Ruta dos pintores

Fonte: Google Earth

Todo o percorrido desta Ruta dos pintores se atopa situado na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón.

O primeiro enclave natural e o primeiro punto que se pode destacar é o Río da Ferrería de Pántaras, que se ve fermoso coas árbores que o acompañan por todo o seu percorrido: castiñeiros, bidueiras e carballos con moitísimos anos que viron o abandono que sufriu esa zona.

Nesta aldea chamada Pántaras naceu o pintor Benxamín Vazquez, polo se lle da á ruta o nome de «Ruta dos Pintores» .

Máis tarde, atopamos tamén unha ponte de pedra, que, pese aos seus anos e o abandono, amosa unha fortaleza fiable. Foi construída pola xente que vivía antes alí, que probablemente carecía de estudos regulados, pero amosou un grande coñecemento da formación de estruturas arquitectónicas sólidas.

Vese tamén, neste percorrido, un túnel de 30 metros de longo con gran espesor de mofo nas súas paredes. Hai tamén unha igrexa, a de Santa María de Allonca, que como o túnel, está recuberta dunha capa de mofo debido ao abandono, pero quen tivo a oportunidade de estar dentro sempre di que é unha das mellores e mais fermosas testemuñas arquitectónicas da comarca.

Polo camiño, seguindo este sendeiro, atoparemos múltiples corripas, construcións circulares de pedra para recolectar castañas que se atopan nunha frondosa fraga poboada de castiñeiros centenarios. Neste espazo verde, e como unha solitaria peza etnográfica de incalculable valor, atópase agochado o muíño da Allonquiña, que se abasteceu noutro tempo das augas do río Allonca e no que aínda quedan os vestixios da solitaria vida do seu último muiñeiro. A construción, en pedra, emerxe no medio dunha fraga de ribeira que nos conduce cara a aldea de Allonquiña. Nela naceu o pintor Manuel López Monteseirín, que estudou na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, e destacou, entre outros méritos, pola súa participación na Exposición de Belas Artes de 1954. As súas obras atópanse hoxe moi lonxe destas fragas, en países como México, Chile ou Estados Unidos.

Allonquiña é tamén un dos mellores espazos etnográficos da nosa contorna pola presenza nas súas inmediacións da súa Antiga Escola, un lugar no que a tradicional arquitectura galega mestúrase cos intentos modernizadores do século XX e no que aínda podemos sentarnos á porta agardando a merenda como os nenos e nenas que alí estudaron nalgún tempo.

Preto deste espazo, en Allonca, atopamos unha edificación de planta rectangular e significativas dimensións (14x16 metros) para este espazo rural encaixado na montaña lucense. Así, a Casa grande de Allonca, con detalles de carpintería de madeira e dinteis en arco de inigualable calidade artesá, amósase ante os ollos do visitante como un fito etnográfico de importantísima entidade. Contemplala lévanos ao tempo no que estas aldeas eran o fogar de centos de familias, de ledicias, de aventuras e de desventuras que, por desgraza, só perviven no recordo. A ruta devolveranos, de volta ao punto de inicio, por sendeiros dunha natureza senlleira, lonxana do mundo cosmopolita que se vive nas grandes cidades, pero ao mesmo tempo axudaranos a lembrar de onde vimos. Cal foi a orixe e onde habitaron as nosas xentes antes de que o tempo, a vida, avanzara deixando os fermosos fitos desta ruta como a mellor testemuña desa nai Terra que, agora, conserva o legado dos nosos e das nosas predecesoras.

Xeolocalización