Ramón O Chicolateiro

Biografía

Nome: Ramón Cordo Álvarez (O Chicolateiro de Fumaior)

Nacemento: 1.915

Natural de: Fumaior (A Fonsagrada)

Naceu no seo dunha familia moi humilde. Aínda que na casa só eran dous irmáns, a situación era crítica e na súa familia non lles quedaba máis remedio ca aventura laboral (segas a Castela tódolos anos, xornaleiros baratos, ou como criados en casas podentes a cambio dun salario mínimo).

Os dous irmáns eran moi fortes e traballadores, cualidade que lles garantía ser chamados cando as súas ocupacións llo permitían, xa que as ovellas e as cabras da casa había que levalas ao monte, ou buscarlles a comida se o tempo estaba moito de inverno. Toda unha esclavitude que compensaban coa afección que tiñan pola música e que , como outros moitos, os levaban a aprender a tocar a gaita. Todo moi ben, se non fora que para aprender a tocar este instrumento había que pasar pola aprendizaxe autónoma. Pipa vai pipa ven... chifro vai e chifro ven... ata que de tanto insistir xa se crían competentes para amenizar aquelas reunións, polavilas, festas e magostos que se organizaban pola súa zona.

Pasados uns anos, cando do seu traballo chegaron a ter algúns cartos, acordaron mercar a medias unha gaita, a Fermín de Grandas. Esto foi cando tiñan entre 18 e 20 anos e libraran da mili, por ser fillos de viuva.

De seguida dominaron a gaita, pero como só tiñan unha, acordaron mercar unha caixa, que tocaría Xosé, e así podían presentarse nas festas e polavilas co xogo case completo. Ámbolos dous irmáns tocaban os dous instrumentos, e así ían intercambiándose.

Cando Xosé tiña sobre 30 anos marchou para Bos Aires e levou a gaita. Ramón aceptou para compracer ao seu irmán, por iso tivo que mercar outra para continuar coa afección.

Ramón era un gran gaiteiro especializado en muiñeiras e xotas, segundo dín, e tocou case ata o final da súa vida. Algúns lembran a Ramón tocando ao comezo da andadura da A.C. "Antaruxas e Sorteiros" xunto con Emilio do Pando.

Ramón finou en 1.997. A gaita que mercara co seu irmán está no Museo Etnográfico da Fonsagrada, doada pola familia de ámbolos dous músicos.

Partitura

MUIÑEIRA DE FONMAIOR.pdf

Vídeos

Interpretando unha xota

Ramón tocando unha muiñeira