Manuel Fernández

Biografía

Nome: Manuel Fernández Rodríguez

Nacemento: 1.931

Natural de: O Barreiro - Ferreira de Riba

Emilio naceu no 1931 no Barreiro - Ferreira de Riba. Provén dunha familia moi humilde, como a grande maioría dos gaiteiros da súa quinta.

Aprendeu a tocar a gaita valéndose das súas artimañas para facer as pipas e os xipros, sen despistarse no seguimento a tantos gaiteiros xa moi vellos que había en toda a rodeada.

A súa infancia pasouna alindando ovellas e cabras tódolos días, mañáns e tardes, polas serras de Foncuberta, Sudros e Villadriz. Como os animais se mantiñan pola súa conta, dispoñía de moito tempo libre para practicar coa gaita. Foi tal o empeño e esforzo que lle puxo que, cando foi mozo, xa dominaba o instrumento para poder ir a festas e polavilas.

Polo 1.951 tivo que ir servir á patria cumprindo co servizo militar. Tocoulle para África, no Aaiún, a capital do Sahara Occidental ou español. Á metade trasladárono para Ceuta e Melilla. Ao voltar do primeiro permiso que lle deron (de moi poucos días), levou a gaita para África, pensando que tería posibilidades de meterse na Banda e así poder librarse de facer gardas e reténs. Parece ser que tivo sorte e isto lle valeu para pasalo un pouco mellor ata que lle chegou o momento de licenciarse.

Cando marchara facer a mili deixara no pobo unha noiva, vixiada por un amigo na súa ausencia. Unha vez de volta o pai da rapaza esixiulle deixar de tocar a gaita se quería seguir coa súa filla (porque os gaiteiros tiñen fama de vividores e folgazáns). Manuel aceptou. Estivo así polo menos un ano, pero durante ese tempo a relación coa noiva enfriouse polo que decidiron deixarse e Manuel retomou a gaita. A partir dese intre percorreu tocando tódalas festas, mallegas, polavilas, esfolladas e outros encontros da contorna.

Do seu repertorio é coñecida a Muiñeira do Barreiro.

Manuel finou no 2.017 nas Pontes de García Rodríguez, a onde se trasladara para vivir con seu irmán Sergio.