Constante da Valiña

Biografía

Nome: Constantino Fernández Castelao (Constante da Valiña)

Nacemento: 1.930

Natural de: Vilar de Calvos (A Fonsagrada)

Constantino Fernández Castelao naceu en Vilar de Calvos, parroquia de Carballido (A Fonsagrada), en xullo de 1.930. Vive toda a súa vida na Casa de Valiña, dedicándose á gandería e agricultura.

Lembra como, aos once ou doce anos, admiraba a un gaiteiro que había na súa parroquia: "Chamábase Celestino, era tan vello como Manuel de Muiña. Tiña unha gaita, daquela chamábamoslles tumbales, pero nunca soupen quen lla fixera, sin ronqueta, si; non valía nada; mira, se colle unha gaita destas, aquel home sería unha eminencia! El tocaba o que quería. Empalletaba tamén, que remedio...! As palletas facíamolas do rabo das escobas".

Constante non saía do seu arredor; non tiña gaita, e o único que podía facer para emulalo era o de todos: instrumentos vexetais de tempada. Así foi como se entretiña: con pipas de centeo ou avea: "Chamábamoslles pipas, unha cousa que tocaba, tocaba algo... pero logo, despois, xa inventamos de que a pel do salgueiro ou dunha cana de castañeiro sacábamola e acoplábamoslle unha palletiña enriba, e facíamoslle unhos furados e bueno.... aquelo xa sonaba a clarín e así pasaron unhos anos....".

Anos despois, un amigo dun dos seus irmáns regaloulle un punteiro, que empalletaba Celestino. O punteiro era asturiano, "que chillaba que dios nos libre!, mui ben feito..... Non era feito aquí, aínda que despós o rompera e levárame un disgusto tremendo, claro..... Non traía boquilla, solo traía o punteiro i a palleta, e as palletas para el facíamas este Celestino que había aqui no pueblo."

Practicou con el, e cando lle pareceu que xa se defendía, foi onde Manuel de Muiña para encargarlle a súa primeira gaita, redonda e sen ronqueta: "Cobráronme corenta e dúas pesetas por ela, e déramas miña nai, que meu pai non quería darmas; e bueno, eu vin todo feliz ca miña gaita... Non parei de soplarlle desde O Mazo hasta aquí, nada me valía pero adeprendín".

Os pais de Constante tiñan un caserío na Rebordela e alí o mandaron cando tiña trece ou catorce anos xunto cunha irmá, a traballar ata que lle tocou incorporarse ao exército.

Na parroquia había outro gaiteiro da súa mesma idade que se chamaba Alberto Rodríguez "O Caramocho". Constante xa se defendía e aquel outro músico propúxolle tocar xuntos: "entonceas o outro dixo 'e podíamos tocar', pero o outro tocaba mellor ca min. A min dábame unha envídia terrible e díxenlle: 'bueno, pois coma ti teño que tocar eu agora xa'".

Tocaron por tódolos lugares da parroquia, pero tamén os chamaban pola Ribeira de Piquín: "Botáramos nunha época facendo polavilas ou ruadas por aí nos pueblos, dezasete noites seguidas, no inverno. Íbamos e víñamos; víñamos dormir á casa. Íbamos a Galegos, na Ribeira, pero a maioría eran por aqui, nestes pueblos darredor. Por aquí víñannos dando doce ou trece pesetas pola noite ós dous, e en Galegos dérannos setenta pesetas, aos dous, pero claro, había que ir alí! " Así andiveron ata 1.951, cando marchan os dous a cumprir o servizo militar.

Despois de licenciarse, en 1.954, véñeno buscar outros veciños para formar parte dun grupo que estaban creando. Entre eles atopábase Desiderio Sampayo. Formaron un grupo de nome Quinteto de los Acebedos. A finais de 1.955 casa e deixa esta agrupación pouco despois, ao coincider tamén que os outros membros marchaban en busca de traballo lonxe da aldea. Cambiaron algunhas veces de bombeiro porque, como lembra "o do bombo non paraba moito, era un bombo moi grande, cansábanse de andar con el ó lombo".

Despois de corenta anos sen apenas tocar, retoma o instrumento. Desiderio voltara "de polo mundo" e animouno para tocar xuntos de novo. Constante tiña unha gaita redonda "que lle chaman hoi en DO", de granadillo (resultado dun troco a cambio da súa valiosa gaita de Muiña) á que incorporou un punteiro de Seivane. É a mesma coa que segue a tocar e coa que gravou tres temas nun disco con Desiderio, e outro máis con Nela de Brés.

Ao igual que Desiderio e Modesto, Constante disfruta nas gaitadas, aínda que hoxe non pode asistir tanto como quixera por mor da súa idade, o cansanzo e un problema que arrastra nunha perna dende hai anos. Aínda así, foi un dos gaiteiros senlleiros da contorna, moi amigo de Desiderio e compañeiro tódalas ocasións que se presentan.

Foi agasallado co Butelo de Ouro no ano 2015.

Vídeos

Constande tocando con Siderio

Tocando con Siderio nunha homenaxe a Seivane