Ruta de castañoso

Fonte: Google Earth

Esta ruta comeza en Castañoso, un pobo rural con construcións típicas galegas, ademáis de numerosos hórreos.

Collemos o camiño da esquerda, que no seu primeiro tramo é de baixada, por un antigo paso de carro ata chegar ao cortín de Monteagudo, unha construción circular feita de pedra, e cuxa función era protexer as colmeas dos ataques dos osos.

Seguimos baixando polo sendeiro, que nos leva á entrada do castro de Castañoso, pasando antes polos impresionantes cortíns de López e de Villar.

O castro de Castañoso destaca pola súa conservación, xa que son numerosas as paredes que se observan a simple vista. Está situado entre as marxes dos regatos das Covas e do Valdobarreiro.

Volvemos sobre os nosos pasos, para continuar coa ruta, pero esta vez collendo o camiño da esquerda internándonos nun monte cada vez máis espeso e frondoso, e que nos leva polo antigo camiño que ía dende Castañoso ata a capela de Santiago, que hoxe en día se atopa en estado de abandono, pero no medio dun inmellorable marco natural, rodeada dun gran número de curripas, o que fai constatar o aproveitamento comunal dos castiñeiros.

Baixamos ata o Muíño do Penallo, actualmente en estado de abandono, pero cunha contorna incomparable. Para iso, teremos que cruzar o regato das Covas por unha ponte de madeira dende onde se pode observar unha pequena seimeira.

Deixaremos atrás o monte de castiñeiros, para comezar a subida ao pobo de Castañoso, punto final da nosa andaina.

Xeolocalización