OS NOSOS GAITEIROS


A Fonsagrada é terra de música, de gaita e de magníficos gaiteiros. Para saber un pouco máis sobre a vida e obra destes impresionantes músicos, algunhas das estudantes de 2º de E.S.O. (alumnas de gaita na asociación cultural local "Antaruxas e Sorteiros"), fixeron un traballo de investigación que presentaron ao resto do alumnado do IESP Fontem Albei coa colaboración do seu mestre de gaita e que agora publicamos nesta páxina.

Dende aqui gustaríanos agradecer ao magnífico gaiteiro e mestre, Pepe Vaamonde, a colaboración prestada neste proxecto. Sempre é un pracer escoitalo tocar e máis se son pezas da Fonsagrada, música que el tan ben coñece e interpreta de maneira excepcional. Agradecémoslle, ademais, que nos proporcionara partituras para poder poñelas nesta web.

Tamén nos gustaría dar as grazas a Manuel Álvarez Fernández (presidente da asociación cultural anteriormente citada), gran coñecedor da vida e obra dos gaiteiros da contorna, que foi de grande axuda para as nosas alumnas.

o noso ponente e a Conferencia divulgativa

O noso ponente, Pepe Vaamonde, é titulado en Grao Medio de Gaita polo Conservatorio Mayeusis de Vigo, levando trinta anos dedicado ao ensino da gaita galega. Dende o ano 2.001 traballa como mestre de Gaita no Centro Autorizado de Música Fingoi de Lugo, e dende 1.994 na A.C. "Antaruxas e Sorteiros" da Fonsagrada, contando con máis dun centenar de alumnos e unha dilatada experiencia.

Como gaiteiro cabe destacar que é o intérprete que máis concursos de gaita solista gañou na década dos anos noventa, entre eles o prestixioso "Constantino Bellón", en tres ocasións.

Artísticamente lidera a formación Pepe Vaamonde Grupo, que conta con dezaoito anos de historia, catro traballos publicados, e con multitude de actuacións nos máis prestixiosos festivais (Ortigueira, Lorient,...).

Tamén destacamos o seu traballo de investigación e control de calidade de todos os instrumentos que se fabrican no Obradoiro de Gaitas "Lis Latas", conseguindo un recoñecemento co primeiro premio "Artesanía de Galicia" polo seu invento do "Punteiro Afinable".

No IESP Fontem Albei tivemos o privilexio de contar coa súa presenza o 29 de marzo, para impartir unha conferencia divulgativa sobre os gaiteiros da contorna da Fonsagrada. Para iso contou coa colaboración dun grupo de alumnas de 2º de ESO (discentes súas) que, como comentamos previamente, fixeron un traballo de investigación sobre a vida e obra destes músicos. O acto comezou cunha disertación de Pepe na que explicou a evolución da música e da gaita ao longo da historia. Logo, cada unha das alumnas contaba aos seus compañeiros a biografía dun gaiteiro e o ponente explicaba a maneira que tiña de tocar e interpretaba unha peza do gaiteiro en cuestión facendo dúo cunha rapaza de 4º de ESO tamborileira.

Foi esta unha conferencia de grande éxito entre o alumnado, que quedou con ganas de máis...


Alumna de 2º de ESO explicando a obra dun dos gaiteiros baixo a atenta mirada de Pepe Vaamonde.

Pepe interpretando a Muiñeira da Fonsagrada acompañado, ao tamboril, por unha alumna de 4º de ESO.

Gaiteiros

OS GAITEIROS TEÑEN RELEVO...

gaiteiriñas2.MOV

Muiñeira da Fonsagrada

gaiteiriñas1.MOV

Pasodoble Mallou

Xeolocalización dos gaiteiros