Paulino de Gonzais

Biografía

Nome: Paulino González Díaz (Paulino de Gonzais)

Nacemento: 1.923

Natural de: Acevedo (Ribeira de Piquín)

Nacido no lugar de Acevedo, na Ribeira de Piquín, o 27 de xuño de 1.923, que naquel tempo pertencía ao Concello da Fonsagrada.

Como case todos os gaiteiros daquela época, empezou a tocar facendo pipas de palla de centeo, chifres de castañeiro, etc. O seu tío Pablo, que tocaba a gaita, puido ser o seu primeiro referente musical.

Cando tiña 14 anos, o seu pai mercoulle unha gaita de segunda man. Cando ía co gando ao monte practicaba, só ou con outros rapaces, e remataban moitas veces facendo unha festa a imitación dos bailes dos adultos.

Axiña comezou a tocar moi ben que o chamaban para tocar en ruadas e festas. Ao velo O Páxaro de Silvachá díxolle “Rapaz, tu tes que tocar comigo”. Deste xeito quedaban regularmente e Paulino ensináballe ao Páxaro os seus avances coa gaita.

Tempo despois coñeceu a Xosé Seivane e rapidamente se fixeron amigos. Así, cando Paulino casou, en 1.947, Seivane e outros convidados decidiron facerlle a voda máis divertida compoñendo unha letra alusiva cunha melodía de pasodobre. A peza gustou tanto que axiña se popularizou no repertorio das festas da contorna.

En 1.954 formou o grupo Os Acevedos con Manolo Leonardo, Siderio do Mazo, Constante de Valiña e Angelito de Pardo. Nesta formación tocaba o clarinete.

A mediados dos cincuenta Paulino marchou coa súa familia para Portugalete (Biscaia), onde traballou de policía municipal ata xubilarse. Alí tocou a gaita tres anos nas festas do Centro Gallego de Vizcaya, en Baracaldo, pero deixouno e durante 21 anos só tocou para a súa familia.

En 1.979 volveu a actividade musical na Casa de Galicia de Santurce.

No 1.984 foise para a Agrupación Hijos de Galicia de Sestao, onde foi mestre de gaita.

Morreu no 2.009.