso onde non perdurase durante toda a vida dunha persoa?
—(E): Si. De feito, a nivel diágnostico ás veces diferénciase o que pode ser un episodio, que está solto, que pode durar días, que pode chegar a durar meses, pero, no momento que empeza a buscarse o seu tratamento a nivel hospitalario e farmacolóxico, pode incluso desaparecer. Ese é un dos casos. Quizais un exemplo sería o presentador de televisión Dani Martín, que publicou un libro a ese respecto no que el fala de como, por consumo de substancias, acabou tendo un brote psicótico e, despois do tratamento e de empezar a traballar sobre a problemática que tiña, parece ser que se atopa libre de síntomas; é dicir, aquilo que vemos, aquilo que eles manifestan, o que máis se ve, o que nos fai diferenciarnos ás veces na maneira de comportarse.
Sen embargo, hai outras persoas cuxos síntomas se manteñen toda a vida. E os síntomas só se conseguen regular, para que non lles afecten moito no día a día e que consigan eles vivir de forma un pouco normalizada no seu día a día. Pero si que pode haber brotes concretos, incluso ter varios episodios ao longo da súa vida e que durante estes períodos sen brotes non teñan ningún síntoma nin nada que os faga estar mal. Poden darse as dúas posibilidades. En xeral, canto máis novo e máis cedo aparecen os síntomas, é mais posible que se manteña máis ao longo do tempo, que sexa crónico.
—Que medidas cren que deberían tomar as familias cun fillo esquizofrénico?,
—(E): O primeiro que teñen que facer cando pasa algo así é acudir inmediatamente aos servizos médicos, e iso adoita ser complicado tamén porque, a nivel legal ti non podes ingresar a unha persoa contra a súa vontade e, dalgún modo, hai que buscar un medio para que se vexa que esa persoa non está capacitada para poder decidir. Entón, ás veces, poden darse dúas opcions: que acepten o diálogo e que poidan falar coas familias e ao final acaben decidindo ingresar no hospital por urxencias, ou que algún médico os ingrese, ou a otra opción, que se dá cando están nun momento moi arriba cos síntomas, ás veces hai que chamar á policía para que dea fe de que esa persoa está nunha situación delirante e, a través desa denuncia de como está esa persoa, se poida conseguir facerlle un ingreso, que nese caso sería involuntario. Para isto hai que chamar á ambulancia, chamar á policía e chamar aos servizos médicos; é dicir, buscar, a maneira de ingresalas, porque normalmente, que é o principal tema de todo psicótico (no que se inclúe a esquizofrenia) é que eles non teñen en ningún momento a conciencia de que lles está pasando algo. Para eles é totalmente real todo o que lles está pasando e non entenden por que os demais non o ven coma eles. Entón, esa sería a primeira medida. Despois, probablemente, precísase moito apoio profesional a nivel psicolóxico e psiquiatrico para poder entender a enfermidade. E esa é unha das partes máis complicadas: poder entender a enfermidade, poder entender os seus síntomas e poder separar a enfemidade da personalidade do teu familiar, xa que, aínda que faga determinadas cousas, que diga determinadas cousas debido á enfermidade, non quere dicir que el sexa dese xeito, xa que a súa forma de ser ven determinada pola enfermidade. Sobre todo, o que precisa é moito apoio.
—A esquizofrenia e paranoia teñen moitos síntomas. Cales son os máis graves e por que ocorren?
—(E): A esquizofrenia en si pode ter diferentes tipos de síntomas: un que lle chaman os positivos, que son sobre todo alucinacións, que pode ser que escoiten voces, que vexan cousas que para o resto de nós non están aí, obviamente; e outros que lles chaman síntomas negativos, que é como que de súpeto están totalmente catatónicos, apáticos, que non reaccionan, que os podes empurrar, e eles nese momento non reaccionan. O que pasa é que os máis chamativos son os positivos. Se, de repente, ves a alguén falando só pola rúa dicindo que Deus lle fala ou que está vendo como hai naves espaciais no ceo, ver algo así é moi chamativo. Polo tanto, non é que sexan peores ou mellores, senón que realmente son moito máis disruptivos, son moito máis notorios, chaman moitísimo máis a atencion e son máis escandalosos eses síntomas. Pero a gravidade en si xa depende de como é unha alucinación. Se, por exemplo, é un delirio moi marcado, no que a tele te está escoitando e desconectas todos os aparatos eléctricos da túa casa porque cres que hai micrófonos en todos os lados, iso xa fai que sexa grave de por si, porque a túa vida vese totalmente afectada e non podes vivir unha vida adecuada; é dicir, que corta totalmente a maneira de funcionar no día a día.
—A esquizofrenia e a paranoia poden ocorrer a todas as idades. Cal é a idade na que a maioría da xente adoita padecer estas enfermidades e por que aparecen a esta idade?
—(E): Normalmente a porcentaxe máis alta adoita aparecer entre os 17 e os 20 anos, esa é unha idade de ruptura na que poden aparecer de forma un pouco habitual. Desde sempre, historicamente, é un dos momentos con maior porcentaxe de aparición. Ás veces, nesas idades, a maioría das persoas teñen momentos especiais na súa vida que rompen o vínculo co núcleo familiar; como que hai uns anos os rapaces ían ao servizo militar e as rapazas tiñan que trasladarse a outro lado porque se casaban ou porque traballaban. Entón había momentos de moito estrés que de algún modo aceleraban que apareceran nesas idades. Pero hoxe en día, nos últimos anos, pódese alongar este proceso e pode aparecer aos 20 ou aos 30, ou incluso antes, aos 15 ou 16, debido, sobre todo, ao consumo de estupefacientes de drogas e ese tipo de substancias. No momento no que empezas a tomar estas substancias é moi probable que a nivel cerebral che afecte de tal maneira que che poden provocar un episodio. Que pode ser un episodio só e non pasar nada, pero pode derivar, por moito consumo ou polas características xenéticas da persoa, en que sexa crónico, o que quere dicir que pode durar toda a vida. Despois, os casos máis tardíos ou os máis temperáns xa son os máis raros.
—Pode unha persoa ter esquizofrenia entre os 5 e os 10 anos e como podería coller esa enfermidade a esa idade?
—(E): É moi pouco habitual, pero si que é posible. O que pasa é que nesas idades é complicado poder diferenciar entre o que é a imaxinación propia dun neno deses anos e unha doenza. É dicir, entre o que pode ser a súa imaxinación, os seus amigos imaxinarios, crear historias na súa cabeza e diferencialo dunha enfermidade mental. É algo que acostuma ser bastante difícil ao principio. Si que hai algunhas cousas que nos poidan advertir, como que afirme que está vendo unha cousa que non está alí. Ademais, hai moi pouco estudo en esquizofrenia infantil sobre a posibilidad dun trastorno mental deste tipo porque é moi complicado.
—Se existise dalguna maneira, de que forma podería previrse a esquizofrenia e a paranoia e que debemos facer se nos vemos ante unha persoa cun brote?
—(E): Se é xente moi nova, basicamente non tomar drogas. Non habería outra maneira na que estea relacionada con iso. Con respecto á prevalencia desta enfermidade na sociedade en xeral, non hai maneira de previla porque forma parte un pouco a nivel orgánico da natureza nosa e, igual que podemos padecer unha diabetes, ás veces tamén podemos padecer esquizofrenia.
Tamén se pode reducir que se estás estresado, que estás agobiado ou que na túa vida haxa moito estrés, pero iso é moi difícil eliminalo. Imaxino que nas zonas que están en guerra ou en zonas que poidan ter fames, eles non poden manexar esa situación. É unha situación social xeral na que eles non poden intervir. Entón, moitas veces as persoas non podemos intervir propiamente, pero se organica e xeneticamente iso vai chegar, pois chegará.
En torno ao da persoa cun brote, xeralmente debemos acompañalo con moita calma, non levarlle a contraria no que che está dicindo porque para esa persoa todo o que está vendo é real. Entón, o mellor é buscar asistencia médica o máis rápido posible; chamar unha ambulancia ou chamar a urxencias para buscar un apoio directo. E, se vemos que esa persoa está facendo algo que poida lastimarse a si mesma, nese caso, intentar evitalo, pero sempre con calma, acompañándoa, escoitándoa e non levándolle a contraria; é dicir, un acompañamento sinxelo sen entrar a debater, a cuestionalo, porque iso non vai servir de nada. Pero se é un acompañamento no que intentas razoar con esa persoa non che vai saber responder tampouco, xa que vai empezar a dicir mil cousas distintas continuamente. Polo tanto, o mellor é o antes posible buscar asistencia médica.
—Se unha persoa que non sabe disto se atopa cunha persoa cun brote e fai o contrario do que nos explicastes, que podería chegar a pasar?
—(E): Normalmente o que a persoa vai facer é discutir, gritarlle, insultalo e marchar. Xeralmente o que fan é evitalo e, como moito, entrar en discusión, e preguntar por que non o apoias, e que non lle leves a contraria. Probablemente te inclúa no seu delirio, se di que o están preseguindo porque o queren matar e alguén lle quere levar a contraria, o máis probable é que pense que tamén lle queres facer dano. Incluso, aínda que non lle levases a contraria, é probable que o puidese pensar.
Pero o máis probable é que se vaia, escape, fuxa e busque outro lugar; ou, ás veces, golpéanse a si mesmos, ou empezan a romper cousas, a ser violentos coas cousas e intentar golpear o seu redor.
—(R): Porque, ao final, é unha situación na que se ven incomprendidos e acorralados, e fan como poden. Normalmente lévanche a contraria porque non entenden por que non estás do seu lado e teña tendencia a iso, a lastimarse a si mesmo tamén.
—(E): Ademais, teñen moito medo. Hai que ter en conta que nese momento eles están con moitísima angustia, porque para eles todo iso é real. Por iso creo que o principal é non perder de vista que esa persoa está sufrindo moitísimo nese momento.
—Polo que investigamos, a moitos doentes con esquizofrenia ou paranoia cóstalles admitir que teñen esa enfermidade. Como se ven afectadas estas persoas pola forma en que ve a sociedade ese padecemento e de que maneira se consegue que acepten a súa doenza?
—(E): Cando traballamos coas pesoas que reciben diagnóstico, sobre todo a nivel médico, falan do que lle chaman conciencia de enfermidade. A conciencia de enfermidade é ata que punto eles perciben todo aquilo que están vivindo como unha posibilidade de enfermidade; e esa é unha das partes máis complicadas. Cando teñen unha alucinación ou un delirio para eles é real, e non vai haber nada, ningún razoamento lóxico de ningún tipo que os vaia convencer do contrario. Por moito que ti lle digas que alí naquel buraco daquela esquina que está na parede non hai un micrófono, dá exactamente igual; así rompas a parede, así lle ensines que non hai nada, para eles vai seguir habendo algo que os está espiando. Entón, o razoamento coa lóxica non vai funcionar en absoluto. Nese sentido, para eles é totalmente real. O que si se pode traballar é o sufrimento, a angustia, a ansiedade, e os pensamentos que lles rondan continuamente na cabeza, xa que os delirios e as alucinancións fan que todos os pensamentos estean continuamente en bucle funcionando. E a medicación reduce un pouquiño esa velocidade dos pensamentos, esa ansiedade ou esa angustia.
Entón, aí si que diferencian, a maneira que teñen de transmitir é: “Eu estaba mal, daquela non estaba funcionando ben”, pero non che din: “Iso non era real, eran imaxinacións”. É moi pouco probable que o convenzas, pero si que che din: “Agora estou mellor”. Pero fano porque non senten esa ansiedade, esa angustia, e os seus pensamentos non son tan intrusivos e non lles dificultan tanto no día a día. É dicir, nun momento no que están mal como eles din, poden non ducharse, poden non comer, poden encerrarse ou poden estar na rúa todo o día porque non conseguen estar na casa. Cando para eles están ben, conseguen manter a súa hixiene, comer con normalidade, saír á rúa e facer a compra. Esa é máis ou menos a diferenza.
—(R): Ao final o que existe aí é un estigma moi grande cara ás persoas con transtornos mentais en xeral, que están moi alimentados ás veces polas propias imaxes que vemos, mesmo nas series de televisión ou nas películas e que adoitan ser a día de hoxe representadas como persoas que, incluso, moitas veces cometen crimes. Hai uns estereotipos que non axudan moito a que eles estean ben con iso. Polo que unha cousa que hai que deixar moi clara é que estás persoas adoitan ser vítimas. Moitas veces pénsase que un delito o comete unha persoa con transtornos mentais, e xa inciden en que é unha persoa con transtornos mentais e que por iso cometeu ese delito. Pero moitas veces son eles os que adoitan sufrir bullying, acoso ou situacións de violencia cara a eles polo seu comportamento. E logo, tamén, por como á sociedade en xeral se nos fai un pouco extraño ver persoas que falan soas, ou que, de repente, están moi descoidadas. E iso tamén provoca que moitas veces estean illadas. Entón, a sociedade tamén inflúe moito en que lles custe aceptar o seu trastorno porque pensan que as van a apartar e que non as van tratar igual. De feito, hai tendencia á sobreprotección ás veces, e a tratalos como tontos.
—Os medicamentos, á parte de axudar, teñen algúns efectos que inflúen no rendemento das persoas coa enfermidade. Como credes que no futuro se pode chegar a mellorar nese ámbito?
—(E): Con investigación, porque hoxe en día, a pesar do que pareza, as medicacións e productos farmacolóxicos que se están usando para o tratamento das enfermidades mentais como a esquizofrenia, son case iguais aos de hai 50 ou 60 anos, só un pouquiño mellorados para reducir os efectos secundarios. Por iso faría falta investigar moito máis, pero, como estes máis ou menos están funcionando, buscan que teñan menos efectos secundarios, pero é moi difícil encontralos novos. E despois, a maiores, a medicación inflúelles moito a eles no seu fucionamento diario e nos efectos secundarios que lles producen, xa que fan que non poidan pensar con claridade, co cal van máis lentos para entender algunhas cousas, e fan, incluso, que fisicamente se movan diferente, camiñen diferente, o que fai que, cando os ves desde fóra, xeralmente ves os efectos secundarios da medicación. E eles nótano. Imaxinade que un día non conseguides sumar ben algunhas sumas moi sinxelas; pois é o que lles pasa a eles: cousas que antes podían facer con normalidade, coa medicación non as conseguen facer.
—De acordo cos estudos e investigacións actuais, de que modo cabe esperar unha maior e mellor mitigación dos síntomas e efectos destas enfermidades que supoñan a integración plena das persoas que as padecen na sociedade?
—(E): Desde o meu punto de vista, unha das mellores maneiras de abordar unha persoa cando empeza a ter unha enfermidade son os medios físicos, é dicir, hospitais, unidades especializadas, con atención 24 horas e que poidan ser durante moito tempo. Porque ti agora mesmo tes algún problema mental tipo brote e como máximo vas estar ingresado na unidade de agudos dun hospital durante 2 meses. De aí derívanse a unidades especializadas, se hai sitio, se se pode; e, cando se trata de enfermidades que se van converter en crónicas, que son de moito tempo, é moi complicado axudar a esa persoa en 2 meses ou en 2 anos. Adoita ser unha cuestión a longo prazo e que non hai un lugar no que de repente se atopen mal e vense nun hospital normal, no que hai unha enfermeira de turno, o psiquiatra de turno, que non deixa de ser unha área especializada con determinadas características, pero que non deixa de ser un hospital. O ideal sería ter centros especializados e de atención continua, pero iso supón moitos medios económicos.
—(R): Eu estou de acordo. O que faltan son medios e tamén, ás veces, perfís especializados, porque moitas veces tratan estas persoas mesmo enfermeiras ou enfermeiros sen as ferramentas que necesitan para estar con persoas con problemas mentais, e é complicado. E logo a nivel da súa integración, o idóneo sería tamén ter máis actividades noutros ambientes máis “normalizados”, pero o fundamental é abordalo dende a especialización e os recursos.
—(E): En actividades xerais e normais para calquera un de nós espéranse unha serie de cousas como a asistencia, é dicir, que ti persistas, que sexas constante. Que ás veces a unha persoa que ten un diágnostico e que está cun tratamento farmácoloxico, lle custa. Entón, nós podemos manternos, pero para eles non é tan fácil e vese como algo negativo. Que ti non poidas ir a unha actividad, que faltes, que ti de repente 2 meses desaparezas non se ve ben. Por iso sería necesario entender que necesitan outra maneira de acercarnos a eles. E a integración é un pouquiño complicada.
—Como pensan vostedes que a esquizofrenia pode afectar a que os nenos desenvolvan esta enfermidade desde pequenos?
—(E): Desde pequenos son sobre todo causas xenéticas. Cando un neno pequeno empeza a desenvolvela, pode tamén ocurrir que pode haber algún evento, algunha cuestión traumática moi temperá que poida afectar sobre todo a nivel cerebral de como funcionan as nosas conexións e que iso poida repercutir no desenvolvemento dalgún tipo de transtorno mental desta liña, pero tería que ser un trauma bastante importante. E, se non, pois probablemente sexan causas xenéticas.
—Cal é a maior causa pola que as persoas mozas empezan a padecer problemas mentais e de que xeito poden as drogas influír nisto?
—(E): A posibilidade de que a xente empece a padecer problemas mentais sendo nova agora mesmo é moito máis alto polo consumo de drogas. As drogas, a súa maneira de afectar, é que a maioría das substancias que se toman son o que se chaman psicoactivas, que quere dicir que o seu efecto principal é sobre o cerebro. E a súa maneira de funcionar así a groso modo é sobre as nosas neuronas. E, se ti dalgún modo con algo que tomas inflúes para que ese funcionamento normal quede alterado, cambie ou empecen a relacionarse as nosas neuronas de maneira equivocada, pode provocar un tipo de brote ou episodio deste estilo. Non sempre ten que pasar, pero é moito máis probable.
—Por que as persoas con esquizofrenia escoitan voces?
—(E): Está claro que a nivel impulsos neuronais teñen unha disfunción que provoca que eles sintan sensacións ou teñan precepcións da realidade que non existen. Probablemente unha neurólogo podería explicalo un pouco mellor ca nós, pero esa sería a parte central: que o seu cerebro, de repente, está funcionando a nivel neurolóxico de tal maneira que provoca esas percepcións. Porque todas as nosas sensacións, todas as nosas precepcións, transfórmanse a nivel cerebral. Todo o noso cerebro é o que nos fai ver as cousas tal e como son, escoitalas tal como son, sentilas tal e como son. Por esa razón, no momento no que iso se altera, pode estar provocando unha experiencia que non existe.
—Cando alguén fala de que ten amigos imaxinarios, como se sabe se ten problemas mentais ou non?
—(E): Quizais, igual que nos adultos, unha das cousas principales é ata que punto lle empeza a afectar ao seu funcionamento. Porque pode ter un amigo imaxinario e xogar e falar con el se está xogando a nivel individual e só, pero non fai nin que se aparte de outros nenos, non fai que faga cousas raras como asomarse ás ventás porque llo di o amigo. É dicir, non fai comportamentos que poñan en perigo a súa vida nin lle interfire nas relacións cos outros nenos.
Por iso, un neno pode ter amigos imaxinarios, pero despois ten os seus compañeiros, está con eles todos os días na escola, e non ven un comportamento distinto nin na relación cos seus compañeiros nin cos seus profesores. Polo tanto, se realiza as actividades propias da súa idade, o máis probable é que simplemente sexa iso, un amigo imaxinario; se non afecta ao resto das cousas, se non ves que haxa moita afectación do comportamento xeral no resto das cousas da vida diaria, quizais sexa a mellor maneira de ver que non ten outro problema a maiores.
—Dos dous síntomas da esquizofrenia, cales son os que máis poden afectar ao seu ambito social e por que?
—(E): Afectan da mesma maneira, porque, se unha persoa non responde a absolutamente nada, non pode manter unha conversa, atender ou, incluso, comer por si mesma, porque algunhas veces nos momentos dos síntomas negativos, nin comen, entón habería que intentar darlle de comer. Entón, na súa vida diaria afectan os dous por igual. Pero a nivel interacción social, quizás para nós son máis chamativos os síntomas de estar alterados, alucinando ou con delirios. Eses son os que máis nos chocan ao resto de nós, pero afectan por igual.
—(R): Eles teñen tendencia a non saír nunca xa ou non coller chamadas, a illarse e, ao mellor, a quedar na cama. E iso xa afecta, porque a xente deixa de quedar contigo porque non apareces nunca. Entón eu opino igual que Espe: afectan os dous por igual, porque ao final están vivindo unha situación na que sofren. Ou poden estar na cama todo o día ou de repente facendo comportamentos que nos parecen a nós estraños e que tamén provocan que ao mellor as persoas tamén se afasten.
—Como adoitan reaccionar os pacentes de esquizofrenia ao comezar a tomar a medicación que os regula e como soe ser a volta á realidade?
—(E): Adoitan querer deixala inmediatamente. Porque cando empezan coa medicación esta adorméceos e apárvaos. Entón, de repente, senten que non poden pensar con claridade e, ás veces, a nivel físico nin siquera poden nin comer ben. Porque a nivel motor ata que o corpo non se afai á medicación, camiñan raro, non teñen psicomotricidade fina, non conseguen facer as cousas delicadas de utilizar unicamente os dedos. Polo tanto, si que senten que non poden facer nada e que, ademais de medicalos para que non se sintan mal, a maiores están peor. Tamén, por outra parte, porque non conseguen nin lembrar as cousas. Se lles preguntas por exemplo que comeron hai tres horas, ao mellor cóstalles lembralo, e iso é o que pasa ao primeiro cando empezan ca medicación, din: “Eu isto non o quero, porque non penso, non razono, non consigo lembrarme das cousas; e non consigo vestirme ben porque non consigo abrocharme os botóns”. E resúltalles moi frustrante. Por iso, moitas veces ao principio queren deixar a medicación. O bo da medicación é que, ao largo dos meses, vai reducindo estes efectos secundarios bastante e consiguen empezar a funcionar un pouco mellor. Pero, aínda así, parte dos efectos secundarios aínda se manteñen e, se consiguen lidiar cos efectos secundarios, acostúmbranse a eles.
—E xa para finalizar e mirando cara ó futuro, de qué forma se poderán desenvolver investigacións que permitan previr completamente o desenvolvemento destas enfermidades?
—(E): Como dixen antes, ao haber un compoñente xénetico, non se poden previr totalmente. O que si se pode traballar é a mellor maneira de abordalas unha vez que aparecen. Iso sería orientar un pouco a investigación aí: abrir o campo, buscar novas maneiras e ir usando as que máis funcionen. Esa sería a mellor opción. Non se poden evitar.