Nela de Bres

Biografía

Nome: Manuel Enríquez Fernández (Nela de Bres)

Nacemento: 1.938

Natural de: Sirvallá, San Pedro de Brés (Taramundi)

Manuel Enríquez Fernández naceu en Sirvallá, unha pequena aldea pertencente á parroquia de San Pedro de Brés (Taramundi) o 16 de setembro de 1.938. Manuel era o cuarto de cinco irmáns. A economía familiar estaba baseada nunha agricultura de autoabastecemento.

Por aquel tempo Manolo axudaba aos pais pastoreando as ovellas no monte. Subía con elas e pasaba toda a xornada ao aire libre para volver ao anoitecer. En ocasións, cando quedaba na casa, escoitaba unha gaita na ladeira de enfrente. Saía para siturse na esquina dun prado, onde a acústica era mellor, para ver o gaiteiro que interpretaba aquela música, que era Santos da Armita. Manolo sentía cada nota, disfrutaba, chegaban con tal claridade que podía imaxinar cada movemento dos dedos do músico.

Tanta afección polo instrumento que oía tocar enfrente do seu pobo trascendeu á familia e pola aldea. Tal era que, despois de levar moito tempo ensaiando con chifros e pipas, a súa mestra intermediou para que unha veciña dun pobo cercano lle regalara unha gaita. Esta veciña de Freixe chamábase Jovita. Tiña un fillo que lle chamaban Antonio ("Antolín do Chico") que tocaba a gaita. Era novo, pero facía pouco tempo que emigrara para a Arxentina e o instrumento quedara na casa.

Pasou o tempo e chegou o momento de ir facer o servizo militar, que lle tocou en Valladolid. Despois de voltar, aos 25 anos de idade, casou con Pilar Arruñada, da Casa da Poza de Brés. Tiveron dous fillos, María Rosa e Xosé Manuel. No 1.984 queda viuvo. Despois Nela deixa de traballar no campo e ponse como autónomo en pequenas obras da construción.

O 29 de setembro de 1.985 Nela acude, como tantas outras veces, á feira do San Miguel na Garganta (Vilanova de Oscos). Alí, mentres escoitaba como tocaba a gaita "O Caioco", saíu do seu interior a forza necesaria para recuperar a afección pola música. Había un artesán, Vítor, que levara tres gaitas para vender. Unha delas mercoulla Nela por 24.000 pesetas. Nese intre comezou a segunda parte da súa vida.

No 2.004 o pobo de Taramunde fíxolle unha homenaxe en recoñecemento pola súa aportación á música tradicional. Un abarrotado salón da Casa da Cultura foi testemuña do emotivo acto no que participaron moitos músicos amigos, case todos da Fonsagrada, xa que a maior parte da súa vida musical compartiuna cos gaiteros do noso concello.

Como case todos os músicos populares de tradición, Nela non sabe ler unha partitura, por iso a memoria, o oído e a observación son fundamentais á hora de aprender e reproducir algún tema musical. Pero el ten unha partitura moi especial: o casete. Ten arquivadas multitude de grabacións del mesmo e doutros gaiteiros da contorna.

Ten multitude de composicións no seu reportorio, como por exemplo: Valse de Taramundi, Moliñeira de Alejandro de Neas, Xota da Pumarega, Xota Valseada, Valse de Miro e Otilio, Xota de Desiderio, Pasodobre San Roque, Xota da Fonsagrada, etc.

Nela segue a disfrutar da gaita nesas marabillosas reunións de músicos populares que fai, de vez en cando, con César de Montixo, Otilio de Burela, Siderio de Vilarmide, Constante da Valiña, Modesto de Murias e tantos outros da bisbarra que se xuntan na Fonsagrada, nos Teixóns en Taramundi e tamén nos Ancares.

Concedéronlle o Butelo de Ouro no ano 2.015

Vídeos

Nela no programa Alalá da Galega

Unha actuación de Nela con César de Leituego á caixa

Audios

Mazurca de Santos da Armita

Mazurca de Santos da Armita.mp3

Muliñeira de Alejandro das Nenas

Muliñeira de Alejandro das Nenas.mp3